Alexandre VIII, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XVI ó século XVII
Papas do século XVII
Papas do século XVII ó século XVIII
Antipapa/s
  • Ningún



Alexandre VIII, nado co nome de Pietro Vito Ottoboni en Venecia o 22 de abril de 1610 e finado en Roma o 1 de febreiro de 1691, foi papa da Igrexa Católica entre 1689 e 1691.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Alexandre VIII.

Pertencía a unha ilustre familia veneciana de orixe dálmata: foi o máis novo dos nove fillos de Marco Ottoboni, Gran Chanceler da República de Venecia, e da súa esposa Vittoria Tornielli.

Os seus estudios foron realizados con brillantez na Universidade de Padua, onde en 1627 completou un doutorado en dereito civil e canónico.

Foi a Roma durante o pontificado de Urbano VIII, que o nomeou referendario do Tribunal da Signatura Apostólica, e posteriormente gobernador das cidades de Terni, Rieti Spoleto.

Descoñécense as circunstancias da súa ordenación sacerdotal.

Cardealado e episcopado[editar | editar a fonte]

A petición da República de Venecia, en 1652 o papa Inocencio X ordenouno cardeal do título de San Salvatore in Lauro.

En 1654 foi consagrado bispo de Brescia. En 1660 mudou o seu título cardinalicio polo de San Marco. Dimitiu da súa sé episcopal de Brescia en 1664. Tres anos despois o papa Clemente IX nomeouno datario da Súa Santidade. En 1677 foi investido gran inquisidor de Roma e secretario do Santo Oficio polo papa Inocencio XI. Ese mesmo ano cambiou o seu título cardinalicio polo de Santa Maria in Trastevere. Tamén como cardeal optou sucesivamente ó título de Santa Prassede (1680), e ós bispados suburbicarios de Sabina (1681), Frascati (1683) e Porto-Santa Rufina (1687). Ese mesmo ano foi elixido vice-decano do Sacro Colexio Cardinalicio.

Participou nos conclaves de 1667, 1669-1670, 1676 e 1689, resultando elixido papa neste último.

Elección papal[editar | editar a fonte]

Á morte de Inocencio XI o embaixador do Rei Luís XIV de Francia presionou ó conclave para que elixise a Ottoboni, xa octoxenario e a priori bastante dócil ante os propósitos franceses. Porén foi difícil alcanzar unha maioría, xa que oito cardeais estaban ausentes. Ademais, no curso da reunión outro cardeal faleceu e dous máis tiveron que abandonala por enfermidade. Despois de cincuenta días de votacións e de que funcionaran as presións e as promesas de futuro, resultou elixido por unanimidade: era o 16 de outubro de 1689. Dez días despois foi coroado papa na Patriarcal Basílica Vaticana polo cardeal Francesco Maidalchini, protodiácono de Santa Maria in Via Lata.

Papado[editar | editar a fonte]

O seu pontificado durou só un ano e catro meses, pero resultou excepcionalmente activo.

Á morte do seu predecesor o tesouro pontificio estaba en condicións saneadas. Inocencio VIII inverteu a situación de bonanza: rebaixou os impostos e dilapidou as finanzas papais en dádivas á súa familia.

Contravindo as prácticas do pontificado anterior, inmediatamente despois de que o elixisen papa lanzouse a un nepotismo desenfreado: en Roma rexistrouse un auténtico desembarco de Ottoboni venecianos e de achegados a estes, todos prestos a recibir cargos e prebendas. Cinguíndose ós seus familiares máis próximos, nomeou un sobriño seu, Antonio, xeneral en xefe dos exércitos dos Estados da Igrexa; a outro sobriño, Pietro, de só dezanove anos, nomeouno cardeal diácono pro illa vice de San Lorenzo in Damaso, gobernador de Fermo, Tivoli e Capranica, vice-chanceler da Igrexa Romana, secretario de memoriais e vigairo papal no territorio de Avignon; a un terceiro sobriño, Marco, que era chepudo, colleu e, coas facultades mentais algo diminuídas, nomeouno superintendente das fortalezas e as galeras papais, e comprou para el o ducado de Fiano mediante o pago dunha auténtica fortuna. Dise que Alexandre VIII, previndo que lle quedaba pouca vida e que o seu sucesor non sería tan pródigo, instaba ós seus favorecidos a acaparar rapidamente o máximo de prebendas coa frase: Le 24 stanno per scoccare (Falta pouco para media noite).

A finais de 1690 e mediante decreto do Santo Oficio condenou 31 proposicións das máis de 200 presentadas por un grupo de teólogos xesuítas belgas, especificamente os da universidade de Lovaina, a propósito da gracia, a penitencia e da eucaristía, así como a teoría do "pecado filosófico". Tamén se opuxo ó "rigorismo" excesivo de determinadas correntes morais, contraposto ó "laxismo" que fora denunciado en pontificados anteriores.

Malia o patrocino do monarca francés, condenou a declaración realizada en 1682 polo clero deste país en relación coas liberdades da igrexa galicana. Mediante a bula Inter multiciples de 1692 declarou anulados catro artigos daquela declaración, así como o dereito de regalía. Porén, Luís XIV, cunha situación política en momento crítico, conseguiu ganancias coas disposicións pacíficas do novo papa, e restituíu a este o territorio de Aviñón e do Condado Venasino, ó tempo que renunciaba ó dereito de asilo da Embaixada francesa. En compensación Alexandre VIII nomeou ó máis férvido dos galicanos, o bispo de Beauvais e embaixador de Francia ante a Santa Sé Toussaint de Forbin Janson, cardeal do título de San Agnese fuori le mura.

Comprou os libros e manuscritos da raíña Cristina de Suecia para nutrir a Biblioteca Vaticana.

Axudou á súa Venecia natal con xenerosos subsidios na guerra en contra dos turcos.

Instituíu en China as dioceses de Pequín e Nanking.

Canonizou a san Lorenzo Giustiniani, a san Xoán de Deus e a san Pascual Bailón.

Convocou tres consistorios, nos que creou un total de catorce cardeais.

Morte[editar | editar a fonte]

Morreu en Roma o 1 de febreiro de 1691, e está sepultado na Patriarcal Basílica Vaticana baixo un suntuoso mausoleo obra de Arrigo di San Martino.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Pœnitentia gloriosa (A penitencia gloriosa), cita que ó parecer fai referencia ó seu nome de pila, Pedro, pois o apóstolo Pedro é considerado o "gran arrepentido", aínda que nunha segunda lectura asóciase a cita co día en que foi elixido, consagrado a San Bruno, considerado o anxo da penitencia. Existe outra terceira explicación á cita, e é a que fai referencia a que forzou ós bispos franceses ó arrepentimento na súa Declaración do Clero de Francia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]