Historia de España: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Liña 65: Liña 65:
== Dominio árabe ==
== Dominio árabe ==


[[711]], [[Tariq]], gobernador musulmán de [[Tánxer]], vence os partidarios de [[don Rodrigo]] na [[batalla de Guadalete]].
[[711]], [[Tariq]], gobernador musulmán de [[Tánxer]], vence ós partidarios de [[don Rodrigo]] na [[batalla de Guadalete]].


[[718]] os musulmáns entran en [[Pamplona]].
[[718]] os musulmáns entran en [[Pamplona]].

Revisión como estaba o 21 de agosto de 2013 ás 19:13

Malia que non se pode falar de historia de España como tal até a fundación do estado español, este artigo refírese á historia dos territorios que ocupa actualmente.

Prehistoria

Artigo principal: España prehistórica.

Período magdaleniano

Hai entre 25.000 e 12.000 anos fixéronse pinturas rupestres en Pinal, Peña de Cándamo, El Pendal, Pasiega, Ribadesella e Altamira. Os grupos humanos estaban organizados en torno á familia. Economía de caza e recolección.

Neolítico

Dolmen de Menga, sur de España.

Xorden a gandería e a agricultura o que propicia os primeiros asentamentos sedentarios. (Véxase arqueoloxía, antropoloxía, palinoloxía e antracoloxía). Foi tamén neste período cando se produciu un importante aumento da poboación.

7.000 ó 3.000 a. C. desigual desenvolvemento da revolución neolítica, sobre todo debido á particular xeografía ibérica. Así, na Meseta chegaron os cambios de xeito máis tardío que nas costas andaluzas, levantinas e catalás. Unha característica salientable desta época é o singular traballo da cerámica na ribeira do Mediterráneo. Os adornos dos instrumentos cerámicos estaban feitos, na súa meirande parte, con cunchas. A súa economía estaba baseada principalmente no troco.

Idade do ferro

No século IX a. C. pobos celtas procedentes de Europa central entran na península atravesando os Pireneos. Ata o século V a. C. non paran de chegar novos pobos celtas como: belones, perendones, sefes, lugones e belgas.

España prerromana

Colonización grega, fenicia e cartaxinesa

Arredor do 1100 a.C. fúndase a colonia fenicia de Gadir (Cádiz). Expansión nos seguintes anos polo Baixo Guadalquivir ata Estremadura. As colonias fenicias comezaron sendo portos fortificados. Pouco a pouco co aumento do comercio cos indíxenas comezan a fundar vilas no interior.

Tartessos (séc. IX a.C. - VI a.C.), primeira nación urbana e centralizada (Monarquía) da península. Época: baixo bronce. Lugar: Andalucía Occidental. Reis coma Argantonio utilizaban a guerreiros mercenarios celtas para afirma-lo seu poder. Economía baseada nas minas e o comercio con gregos e fenicios. Relixión semítica ó estilo fenicio. Culto á deusa Astarté de Tiro (Líbano) (a Ishtar dos Babilonios). O reino establécese na desembocadura do río Guadalquivir, no triángulo formado por Sevilla, Huelva e Cádiz. Trala decadencia do século VI a. C. ese reino herdaríano os turdetanos, xa so a influencia cartaxinesa. Destacan os xacementos de Lora del Río, Camas (Sevilla), Riotinto (Huelva) e o santuario de Cancho Roano en Zalamea de la Serena (Badajoz).

Século VI a.C. fundación de Emporion (Ampurias) polos gregos fóceos. Competición comercial entre gregos e fenicios. Acúñase moeda por primeira vez na península.

Séculos VI ó III a. C. Cartago domina as colonias fenicias ibéricas.

No ano 238 a. C. Cartago, seguindo unha política de expansión imperialista, manda a Amílcar Barca desembarcar en Gadir. Atopa resistencia turdetana. O seguinte xeneral, Asdrúbal consegue o recoñecemento fronteirizo coa República Romana no río Ebro. Fundación de Cartago Nova (Cartagena).

Aníbal, fillo de Amílcar, ataca Sagunto no 219 a. C. Roma declara a guerra a Cartago, comeza a 2ª Guerra Púnica.

Dominación romana

Artigo principal: Hispania Romana.
Provincias peninsulares nos albores do Imperio.

A República Romana competindo contra o poder de Cartago no marco das Guerras Púnicas, chega no 218 a.C. á Península Ibérica. Comeza a súa conquista, que non rematará ata o 19 da nosa era. Todo este período non é uniforme, xa que ó longo de toda a dominación sempre houbo conatos de resistencia, tanto da poboación autóctona, como da pequena aristocracia hispanorromana.

O Acueduto de Segovia, importante obra de construción civil romana.

As orixes administrativas españolas parten da época romana e a súa división provincial.

