República Democrática Alemá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deutsche Demokratische Republik
República Democrática Alemá

1949–1990
Bandeira Escudo
Lema: Proletarier aller Länder, vereinigt Euch!
(Alemán: Proletarios do mundo, unídevos!)
Himno: Auferstanden aus Ruinen
Capital Berlín Leste
Lingua Alemán
Goberno República socialista
Período histórico Guerra fría
 • Proclamación 7 de outubro de 1949
 • Caída do Muro de Berlín 9 de novembro de 1989
 • Resolución final 25 de setembro de 1990
 • Reunificación 3 de outubro de 1990
Superficie
 • 1990 108.179 km²
Poboación
 • 1990 est. 16.111.000 
     Densidade 148,9/km²
Moeda Ostmark

A República Democrática Alemá (abreviado RDA; alemán: Deutsche Demokratische Republik, abreviado DDR), tamén coñecida informalmente como Alemaña do Leste ou Alemaña Oriental, foi unha república socialista establecida en 1949 na zona de ocupación soviética de Alemaña trala segunda guerra mundial, ademais de Berlin Leste, unha porción da cidade baixo control das Forzas Aliadas. Xeograficamente a Alemaña Democrática ocupaba a parte nordeste da actual Alemaña, correspondente aos actuais estados de Mecklemburgo-Antepomerania, Saxonia-Anhalt, Saxonia, Turinxia e Brandeburgo, abranguendo unha área total de 108.179 km². Facía fronteira con Checoslovaquia ao sur, Alemaña Occidental ao sur e ao oeste, Polonia ao leste, e a súa parte norte estaba bañada polo mar do Norte.

En 1989, unha revolta popular provocou un troco no goberno, até entón en mans do Partido Socialista Unificado de Alemaña (en alemán: Sozialistische Einheitspartei Deutschlands), negándose os soviéticos a intervir. Así, o 9 de novembro dese mesmo ano caía o Muro de Berlín e, finalmente, o 3 de outubro de 1990, os Länder (estados) do leste de Alemaña foron integrados como novos estados federais dentro da nova República Federal de Alemaña. A transformación comunista durante a historia da República foi máis forte na industria, na agricultura, e na maioría do sistema educativo, mentres que as profesións de ciencia e enxeñaría, as igrexas e incluso as tradicións burguesas preserváronse. A política social, que se tornara nunha ferramenta de lexitimación crítica nas últimas décadas, mesturaba elementos comunistas e tradicionais por igual.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Logo do SED.

Na Conferencia de Ialta, celebrada en febreiro de 1945, os Estados Unidos, o Reino Unido e a Unión Soviética acordaron a división de Alemaña en zonas de ocupación. Calculando o territorio que os exércitos converxentes dos aliados occidentais e a URSS podían tomar, a Conferencia de Ialta determinou as liñas de demarcación para as respectivas zonas de ocupación. Trala rendición de Alemaña, o Consello de Control Aliado, representando a Estados Unidos, Reino Unido, Francia e a Unión Soviética, asumiu a autoridade gobernamental da Alemaña de posguerra. Con todo, a desmilitarización económica (especialmente o traslado de equipamento industrial) era responsabilidade de cada zona individualmente.

A Conferencia de Potsdam, celebrada uns meses despois, entre xullo e agosto de 1945, recoñeceu as zonas e confirmou a xurisdición da Administración Militar Soviética en Alemaña (en alemán: Sowjetische Militäradministration in Deutschland, SMAD) dende os ríos Oder e Neisse até a liña de demarcación. A zona de ocupación soviética incluíu os antigos estados de Brandeburgo, Mecklemburgo-Antepomerania, Saxonia, Saxonia-Anhalt e Turinxia. A cidade de Berlín foi colocada baixo o control do catro poderes.

Wilhelm Pieck, primeiro presidente da RDA.

