Ronald Koeman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ronald Koeman
Ronaldkoeman.jpg
Información persoal
Nome completo Ronald Koeman
Nacemento 21 de marzo de 1963 (51 anos)
Lugar Zaandam, Países Baixos
Altura 1,83 m.
Posición Centrocampista (1980–1985)
Defensa (1985–1997)
Información de club
Club actual Feyenoord (adestrador)
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1980–1983 Groningen 89 (33)
1983–1986 Ajax 94 (23)
1986–1989 PSV 98 (51)
1989–1995 Barcelona 192 (67)
1995–1997 Feyenoord 60 (19)
Total 533 (193)
Selección nacional
1983–1994 Países Baixos 78 (14)
Adestrador
1997–1998 Países Baixos (asistente)
1998–1999 Barcelona (asistente)
1999–2001 Vitesse
2001–2005 Ajax
2005–2006 Benfica
2006–2007 PSV
2007–2008 Valencia
2009 AZ Alkmaar
2011– Feyenoord
* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)

Ronald Koeman, nado en Zaandam o 21 de marzo de 1963, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol neerlandés. Xogou inicialmente de centrocampista e despois de libre, sendo o defensa máis goleador da historia, con 193 goles en 533 partidos[1].

Xogou nos tres grandes clubs neerlandeses (Ajax Ámsterdan, PSV Eindhoven e Feyenoord Rotterdam) e no FC Barcelona, formando parte do Dream Team dirixido por Johann Cruyff. Foi titular da selección neerlandesa, coa que gañou en 1988 a Eurocopa de Alemaña Occidental.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debutou como profesional en 1980 no FC Groningen xunto co seu irmán Erwin, que tamén chegaría a internacional. Posteriormente xogou no Ajax Ámsterdan e o PSV Eindhoven.

No verán de 1989 fichou polo FC Barcelona, sendo nese momento a fichaxe máis cara do club, con 1.200 millóns de pesetas. Durante a segunda tempada no equipo catalán tivo unha longa lesión, ocupando o seu lugar Alexanco. Ese ano logrou a primeira de catro Ligas consecutivas. Na final da Copa de Europa de 1992, disputada en Wembley o 22 de maio fronte á Sampdoria, Koeman marcou o gol decisivo de falta na prórroga[2]. Co equipo blaugrana gañou tamén unha Copa do Rei.

Deixou o club para xogar a súa última tempada como profesional no Feyenoord Rotterdam.

Coa selección neerlandesa gañou a Eurocopa de 1988 e participou nos mundiais de Italia 90 e USA 94.

Adestrador[editar | editar a fonte]

Iniciou a súa carreira técnica como axudante de Louis van Gaal no FC Barcelona. Despois regresou ao seu país para dirixir o Vitesse Arnhem. Entre decembro de 2001 e febreiro de 2005 adestrou o Ajax Amsterdam, gañando algúns títulos locais. En xuño de 2003 recibiu unha oferta do presidente Joan Laporta para adestrar ao FC Barcelona, pero os equipos non se puxeron de acordo nas cifras do traspaso.

Tras varios desacordos co director deportivo do equipo, Louis van Gaal, e ante os malos resultados na Eredivisie e na Liga de Campións, deixou o equipo en febreiro de 2005. Pouco despois fichou polo Benfica de Lisboa. Malia que na Liga de Campións chegou a cuartos de final, na liga portuguesa non acadou os resultados agardados, ao non clasificarse para a seguinte edición da Liga de Campións.

En xullo de 2006 fichou polo PSV Eindhoven, despois da marcha de Guus Hiddink á selección de fútbol de Rusia. Neste equipo acadou a liga neerlandesa, converténdose no segundo adestrador en logralo con dous clubs distintos tras Leo Beenhakker.

O 31 de outubro de 2007 fichou polo Valencia CF en substitución de Óscar Fernández, adestrador temporal trala destitución de Quique Sánchez Flores. Logo dunha polémica decisión, na que afastou do equipo titular aos veteranos Santiago Cañizares, David Albelda e Miguel Ángel Angulo en detrimento de novas promesas como Éver Banega, Hedwiges Maduro ou Juan Mata, a afección ché pediu a súa dimisión. Foi destituído o 21 de abril de 2008 tras caer en San Mamés por 5-1. Con todo, pouco antes lograra unha Copa do Rei fronte ao Getafe CF.

En 2009 fichou polo AZ Alkmaar, que a tempada anterior fora campión da Eredivisie con Louis van Gaal. Porén, foi destituído o 5 de decembro dese mesmo ano por mor dos malos resultados.

Notas[editar | editar a fonte]