209 a.C.: Declive do exército de Aníbal Barca en Italia e comezo da gran conquista de Hispania por parte de Roma. Esta anexiona a península e pártea en dúas provincias: Hispania citerior e Hispania ulterior.

Do 143 a. C. ó 139 a. C. revolta lusitana contra as lexións de Roma. Viriato alcanza gran fama como caudillo.

133 a. C. os numantinos prefiren morrer abrasados que renderen a praza fronte ás tropas de Emiliano Escipión.

27 a. C. división da península en Tarraconensis, Baetica e Lusitania.

264, os suevos e os francos chegan a Tarracino (Tarragona). Son expulsados polas tropas romanas.

409, os suevos establécense na Gallaecia.

Época xermánica

Ruralización xeralizada da sociedade. Seguindo a tónica do Baixo Imperio, as cidades seguen a perder poboación en favor do campo. Cada vez máis latifundios dependen de pequenos señores feudais que teñen o poder efectivo.

585 O rei visigodo Leovixildo faise co trono do reino de Galicia. Unión política da Península Ibérica e Septimania. 586 - 601 reinado de Recaredo, enfrontamentos cos borgoñóns na Septimania e cos bizantinos en Levante. 586, alzamento suevo comandado por Malarico. 587 Recaredo, fillo de Leovixildo, convértese ó catolicismo. Unión relixiosa da península.

633 IV Concilio de Toledo. Obriga ós xudeus a se bautizaren. Os novos reis deben ser confirmados pola Igrexa.

711, batalla de Guadalete, os musulmáns desembarcan na península e derrotan a don Rodrigo.

Dominio árabe

711, Tariq, gobernador musulmán de Tánxer, vence ós partidarios de don Rodrigo na batalla de Guadalete.

718 os musulmáns entran en Pamplona.

Na zona norte, os musulmáns só ostentan o poder nas cidades, a xeografía dificulta o cobro de impostos. Múltiples escaramuzas de resistentes visigodos contra as tropas bérberes.

722, batalla de Covadonga. Resistentes visigodos baixo o mando de don Paio rexeitan os musulmáns en Asturias.

Interior da mesquita de Córdoba, capital do califato de Al-Andalus.

773 Abderramán I proclama o Emirato de Córdoba. Autonomía plena dos musulmáns da Península Ibérica de Damasco.

929 Abderramán III proclama o Califato de Córdoba.

A resistencia de galaicos, ástures e cántabros non se diferencia moito da que opuxeron contra os romanos. De feito, nos últimos séculos apenas hai evolución nestes pobos.

A partir do século XIII só queda o reino nazarí de Granada, tributario de Castela.

Véxase

A Reconquista.
Reino de León.
Condado de Castela.

Imperio Español

Artigo principal: Imperio español.

Ver Renacemento en España

Reis Católicos, séc. XV

Co matrimonio (1474) da raíña Isabel de Castela e Fernando de Aragón, créase o primeiro goberno realmente unitario dende a época visigótica (lémbrese Recaredo Rex Hispanorum).

O 2 de xaneiro de 1492, o derradeiro rei musulmán (Boabdil) de Granada é deposto e remata A Reconquista.

O 12 de outubro de 1492, da man de Cristovo Colón, apoiado polos Reis Católicos, unha expedición descubriu América. Estaba composta por unha nao (a Santa María) e dúas carabelas (a Niña e a Pinta).

Creación do Tribunal da Santa Inquisición. Este tribunal perduraría ata ben entrado o século XIX.

Expulsión dos xudeus. Os Reis Católicos seguiron sempre unha política centralizadora e homoxeneizante.

A creación de institucións centralizadoras, tanto xurídicas como militares, converten a España nun dos primeiros estados modernos do Renacemento que abandona a Idade Media.

Forxa do Imperio

Trala morte de Isabel I (1504), Xoana como herdeira pasou a se-la nova raíña, pero Fernando de Aragón tivo que facerse co poder (rexente de Castela e Rei de Aragón) de ambos os reinos por mor do complicado estado mental da súa filla. En 1509 tomouse a decisión de encerra-la no castelo de Tordesillas. Xoana falecería o 12 de abril de 1555.

Cando morre Fernando, asume a xefatura do Estado o seu neto Carlos, pero ata 1555 seguiu figurando Xoana I como raíña legal, aparecendo o seu nome en tódolos documentos oficiais da coroa.

Carlos I

Ficheiro:Tiziano carlos i.png
Carlos I a cabalo. Tiziano.

A maior ambición de Carlos I de España (rei de 1516 a 1556) e V de Alemaña (emperador de 1519 a 1556), era a de crear un imperio universal de carácter católico. Mellor non puido empezar, xa que ós dominios españois en España, Italia e América, se unirían os dos Habsburgo, e no 1519 os estados alemáns elixiríano emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. No 1526 obtería o Milanesado (Tratado de Madrid), a finais desa década obtería as posesións do ducado de Borgoña, tras vencer unha e outra vez (Pavía, Bicoca,...) a Francisco I de Francia. Este último ducado teríao que devolver polas presións da alianza de Francia, o Papa e os príncipes italianos (Liga de Cognac).