As crecentes diferenzas económicas combinábanse co desenvolvemento de tensións políticas entre Estados Unidos e a Unión Soviética (que culminaría no desenvolvemento da guerra fría) e manifestáronse no rexeitamento do SMAD en 1947 de participar no Plan Marshall norteamericano. En marzo de 1948, Estados Unidos, Reino Unido e Francia reuníronse en Londres e acordaron unir as zonas occidentais para establecer unha República alemá occidental. A Unión Soviética respondeu abandonando o Consello de Control Aliado e preparándose para crear un Estado alemán oriental. A división de Alemaña fíxose clara coa reforma monetaria introducida o 20 de xuño de 1948, que se limitaba ás zonas occidentais. Tres días despois era introducida unha reforma diferenciada na zona soviética. A introdución do marco alemán nos sectores occidentais de Berlín contra o desexo do comandante supremo soviético, levou á Unión Soviética a impor o Bloqueo de Berlín nunha tentativa de gañar o control do conxunto de Berlín. Os aliados occidentais decidiron aprovisionar a cidade cunha ponte aérea, que duraría once meses, ata que a Unión Soviética abandonou o bloqueo o 12 de maio de 1949.

Un decreto do SMAD de 10 de xuño aprobaba o permiso para a formación de partidos políticos democráticos e antifascistas na zona soviética; as eleccións aos parlamentos rexionais dos estados estaban convocadas para outubro de 1946. Unha coalición democrática-antifascista, que incluía ao Partido Comunista (KPD), ao Partido Socialdemócrata (SPD), á recentemente creada Unión Demócrata Cristiá (CDU), e ao Partido Liberal Democrático (LDPD) foi formada en xullo de 1945. O KPD (con 600.000 militantes na zona oriental) e o SPD (con 680.000), unificáronse en abril de 1946 dando nacemento ao Partido Socialista Unificado de Alemaña (en alemán: Sozialistische Einheitspartei Deutschlands, SED). Nas eleccións rexionais de outubro de 1946, o SED obtivo aproximadamente o 50% dos votos nos estados da zona soviética. En Berlín, que se atopaba dividida, o SPD opúxose á unificación e presentouse en solitario, obtendo o 48,7% dos votos, mentres a SED foi derrotado co 19,8%, quedando por baixo do SPD e a CDU. Cinco semanas despois da proclamación da occidental República Federal de Alemaña, o 7 de outubro de 1949, a Comisión Económica Alemá (DWK) formou un goberno provisional e proclamou o establecemento da República Democrática Alemá. O comunista Wilhelm Pieck foi elixido o seu primeiro Presidente.

Os primeiros anos (1949-1954)[editar | editar a fonte]

Politbüro do SED, 1955. No centro, sentados: Ulbricht, Pieck e Grotewohl.

O SED controlaba a coalición da Fronte Nacional, unha federación de todos os partidos políticos e organizacións de masas que preservaba o pluralismo. A Constitución de 1949 formalmente establecía unha República federal democrática e creaba a Cámara dos Estados e a Cámara do Pobo (Volkskammer). A Volkskammer, de acordo coa Constitución, era o órgano supremo do Estado, investido de soberanía lexislativa. A elección do Volkskammer e dos Consellos de Estado (máis tarde substituídos polos Consellos de Distrito) baseábase nunha lista única da Fronte Nacional; os votantes podían expresar a súa aprobación ou non.

O 3er Congreso do SED en xullo de 1950 elixiu a Walter Ulbricht primeiro secretario e salientou o progreso industrial. O sector industrial, empregando ao 40% da poboación activa, foi suxeito dunha profunda nacionalización, co resultado da formación das Empresas do Pobo (alemán: Volkseigene Betriebe, VEB). Estas compañías supuñan o 75% do sector industrial. O primeiro Plan Quinquenal (1951-1955) introduciu a planificación estatal centralizada; marcou altas cotas de produción para a industria pesada e incrementou a produtividade.

Poste fronteirizo da RDA.

Stalin morreu en marzo de 1953. En xuño, o SED, confiando en dar aos traballadores uns mellores niveis de vida, anunciou o Novo Curso. O Novo Curso en Alemaña Oriental estaba baseado na política económica iniciada por Georgy Malenkov na Unión Soviética. A política de Malenkov, que buscaba unha mellora dos niveis de vida, marcaba un xiro no investimento cara á industria lixeira e comercial e un maior abastecemento de bens de consumo. O SED, co obxectivo de virar a énfase económica da industria pesada aos bens de consumo, iniciou un programa para aliviar as dificultades económicas. Isto levou a unha redución das cotas e as taxas, a posibilidade de créditos estatais ás empresas privadas, e un aumento na asignación de material de produción.

Cando o Novo Curso incrementou os bens de consumo que os traballadores podían obter,[1] as cotas de produción atopábanse aínda altas. Cando as cotas de traballo foron aumentadas en 1953, levou ao Levantamento do 17 de xuño de 1953. Folgas e manifestacións sucedéronse nos grandes centros industriais. Os traballadores demandaban a diminución das cotas e o aumento dos salarios. A Volkspolizei e o Exército Vermello impediron a insurrección, na que morreron aproximadamente 100 persoas.

