O termo "Holstein" deriva do saxón antigoHolseta Land e referíase á tribo central das tres tribos saxoas ao norte do río Elba, Tedmarsgoi, Holstein e Sturmarii. O termo "Schleswig" vén da cidade de Schleswig. O Ducado de Schleswig foi orixinariamente parte de Dinamarca. Tanto Schleswig como Holstein pertenceron ao longo da súa historia en parte ou completamente tanto a Dinamarca como a Alemaña e mesmo foron virtualmente independentes de ambos. A excepción é que Schleswig non formou parte nunca de Alemaña ata a Segunda Guerra de Schleswig en 1864.
O nacionalismo alemán que seguiu ás guerras napoleónicas impulsou un forte movemento popular en Holstein e no sur de Schleswig para a unificación con Prusia. Este movemento foi tamén forte en Dinamarca e no norte de Schleswig reclamando a reintegración de Schleswig no reino de Dinamarca.
Tralo fin da guerra Austro-Prusiana en 1866 acordouse que o pobo do norte de Schleswig sería consultado nun referendo sobre a súa permanencia en Prusia ou volver a Dinamarca. A condición, porén, non foi cumprida. A derrota de Alemaña na primeira guerra mundial os aliados organizaron finalmente o referendo. No norte (10 de febreiro de 1920) os partidarios da unificación con Dinamarca lograron o 75% dos votos. No Schleswig central (14 de marzo de 1920) o 80% votou por Alemaña. No sur non se levou a cabo plebiscito ningún.[1] O 15 de xuño de 1920 o norte de Schleswig volveu a Dinamarca. Esta fronteira foi a única das impostas no Tratado de Versalles que non foi desafiada por Adolf Hitler.
Trala segunda guerra mundial, a provincia prusiana de Schleswig-Holstein entrou na área de ocupación británica. O 23 de agosto de 1946 o goberno militar aboliu a provincia e reconstituíuna como Land separado.[2] Debido ás migracións forzosas de alemáns entre 1944 e 1950 a poboación do estado incrementouse nun 33% (860000 persoas).[3]
Schleswig-Holstein localízase na base da península de Xutlandia entre o mar do Norte e o mar Báltico. Na parte occidental do estado as terras baixas non teñen outeiros. Xunto coas Illas Frisoas Setentrionais forma o Nationalpark Schleswig-Holsteinisches Wattenmeer, que é o maior parque nacional de Europa Central.
A costa do mar Báltico está marcada polas baías, fiordes e cantís.
Schleswig-Holstein é o estado líder na industria das enerxías renovables de Alemaña.[4] En 2014 converteuse no primeiro estado alemán en cubrir o 100% da súa demanda de enerxía con estas enerxías (especialmente eólica, solar e de biomasa).[5]