Mobiliario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Salón de Cristal (Le salon de verre) de Paul Ruaud e Eileen Gray, París, 1922

O mobiliario[1] ou a moblaxe[2] (do latín mobilia, bens móbiles) é o conxunto de obxectos móbiles que serven para facilitar os usos e soportar as actividades básicas humanas como sentarse, comer, almacenar benes, traballar ou durmir...

Ademais das súas características funcionais o mobiliario serviu como arte decorativa, para propósitos de diferenciación de clase social, relixiosos ou simbólicos durante toda a historia do ser humano.

Aínda que historicamente eran obras artesanais trala industrialización a maior parte dos mobles son deseñados por especialistas e producidos por empresas industriais especializadas.

Historia[editar | editar a fonte]

Mobiliario prehistórico[editar | editar a fonte]

A práctica de utilizar obxectos naturais como mobles rudimentarios probablemente data do inicio da civilización humana. É probable que os primeiros humanos usaran tocos de árbores como asentos, rochas como mesas rudimentarias e musgo para durmir. Durante o paleolítico tardío ou o neolítico inicial, hai uns 30.000 anos, a xente comezou a construír e esculpir os seus propios mobles, utilizando madeira, pedra e ósos de animais. A evidencia máis antiga da existencia de mobles construídos é unha figuriña de Venus atopada no lugar de Gagarino en Rusia, que representa á deusa sentada, nun trono. Atopouse unha estatua similar dunha muller sentada en Çatalhöyük en Turquía, que data de entre 6.000 e 5.500 a.C. A inclusión destes asentos nas figuriñas implica que estes xa eran artefactos comúns naquela época.[3]

Mobiliario Antigo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario Antigo.

Mobles da Idade Antiga foron achados nos túmulos de Frixia e os montículos de Midas en Gordión, Turquía, pertencen ao século VIII a. C. Entre as pezas atopadas áchanse mesas e armarios de servizo. Tamén se conservan obras do palacio asirio de Nimrud, dos séculos IX e VIII a.C. A alfombra máis antiga que se conserva, a alfombra pazyryk foi descuberta nunha tumba conxelada en Siberia e foi datada entre os séculos VI e III a.C.

Exipto[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario do Antigo Exipto.

Evidencias de mobiliario do Antigo Exipto, que perduraron, atópanse en pinturas murais e baixorrelevos do Antigo Exipto do terceiro milenio a. C. Mobiliario recuperado do Antigo Exipto é unha cama descuberta nunha tumba de Tarjan, un conxunto de obxectos mobiliarios na tumba da raíña Hetepheres, de c. 2600 a.C. ou unha banqueta de c. 1550, en Tebas. A tumba de Tutankhamon, c. 1325 a. C., contiña multitude de aveños entre os que se atopaban algúns mobles aceptablemente conservados. A alfombra máis antiga que perdurou, a alfombra de Pazyryk, foi atopada, conxelada, nunha tumba de Siberia e foi datada entre os séculos VI e III a.C.

Grecia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario da Grecia Antiga.

O coñecemento histórico dos mobles gregos deriva de varias fontes, incluíndo literatura, terracota, esculturas e vasos pintados. Algunhas pezas sobreviven ata hoxe, principalmente as construídas con metais ou pedra, como bronce ou mármore. A madeira era un material importante e común nos mobles gregos, tanto domésticos como importados. Unha técnica común era construír as seccións principais do moble con madeira maciza barata, despois aplicar un recubrimento cunha madeira cara, como pradairo ou o ébano.[4] A construción de mobles grega tamén facía uso de tacos e espigas para unir as partes de madeira. A madeira era modelada mediante a talla, o tratamento ao vapor e o torno, e sábese que os mobles estaban decorados con marfil, cuncha de sapoconcho, vidro, ouro ou outros materiais preciosos.[5]

Roma[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario da Roma Antiga.

