Saltar ao contido

Unión da Mocidade Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión da Mocidade Galega
Organización xuvenil de Galiza
Dirixentes e organización
Secretario XeralIago Suárez
Historia
Fundación1977
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo galego
Comunismo
Marxismo-leninismo
Independentismo galego
Feminismo
Ecoloxismo
Posición políticaEsquerda
Outros datos
SedeSantiago de Compostela
PublicaciónGuieiro
Na rede
[1]

A Unión da Mocidade Galega (UMG) é a organización xuvenil da Unión do Povo Galego. Supón a principal corrente interna de Galiza Nova, mocidades do BNG.

Ten como ideoloxía política o marxismo-leninismo, así como o nacionalismo galego, tendo por obxectivo a consecución dunha república galega independente e socialista. Como forma de organización adopta o centralismo democrático.[1]

A UMG terá o seu congreso fundacional os días 14 e 15 de agosto de 1977,[2] nun contexto no que tanto a UPG como a AN-PG se atopaban inda ilegalizadas.[3] Este congreso convocarase baixo o lema “Por unha Galicia ceibe e socialista”. Nel apróbanse uns estatutos nos que se define como marxista-leninista e nacionalista, adoptando tamén o centralismo democrático.[4] A partir deste congreso, pasa a integrar a UMG toda a militancia da UPG menor de 21 anos de idade, constituíndose a UMG como organización autónoma integrada dentro desta.

En decembro de 1977 comeza a publicación do que será o voceiro da UMG, que leva por título Guieiro, recuperando o nome do voceiro da Federación de Mocidades Galeguistas anterior á Ditadura Franquista.[5]

comitiva da UMG na xornada de loita da ING en Lugo, 1978
Mural realizado pola UMG en memoria de Moncho Reboiras en 1977.

Ao longo das décadas de 1970 e 1980, a UMG vai participar na consolidación da organización estudantil ERGA, ao mesmo tempo que levará a cabo campañas en temas que afectan especificamente á mocidade, como a loita contra a precariedade laboral xuvenil ou contra o servizo militar obrigatorio.[6] Así mesmo, a UMG, fará parte das diversas mobilizacións sociais nas que participa o nacionalismo galego nese período, como a loita contra a instalación da central nuclear en Xove ou da mina a ceo aberto das Encrobas. Ou nas xornadas de loita contra os Pactos da Moncloa que convoca a ING no ano 78.[7]

Dende o ano 1988 coa creación de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG), a UMG intégrase nesta actuando como corrente interna no seu seo cedendo parte do seu protagonismo público á nova organización de masas.

Organización e actividade

[editar | editar a fonte]

A UMG atópase organizada en asembleas de zona, podendo existir tamén asembleas sectoriais. O órgano principal de dirección é o Congreso que se convoca de forma ordinaria cada dous anos. No período intercongresual a dirección recae nun Comité Nacional elixido polo Congreso, así como nun Secretariado Nacional elixido polo Comité. Á fronte da UMG sitúase o Secretario ou Secretaria Xeral da UMG.[1]

Entre as actividades públicas que realiza a UMG atópanse a edición e difusión do seu voceiro, o Guieiro, así como a organización anual das Xornadas de Formación Moncho Reboiras.

  1. 1,0 1,1 UMG (2016). "Estatutos da UMG". Resolucións do XVI Congreso da UMG. 
  2. "Historia da UMG". UPG.gal. Consultado o 21-10-2024. 
  3. "Legalizada la Unión do Pobo Galego". El País (en Castelán). 16-7-1978. Consultado o 21-10-2024. 
  4. UMG (1977). Resolucións do primeiro congraso da UMG. Edicións Guieiro. 
  5. "Guieiro". upg.gal. Consultado o 21-10-2024. 
  6. Pérez Iglesias, Xabier (2017). "UMG: 40 anos contribuíndo á autoorganización da mocidade galega". Terra e Tempo. Consultado o 21-10-24. 
  7. Mera Sánchez, Manuel. "Xornada nacional de loita. Lembranza e actualidade". O Blogue de Manuel Mera. Consultado o 21-10-2024.