En 1521 o levantamento comuneiro en Castela é sufocado en Villalar.

En 1532, franceses, otománs e príncipes alemáns en desacordo coa Dieta de Ausburgo (Liga de Esmalcalda), rebélanse contra Carlos. Os turcos sitian Viena e os terzos españois levantan o asedio, logo, en 1535 Carlos toma Tunes, non puidendo evitar a perda de Savoia ós franceses.

1544, paz de Crépy, Francisco I vese obrigado a rompe-la alianza con Solimán o Magnífico, emperador turco, e loitar pola unidade dos cristiáns.

1547, vitoria en Mühlberg. Henrique II, novo rei francés, alíase coa Liga de Esmalcalda.

1555, paz de Ausburgo, Carlos I recoñece o dereito á liberdade relixiosa no imperio. 25 de outubro, Carlos abdica no seu irmán e no seu fillo.

21 de setembro de 1558, morre no mosteiro de Yuste, Extremadura.

Filipe II

O 25 de outubro de 1556 Filipe II de España pasa a ser coroado rei das Españas e das Indias. Este monarca herdaría tódalas posesións do seu pai agás as do Imperio Alemán. Coma o seu pai foi o monarca máis poderoso do seu tempo. Trala anexión de Portugal reinou tamén sobre o imperio desta nación.

Unión peninsular: Vacante o trono portugués, Filipe II fillo da infanta Isabel de Portugal era o candidato máis axeitado, porén, parte da nobreza lusa defendeu a candidatura do Prior de Crato, fillo bastardo do rei Don Sebastián. O Duque de Alba cruzou a península e apareceu no territorio portugués cun inmenso exército formado por terzos de veteranos das guerras contra Francia (os "terzos de Alba"). Venceu ás tropas reunidas para defender a Crato nun paseo militar. Filipe II foi proclamado rei de Portugal nas Cortes de Thomar (1580), xurando respecta-los foros e os privilexios, tal como se viña facendo por exemplo con Aragón ou Navarra.

En 1598 Filipe morría no mosteiro-palacio de El Escorial. As súas guerras contra Francia e Inglaterra, as sublevacións dos Países Baixos e o esforzo da expansión colonial esgotaran as súas forzas e as de todo o reino. Intuíase unha próxima decadencia do imperio, pero esta tardaría case medio século en saír á superficie. Filipe II deixou como herdeiro ó seu fillo Filipe froito do seu cuarto e derradeiro matrimonio con Ana de Austria.

Decadencia

Durante o reinado dos tres últimos Austrias, so monarcas irán perdendo influenxia política pese a continuar posuindo o patrimonio real máis grande do mundo, con presenza nos cinco continentes. A corrupción da clase dirixente, as custosas aventuras militares e o parón da ciencia por mor da Igrexa serán varias das causas desta decadencia.

Aínda así, neste século XVII, España dá ó mundo a mellor literatura no chamado Século de Ouro, con persoeiros como Francisco de Quevedo, Miguel de Cervantes, Luis de Góngora, Lope de Vega...

O estilo arquitectónico predominante é o Barroco, que supón unha ruptura das formas xeometrizantes do renacentismo previo.

Filipe III

Filipe III de España, durante o seu reinado continúa a hexemonía mundial española.

Reinado de pacificación se se compara cos seus predecesores. Tensión co Imperio Otomán, República de Venecia e o dux de Savoia.

De 1601 ó 1606 a Corte establécese en Valladolid.

1609, Tregua dos doce Anos: recoñécese a independencia de Holanda. Expulsión dos mouriscos.

1618, comeza a Guerra dos Trinta Anos. España apoia ó emperador Fernando II de Austria contra o elector do Palatinado Federico V.

Filipe IV

Con Filipe IV comeza a declina-la hexemonía española.

O rei exerce de mecenas propiciando grandes logros na música, literatura, artes escénicas. Período de luxo bizantino e exaltación na corte.

Exerce o goberno Gaspar de Guzmán, máis coñecido coma conde-duque de Olivares, do 1621 ó 1643.

So 1643 ó 1665 a confidente do rei, sor Mª Jesús de Ágreda inflúe notoriamente nas decisións estatais.

1648, Paz de Munster, España perde o norte dos Países Baixos. Fin da Guerra dos Trinta Anos.

Independencia de Portugal trala derrota de Villaviciosa.

Carlos II

O reinado de Carlos II iníciase en 1675, ao rematar a rexencia de Mariana de Austria, nai de Carlos II. Entre 1677 a 1679 goberna Xoán Xosé de Austria, ségueno o Duque de Medinacelli e mailo Conde de Oropesa.