Os mobles romanos baseáronse en gran medida no moble grego, en estilo e construción. Roma substituíu gradualmente a Grecia como a cultura máis influinte de Europa, o que levou finalmente a que Grecia se convertese nunha provincia romana no 146 a.C. Roma asumiu así a produción e distribución de mobles gregos, e a fronteira entre ambos queda mesturada. Os romanos tiveron algunha innovación limitada fóra da influencia grega, e estilos claramente propios.[4]

O mobiliario romano construíuse principalmente con madeira, metal e pedra, con mármore e pedra calcaria para o mobiliario exterior. Moi poucos mobles de madeira sobreviven intactos, pero hai evidencias de que se utilizaron unha grande variedade de madeiras, incluíndo pradairo, cidreira, faia, carballo e acivro. O metal máis utilizado era o bronce, do que se conservan numerosos exemplos, por exemplo, repousacabezas para sofás e banquetas metálicas. Do mesmo xeito que os gregos, os romanos usaban espigas, tacos, cravos e cola para unir pezas de madeira, e tamén practicaban o chapado.[4]

Mobiliario medieval[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario da Idade Media.

En contraste coas antigas civilizacións de Exipto, Grecia e Roma, hai comparativamente poucas evidencias de mobles desde o século V ata o século XV. Sobreviven moi poucas pezas, e as evidencias na literatura tamén son escasas. É probable que o estilo de mobles prevalente na antigüidade tardía persistise ao longo da Idade Media. Por exemplo, un trono semellante ao de Zeus aparece representado nun díptico do século VI, mentres que o tapiz de Bayeux mostra a Eduardo o Confesor e Harold sentados en asentos semellantes á cadeira curul romana. [6]

Aínda que inicialmente os artistas con máis experiencia seguían as tradicións dos mosteiros e das igrexas foron xurdindo, co comercio e os gremios de artesáns, mestres que traballaban para arquitectos e clientes laicos. O mobiliario da Idade Media adoitaba ser pesado, de carballo e adornado con deseños tallados; entre os que se conservan priorizan os cofres, armarios, arcas, bancos e tronos, pero sobre todo o mobiliario eclesiástico como a cadeira capitular ou o cadeiral dos coros.[7]

Xa no século XIV temos constancia de mobiliario máis luxoso e vemos cofres adornados con ferraxe ou forrados con godomeciles, cadeiras de cobre ou madeira, maletas, cestas, baúles, armarios e camas de grande tamaño, aparadores, etc.[7]

Mobiliario gótico[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Mobiliario gótico e Arte gótica.

O principal adorno do mobiliario gótico é a oxiva. A roseta xeométrica acompaña moitas veces á oxiva, tendo unha gran variedade de formas. Os elementos arquitectónicos utilízanse no mobiliario, ao principio con motivos puramente decorativos, pero máis tarde como elementos estruturais. Ademais da oxiva, os principais adornos son: follas de acanto, hedras, follas de carballo, árbores frutais, trevos, flores de lis, cabaleiros con escudos, cabezas con coroas e personaxes da Biblia. Os cofres son o principal tipo de mobiliario gótico que utiliza a maioría da poboación. Normalmente, a ferraxe dos cofres ten tamén un ámbito ornamental, sendo finamente elaborada.[8]

Mobiliario renacentista[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Mobiliario renacentista e Renacemento.

O Renacemento italiano dos séculos XIV e XV, marcou un rexurdimento da arte clásica na Europa Occidental, inspirada no mundo grecorromano. O enriquecemento da burguesía probocou un repunte no sector. Aínda que conservando as estruturas sólidas medievais o traballo no detalle e os es esforzos escultóricos deron un grande salto. Os cassones (cofres) italianos convertéronse en mostras da habilidade dos artesáns. O mobiliario francés foi o primeiro en verse influenciado pola nova moda. Lois XII e Francis I preocupáronse de atraer aos artistas italianos as súas cortes. Na península Ibérica desenvolveuse o estilo mudéxar con deixes orientais, deixando mobles coma o bargueño, un armario de madeira composto por un cofre.[9]

Mobiliario barroco[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Mobiliario barroco e Barroco.

