Robert Koch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heinrich Hermann Robert Koch
Datos persoais
Nome completoRobert Heinrich Hermann Koch
Nacemento11 de decembro de 1843
LugarClausthal
Falecemento27 de maio de 1910
LugarBaden Baden, Imperio Alemán
Causainfarto agudo de miocardio
NacionalidadeReino de Hanôver e Imperio Alemán
EtniaPobo alemán
CónxuxeEmmy Koch e Hedwig Koch
FillosGertrud Pfuhl
Actividade
Campo
  • medicina
  • bacterioloxía
  • Alma máterUniversidade de Gotinga
    Director de teseGeorg Meissner e Rudolf Virchow
    Contribucións e premios
    Coñecido porPostulados de Koch
    PremiosPremio Nobel de Medicina en 1905
    editar datos en Wikidata ]

    Robert Koch, nado o 11 de decembro de 1843 en Clausthal e finado o 27 de maio de 1910 en Baden-Baden, foi un médico alemán. É celebre por descubrir a bacteria responsábel da tuberculose que leva o seu nome: «bacilo de Koch». É un dos fundadores da bacterioloxía. Recibiu o Premio Nobel de Medicina no ano 1905.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Fixo os estudos de Ciencias naturais despois de Medicina en Göttingen. Tivo como profesor a Jacob Henle, un defensor da teoría microbiana proposta par Louis Pasteur en 1860. Foi médico-adxunto no hospital de Hamburgo. Posuía un espírito aberto moi salientábel, pois interesouse por ámbitos tan dispares como a arqueoloxía, a antropoloxía ou a parasitoloxía.

    Foi o primeiro, en 1876, que logrou o cultivo do bacilo do ántrax, que fora descuberto en 1850 polos franceses Rayer e Davaine. Para tal ocasión desenvolveu varias técnicas novidosas de coloración, de posta en cultivo e máis de identificación de xermes. En 1880, asumiu a xefatura do laboratorio de bacterioloxía de Berlín. En 1882, illou o bacilo da tuberculose, pondo a punto un método de cultivo in vitro e reproducindo a enfermidade en animais a partir da cepa cultivada, probando que o xerme era total responsábel da doenza e invalidando así a teoría celular de Virchow. Este xerme, ao que se lle deu o seu nome como bacilo de Koch, foi nomeado cientificamente Mycobacterium tuberculosis. Esta descuberta entrañaba a utilización de medidas de hixiene para loitar contra a transmisión da enfermidade. Koch foi tamén quen descubriu a tuberculina, un extracto do bacilo, e o seu papel no diagnóstico da enfermidade. É dicir, achou un principio para o tratamento da tuberculose.

    En 1883, durante unha expedición en Exipto, Koch illou o axente microbiano da cólera (Vibrio cholerae) coa colaboración de Gaffky e de Bernhard Fischer. Probou, de aí a un tempo, o rol da auga na transmisión desa enfermidade. Porén Koch non o probou en experimentos protocolarios. A bacteria fora illada antes polo anatomista italiano Filippo Pacini en 1854, mais o seu traballo ficara esquecido, debido ao predominio das teorías dos miasmas nas explicacións teóricas das orixes das enfermidades. A descuberta de Koch, que ignoraba o labor de Pacini, foi independente e tivo maior relevancia en orde a combater o cólera. En 1965, porén a bacteria foi rebautizada como "Vibrio cholerae Pacini".

    En 1885, Koch pasou a ser profesor de Hixiene na Universidade de Berlín, e, máis tarde, en 1891, foi director do entón recentemente creado "Instituto de Enfermidades Infecciosas", cargo que abandonou en 1904. Por eses mesmos anos emprendeu varias viaxes arredor do mundo estudando doenzas e enfermidades en Suráfrica, a India e Xava.

    Dirixiu a súa atención principal o ántrax (presente en cápridos), a peste bovina e equina e as intoxicacións por chumbo. Mais tamén se interesou polo paludismo, a piroplasmose e a enfermidade do sono.

    Robert Koch recibiu o Premio Nobel de Medicina en 1905 polos seus traballos acerca da tuberculose. Foi acollido como membro estranxeiro da Royal Society o 4 de marzo de 1897.

    Fatiguado polo exceso de traballo, faleceu o 27 de maio de 1910 dunha crise cardíaca.

    Postulados de Koch e restricións deles[editar | editar a fonte]

    Koch formulou os seguintes postulados:

    • O microorganismo debe estar presente en todos os animais enfermos e ausente nos animais sans.
    • O microorganismo debe ser desenvolvido en cultivo puro no exterior dos animais enfermos.
    • Un animal san inoculado co tal cultivo puro debe desenvolver a enfermidade con todos os seus síntomas.
    • O microorganismo illado dese animal debe ser idéntico ao anteriormente illado.

    Restricións aos postulados de Koch :

    • Varios microorganismos poden causar unha mesma enfermidade.
    • Certos microorganismos patóxenos non son cultivábeis.
    • Un microorganismo pode causar distintas enfermidades.

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    • Stefan H.E. Kaufmann: Robert Koch, the Nobel Prize, and the Ongoing Threat of Tuberculosis, N Engl J Med 353;23, 2005 (en inglés).

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Outros artigos[editar | editar a fonte]