Portal:Alemaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alemaña (en alemán: Deutschland De-Deutschland.ogg [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorabo: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorabo: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña (Gl-República Federal de Alemaña.ogg pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland De-Bundesrepublik_Deutschland.ogg [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Alemaña está bordeada polo norte co mar do Norte, Dinamarca, e o mar Báltico, polo leste con Polonia e a República Checa, polo sur con Austria e Suíza, e polo oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio por un clima temperado estacional.

Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, constitúe o país máis poboado entre os membros da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a. C. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano que duraría ata o ano 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a Guerra francoprusiana. Trala Segunda Guerra Mundial, Alemaña foi dividida en dous estados separados polas fronteiras formadas polas tropas aliadas en 1949. Os dous países reunificáronse de novo en 1990. Alemaña foi un membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou a moeda da Unión, o Euro, en 1999.

Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, OTAN, o G8, e do G4; así mesmo foi un dos países asinantes do protocolo de Quioto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007.

Artigo destacado

editar

O movemento antitabaco na Alemaña nazi comezou no Terceiro Reich despois de que os médicos alemáns fosen os primeiros en descubrir a relación entre o cancro de pulmón e o tabaco, liderando a primeira campaña antitabaco da historia moderna. Os movementos antitabaco medraron en moitas nacións dende comezos do século XX, pero tiveron pouco éxito agás en Alemaña, onde a campaña recibiu o apoio do goberno despois do ascenso dos nazis no poder. Este foi o movemento en contra do tabaco máis poderoso do mundo nos anos 1930 e comezos dos anos 1940.

A campaña antitabaco dos nazis consistiu en prohibir fumar nos tranvías, autobuses e trens urbanos, promover a educación saudable, limitar as racións de cigarros na Wehrmacht, organizar clases médicas para os soldados e incrementar os impostos sobre o tabaco. O movemento antitabaco non tivo demasiada eficacia nos primeiros anos do réxime nazi e malia os esforzos da campaña o consumo de tabaco medrou entre os anos 1933 e 1939, mais posteriormente diminuíu entre os anos 1939 e 1945.

Cidade destacada

editar

Berlín (en alemánBerlin[bɛɐ̯ˈliːn] (AFI)De-Berlin.ogg escoitar) é a capital e un dos dezaseis estados de Alemaña. Cunha poboación de 3,4 millóns nos límites do concello, Berlín é a meirande cidade do país xermano e de Europa Central. Constitúe a segunda maior cidade da UE e a novena maior área metropolitana. Berlín atópase no nordeste do país, e constitúe o centro da área metropolitana Berlín-Brandeburgo, fogar de máis de 5 millóns de persoas de máis de 190 nacionalidades. Pola cidade flúen os ríos Spree, Havel, Panke, Dahme e Wuhle.

Documentada por primeira vez no século XIII, ao longo da súa historia Berlín foi capital do Reino de Prusia (1701-1918), o Imperio alemán (1871-1918), a República de Weimar (1919-1933) e do Terceiro Reich (1933-1945). Trala Segunda Guerra Mundial, a cidade foi dividida; o Berlín do leste converteuse na capital da República Democrática Alemá mentres o Berlín do oeste converteuse na capital da Alemaña occidental, estando a cidade separada polo Muro de Berlín entre 1961-1989. Trala Reunificación alemá en 1990, a cidade recuperou o seu status como capital de toda Alemaña.

Berlín é unha cidade mundial e un centro cultural e artístico de primeiro nivel. É unha das cidades máis influíntes no ámbito político da Unión Europea e en 2006 foi elixida Cidade Creativa pola Unesco. En 2009 a cidade recibiu o Premio Príncipe de Asturias da Concordia.

Divisións administrativas
Categorías
Biografía destacada

editar

Johann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período Barroco da música clásica. Considérase un dos compositores máis grandes e influíntes da historia da música. Moitas das súas obras reflicten unha gran profundidade intelectual, expresión emocional e, sobre todo, altísimo dominio técnico. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.

Bach encabezou unha gran familia numerosa. Tivo 7 fillos do seu primeiro matrimonio e 13 do segundo. Tres dos fillos que tivo coa súa segunda esposa convertéronse en compositores respectados por dereito propio. Entre eles cóntanse Wilhelm Friedemann Bach (1710-1784), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788, de quen Mozart tiña unha moi boa opinión) e Johann Christian Bach (1735-1782). Porén, a confianza que Bach puxo nun dos seus fillos maiores tivo tristes consecuencias despois do seu falecemento. O fillo perdeu para sempre varias Paixóns compostas polo seu pai (que quizais agora serían tan apreciadas como a Matthäus-Passion e a Johannes-Passion). Se non fose polo coidado que tivo Carl Philipp Emanuel en conservar os manuscritos do seu pai, poderían terse perdido unha boa parte das obras mestras de Bach.

Na época da súa vellez, cando a xente se refería a Bach facíao pensando no seu famoso fillo Carl Philipp. Nas xeracións que seguiron a Bach, soamente os compositores e músicos coñecían a súa obra. Así, por exemplo, Haydn, Mozart e Beethoven tiveron un grande aprecio pola obra de Bach.

Imaxe destacada
Sabías que...?

editar

Catedral de Aquisgrán.

Artigos de calidade e bos
Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wikimedia Wiktionary
Wikimedia Wiktionary

no Galicionario