Portal:Lugo/Artigo destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Lugo:

1[editar a fonte]

O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Cafés Candelas Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Varela Portas e Prado, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, milita na segunda categoría, a Liga LEB.

Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Pavillón Municipal, é o Pazo dos Deportes, tamén sede oficial do club, que conta con capacidade para 7.500 espectadores, estando entre as dez canchas europeas con mellor media de asistencia. O seu actual presidente é Antonio Veiga. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, o Club Estudiantes, contando ademais con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades, formando unha das mellores canteiras do Estado.


2[editar a fonte]

O Arde Lucus (tamén escrito como Arde Lvcvs) é unha festa celebrada en Lugo a finais do mes de xuño que revive o pasado romano e castrexo da cidade amurallada e que xurdiu para conmemorar a declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Chegou a xuntar nas súas dúas últimas edicións preto dun millón de participantes.

Dende abril de 2011 é Festa de Interese Turístico Galego. A edición de 2013 celebrouse os días 14, 23 e 16 de xuño e ofreceu como novidade principal a participación de Arsdimicandi, un grupo de especialistas gladiadores procedentes de Bérgamo que participaron en series de televisión como Roma. A moeda oficial desta edición foi o Ás.

Entre as actividades, que mesturan o pasado romano da cidade que tamén "abre as portas" á celebración dos ritos celtas dentro das murallas, salientan o Macellum, a Castra, o Circus, a Queima da muralla, ou o Comilonum entre outros.


3[editar a fonte]

O Concilio de Lugo (a. 569) foi un sínodo católico da Gallaecia convocado, segundo afirman os textos onde se conservou a noticia, polo rei suevo Teodomiro o 1 de xaneiro do ano 569 (era DCVIIª) "para confirmar a fe católica e por outras causas da Igrexa".

Así, finalizado o concilio canónico pasaríase á lectura dunha carta do rei na que, para a mellor administración do reino, convidaba aos padres conciliados en Lugo a ergueren novos bispados, e a elixiren, debido á grande extensión do país, unha outra sé metropolitana; escolleron entón os bispos a sé de Lugo para que fose metropolitana "así como Braga", e repartiron a cada catedral as dioceses e parroquias que lles correspondían, "para que non ocorrese entre os bispos contenda ningunha".

A ausencia de actas e documentos fixo dubidar a moitos historiadores de que realmente se tivera celebrado o concilio.


4[editar a fonte]

O Prone Lugo Asociacion Deportiva, antigamente coñecido por motivos de patrocinio como Azkar Lugo Fútbol Sala, é un equipo lucense de fútbol sala fundado en 1984. Actualmente xoga na Primeira División da Liga nacional de fútbol sala. Cun importante crecemento na última metade dos 90, o fútbol sala transformouse nun deporte popular na cidade.

O Prone conta cunha gran canteira de xogadores, destacando o equipo filial, que xoga na división semiprofesional Primeira Nacional A. Tamén conta cun equipo xuvenil de Liga Nacional. O grupo principal da súa inchada son "Os Bufóns".

Entre o seu palmarés destaca a Recopa de Europa de fútbol sala no ano 2005, disputada en Lugo. Tamén ten alzado a Copa Xunta de Galicia en cinco ocasións.


5[editar a fonte]

Lugo, o asentamento urbano máis antigo de Galicia, érguese sobre o antigo emprazamento dun castro galaico. A súa historia remóntase a arredor do ano 25 a. C, Caius Antistus Vetus, legado de Octavio Augusto na Tarraconense ao mando das tropas romanas que loitaban nas Guerras Cántabras, establece preto deste castro un campamento militar. Posteriormente, en nome do emperador, Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento. A partir do ano 50 asístese á expansión da cidade co asentamento de galaicos dos castros próximos. Posteriormente a cidade convértese nun importante núcleo urbano, representativo da cultura e do modo de vida romano.

Dende a chegada dos suevos a Galicia alternáronse na cidade ciclos de decadencia e rexurdimento. No ano 585 o Reino de Galicia pasa a mans visigodas, perdendo Lugo a súa condición de sé metropolitana por mor da fin da división de Galicia en dúas provincias. Iníciase así un período de decadencia que se vería acentuado pola invasión musulmá de principios do século VIII.

Entre os séculos XI e XIII, coma outras cidades do Camiño Xacobeo, foi protagonista duna serie de revoltas populares contra o poder feudal. A principios do século XVI, a pesar de ser nomeada capital do Reino de Galicia por Carlos I, Lugo iniciou un longo declive. Esta etapa prolongouse até finais do século XVII, mentres que Santiago de Compostela cobraba protagonismo. No século XVIII comeza un novo ascenso económico e cultural da cidade, converténdose na gran capital agraria de Galicia.


