Antonio Tejero
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 30 de abril de 1932 Alhaurín el Grande |
| Morte | 25 de febreiro de 2026 Alzira |
| Ideoloxía política | Franquismo |
| Relixión | Catolicismo |
| Educación | Academia Xeral Militar Universidade Nacional de Educación a Distancia |
| Actividade | |
| Ocupación | garda civil, polícia (pt) |
| Período de actividade | 1951 |
| Carreira militar | |
| Lealdade | España |
| Rama militar | Garda Civil e xendarmaría |
| Rango militar | tenente coronel (1974–) podpolkovnik (pt) |
| Participou no conflito | golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 |
| Participou en | |
| 23 de febreiro de 1981 | golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 |
| 11 de novembro de 1978 | Operacion Galaxia |
Antonio Tejero Molina, nado en Alhaurín el Grande (Málaga) o 30 de abril de 1932[1][2] e finado o 25 de febreiro de 2026 en Alzira (Valencia),[1][3] foi un ex-militar e ex-garda civil español. Foi encarcerado e expulsado da Garda Civil por ser un dos principais xefes do golpe de Estado frustrado do 23 de febreiro de 1981 en España, popularmente coñecido como 23-F.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]Era fillo dun mestre republicano.[4]
Carreira militar
[editar | editar a fonte]En 1951, ingresou na Academia Xeral Militar de Zaragoza aos 19 anos, e ascendeu a tenente en 1955.[5] Estivo destinado en distintas localidades de Cataluña, A Cañiza (a onde chegou sendo capitán), Vélez-Málaga. En 1963, foi ascendido a comandante e foi destinado ás Palmas de Gran Canaria, e pouco despois a Badaxoz, onde disfrutou dos momentos máis tranquilos da súa carreira militar.
Foi ascendido a tenente coronel en 1974. No ano 1975, estaba na Comandancia da Garda Civil en Vitoria e o ano seguinte pasou á de Donostia-San Sebastián, onde foi destituído por negarse a rendir honores á ikurriña.[5][6] A seguir, foi trasladado a Málaga onde foi, de novo, destituído por dispersar unha manifestación que contaba co permiso do gobernador civil,[7] e que reunía demócratas de diferentes partidos e mocidades que esixían a legalización das organizacións xuvenís e a maioría de idade aos dezaoito anos. O feito costoulle un mes de arresto e o cesamento na comandancia. Estivo un tempo en Badaxoz ata ser destinado a Madrid.[5]
Operación Galaxia
[editar | editar a fonte]En Madrid, entrou en contacto con persoas de ultradereita e, en 1979, foi procesado polo intento de golpe de Estado coñecido como Operación Galaxia pola cafetaría do mesmo nome na que se reunía co capitán de Infantería da Policía Armada, Ricardo Sáenz de Ynestrillas, asasinado por ETA en 1986,[8] os comandantes de infantería Manuel Vidal Francés e Joaquín Rodríguez Solano e o capitán de Infantaría, José Luis Alemán Artiles. Xunto con coñecidos ultradereitistas como Juan García Carrés, estaban a artellar un plan para tomar A Moncloa.[4] Por este feito foi condenado a sete meses de cárcere.
Nunha carta aberta ao rei Xoán Carlos I publicada no xornal El Imparcial con anterioridade ao 23-F argumentou que "...no proxecto de Constitución hai demasiadas bandeiras facendo sombra á única e neste proxecto non van incluídos algúns valores polos que cremos paga a pena arriscar as nosas vidas. Nel non están os nosos mortos".
23-F
[editar | editar a fonte]Pouco tempo despois de saír de prisión, comezou os contactos que levarían ao seguinte intento de golpe de estado. Ás 18:23 do 23-F, ao mando duns 200 gardas civís asaltou o Congreso dos Deputados, que neses momentos celebraba a sesión de investidura como presidente do Goberno de Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo.[2][9] Secuestrou todos os deputados ata as 10 da mañá do 24 de febreiro de 1981, cando se entregou ao fracasar o intento de golpe de Estado.
En principio, Tejero pensaba apoiar coa toma do Congreso o obxectivo de axudar o xeneral Alfonso Armada a tomar o poder como presidente dun Goberno de salvación nacional, pero cando este último lle comunicou os seus plans de que nese goberno houbese representantes de tódolos partidos (incluídos socialistas, comunistas e nacionalistas), sublevouse contra o seu superior e continuou actuando pola súa conta.
É difícil saber cal foi o obxectivo final da acción de Tejero, aínda que a maioría dos autores veno incapaz de levar a cabo unha acción individual. A cuestión é aclarar se a súa acción correspondeu a un golpe de estado destinado a crear un goberno de salvación nacional co apoio da Casa Real, presidido por Alfonso Armada ou se foi un golpe militar liderado por Milans del Bosch que acabaría co estado constitucional aproveitando o baleiro de poder.[10] Segundo o propio Tejero, afirmou en 2023,[11] o rei xa acordara co Exército o goberno que se formaría, pero cando Armada lle informou dos seus plans de ter representantes de tódolos partidos no devandito goberno (incluídos socialistas, comunistas e nacionalistas), non lle permitiu entrar na cámara e continuou co secuestro, agardando un levantamento militar nas principais cidades, frustrando os plans da Casa Real e do propio Armada.
