Saltar ao contido

Cultura magdaleniense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Magdaleniano»)
Talla magdaleniana dunha cabeza de cabalo.

A cultura magdaleniense, ou magdaleniano[1] (noutras fontes madaleniano ou Madalenense[2]) refírese a unha das culturas arqueolóxicas mais tardías do Paleolítico superior europeo, comprendida entre arredor de 15.000 e 9.000 anos antes da nosa era[3]. O nome foi proposto por Gabriel de Mortillet a partir do asentamento prehistórico epónimo de La Madeleine, en Dordoña, Francia.

Condicións climáticas e ambientais

[editar | editar a fonte]
Paisaxe actual de taiga, con alerces, en Kolima, Siberia.

O Magdaleniano corresponde a unha etapa fría da glaciación de Würm, concretamente Würm IV, que á súa vez se subdivide en fases distintas: Dryas I (fría), oscilación de Bölling (temperada), Dryas II (fría), oscilación de Alleröd (temperada e húmida) e por último Dryas IV, sinala a etapa de cambio cara ao período actual, co desenvolvemento paulatino dos bosques e as praderías, ao tempo que algúns animais como o reno emigra cara a terras boreais. Nestas distintas fases os especialistas diferencian aínda períodos intermedios[4].

En conxunto predominou o clima moi frío, de caracteres árticos ou polares, con paisaxes de tipo tundra, cunha capa subterránea xeada, o permafrost, e de taiga, con predominio de bosques de coníferas e caducifolios. Formas correntes de vexetación de tundra dominaban a flora: liques, xuncos, ericáceas e salgueiros ananos.

O animal típico da fauna magdaleniana é o reno (Rangifer tarandus), que constituíu o herbívoro máis apreciado polos seres humanos do período: entre un 85 e un 90% das pezas capturadas no conxunto da Europa occidental[5]. Outros herbívoros típicos eran os mamuts (Mammuthus primigenius), bisontes (Bos priscus), uros (Bos primigenius), cabalos, cervos (Cervus elaphus), alces etc.; animais de montaña como a cabra montesa (Capra pyrenaica), o corzo (Capreolus capreolus) e o rebezo; un roedor de augas frías, como a auganeira (Arvicola amphibius). O litoral subministra diversos gasterópodos presentes no xacementos: son correntes diversos tipos de lapas (Patella vulgata, Patella lusitanica, Patella vulgata sautuolai), mais tamén especies árticas, hoxe desaparecidas no sur de Europa: Pecten islandicus, Cyprina islandica. Dos cursos fluviais obtéñense principalmente salmóns e troitas. Lobos, leopardos, leóns das cavernas, oso das cavernas (Ursus spelaeus) e osos pardos (Ursus arctus) e raposo (Vulpes vulpes) son os grandes carnívoros e preeiros, que conviven con outros menores. As focas mesmo aparecen representadas na arte de covas mediterráneas.

Equipamento

[editar | editar a fonte]

Instrumental

[editar | editar a fonte]
De esquerda a dereita: arpón con dentes de microlitos, arpón de dupla punta e dentes en dúas fileiras e punta de azagaia para mangar nun cabo.

Os humanos do Magdaleniano posúen un equipamento lítico análogo ao das culturas anteriores do Paleolítico Superior. Sen dúbida o aspecto máis destacado é a diminución do tamaño do instrumental de sílex, segundo avanzou o período, até constituír auténticos microlitos, sen que signifique que se abandona a peza mediana. Mais o que, sobre todo, caracteriza o período é o desenvolvemento dun vasto ferramental de material óseo (hasta, óso, marfil etc.). Os dous instrumentos, talvez fósiles directores, son azagaias e arpóns, pero están acompañados de moitos outros: propulsores (invento da etapa Solutreana, pero que agora multiplica o seu número nos xacementos), tridentes, agullas, espátulas, bastóns perforados ("Bastóns de mando"), que puideron ser utilizados como enderezadores de azagaias, subelas etc., e mesmo instrumentos de lecer, como chifros e frautas. Azagaias e arpóns acadan grandes complexidades. Das primeiras hainas de bisel único, dobre, de sección triangular, cuadrangular, oval, circular etc.[6]; os arpóns desde un suposto prototipo de madeira con dentes de puntas de sílex[7], desenvólvese en diversas fases un arpón, primeiro con dentes incipientes, logo cunha soa fileira de dentes, e por último con dobre fileira dentada; foi seguramente o intrumento favorito para matar peixe. É probábel que contasen coa primeira máquina: o arco, aínda que as probas existentes para este período son indirectas.