En 1954, a URSS garantiu oficialmente a soberanía de Alemaña do Leste, e a Comisión de Control Soviética en Berlín foi disolta. Aquel ano finalizaron os pagos das reparacións de guerra, e as SAGs pasaron a propiedade estatal alemá oriental. O cinco estados que constituían a zona de ocupación soviética disolvéronse e foron substituídos por quince distritos (Bezirke) en 1952; Estados Unidos, Gran Bretaña e Francia non recoñeceron ao décimo quinto distrito, Berlín Oriental. Alemaña Oriental comezou a participar activamente no Consello de Axuda Mutua Económica (CAME ou COMECON) en 1950. En 1956 creouse o Exército Nacional Popular (Nationale Volksarmee, NVA), e a RDA entrou a formar parte do Pacto de Varsovia.

Política económica (1956-1975)[editar | editar a fonte]

En 1956, no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética, o seu primeiro secretario Nikita Khrushchev repudiou o estalinismo. Naquel momento, un sector da intelectualidade académica dentro do SED demandaba reformas. Con este obxectivo, Wolfgang Harich redactou un programa defendendo cambios radicais en Alemaña Oriental. A finais de 1956, el e os seus partidarios foron rapidamente purgados das filas do partido.

Billete de 100 marcos da RDA coa efixie de Karl Marx

O Pleno do Comité Central do SED de xullo de 1956 confirmou o liderado de Ulbricht e presentou o segundo Plan Quinquenal (1956-1960). O plan levaba como lema "modernización, mecanización e automatismo" para salientar o novo enfoque no progreso tecnolóxico. No Pleno, anunciouse a intención de desenvolver enerxía nuclear, e o primeiro reactor nuclear de Alemaña Oriental foi activado en 1957.

O segundo Plan Quinquenal impulsou a Alemaña do Leste a acelerar os seus esforzos cara á colectivización agrícola e para completar a nacionalización do sector industrial. O Plan atopou dificultades, e foi substituíuno por un Plan a sete anos (1959-1965). O novo Plan aspiraba a conseguir alcanzar a produción per cápita de Alemaña Occidental para finais de 1961, lanzar maiores cotas de produción, e convocou a incrementar nun 85% a produtividade laboral.

O índice anual de crecemento económico deixou de caer e estabilizouse despois de 1959. A Unión Soviética recomendou entón a Alemaña Oriental aplicar as reformas que o economista soviético Evsei Liberman, que defendía o principio de obtención de beneficios e outros principios do mercado para as economías planificadas. En 1963, Ulbricht adaptou as teorías de Liberman e introduciu o Novo Sistema Económico (NES), unha reforma económica que introduciu un grao de descentralización nas decisións e criterios de mercado. O NES tentou crear un sistema económico eficiente e transformar á RDA nunha nación industrial líder.

Walter Ulbricht nun timbre postal da República Democrática Alemá.

Baixo o NES, a tarefa de establecer o futuro desenvolvemento económico foi asignada á planificación central. A descentralización implicou a transferencia parcial da toma de decisións da Comisión de Planificación Estatal e o Consello Económico Nacional ás Asociacións de Empresas do Pobo (Vereinigungen Volkseigener Betriebe, VVBs). As autoridades da planificación central lanzaban obxectivos de produción xerais, pero cada VVB determinaba o seu propio financiamento interno, utilización da tecnoloxía, e colocación da forza de traballo e os recursos. Como corpos intermediarios, as VVBs funcionaban ademais para sintetizar a información e as recomendacións dos VEBs. O NES estipulaba que as decisións produtivas debían facerse baixo as bases da obtención de beneficios, que os salarios reflectisen a produtividade, e que os prezos respondesen o abastecemento e a demanda.