Os Borbóns e o século XVIII

Filipe V

Fernando VI

Debido ó leve retraso mental deste rei e da súa esposa, a portuguesa Bárbara de Braganza, o país foi dirixido polo primeiro ministro, o marqués da Ensenada e o Secretario de Estado José de Carvajal y Lancaster. A política exterior foi de neutralidade total, abandonando o monopolio do comercio de escravos fronte ós ingleses. Durante o seu reinado 1746 - 1759, o marqués da Ensenada promoveu a fabricación de novos buques para armada. É unha etapa de estabilidade económica.

Carlos III

Carlos IV

Século XIX

Guerra da Independencia

No marco das guerras napoleónicas, as tropas francesas piden paso franco a través de España para chegaren a Portugal, (18 de outubro de 1807). Aproveitan a debilidade nese momento e a alianza con Carlos IV para quedarse en territorio español.

Debido ó descontento popular contra o rei Carlos IV e Godoy, un levantamento popular obrígao a abdicar en favor do seu fillo Fernando, que é a súa vez retido polas tropas francesas. Napoleón nunha hábil estrataxema, proponse para mediar entre pai e fillo a cuestión sucesoria.

O 2 de maio de 1808 o alcalde de Móstoles redacta un bando pedindo a colaboración cidadá para libera-lo rei Fernando VII: A Patria está en perigo. Madrid perece vítima da perfidia francesa. Españois, acudide a salvala. A insurxencia popular contra os franceses esténdese a Madrid e de alí a outras capitais.

Ante o clima violento que se respira neses momentos na capital, os xenerais españois non se deciden a facer nada, porén, un simple capitán de artillería, Daoíz, ó ver ó pobo loitar na rúa contra os franceses, decide apoia-los seus compatriotas e levanta a súa guarnición. Só é apoiado por outro capitán, Velarde, que se une a el con outros 30 soldados e algunhas pezas de artillería. Este primeiro levantamento fracasa ante o moi superior exército de Murat.

O 4 de maio a revolta chega a Badajoz. O Comandante Xeneral de Extremadura decide levanta-la súa guarnición e enviar correos chamando á revolta. O día 9 de maio tódalas capitais de provincia rebélanse contra o exército francés.

A loita contra os franceses fíxose por medio de Xuntas Xerais, con independencia do poder rexio. Esta situación e mailo novo xeito de pensar do exército invasor que bebeu das ideas revolucionarias fan que as ideas liberais atopen o terreo disposto nun país tradicionalmente conservador como España. En 1812 proclámase en Cádiz a primeira Constitución (a 'Pepa'), que recolle os Dereitos do Home expresados pola Revolución Francesa. Trátase dunha constitución liberal moi ambiciosa.

Reinado de Fernando VII

Coa volta de Fernando VII a España (1814) restáurase o absolutismo que estará presente en todo o seu reinado (agás un pequeno período de tres anos coñecido como Trienio Liberal, 1820-1823). Foi deposta a Constitución de 1812 aprobada polas Cortes de Cádiz durante a Guerra de Independencia. Caracterízase este período por unha relativa paz internacional, e polas constantes loitas internas entre absolutistas e liberais, tomando partido Fernando VII polos primeiros. Remata o seu reinado cunha crise sucesoria (o rei só tiña unha filla), e trala súa morte en 1833 sería substituído pola súa filla Isabel II.

Desaparición das colonias

Poden citarse cinco causas como as fundamentais da emancipación das colonias continentais españolas:

  1. Influencia das ideas liberais, transmitidas á alta sociedade crioula por medio de sociedades secretas.
  2. O exemplo de prosperidade das colonias norteamericanas.
  3. A axuda de potencias rivais de España como Francia.
  4. O descontento coa política económica da Metrópole.

O motivo principal sería a invasión de España por Napoleón. Esta provocou un levantamento revolucionario nas cidades americanas, que ó principio tivo carácter de lealdade á causa española.

Arxentina proclama a súa independencia no Congreso de Tucumán en 1816 da man do xeneral San Martín. En México sería Agustín de Itúrbide o emancipador, que tras proclamarse Emperador foi fusilado e proclamada a República Federal. América Central fíxose independente baixo forma de Confederación, as chamadas Provincias Unidas de Centroamérica. Uruguai, que proclamou a independencia en 1813, foi conquistada por Brasil, aínda que logo se independiza coa axuda Arxentina.

Guerras Carlistas

En 1833, trala morte de Fernando VII e a proclamación como raíña de Isabel II, producíronse en distintos lugares levantamentos ultrarrealistas nos que se recoñecía como rei a Don Carlos (irmán de Fernando VII). Estas proclamacións dividiron aos españois en dous bandos: os carlistas e os isabelinos, e deu orixe á primeira guerra carlista. Nela dirimíase quen debía reinar en España e tamén que sistema político debía prevalecer -liberalismo (isabelinos) ou absolutismo (carlistas)- e que organización territorial debía existir -centralismo ou foralismo-.

