Reinado de Isabel II de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isabel II de España

Coa morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833, a súa dona María Cristina de Borbón-Dos Sicilias asume a rexencia de España co apoio dos políticos liberais, até que a futura raíña Isabel II acade a maioría de idade, que pretendía ao trono en virtude dunha pretendida lei sálica (derogada por Carlos IV de España e polo propio Fernando VII) levaron ao país á Primeira Guerra Carlista.

Cando Isabel acadou a maioría de idade por resolución das Cortes Xerais e ante o fracaso da rexencia de Baldomero Espartero (1843), sucedéronse varios períodos caracterizados por un intento modernizador de España que se viu contido, porén, polas tensións internas dos chamados "liberais", a presión que seguían exercendo os partidarios do absolutismo máis ou menos moderado, os gobernos totalmente influídos polos militares e o fracaso final ante as dificultades económicas da Unión Liberal que levaron a España á experiencia do Sexenio Democrático.

A personalidade da Raíña Isabel, cun carácter aniñado, sen dotes para o goberno e presionada en todo momento pola Corte, especialmente pola súa propia nai e os xenerais Narváez, Espartero e O'Donnell, impediu que o debido tránsito do Antigo Réxime a un modelo liberal culminase, polo que España chegou ao último terzo do século XIX en condicións claramente desfavorables respecto de outras potencias europeas.

As rexencias de María Cristina e Espartero[editar | editar a fonte]

A rexencia de María Cristina estivo marcada pola Guerra Civil e o enfrontamento entre xenerais. Francisco Cea Bermúdez, moi próximo as teses de absolutismo de Fernando VII foi o primeiro presidente de España. A ausencia de conquistas por parte dos liberais provocou a saída de Cea do Goberno, e a entrada de Francisco Martínez de la Rosa quen convenceu á rexente para a promulgación do "Estatuto Real de 1834", que supuxo o retroceso fronte a Constitución de 1812.

O fracaso dos conservadores levou ao poder aos liberais en 1835. O político máis representativo desta época foi Juan Álvarez Mendizábal, que conseguiu deter as sublevacións liberais e comezar reformas económicas e políticas, sobre todo co proceso de desamortización da Igrexa católica romana. Coa dimisión de Mendizábal, acosado por moitos conflitos, aparece a Constitución española de 1837, promovida por José María Calatrava.

Co inicio da Primeira Guerra Carlista xeráronse varios problemas económicos e políticos. A loita contra o exército do carlista Tomás Zumalacárregui, en guerra dende 1833, obrigou a María Cristina a depositar a súa confianza nos militares cristinos que acadaron grande fama na poboación. Entre estes militares destaca Baldomero Espartero quen foi o encargado de certificar a vitoria final no "Convenio de Oñate". Esta situación na que os militares suplían aos políticos, provocou unha crise gobernamental permanente onde os intereses das distintas partes foron creando gobernos militares sen autoridade.

En 1840, María Cristina, consciente da debilidade ante os militares, intenta chegar a un acordo con Espartero, pero este seguiu intrigando até que o 1 de setembro, estala a revolución liberal de Madrid. Por este motivo María Cristina vese obrigada a deixar a rexencia en mans de Espartero e fuxir a Francia.

Foi o 12 de outubro de 1840, cando Espartero asumiu a rexencia de España cun amplo apoio popular. Non obstante, o xeral non soubo rodearse do espírito liberal que o levara ao poder, e decidiu confiar os asuntos máis transcendentais aos seus compañeiros de armas.

Baldomero Espartero

Espartero exerceu a rexencia en forma dunha ditadura. Pola súa parte, os conservadores representados por Leopoldo O'Donnell e Ramón María Narváez non desistiron nos seus alzamentos. En 1843 o deterioramento político e económico acadou proporcións colosais, e a impopularidade de Espartero crecera de tal maneira, que os liberais que o apoiaran tres anos antes, agora conspiraban contra el. O 11 de xuño de 1843 a sublevación dos moderados foi tamén apoiada polos homes de confianza de Espartero, o que o obrigou a deixar a rexencia e marchar a Londres.

Chegada á Rexencia[editar | editar a fonte]

Coa saída de España de Espartero, os políticos decidiron dar a maioría de idade á Reina, a pesar de que Isabel tiña soamente 13 anos. Así, até 1868 creouse un reinado complexo que marcaron o rumbo político de España do século XIX e principios do século XX.

Durante esta etapa distínguense tres partes: A década moderada (até 1854), o Bienio Progresista (até 1856) e os gobernos da unión liberal (até 1868).

Para comezar a súa rexencia, xa como Isabel II, xurou a Constitución de 1837 perante as Cortes Xerais. Para formar goberno, pediulle axuda ao progresista Salustiano Olózaga, que pactara con Cristina o seu regreso do exilio en Francia. Pero, coa perda da votación para a elección de Presidente do Congreso dos Deputados, obrigou a Olózaga a dimitir do goberno e a romper o acordo entre progresistas e moderados (que puxera fin á rexencia de Espartero).