Ulbricht lanzou en 1968 unha campaña para convencer aos países do COMECON de intensificar o seu desenvolvemento económico "polos seus propios medios". Internamente, a RDA substituíu o NES co Sistema Económico do Socialismo (ESS), que se enfocou nos sectores tecnolóxicos desenvolvidos para facer posible o crecemento autosuficiente. En xeral, a planificación centralizada se re-introduciu nos chamados sectores clave, que incluían as industrias electrónicas, químicas e plásticas. Os combinados electrónicos foron formados para integrar industrias enteiras nunha cadea de produción. Os subsidios a prezos restablecéronse para acelerar o crecemento nos sectores favorecidos. O plan anual para 1968 impuxo cotas de produción nas industrias clave un 2,6% máis altas que no resto de sectores para alcanzar o crecemento industrial nestas áreas. O Estado lanzou os obxectivos de 1969-1970 para a tecnoloxía especializada mesmo máis altos. O fracaso en alcanzar os obxectivos do ESS derivou no esforzo reformista de 1970.

A Tarefa Principal, introducida por Honecker en 1971, formulou a política interior para os anos 70. O programa re-salientaba no marxismo-leninismo e a loita internacional de clases. Durante este período, o SED lanzou unha masiva campaña de propaganda de carácter obrerista. A Tarefa Principal rescatou o obxectivo económico de progreso industrial, pero este obxectivo debía ser conseguido dentro do contexto da planificación estatal centralizada. O socialismo de consumo, o novo programa establecido na Tarefa Principal, foi un esforzo para magnificar o chamamento ao socialismo ofrecendo unha especial consideración ás necesidades materiais da clase traballadora. O Estado reorientou a política salarial e deu máis atención a incrementar o abastecemento de bens de consumo.

Así mesmo acelerouse a construción de novas vivendas e a renovación dos apartamentos existentes; o 60% das casas novas e renovadas foi asignado a familias obreiras. Os alugueres, que estaban subsidiados, permaneceron extremadamente baixos. Debido a que as mulleres constituían preto do 50% da forza laboral, as facilidades do coidado de nenos, incluíndo gardarías e clínicas, incrementáronse para os fillos das nais traballadoras. As mulleres obreiras recibían subsidios de maternidade que duraban entre seis meses e un ano. O Estado incrementou tamén as pensións.

Política exterior (1967-1975)[editar | editar a fonte]

XXV Aniversario da RDA, Berlín, 1974.

A política exterior de Ulbricht entre 1967 e 1971 respondeu o comezo da época da distensión co Oeste. Aínda que isto ofreceu a Alemaña do Leste a oportunidade de superar o seu illamento en política exterior e gañar o recoñecemento de Occidente como Estado soberano, o líder do SED era remiso a perseguir unha política de achegamento a Alemaña Occidental. As dúas Alemañas conservaran o obxectivo da futura unificación; con todo, ambas continuaban irreconciliables por mor dos seus propios sistemas políticos. A Constitución de 1968 proclamou a vitoria do socialismo e remarcou o obxectivo nacional da unificación baixo liderado comunista.

A finais dos anos 60, Ulbricht fixo do Consello de Estado o principal órgano gobernamental. O Consello, de 24 membros, multipartidista, encabezado por Ulbricht e dominado polo quince representantes do SED, xerou unha nova época de conservadorismo político. As políticas tanto interior como exterior dos anos finais da época Ulbricht reflectiron unha forte determinación cara a unha estratexia agresiva cara ao Oeste. En 1967 propuxo a Checoslovaquia, Polonia, Hungría e Bulgaria asinar tratados de asistencia mutua bilaterais con Alemaña Oriental. A Doutrina Ulbricht, por tanto asinada por estes países, determinoulles a rexeitar a normalización de relacións con Alemaña Occidental a menos que Bonn recoñecese formalmente a soberanía da RDA.

En agosto de 1970, a Unión Soviética e Alemaña Occidental asinaron o Tratado de Moscova, no cal os dous países acordaban basearse na non-agresión nas súas relacións, protexer a seguridade europea e internacional e confirmar a Liña Oder-Neisse. Moscova presionou por tanto a Alemaña Oriental para comezar negociacións con Alemaña Occidental. Ulbricht resistiuse, debilitando aínda máis o seu liderado, que fora danado polo fracaso do ESS. En maio de 1971, o Comité Central do SED elixiu a Erich Honecker para suceder a Ulbricht como primeiro secretario do Partido.

Leonid Brezhnev e Erich Honecker nun selo da RDA con motivo dunha visita do primeiro ao país.