Reconstrución de tenda magdaleniana en Pincevet, ca. -12.000.

Xunto co desenvolvemento da tecnoloxía de instrumentos, debeu multiplicarse a tecnoloxía de "medios"[8]. Sábese que os magdalenianos dispuñan de vestimentas, semellantes ás dos esquimós. En canto ás vivendas, o habitual son as covas e abrigos, especialmente nas entradas, onde se construían habitacións semellantes a alpendres, sostidos con postes, e cubertos, ou ben preparaban directamente o chan da caverna. Dispuñan de tendas portátiles: Leroi-Gourhan escavou varias chozas temporais do Magadaleniano recente, desde 1964, en Pincevent, non lonxe de París, reconstruíndo tendas cónicas erguidas sobre pértegas, cubertas con peles; contiñan unha lareira central e restos reconstruídos como camas de peles[9]. Edificacións máis complexas téñense decuberto nas chairas de Europa Oriental e Siberia. Aquí, no sitio de Malta, a uns 100 km do lago Baikal, nun horizonte correspondente ao Magadaleniano europeo-occidental, aparecen tres tipos de habitacións: tendas duns 4 m de diámetro, con lar central, semellantes á de Pincevent; cabanas rectangulares, de 4x3 m como media, semienterradas no chan, con fogar elevado, afirmadas con laxes de pedra, e cubertas seguramente con peles fixados con hastas de reno; "casas grandes", unha de 14 m de longo x 6 m de ancho, construídas de xeito semellante ás anteriores, con varias lareiras[10]. Unha construción maior aparece no estrato superior de Kostenski, nas beiras do río Don, na chaira central rusa, con datación de 12.000 a. de C.; trátase dunha cabana de 36 x 18 m, con varias lareiras en liña, e provista de foxos de almacenamento; o principal material de construción eran grandes ósos de mamut[11].

Gravado rupestre con cervo ferido por azagaias, Cova da Peña (Candamo, Asturias)

Cazadores-recolectores

[editar | editar a fonte]

Caza, pesca e recolección constituíron as actividades económicas principais dos magadalenianos. Ocuparon practicamente toda Europa occidental. Os asentamentos principais foron colocados en puntos estratéxicos de ríos, por onde nas súas proximidades deberían pasar os grandes herbívoros que se movían en busca de pastos nos cambios de estacións (ou alternativamente entre a montaña e o val), especialmente renos, pero tamén outros, como o mamut, caso de Kostenski, e tamén para aproveitaren o paso fluvial das especies migradoras como salmóns ou anguías.

Os métodos de caza irían desde o acoso até un foxo ou un barranco ou cantil, até o uso de trampas diversas, e para os animais máis pequenos trampas axeitadas e lazos. Pero un dato seguro é que o animal grande era alanceado con azagaias, disparadas directamente pola man do cazador ou por medio de propulsores. En canto á pesca son seguros os métodos de pesca á man, lanzamento con arpóns e a pesca con anzois (consérvanse anzois variados de materiais óseos). É posíbel que existisen redes, pero non temos probas directas, o mesmo que da existencia de caneiros ou pesqueiras[12]. Nos asentamentos de litoral fican probas abundantes do consumo de moluscos de diverso tipo. Sabemos tamén da caza e do consumo de aves.

A recolección de vexetais debeu ter menos importancia neste período do que se afirma para primitivos actuais, dada a abundancia de caza. Bordes indica que con seguridade se consumiron landras, amorodos, ameixas, framboesas, arandos, amoras, castañas de auga, cenorias silvestres, acedas etc.[13]

Organización social

[editar | editar a fonte]

Dado o bo nivel de alimentación, é indubidábel un aumento da vida media e do tamaño dos grupos sociais. A partir de paralelos etnográficos os tamaños das "bandas", a agrupación inmediatamente superior á familia tense estimado en 20 a 30 membros, mais para calquera das tendas de Pincevent, calcúlase que acollerían entre 10 e 15 individuos. Para a vivenda de Kostenski, citada arriba, revélase a existencia dunha decena de lareiras, e posteriormente A. N. Rogatchev escavou outra semellante a escasos metros da primeira[14].