O carlismo caracterízase pola defensa do lexitimismo ou dereito ao trono de España do infante Carlos de Borbón e dos seus descendentes, polo tradicionalismo político, relixioso e social e polo foralismo ou mantemento da organización administrativa tradicional.

Apoiaron o carlismo o clero e a fidalguía rural e tamén os campesiños das provincias vascas e de Navarra, prexudicados pola abolición dos privilexios xa que o sistema foral lles garantía a exención de impostos, autonomía administrativa e económica, limitación do poder real, restricións ao servizo militar... O exército, a burguesía e a meirande parte da poboación urbana non apoiaron ao carlismo, senón ós intereses isabelinos e liberais.

O levantamento carlista produciuse en setembro de 1833, a proclamación de Carlos de Borbón como rei só triunfou nas provincias vascas e Navarra e determinados lugares do norte de Castela, a Rioxa, o Maestrazgo e Cataluña. O exército carlista tivo como xefe a Zumalacárregui, que conseguiu sucesivas vitorias, pero fracasou e morreu ó intentar conquistar Bilbao, En 1839 o xeneral Maroto (carlista) e Espartero (isabelino) asinaron o Convenio de Vergara, no que se recomendaba ao Goberno que propuxese ás Cortes o mantemento ou a modificación dos privilexios forais, e se recoñecían os empregos e graos dos militares do exército carlista, a cambio, os carlistas aceptaban a Constitución de 1837 e recoñecían a Isabel II, Pero Carlos de Borbón non recoñeceu o acordo e a guerra continuou dirixida por Cabrera e en 1840 as derradeiras partidas carlistas abandonaron España camiño do exilio.

A segunda guerra carlista tivo lugar en 1846, pretendían a defensa dos dereitos ao trono de Carlos VI, os protagonistas non conseguiron os seus obxectivos e a represión foi moi dura.

A terceira guerra carlista comezou en abril de 1872, e tivo un amplo apoio popular nas provincias vascas e Navarra e menor en Cataluña. Os carlistas ocuparon a case totalidade do territorio vasco e navarro coa excepción das capitais, e estableceron unha sólida administración que lles permitiu resistir ata a súa derrota definitiva en 1876.

O desastre do 98

Trala desaparición da meirande parte do imperio español no primeiro terzo do século XIX. Só quedaban nos últimos anos do século as colonias africanas de Guinea, Río de Ouro e Marrocos, as americanas de Porto Rico e Cuba, e as do Pacífico Guam e Filipinas.

Cuba e Porto Rico baseaban a súa economía na exportación de produtos non transformados á metrópole. A súa economía era anticuada e soportada por man de obra semi-escrava. No caso do Caribe, España apoiaba a unha reducida oligarquía latifundista, no caso filipino, o poder e influencia residía nas ordes relixiosas e o exército colonial.

En 1895, prodúcense insurreccións independentistas en Filipinas e Cuba (José Martí). Estados Unidos apoiará a causa independentista debido a intereses económicos e estratéxicos (The back courtyard).

A guerra de Cuba iníciase co estoupido do acoirazado Maine (260 mortos), a prensa americana culpa a España e comezan as operacións militares. España é incapaz de loitar en diversos escenarios ó mesmo tempo cunha tecnoloxía desfasada fronte á americana. Prodúcense as batallas de Cavite e A Habana. España verase obrigada a recoñece-la súa derrota. En decembro de 1898 asínase a paz en París.

  • España cede Porto Rico ós EUA (hoxe segue sendo un estado libre asociado).
  • España acepta a independencia de Cuba a cambio de compensacións económicas.
  • España cede a illa de Guam.
  • España cede Filipinas, que continuarán pelexando contra os novos colonizadores e finalmente obterán a independencia en 1946.

España perdeu así o seu imperio ultramarino e tivo que asumi-la destrución de boa parte da súa frota oceánica. Pero non todo foron desgrazas. As consecuencias económicas do "desastre do 98" foron bastante boas debido a:

  • Repatriación de capitais e inversión na industria.
  • Saneamento de Facenda, en 1900 as arcas públicas mostran superávit por primeira vez en moitos anos.
  • Reforma na emisión de débeda e maior transparencia na recadación de impostos.

No entanto a perda de 50.000 vidas produce unha fonda sensación de derrota:

  • Os autores da xeración do 98 escriben de xeito crítico e realista a visión dunha España pouco ou nada imperial.
  • Comezan as propostas de reforma política (democracia baseada nas clases medias).
  • Os rexionalismos e nacionalismos reciben un pulo fundamental ("crise da idea de España").