Honecker combinou a lealdade cara á Unión Soviética coa flexibilidade cara á distensión. No 8º Congreso do Partido, en xuño de 1971, presentou o programa político para a nova etapa. Na súa reformulación da política exterior da RDA, Honecker renunciou ao obxectivo dunha Alemaña unificada e adoptou a posición ideolóxica defensiva do Abgrenzung (demarcación ou separación). Baixo este programa, o país definíase como un "Estado socialista" diferenciado e salientaba a súa alianza coa Unión Soviética. O Abgrenzung, defendendo a soberanía da RDA, contribuíu en cambio ao éxito das negociacións da détente que levaron ao Acordo de Berlín en 1971 e ao Tratado Básico con Alemaña Occidental en decembro de 1972.

O Acordo de Berlín e o Tratado Básico normalizaron as relacións entre a RDA e a RFA. O Acordo de Berlín (efectivo en xuño de 1972), asinado por Estados Unidos, Reino Unido, Francia e a Unión Soviética, protexía o comercio e as viaxes entre Berlín Oeste e o resto da RFA e animaba a aumentar as comunicacións entre Berlín Leste e Berlín Oeste. A URSS estipulou, no entanto, que Berlín Occidental non sería incorporada oficialmente a Alemaña Occidental. O Tratado Básico (efectivo en xuño de 1973) recoñecía politicamente os dous Estados alemáns, e os dous países prometeron respectar a soberanía do outro. Baixo os termos do tratado, serían intercambiadas misións diplomáticas, establecidas relacións comerciais, turísticas, culturais e de comunicacións. En setembro de 1973, ambos os países uníronse ás Nacións Unidas, e debido a iso a RDA recibiu un recoñecemento internacional sen precedentes.

Desde mediados dos anos 70, a RDA estabilizábase nas relacións Leste-Oeste. A emenda de 1974 á Constitución eliminou todas as referencias á Nación alemá e á unidade alemá e definiu a Alemaña Oriental como unha Estado-nación socialista de obreiros e campesiños e unha parte constituínte inseparable da comunidade de países socialistas. Como parte da distensión xeral entre Leste e Oeste, a RDA participou na Conferencia sobre Seguridade e Cooperación en Europa en xullo de 1975, asinando o Acta Final de Helsinqui, que pretendía garantir o recoñecemento dos dereitos humanos.

Política interior (anos 1970)[editar | editar a fonte]

Garda de Honra do Rexemento Friedrich Engels no Monumento ás vítimas do fascismo e o militarismo.

Ámbalas Alemañas continuaron unha procura de identidade nacional, pero aínda que para Alemaña Occidental foi máis sinxelo fundar a súa identidade asumindo practicamente toda a tradición histórica alemá, para a RDA este proceso foi moito máis difícil. Dende o principio, a recentemente formada RDA tentou establecer a súa propia identidade separada, deixando de lado diversos elementos históricos característicos que non eran conformes cun Estado de ideoloxía comunista. Sobre todo, debido á antiga crítica marxista do militarismo de Prusia, o SED repudiaba toda posible "continuidade" entre Prusia e a RDA, aínda que xeograficamente o territorio da RDA comprendía na práctica a maior parte do antigo reino prusiano. No seu lugar, enfocouse na herdanza progresista da Historia de Alemaña, incluíndo o papel de Thomas Müntzer na guerra dos campesiños alemáns do século XVI, e o papel xogado polos heroes da loita de clases durante a industrialización de Prusia, deixando de lado a outras figuras da historia alemá, aínda que preservando no posible aos líderes intelectuais máis destacados e indiscutiblemente alemáns como Schiller ou Goethe. Asímismo reivindicou ao outrora criticado clérigo Martiño Lutero xunto aos fundadores do KPD e heroes da Revolución de Novembro de 1918, Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg.

O 10º Congreso do Partido, que tivo lugar en abril de 1981, centrouse na mellora da economía, estabilizar o sistema socialista, conseguir éxitos en política exterior e fortalecer as relacións con Alemaña Occidental. Presentando o SED como a forza dirixente en todas as áreas da sociedade alemá oriental, o secretario xeral (posto que substituíu ao de primeiro secretario en 1976) Honecker salientou a importancia de educar a cadros leais para asegurar a posición do Partido. Anunciou que máis dun terzo de todos os militantes e candidatos electorais e preto de dous terzos dos secretarios do Partido completaran un curso de estudos superiores e que catro quintos dos secretarios recibiran formación nunha escola do Partido durante máis dun ano.