No século XVII, no norte e sur de Europa, estivo caracterizado pola opulencia, e os deseños dourados do Barroco, que incorporaban a miúdo unha gran cantidade de ornamento. Os principais motivos empregados son: cornos da abundancia, festóns , anxos bebés, cabezas de leóns con anel metálico na boca, rostros femininos rodeados de grilandas, cartelas ovais, follas de acanto, columnas clásicas, cariátides, frontóns e outros elementos da arquitectura clásica esculpidos nalgunhas partes dos mobles, cestos con froitas ou flores, cunchas, armaduras e trofeos, cabezas de Apolo ou Baco e volutas en forma de C.[10]

Mobiliario rococó[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Mobiliario rococó e Rococó.
Véxase tamén: Estilo Lois XV e Estilo xorxino.

O estilo ornamental chamado Rocaille xurdiu en Francia entre 1710 e 1750, principalmente durante a rexencia e o reinado de Lois XV; o estilo tamén foi chamado Louis Quinze. Un dos primeiros exemplos foi o Hôtel de Soubise de París (17041705), co seu famoso salón oval decorado con pinturas de François Boucher e Charles-Joseph Natoire. O deseñador de mobles francés máis coñecido da época foi Juste-Aurèle Meissonnier (16951750), que tamén foi escultor, pintor e ourive para a casa real. O rococó tamén floreceu cedo en Italia, artesáns de Roma, Milán e Venecia tamén producían mobiliario luxosamente decorado.[11]

O Rococó diferenciase do Barroco no abandono parcial da simetría, a enorme cantidade de curvas asimétricas e volutas, o amplo uso das flores na ornamentación, a introdución de motivos do leste asiático e o uso de cores pastel cálidas.[10]

Mobiliario neoclásico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Neoclasicismo.

O Neoclasicismo xorde en Francia e Inglaterra, a través dunha xeración de estudantes de arte franceses formados en Roma e influenciados polos escritos de Winckelmann, e foi rapidamente adoptado por círculos progresistas noutros países como Suecia, Polonia e Rusia. Unha segunda onda neoclásica, máis severa, está asociada ao auxe do Imperio Napoleónico. En Francia, a primeira fase do Neoclasicismo expresouse no estilo Lois XVI, e a segunda nos estilos chamados Directorio ou Imperio.

Mobiliario modernista[editar | editar a fonte]

O inicio do século XIX é usualmente definido pola mestura de estilos antigos, e o Neoclasicismo de finais do século XVIII, mantén a súa forza cos Neogoticismo e o Neorrococó. Pero a industrialización, principalmente no Imperio Británico e Francia, empeza a ocasionar unha serie reaccións na maneira de ver o mobiliario que se foron espallando por toda Europa:

Art Nouveau[editar | editar a fonte]

Os mobles creados en estilo Art Nouveau foron destacados desde principios da década de 1890 ata o comezo da Primeira Guerra Mundial en 1914. Usaban de xeito característico formas baseadas na natureza, como vides, flores e ninfeas, e presentaban liñas curvas e onduladas. ás veces coñecida como a liña de latigazo, tanto na forma como na decoración. Outras características comúns eran a asimetría e a policromía, conseguida mediante a incrustación de madeiras de diferentes cores.

Arts & Crafts[editar | editar a fonte]

O movemento Arts & Crafts xurdiu do intento de reformar o deseño e a decoración na Gran Bretaña de mediados do século XIX. Foi unha reacción contra o descenso percibido da calidade artística e produtiva fronte á produción industrial. A súa crítica agudizouse polos elementos que viron na Grande Exposición de 1851, que consideraban excesivamente ornamentados, artificiais e ignorantes das calidades dos materiais empregados.

Art Déco[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Art Déco.
Véxase tamén: Moderne e Cubismo checo.