Restauración e Ditadura 1902-1930

II República

O triunfo republicano nas eleccións locais en case tódalas grandes cidades o 12 de abril de 1931. Provoca o exilio do rei Afonso XIII, o 14 de abril proclámase a II República. Niceto Alcalá-Zamora preside o primeiro goberno provisional (formado por republicanos de esquerdas e dereitas, rexionalistas moderados e PSOE) encargado da redacción dunha constitución democrática. Oponse ó artigo que fala da laicidade do estado e é substituído por Manuel Azaña. O 14 de outubro de 1931 apróbase unha nova constitución republicana.

Bienio reformista

O 16 de decembro, Manuel Azaña volve a ser elixido presidente e encabeza un goberno de coalición republicano-socialista. Este primeiro goberno terá que loitar coa oposición da xerarquía católica e utilizar a forza pública contra os queimadores de igrexas. Pola súa banda, altos cargos do exército manifestan a súa desconformidade co novo goberno que pretendía reduci-lo número de oficiais. En setembro de 1931 o proxecto de Estatuto Vasco, apoiado por carlistas e nacionalistas vascos, é rexeitado nas Cortes Constituíntes por sobrepasa-los límites constitucionais.

O 10 de agosto de 1932 o xeneral José Sanjurjo fracasa nun intento de golpe de Estado. O 9 de setembro apróbase o Estatuto de Autonomía de Cataluña. ERC gaña as primeiras eleccións autonómicas (Francesc Maciá). O maior programa educativo da historia do país supón a construción de miles de novas escolas no rural, así como a contratación de centos de novos mestres de escola. A ensinanza establécese mixta e a materia de relixión optativa.

O paro non deixa de aumentar. Fracasa a Lei de Reforma Agraria. Insurrección de Casas Viejas. O goberno entra en crise. A oposición de dereitas está representada polo Partido Radical de Lerroux e a patronal. A oposición de esquerda está representada pola CNT que é a maior central sindical (máis dun millón de afiliados), grupos anarquistas e anarcosindicalistas e os comunistas do PCE.

Bienio radical

O goberno disolve a Cámara e convoca eleccións. Vitoria dos radicais de Lerroux, gobernarán co apoio da CEDA (Confederación española de dereitas autónomas, de Gil-Robles). Continúa a axitación social. Paralízase a reforma agraria. Gardas de Asalto expulsan a xornaleiros das terras ocupadas. Amnistíanse ós militares participantes do golpe de Sanjurjo de 1932. As xuventudes da CEDA ("Juventudes de Acción Popular"), copian trazos claramente fascistas (brazo en alto en contraposición ó puño comunista).

1 de outubro de 1934, entran tres ministros da CEDA no goberno. O PSOE convoca unha folga xeral. O presidente da Generalitat Lluís Companys (ERC) dirixe unha insurrección contra a república. Represión do exército. A UXT e a CNT proclaman a "revolución socialista" en Asturias. A Lexión ás ordes de Francisco Franco é levada a Asturias: 1.300 mortos, 3.000 feridos, 30.000 detidos. Manuel Azaña, Lluís Companys, Largo Caballero (PSOE) e outros son arrestados. O goberno suspende o Estatuto Catalán. As diferenzas entre os radicais e os extremistas da CEDA súmanse ós casos de corrupción. Son convocadas novas eleccións para febreiro de 1936.

Fronte Popular

Nas eleccións de febreiro, a Fronte Popular gaña á Coalición de Dereitas. Alcalá-Zamora preside o goberno de Azaña. En abril prodúcese unha crise de goberno. O presidente da República Dimite. Manuel Azaña pasa a se-lo novo xefe de Estado e o coruñés Santiago Casares Quiroga presidirá o goberno. Amnistía para os represaliados polo golpe de outubro de 1934.

12 de xullo, asasinato do tenente da Guarda de Asalto Castillo, instrutor das Xuventudes Socialistas. 13 de xullo, asasinato en represalia do deputado dereitista, José Calvo Sotelo.

17 de xullo de 1936, fracasa o golpe de Estado (Emilio Mola, Goded, Cabanellas, José Sanjurjo, Francisco Franco,...). O exército de África cruza á península. O día 18 declárase o estado de guerra en Sevilla e outras gornicións dos sediciosos. Comeza a guerra civil española.

Guerra Civil

Artigo principal: Guerra Civil Española

O 17 de xullo de 1936, a conspiración que se vía fraguando dende primavera faise realidade. A guarnición de Melilla sublévase anticipadamente contra o goberno central por mor de ser descuberto o golpe por axentes gobernamentais (o franquismo creará a figura da "Adiantada" para esta cidade). Seguidamente, os militares de resto do protectorado en Marrocos e o arquipélago de Canarias álzanse en armas contra a República. É nas illas Canarias onde se producen os primeiros enfrontamentos entre sindicalistas e elementos falanxistas. Ó día seguinte o golpe esténdese á península. En cidades como Barcelona as centrais sindicais comezan a pedir "armas para o pobo". Tanto o goberno de Casares Quiroga como a Generalitat néganse. Mantense á expectativa.