Afirmando que unha relaxación do centralismo democrático era inaceptable, Honecker salientou nun ríxido centralismo dentro das filas do Partido. Subliñando o curso xeral tomado polo SED, o Congreso confirmou a unidade da política social e económica de Alemaña Oriental na fronte interna e o seu absoluto aliñamento coa Unión Soviética na fronte exterior. De acordo co pronunciamento último, o SED aprobou a intervención soviética en Afganistán, aínda cando isto significou que a RDA queda diferenciada da posición tomada polos comunistas iugoslavos, romaneses e italianos, que criticaron a acción da URSS.

O Comité Central do SED, que durante os anos 60 fora un órgano consultivo, foi reducido á función de aclamador durante o 10º Congreso do Partido. O Politbüro e o Secretariado permaneceron na súa meirande parte sen cambios. Á parte dos acordos políticos, o Congreso analizou o novo Plan Quinquenal (1981-1985), chamando a maior produtividade, máis uso eficiente dos recursos materiais, e produtos de mellor calidade. Aínda que o plan previo non fora alcanzado, o Congreso lanzou de novo obxectivos moi ambiciosos.

Estancamento e caída (1975-1989)[editar | editar a fonte]

XI Congreso do SED, Berlín, 1986.

Debido á forte tradición alemá de beber café, as importacións de café eran unha das máis importantes para os consumidores. Unha masiva alza nos prezos do café entre 1976 e 1977 causou algúns problemas financeiros á RDA, debilitando bastante a súa divisa. Como resultado diso, no verán de 1977 o Politbüro retirou as marcas máis baratas de café das tendas, limitando o seu uso a restaurantes, e retirou a súa provisión de oficinas públicas e empresas estatais. Para substituír esta situación, introduciuse un novo tipo de café, o Mischkaffee (café mixto), que era 51% café e 49% unha mestura de chicoria, centeo e remolacha. Evidentemente, o novo café foi detestado amplamente polo seu mal sabor, coñecéndose esta situación como a Crise do Café. A crise pasou tras 1978 á vez que os prezos do café comezaron a caer de novo, e a RDA asinaba un acordo con Vietnam, un dos maiores produtores de café do mundo.

Unha vez entrando nos anos 80, á vez que as circunstancias políticas, a crecente débeda externa da RDA levou á crise que acabaría co colapso da RDA. A débeda continuou crecendo ao longo da década até exceder os 40 billóns de marcos a Occidente, unha suma non astronómica en termos absolutos (o PIB da RDA era duns 250 billóns de marcos) pero moito maior en relación á súa capacidade para exportar suficientes bens ao Oeste como para conseguir a divisa forte que pagase a débeda. En outubro de 1989 un proxecto presentado ao Politbüro proxectaba a necesidade de incrementar as exportacións de ao redor de 2 billóns de marcos en 1990 a 11 billóns en 1995, se se querían estabilizar os niveis da débeda. En agosto de 1989, o goberno reformista de Hungría suprimiu as restricións fronteirizas con Austria, o que supuña primeira brecha no chamado Telón de Aceiro.

XL Aniversario da RDA, Berlín, 1989.

Ignorando os problemas que ameazaban ao país, Honecker e o resto do Politbüro celebraron o 40º aniversario da RDA en Berlín Leste o 7 de outubro. Como en celebracións anteriores, os soldados marcharon en desfile xunto aos tanques e mísiles, para mostrar o poderío militar da República. A mesma noite do 7 de outubro, comezaban as primeiras manifestacións multitudinarias en Berlín Oriental. Estas manifestacións, demandando liberdade de expresión e prensa, incrementaron a presión. Nun intento de aplacar as protestas, o Politbüro cesou a Honecker o 18 de outubro e substituíuno polo máis novo e menos intransixente Egon Krenz.

Con todo, o 7 de novembro o primeiro ministro Willi Stoph e todo o seu goberno dimitían, e o 9 de novembro o Muro de Berlín caía (un termo común para a apertura das fronteiras, os primeiros intentos de derrubar tramos da barreira e a entrada de alemáns orientais en Berlín Oeste, onde o goberno de Helmut Kohl entregoulles 100 marcos occidentais como agasallo de benvida). Neste contexto o sistema comezaba a colapsar. A Volkskammer votou o 1 de decembro abolir a cláusula constitucional que garantía o papel dirixente do SED no Estado. Egon Krenz, á cabeza do Politburó e o Comité Central en pleno, dimitiron dous días despois. Pouco máis tarde, dirixentes partidarios da Perestroika como Gregor Gysi, Lothar Bisky ou Hans Modrow tomaron a dirección do SED, celebrando un Congreso que os refundaba como Partido do Socialismo Democrático (PDS).