Isto fai supor agrupacións sociais relativamente grandes, de feito seguramente en casos aldeas fixadas por períodos quizais de varias xeracións. Alonso del Real, logo dun extenso excurso sobre as dificultades para fixar datos demográficos concretos, con suma cautela, insinúa os seguintes valores para todo o Paleolítico superior: a) pequenas familias de 5 ou 6 membros; b) veciñanzas dun centenar; unidades de traballo e culto de varios centenares; unidades de poboación, laxas, pero intercomunicadas, de varios miles de membros; a difusión "universal" de estilos de arte ofrecería unha proba[15].

Tense defendido tamén a existencia de xerarquías dentro da sociedade magdaleniana. Desde logo existe un amplo consenso que nega que houbese clases sociais en todo o Paleolítico Superior, pola contra serían sociedades igualitarias. Néganse tamén as xefaturas permanentes. Mais hai indicios de estruturas de mando: sepulcros máis ricos ou instrumentos, tipo azagaias, propulsores, arpóns e outros, mellor elaborados e con gran riqueza decorativa. Propúgnase a case segura existencia de ordes de cazadores con mandos, mais sen poder indicar como e de que maneira funcionaban[16].

Non pode negarse a especialización de funcións de certos individuos. Polo menos para as artes visuais hai un xeral acordo de que algunhas obras foron realizadas por verdadeiros especialistas, o que non implica que fose un artista puro. O mesmo pódese inferir respecto doutros saberes[17].

Ao período magdaleniano pertencen algunhas das mellores obras de arte xa non só da Prehistoria, senón da historia da Humanidade en conxunto. Nesta época realizáronse os complexos rupestres de Lascaux, Niaux, Font de Gaume, Tito Bustillo ou Altamira. Para Leroi-Gourhan supón a apoteose da arte prehistórica.

Pero as representacións artísticas non só se efectuaron nas paredes de covas senón tamén en pezas móbiles: placas, bastóns de mando, azagaias, arpóns, estatuíñas etc.

Está fóra de dúbida que as obras e as técnicas artísticas circularon ás veces entre lugares moi distantes. A caverna de Kapova, ao sur dos montes Urais, presenta temas e solucións similares ás das grutas occidentais sitas a uns 3.000 km de distancia. Máis sorprendentes resultan as estatuíñas de Venus de Krasni-Iar, preto do lago Baikal, que amosan en vulto solucións esquematizadas semellantes ás representadas en gravados da cova de La Roche, na Dordoña, Francia.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para magdaleniano.
  2. "Léxico de arqueoloxía". Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 27 de setembro de 2016. 
  3. Datas en Leroi-Gourhan, Los cazadores de la Prehistoria, páx. 111.
  4. Cfr. Jordá Cerdá, Guía de las cuevas prehistóricas asturianas, páxs. 67-70.
  5. Cfr. Campbell, Bernard, Ecología humana, páx. 140.
  6. Como os achados na cova de Sofoxó, Asturias. Cfr. Jordá Cerdá, op. cit., páx. 102.
  7. Jordá Cerdá, op. cit., páx. 127.
  8. Philip Wagner introduciu a diferenza entre tecnoloxía de instrumentos e tecnoloxía de medios. Aqueles melloran o esforzo humano, estes restrinxen ou impiden os intercambios de enerxía ou movemento sen intervención humana: roupa, vivendas, vaixela, caneiros para pescar, trampas para cazar etc. Cfr. Campbell, Bernard, Ecología Humana, páx. 197.
  9. Leroi-Gourhan, op. cit., páx. 141.
  10. Consonte M.M. Guerassimov, cit. in Delporte, Henri, La imagen de la mujer en el arte prehistórico, páxs. 195-186.
  11. Delporte, op. cit., páx. 165.
  12. Para caza e pesca cfr. François Bordes, La vida cotidiana en la antigua edad de piedra, páx. 100-102.
  13. Bordes, ibídem, páx. 102.
  14. Para Kostenski, en Delporte, op. cit., páx. 165; para Pincevent o dato é citado por Cano Herrera, Mercedes, El paleolítico Superior, in VV.AA., El paleolítico, páx. 198.
  15. Alonso del Real, Carlos, Nueva sociología de la prehistoria, páxs. 134 e 171.
  16. Cfr. Campbell, op. cit., páxs. 146-151; Alonso del Real, op. cit., 296-304.
  17. Cfr. Alonso del Real, op. cit., 272.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]