6[editar a fonte]

As festas de San Froilán teñen lugar en Lugo entre o 4 e o 12 de outubro. Xiran arredor do 5 de outubro, día en que o santoral católico conmemora o día de San Froilán. Foron proclamadas de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria e Turismo en 2006. Son as últimas festas de importancia que se celebran no ano en Galicia.

As festas de San Froilán foron consideradas, en palabras de Álvaro Cunqueiro como "as máis belas do outono galego".

A celebración comezou sendo relixiosa. No ano 1600, a diocese de Lugo estableceuna como festa eclesiástica cinco anos antes de que San Froilán (832?-905) fose declarado oficialmente patrón da cidade e da diocese. No 1754, a celebración relixiosa foi acompañada por outra popular. Este ano está considerado como o de inicio das festas como se coñecen hoxe en día.

No século XXI, o aspecto de feira de gando tradúcese nun desfile de gando polo centro da cidade e un salón multisectorial, chamado Expolugo, que se celebra no pazo de feiras e congresos. As casetas do polbo son tamén unha reminiscencia do tempo en que o San Froilán era unha inmensa feira.


7[editar a fonte]

A I Asemblea Nacionalista (daquela Asambleia nazonalista de Lugo), celebrada en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 polas Irmandades da Fala, foi a histórica asemblea onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara o nacionalismo.

Celebrouse no teatro Lugo-Salón. Contou coa asistencia de 63 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades de Galicia. Da asemblea saíu o "Manifesto Nacionalista", que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil española. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

Etre os asinantes do manifesto encóntranse figuras destacadas do nacionalismo galego como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ou Antón Villar Ponte entre outros.


8[editar a fonte]

Na ceca de Lucus Augusti, se cadra unha ceca móbil, cuñáronse as primeiras moedas que se bateron en Gallaecia, posiblemente no ano 25 a.C..

O exército romano chegara ata o noroeste da Península Ibérica no marco das guerras cántabras desde a Lusitania o mando do legado imperial Publio Cornelio quen primeiro tivera o seu campamento en Asturica Augusta e máis tarde trasladárao a Lucus Augusti, alí no 25 a.C (ou quizais 23 a.C.) mandou cuñar moeda para pagar á media lexión (cinco cohortes) que estaba baixo o seu mando.

As moedas carecen de indicación de ceca polo que houbo autores como Borrell ou Mersan que atribuiron as cuñacións a outras cecas da Península Ibérica; con todo, esa é hoxe unha opinión minoritaria.


9[editar a fonte]

O Festival de teatro grecolatino de Lugo é un evento creado en 2001 pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos, co propósito inicial de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico aos estudantes do ensino medio.

Dende o comezo foi elixida como sede para este festival a cidade de Lugo. O Concello de Lugo concede anualmente unha achega económica para a realización deste evento. No ano 2003 as asociacións que organizan os festivais de Lugo, Tarragona, Zaragoza, Euskadi, Baleares, Sagunt, Clunia (Burgos), Mérida, Baelo Claudia (Cádiz) e Itálica (Sevilla) uníronse para sumar esforzos e crearon unha federación que leva o nome de Prósopon (máscara en grego), que, ademais de organizar os festivais, promove todo tipo de actividades encamiñadas á difusión e investigación do teatro clásico entre os máis novos.

As representacións teñen lugar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.


10[editar a fonte]

O Club Deportivo Lugo é un club de fútbol galego da cidade de Lugo, que xoga na Segunda División. O equipo foi fundado en 1953 trala desaparición dos dous principais equipos da cidade, a Ximnástica Lucense, que viña de competir na Segunda División, e o Club Deportivo Polvorín, desaparecido por motivos económicos. O club, baixo a presidencia de Emilio Núñez Torrón, comezou a súa andadura na Terceira División, só xogara anteriormente na categoría de prata durante a tempada 1992–93. Actualmente, o club xoga os seus partidos como local no Anxo Carro, estadio que contaba até a súa remodelación en verán de 2013 con capacidade para 4.800 seareiros, sendo aumentada até albergar 7.840 espectadores.

O Lugo logrou retornar ao fútbol profesional o 25 de xuño de 2012, logo de vinte campañas en categorías inferiores, pese acadar tan só o terceiro posto do seu grupo conseguiu o ascenso logo de superar senllas eliminatorias ante o Eibar, o Atlético Baleares, campión do grupo 3, e o Cádiz, campión do grupo 4. O último encontro polo ascenso ante os gaditanos non foi senón resolto até chegar á rolda de penaltis.

O principal patrocinador do club desde 2012 é Estrella Galicia. O club posúe un acordo de colaboración coa Unión Deportiva Somozas da Segunda División B e un filial en Primeira Autonómica, a Sociedade Deportiva e Cultural Polvorín.