Aínda que nun principio buscábanse reformas preservando o carácter socialista do Estado, e mesmo houbo intentos de manter a RDA como país, os únicos grupos organizados que presionaron e gañaron o papel dirixente foron os que defenderon a reunificación con Alemaña Occidental, a pesar de que nun principio o goberno da RFA era remiso a esta situación. O 18 de marzo de 1990 celebráronse eleccións á Cámara do Pobo, as últimas da RDA: os democristiáns de Kohl e os seus aliados venceron amplamente cun 48% dos votos; os socialdemócratas obtiveron un 22% e o SED-PDS un 16%. Lothar de Maizière foi elixido primeiro ministro e comezouse o proceso da reunificación alemá. O 1 de xullo uníase o sistema financeiro e o 3 de outubro se reunificaban oficialmente os dous países na República Federal de Alemaña, sendo a RDA o primeiro país do bloque oriental en unirse á Unión Europea.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Sesión da Volkskammer en 1990.

Nos anos comprendidos entre o final do conflito e a fundación da nova República, organizouse nesta zona o Partido Socialista Unificado de Alemaña (Sozialistische Einheitspartei Deutschlands, SED). O SED foi impulsado polas organizacións orientais do Partido Comunista de Alemaña (KPD) de Wilhelm Pieck e o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) de Otto Grotewohl. O SED impulsou a creación e potenciación dunha organización xuvenil vinculada ao devandito partido, a Mocidade Libre Alemá (Freie Deutsche Jügend, FDJ) e unha central sindical, a Federación Alemá de Sindicatos Libres (Freier Deutscher Gewerkschaftsbund, FDGB). O SED chegou a contar con 2,8 millóns de militantes.

A Fronte Nacional de Alemaña Democrática (en alemán: Nationale Front des Demokratischen Deutschland) foi unha Fronte Popular conformado por partidos políticos e organizacións de masas da República Democrática Alemá que, a pesar de estar dominado politicamente polo Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED), presentaba unha lista única ás eleccións da Cámara do Pobo con candidatos de todos os seus membros: Partido Socialista Unificado de Alemaña, Federación Alemá de Sindicatos Libres, Unión Demócrata Cristiá, Partido Liberal Democrático de Alemaña, Partido Democrático Campesiño de Alemaña, Partido Nacional Democrático de Alemaña, Mocidade Libre Alemá, Federación de Mulleres Democráticas de Alemaña, e Asociación Cultural da RDA.

A creación do Congreso Popular (Volkskongress) foi impulsada por estas organizacións, o cal redactou a Constitución de 1949. Esta Constitución non definía ao Estado como socialista, e instituía o multipartidismo e a propiedade privada. Até 1968 non sería redactada unha Constitución que definía ao Estado como socialista e elevaba ao rango de constitucional a economía nacionalizada e planificada. Como o resto de partidos comunistas os seus órganos dirixentes eran o Congreso, o Comité Central e o Politbüro.

Trala caída do Muro de Berlín o 9 de novembro de 1989, o SED refundouse no Partido do Socialismo Democrático (en alemán: Partei deas Demokratischen Sozialismus, PDS), que actualmente ostenta un 25% dos votos de media nos Estados de Alemaña oriental baixo a denominación die Linke (do alemán: A esquerda). Así, as estruturas de poder da RDA fóronse diluíndo e como consecuencia desta situación celebráronse as últimas eleccións da historia da RDA o 18 de marzo de 1990, resultando vencedores os democristiáns co 41,8% dos votos e 192 escanos. Os socialdemócratas (SPD) obtiveron 88 escanos, O SED 66 e a Alianza 90, 12. Formouse un goberno non socialista cuxa única tarefa foi conseguir a integración na República Federal de Alemaña en outubro de 1990 e por tanto, a disolución da República Democrática Alemá.

Poder executivo[editar | editar a fonte]

Otto Grotewohl

Respecto ao poder executivo, a Cámara do Pobo tiña sobre o papel amplos poderes, xa que elixía aos Consellos de Estado e de Ministros e ao secretario do Comité de Defensa Nacional. Estes eran os organismos que rexían o Goberno da República Democrática Alemá teoricamente. Na práctica, as principais decisións políticas de poder proviñan do Comité Central e o Politbüro do SED, cuxo secretario xeral era a principal fonte de poder do Estado.

Principais dirixentes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]