O xurdimento do Art Déco estivo intimamente relacionado co ascenso do status dos artistas decorativos, que ata finais do século XIX eran considerados simplemente artesáns. O termo arts décoratifs foi inventado en 1875, o que deu aos deseñadores de mobles, téxtiles e outras decoracións o status oficial. A Société des artistes décorateurs (Sociedade de Artistas Decorativos), ou SAD, foi fundada en 1901, e conseguiron os mesmos dereitos de autoría que os pintores e os escultores. O Art Déco non era un estilo único, senón unha colección de estilos diferentes e ás veces contraditorios. En decoración, moitos estilos diferentes foron prestados e reutilizados, incluíndo arte premoderna de todo o mundo, observable nos museos das grandes cidades. Contrapuxéronse o luxo neoclásico e a influencia das vangardas xa cara mediados de século como o cubismo, o construtivismo, o futurismo, etc

Wiener Werkstätte e Deustche Werkbund[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Deutscher Werkbund e Wiener Werkstätte.

A Wiener Werkstätte, creada en 1903, polo deseñador gráfico e pintor Koloman Moser, o arquitecto Josef Hoffmann e o mecenas Fritz Waerndorfer, foi unha asociación produtiva de Viena, Austria que reuniu a arquitectos, artistas, deseñadores e artesáns que traballan na cerámica, a moda, a prata, o moble e as artes gráficas. A Werkbund foi fundada por Olbrich, Peter Behrens, Richard Riemerschmid, Bruno Paul e outros en 1907, por impulso de Hermann Muthesius estudoso do movemento Arts & Crafts en Inglaterra. Entre os membros máis destacados da Werkbund estaba o arquitecto Mies van der Rohe, que exerceu como director de arquitectura. Existiu ata 1934, e despois restablecido despois da Segunda Guerra Mundial en 1950.

Bauhaus[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Bauhaus.

A Bauhaus foi unha escola de arte e arquitectura de vangarda que funcionou entre 1919 e 1933 en Alemaña. Foi unha das maiores e máis orixinais expresións do modernismo xermano, sendo unha das primeiras escolas de deseño industrial do mundo.

Neoplasticismo e De Stijl[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Neoplasticismo e De Stijl.

O De Stijl (o estilo) foi un movemento artístico holandés nado no ano 1917. Evocaban a máis pura arte abstracta reducíndose a formas primarias e deseños xeométricos. Facían composicións visuais en vertical e horinzontal usando só cores primarias xunto co negro e branco. En mobiliario o máximo expoñente sería o arquitecto e deseñador Gerrit Rietveld.

Mobiliario moderno[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Movemento Moderno.

O movemento moderno caracterizouse pola importancia da sinxeleza, funcionalidade e do rexeitamento á ornamentación innecesaria. Evolucionou durante a Segunda Guerra Mundial, rexeitando os estilos históricos. Deseños con liñas limpas, cores neutras e enfatizando o concepto do espazo aberto. Deseñadores pioneiros como Ludwig Mies van der Rohe e Ray Eames introduciron materiais innovadores como o aceiro, madeira contrachapada e o plástico, levando a unha era de produción en masa sen comprometer a integridade do deseño.[12]

Mobiliario rebelión[editar | editar a fonte]

A filosofía posmodernista de finais do século XX cruzada polo movemento Pop Art, gañou impulso nas décadas de 1960 e 70, promocionado nos 80 por movementos italianos baseados no Grupo Memphis ou o Radical Design. Aplicouse e innovouse moito co uso do plástico.

Mobiliario escandinavo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mobiliario escandinavo.

O mobiliario escandinavo ten como principais características a funcionalidade, o minimalismo e a conexión coa natureza. Deseñadores como Alvar Aalto ou Arne Jacobsen, incorporaron deseños orgánicos, o uso de madeiras lixeiras e o funcionalismo nas súas creacións. O éxito do deseño escandinavo débese en grande medida na súa simplicidade e versatilidade.[12]

Mobiliario minimalista[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Minimalismo.

