Fidel Diéguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fidel Diéguez
Nacemento1956
 O Saviñao
Falecemento22 de marzo de 2013
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e enxeñeiro
FillosUxío-Breogán Diéguez Cequiel
editar datos en Wikidata ]

Fidel Diéguez Díez, nado no Saviñao en 1956 e finado en Santiago de Compostela o 22 de marzo de 2013, foi un enxeñeiro e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1961 a súa familia instalouse en Madrid, onde se formou académica e intelectualmente. Cursou Enxeñería Industrial e Enxeñería en Telecomunicacións na Universidad Politécnica de Madrid. Fixo parte dos ambientes culturais e políticos do Madrid antifranquista, participando na Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid, así como do Club de Amigos da UNESCO. Nese ambiente coñeceu a Ramón Muñiz de las Cuevas e a Bautista Álvarez, e cara a 1974 ingresou na Unión do Povo Galego e no 1975 na Asemblea Nacional-Popular Galega. Foi un dos primeiros membros da Agrupación Cultural Lóstrego (logo Irmandade Galega-Lóstrego), centrada na posta en valor da cultura galega entre a comunidade galega asentada en Madrid, procurando a súa politización en chave galeguista.

Exerceu como docente no ensino medio en varios centros fóra de Galiza (Madrid, Valladolid...), asentándose no IES Campo de San Alberto (Noia) en 1992, após o seu traslado definitivo a Galiza. No ámbito sindical formou parte da Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG), no seo da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), logo CIG-Ensino no marco da Confederación Intersindical Galega, da que foi delegado electo durante anos.

Asentado en Galiza no curso 1992-1993, participaría activamente en Noia do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no que militaría desde a súa fundación. Desta organización foi concelleiro na lexislatura 1999-2003 e na 2003-2007, sendo cabeza de lista local da formación nacionalista.

Após 2007, Fidel Diéguez centrou o seu traballo no ámbito profesional como docente, así como no ámbito político-cultural, sendo impulsor do Centro Social Roi Soga de Lobeira (2007-2010). No ámbito político foi nesta etapa cofundador do Movemento pola Base (MpB) e logo, por volta do 2009, do Movemento Galego ao Socialismo (MGS).

En marzo de 2013 falecía por mor dun cancro, contra o que loitara desde a primavera de 2012.

É pai do historiador e docente Uxío-Breogán Diéguez.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]