O golpe triunfou en:

O golpe fracasou en:

Os sublevados conservaron divisións íntegras (as de Galicia, Castela e Andalucía), e sobre todo o Exército de África (Lexión Estranxeira, Regulares...). Pola outra banda, na zona republicana, as unidades do exército quedaron desarticuladas xa que tiveron que arrestar a gran parte da oficialidade por sublevarse. Así e todo, as Forzas Aéreas e a Armada permaneceron fieis á República.

Tralo fracaso parcial da sublevación, o bando rebelde obtén éxitos iniciais:

  • Liberación do Alcázar de Toledo.
  • Toma de Irún, bloqueo da fronteira do País Vasco con Francia.

O 18 de outubro de 1936, os rebeldes chegaron a Madrid. En novembro iniciaríase a ofensiva encamiñada a toma-la capital e pór fin á guerra. Comeza a Batalla de Madrid. O goberno, partidos e sindicatos mobilizan á poboación civil baixo o lema "Non pasarán". Incorpórase á defensa de Madrid a "columna Durruti" con armamento comprado á Unión Soviética. Avións alemáns bombardean a capital de xeito indiscriminado. Combates en Cidade Universitaria, Casa de Campo e na Ponte dos franceses. Franco ordena parar a ofensiva. É a primeira "vitoria" do bando republicano: Madrid é inexpugnable. A continuación, os intentos de Franco por rodea-la capital tamén fracasan: batalla do Jarama (participan as brigadas internacionais) e batalla de Guadalaxara (na que combateron os italianos contra o Exército Popular). Malia todo, os sublevados toman Málaga.

A comezos de 1937 o peso da contenda trasládase ó norte. Unidades dirixidas dende Galicia abren o cerco a Oviedo. Cae Cantabria e País Vasco, prodúcese o bombardeo de Gernika por parte dos Stuka alemáns. Os republicanos fracasan en Aragón (batalla de Belchite).

En decembro de 1937 os republicanos liberan Teruel, que finalmente volve a caer en mans dos sublevados. O 15 de abril de 1938 os nacionalistas chegan ó Mediterráneo dende Aragón, a república queda partida en dous. En xullo de 1938, a república tentará recupera-la iniciativa no combate na batalla do Ebro, a meirande da guerra. Na que morren 100.000 persoas e mailas esperanzas da República. En inverno, os nacionalistas chegan a Barcelona. Prodúcese o maior exilio en masa da Historia de España.

En febreiro de 1939 cando os franquistas chegan á fronteira francesa, máis de medio millón de persoas fuxiran á Francia.

O coronel Casado dá un golpe de Estado en Madrid, decidido a seguir combatendo a ultranza coa esperanza de que a guerra civil quedara ligada ó inminente conflito europeo que se aveciñaba entre fascistas e demócratas máis comunistas. Prodúcense conversas entre os dous bandos, pero Franco só quere a rendición incondicional. O 28 de marzo de 1939 as tropas sublevadas entran nunha capital destruída pola aviación alemá e famenta. O 1 de abril, Franco persoalmente redacta o derradeiro parte de guerra:

"En el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército rojo, han alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado."

Ditadura

A Ditadura franquista foi un sistema antidemocrático que pretendía controlar a sociedade. Pero aínda que houbo intentos de encadrar ás masas en organizacións de apoio ao réxime -Movemento Nacional- estas nunca foron a base do sistema. A Ditadura franquista foi unha ditadura militar que tivo a súa fundamentación ideolóxica no pensamento conservador e católico español pero que incorpora elementos procedentes do fascismo italiano.

Todos os grupos políticos (falanxistas, carlistas e monárquicos) que apoiaban o réxime franquista, foron agrupados nunha única formación autorizada: o Movemento Nacional. Os sindicatos de clase foron suprimidos, creándose unha organización única para obreiros e patróns: o Sindicato Vertical.

As Leis Fundamentais tiñan un carácter constitucional e eran as normas básicas da organización do Estado, diferéncianse dous grupos: de carácter dogmático (Foro do traballo, Foro dos españois, Lei de principios do Movemento) e de carácter orgánico (Lei de Cortes, Lei de Referendo, Lei de Sucesión, Lei Orgánica do Estado).