O minimalismo caracterizouse pola súa sinxeleza, liñas limpas e a importancia do confort. A escolla de cores monocromáticas, os espazos despexados e o aprecio polo espazo negativo definen este estilo. Deseñadores como Dieter Rams, AG Fronzoni, Peter Wigglesworth, Ronald Knol, Vincent van Duysen e Luke Wong personifican principios minimalistas, elaborando pezas que priorizan a funcionalidade e a sensación de calma. O minimalismo usa materiais téxtiles e texturas máis cálidas, suavizando a dureza da década anterior.[12][13]

Mobiliario de oficina[editar | editar a fonte]

Coa introdución de internet, os asentos cómodos para traballar con ordenadores convertéronse en revolucionarios. A cadeira Aeron de Don Chadwick e Bill Stumpf para Herman Miller na década de 1990 transformou os asentos de oficina.[12]

Tipoloxías[editar | editar a fonte]

Para sentarse[editar | editar a fonte]

Para deitarse[editar | editar a fonte]

Camas, liteiras, futóns, hamacas, cabeceiras, berces, sofás cama, repousacabezas, etc

Mesas[editar | editar a fonte]

Mesas, mesados, escritorios, bancos de traballo, etc

Almacenamento[editar | editar a fonte]

Estantes, gabinetes, armarios, toucadores, despensas, cofres, cómodas, paraugueiro, etc

Para entreterse[editar | editar a fonte]

Mesas de billar, mesas de xadrez, máquinas jukebox, máquinas de pinball, barras, pianos, etc

Urbano[editar | editar a fonte]

Bancos, marquesiñas, papeleiras, etc

Materiais[editar | editar a fonte]

Os materiais empregados na súa elaboración adoitan ser:

  • Madeira: tivo un gran protagonismo desde os exipcios até o moble estilo Art Nouveau, e aínda segue sendo o material preferido por moitas persoas. Os tipos de madeiras máis empregados son as de piñeiro, cerdeira, castiñeiro, faia, carballo etc.
  • Metal: despois da primeira guerra mundial, coa chegada do Movemento Moderno e os deseños de Marcel Breuer con tubo de aceiro curvado e cromado, que impuxeron un novo estilo de mobiliario.
  • Plástico: cobrou relevancia no deseño de mobles despois da segunda guerra mundial, cando se fixeron grandes avances na obtención e procesado deste material. Os que innovaron no uso do plástico foron os deseñadores italianos do movemento Radical Design.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mobiliario.
  2. "moblaxe". academia.gal. Consultado o 2023. 
  3. Smardzewski, Jerzy (2015). Furniture Design. Springer. ISBN 978-3-319-19533-9. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Blakemore, Robbie G. (2006). History of interior design & furniture: from ancient Egypt to nineteenth-century Europe. J. Wiley & Sons. ISBN 978-0-471-46433-4. 
  5. Richter, G.M.A. (1966). The Furniture of the Greeks, Etruscans, and Romans. Phaidon. 
  6. Lucie-Smith, Edward (1979). Furniture: A Concise History. Thames and Hudson. ISBN 978-0-500-18173-7. 
  7. 7,0 7,1 Diccionario Salvat: Enciclopédico Popular Ilustrado. Inventario del Saber Humano. Barcelona: Salvat. 1906-1914. 
  8. Bucătaru, Marina (1991). Stiluri și Ornamente la Mobilier (en romanés). Editura Didactică și Pedagogică. ISBN 973-30-1079-0. 
  9. "17th century the Baroque style". britannica.com. Consultado o 2023. 
  10. 10,0 10,1 Graur, Neaga (1970). Stiluri în arta decorativă (en romanés). Cerces. 
  11. Morant, Henry (1970). Histoire des arts décoratifs. Librarie Hacahette. ASIN B00M47X7YS. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Nielsen, Lennart (2023). "Shaping Spaces: The Most Iconic 20th Century Furniture Styles". styylish.com. Consultado o 2023. 
  13. "What is minimalist interior design style?". home.tarkett.com. Consultado o 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gloag, John. A Short Dictionary of Furniture. Nova York: Holt, Rhinehart, e Winston, 1965.
  • Hayward, Charles H., Antique or Fake?: The Making of Old Furniture. Londres: Evans Brothers, 1971.
  • Koizumi, Kazuko. Traditional Japanese Furniture. Xapón: Kodansha International, 1997.

Outros artigos[editar | editar a fonte]