Condena e derradeiros anos
[editar | editar a fonte]Trala detención estivo en varios cárceres. Inicialmente foi preso no castelo da Palma de Mugardos á espera de xuízo e, posteriormente, foi procesado e condenado a cárcere durante 30 anos, os primeiros 15 no castelo da Palma,[12] por rebelión militar consumada.[3] En 1983, foi trasladado á prisión do Castelo de San Fernando, en Figueres (Xirona), onde era o único recluso[13] e, en 1991 foi levado a Alcalá de Henares e dende o 17 de setembro de 1993 xa gozaba do terceiro grao ou réxime aberto. O 3 de decembro de 1996, saíu en liberdade condicional,[14] o útlimo dos implicados no 23F.[13]
Foi expulsado da Garda Civil e pasou a residir entre Madrid e Torre del Mar. Escribiu cartas ao director do xornal Melilla Hoy criticando o estatuto de Cataluña de 2006.[5] Despois do cárcere recibiu algunha homenaxe de forzas de ultradereita, en Málaga, onde se berraron "vivas a Franco".[5]
Tejero morreu na súa casa o 25 de febreiro de 2026 aos 93 anos. Morreu o mesmo día no que o Goberno de España desclasificou documentos sobre o marrado golpe de Estado.[15]
Participación política
[editar | editar a fonte]En 1982 organizou dende o cárcere un efémero partido político de extrema dereita para presentarse ás eleccións xerais, Solidaridad Española, que desapareceu tralos comicios debido aos seus raquíticos resultados, pois aínda que presentou listas en 32 provincias, non acadou máis ca 28.451 votos (o 0,14%).[3][16][17]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Carmen Díez Pereira a finais dos anos 50[1] e tivo tres fillas e tres fillos. Entre os fillos tivo un crego, e outro coronel da Garda civil (sancionado). Nos seus últimos tempos vivía coa filla, en Valencia, onde foi internado e acabou morrendo.[1] A súa saúde deteriorouse o 23 de outubro de 2025, e chegou a haber fontes xornalísticas que mencionaron a súa morte.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 Téllez de Meneses, Bea (25 de febreiro de 2026). "Así era Antonio Tejero, autor del 23-F: su mujer, sus seis hijos y a lo que se dedican (uno es cura) y sus 16 nietos". vozpopuli.com (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- 1 2 Redacción (25 de febreiro de 2026). "Muere a los 93 años Antonio Tejero, el teniente coronel que dirigió el golpe del 23F". ondacero.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- 1 2 3 López-Fonseca, Óscar; Abad Liñán, José Manuel (25 de febreiro de 2026). "Muere Antonio Tejero, protagonista del intento de golpe de Estado del 23-F, el día que se desclasifican los papeles secretos". elpais.com (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- 1 2 Coll, Joaquín (25 de febreiro de 2026). "Antonio Tejero: adiós al guardián del franquismo". 20minutos.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- 1 2 3 4 5 Romero, Antonio M. (25 de febreiro de 2026). "Antonio Tejero, una vida apartada y de retiro en Málaga tras salir de la cárcel". diariosur.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ Clemente (1994), p. 113
- ↑ Clemente (1994), p. 114
- ↑ Redondo, Javier (25 de febreiro de 2026). "Muere Antonio Tejero, el ejecutor del 23-F: el peón exaltado, el golpista indomable". elmundo.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ Clemente (1994), p. 152
- ↑ Morán (2009), pp. 299-300
- ↑ Redacción (22 de outubro de 2023). "Tejero señala a Juan Carlos I por el 23-F: "Tenía preparado con Armada un Gobierno a su gusto"". elperiodico.com (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ Abelairas, B.; Peralta, C. (26 de febreiro de 2026). "Muere a los 93 años Antonio Tejero el día en el que se conocieron los documentos del 23F". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- 1 2 Redacción (25 de febreiro de 2026). "Muere Antonio Tejero, autor del intento de golpe de Estado del 23-F". 20minutos.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ "El ex teniente coronel Antonio Tejero, en libertad condicional". El Mundo (en castelán). 4 de decembro de 1996.
- ↑ Redondo, Javier (25 de febreiro de 2026). "Muere Antonio Tejero, el ejecutor del 23-F: el peón exaltado, el golpista indomable". El Mundo. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ "Detalle de Elecciones". www.elecciones.mir.es. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2009. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Ministerio do Interior. "Consulta de resultados electorales" (PDF). juntaelectoralcentral.es (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Clemente, José Carlos (1994). Historias de la transición. El fin del apagón, 1973-1981. Colección: Ciencia nº 3 (en castelán). Madrid: Editorial Fundamentos. ISBN 9788424506643.
- Morán, Gregorio (2009). Adolfo Suárez: Ambición y destino (en castelán). Barcelona: Debate. ISBN 84-8306-834-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Repiso, Luis (26/1/2006). "Tejero defiende un referéndum nacional que decida sobre el Estatut catalán" 20 Minutos (en castelán).
- Especial sobre o 23F en elmundo.es (en castelán).