A finais da década de 1970, xunto co microbiólogo Saul J. Silverstein e o xenetista Michael H. Wigler, descubriu unha técnica de transformación xenética, un proceso que permite que un ácido desoxirribonucleico (ADN) foráneo se poida inserir nunha célula hóspede para producir certas proteínas.
Tamén é especialista do sistema olfactivo, e xunto con Linda B. Buck, acadou a clonación de receptores olfactivos, demostrando que proveñen da familia dos receptores adaptados da proteína G. Analizando o ADN de ratas estimaron que cando menos habería máis de mil xenes diferentes para os receptores olfactivos no xenoma dos mamíferos. Así mesmo, estudando a recepción olfactiva dos mamíferos e a Drosophila melanogaster observou unha semellanza incríbel entre estas especies que o levou a crer que os principios da discriminación do olor poden estar conservados durante uns 500 millóns de anos.