Franco concentrou na súa persoa todos os poderes do Estado, recibiu o nome de Caudillo de España e foi considerado o símbolo e encarnación da vontade da nación española. A doutrina oficial do réxime franquista baséase no programa da Falanxe. O franquismo defendeu tanto o catolicismo e a confesionalidade do Estado como o sometemento da vida política, social e cultural ás directrices da Igrexa católica. As relacións entre a Igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse mediante a sinatura do Concordato de 1953. Nel Franco conseguía o recoñecemento polo Papa do seu goberno e obtiña os privilexios da presentación de bispos e de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio, a Igrexa obtiña: Potenciar o catolicismo; capacidade legal para adquirir, posuír e administrar toda clase de bens; restitución dunha parte dos bens eclesiásticos perdidos en pasadas desamortizacións; dereito a establecer seminarios; garantías de ensino da relixión católica; control da moral pública e competencia exclusiva de Igrexa en cuestións referidas ao matrimonio.

Durante a II Guerra Mundial España declárase neutral, pero adopta unha política simpatizante cos países do Eixe, en 1940 Franco entrevístase con Hitler en Hendaia e en 1941 con Mussolini en Bordighera. En España organízase unha cruzada contra o comunismo a través dunha expedición de voluntarios destinada á fronte soviética: a División Azul, que se integrou no exército alemán.

Illamento internacional: 1945-1953

España non foi aceptada na ONU, ao tempo que se recomendaba aos países membros da organización que rompesen as relacións diplomáticas con España. Así comezaba o cerco internacional e a oposición no exilio abrigaba a esperanza de poder restablecer un réxime democrático. Nos anos seguintes España foi expulsada de numerosos organismos internacionais. Pero a situación cambia a partir de 1947 co inicio da Guerra Fría. As potencias occidentais buscaron o apoio de todos os países anticomunistas, iniciándose cambios que foron paseniñamente acabando co illamento, aínda que o réxime seguía a ser condenado pola maioría dos países democráticos.

Recoñecemento internacional. 1953-1959

O ano 1953 foi decisivo para o recoñecemento internacional do réxime de Franco grazas ao achegamento coa Santa Sé e o Pacto cos EE UU que supuxo un triunfo para o réxime ante a opinión pública; a cambio dunha importante axuda económica, instálanse en España bases militares (Morón, Rota, Zaragoza e Torrejón). O prezo pagado por España era alto xa que o territorio español, en caso de conflitividade na área, podía ser utilizado sen consultar co seu Goberno.

En 1955, España pedía a súa admisión na ONU e integrábase en organismos económicos coma o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.

Formulación económica

Cartilla de racionamento na posguerra española.

Etapa de autarquía: Etapa que se caracteriza pola escaseza, a inflación e o estancamento da produción, cun importante desenvolvemento do mercado negro, que recibía popularmente o nome de estraperlo. Son anos de carestía a todos os niveis; como exemplos, as cartillas de racionamento para repartir e controlar os alimentos básicos e o emprego do gasóxeno como carburante substitutivo dos derivados do petróleo.

Nos anos cincuenta iníciase a recuperación económica. O Plan de Estabilización de 1959 pon en marcha unha política de estabilización, en conformidade coas directrices do Fondo Monetario Internacional. Os instrumentos para levar a cabo a planificación indicativa son os Plans de Desenvolvemento. O Primeiro plan -1963-67- crea os polos de promoción e desenvolvemento industrial; o Segundo 1968-71 pon a énfase na agricultura e o Terceiro -1972-75- que ve recortados os seus proxectos pola crise económica.

Cronoloxía:

1939 -> a fin da Guerra Civil.
1939-59 -> Autarquía.
1941 -> División Azul.
1942 -> Lei Constitutiva das Cortes.
1945 -> Illamento internacional.
1945 -> Foro dos Españois e Lei de Referendo.
1947 -> Lei de Sucesión.
1950 -> Ingreso de España na FAO.
1952 -> Ingreso de España na UNESCO.
1953 -> Acordos con EE. UU..
1953 -> Firma do Concordato coa Santa Sé.
1955 -> Ingreso na ONU, FMI, BIRD.
1956 -> España recoñece a independencia de Marrocos.
1958 -> Lei de Principios do Movemento.
1959 -> Plan de Estabilización.
1959 -> Fúndase ETA.
1964-66 -> I Plan de Desenvolvemento.
1967 -> Lei Orgánica do Estado.
1968 -> Independencia de Guinea Ecuatorial.
1969 -> Xoán Carlos, nomeado sucesor a Xefatura do Estado.
1969-72 -> II Plan de Desenvolvemento.
1972-75 -> III Plan de Desenvolvemento.
1973 -> Asasinato de Carrero Blanco.
1974 -> Congreso de Suresnes.
1975 -> Morte de Franco.

Transición e Democracia

  • 13 de novembro do 2002 o petroleiro Prestige afunde fronte as costas galegas. A maior catástrofe ecolóxica da historia do país. Durante as seguintes semanas prodúcense manifestacións contra o goberno en todo o país.
  • 11 de marzo de 2004, o maior atentado terrorista en Europa, cóbrase 192 mortos en Madrid en diversas estacións e trens. Os feridos chegan a 1.500.

Véxase tamén

Ligazóns externas