González Bravo foi nomeado novo Presidente do Goberno de España o 11 de decembro dese mesmo ano.

A década moderada[editar | editar a fonte]

Ramón María Narváez

Posteriormente o liderado do Partido Moderado recaeu en Ramón María Narváez (que influía fortemente na forma de gobernar de González Bravo), que asumiu a Presidencia do Goberno dando inicio á Década Moderada. Este período caracterízouse por unha relativa estabilidade. Nesta época xurdiu a Constitución de 1845, que daba regreso á soberanía compartida entre o Rei e as Cortes.

Pero, dentro do Partido Moderado había unha división moi evidente, que provocou o cesamento de Narváez o día 11 de febreiro de 1846. Este cesamento produciuse pola polémica decisión de decidir quen ía ser o home que se casara coa raíña. Ese mesmo ano Isabel casou con Francisco de Asís de Borbón (eran curmáns), concretamente o día 10 de outubro. Antes deste casamento, a súa nai, María Cristina de Borbón construíra un plan para que a súa filla casara co herdeiro a Coroa de Francia.

O bienio progresista[editar | editar a fonte]

Co nomeamento de Baldomero Espartero como presidente do goberno iníciase unha nova etapa no reinado de Isabel II o denominado Bienio Progresista.

Con nomeamento de Espartero como Presidente, este nomeou a O'Donnell como Ministro da Guerra. Esta unión entre os dous políticos (aparentemente fieis un ao outro) tivo os seus problemas. Mentres O'Donnell trataba de apagar prácticas liberais de Espartero no tema da Igrexa e a desamortización, Espartero buscaba o liberalismo.

O'Donnell formaba a Unión Liberal, mentres seguía no goberno co Espartero. As eleccións ás Cortes deron maior número de escanos a O'Donnell que a Espartero (1854). Así as cousas, a convivencia entre os dous naufragaron, e a cuestión relixiosa, ao presentarse ante as cortes cun proxecto que declaraba que ninguén podía ser molestado polas súas crenzas. A proposta foi aprobada e por este motivo quedaron rotas as relacións coa Santa Sé.

Pero O'Donnell non permitiría que isto seguira adiante. Espartero, consciente desta situación mobilizou á Milicia Nacional e á prensa contra os ministros moderados, pero a reina decidiu dar a xefatura do goberno a O'Donnell. A esta situación engadíanselle as sublevacións carlistas en Valencia e a grave situación económica do país. As dúas partes enfrontáronse nos rúas os día 14 de xullo e 15 de xullo de 1856, onde Espartero decidiu retirarse.

Os gobernos da Unión Liberal[editar | editar a fonte]

O xeral O'Donnell

O nomeamento de O'Donnell como Presidente do Consello de Ministros supuxo a restauración da Constitución de 1845, dando comezo o chamado Bienio Moderado. Tras os sucesos de xullo a debilidade de O'Donnell fixo que a raíña dera a presidencia do Goberno a Narváez. A inestabilidade continuou até 1857. Co regreso de O'Donnell á presidencia comezaron os Gobernos da Unión Liberal.

O 30 de xuño creouse un novo Goberno, no que O'Donnell sería o ministro da Guerra. Este Goberno durou catro anos e medio, até que o 17 de xaneiro de 1863 se disolveu. Foi o máis estable da época.

Tras o restablecemento da Constitución de 1845, as eleccións ás Cortes do día 20 de setembro de 1858 déronlle a Unión Liberal o control do poder lexislativo. Continuouse coa política desamortizadora, se ben o Estado entregou a cambio débeda pública á igrexa e repuxo o Concordato de 1851. Apareceron novas leis que serían claves e que mantiveron a súa vixencia até o século XX: Lei Hipotecaria, Primeiro Plan de Estradas etc. Pero, o Goberno no deu desterrado a corrupción económica, que estaba en todos os estamentos de poder. A partir de 1861 este Goberno comezou a desprestixiarse cada vez máis.

Así, finalmente, o 2 de marzo de 1863 a raíña aceptou a dimisión de O'Donnell.

Fin do reinado de Isabel II[editar | editar a fonte]

A substitución de O'Donnell non era sinxela. Os partidos tradicionais tiñan problemas internos entre os seus membros. Por iso foron os moderados as que ofreceron a Fernando Fernández de Córdova para formar goberno. Finalmente a raíña preferiu no goberno a Manuel Pando Fernández de Pineda, conde de Miraflores, que carecía de apoio, e seu goberno soamente durou até xaneiro de 1864. A partir de aquí houbo sete gobernos até a Revolución de 1868.

Pola súa parte os progresistas daban por superado a Espartero, e Olózaga xuntamente con Juan Prim foron formando unha alternativa que non confiaba en Isabel II de España para saír da crise permanente.

Narváez formou goberno o 16 de setembro de 1864, pero a negativa dos progresistas a participar nun sistema que consideraban corrupto levou a Narváez ao autoritarismo e á dimisión da maior parte do seu gabinete. Para todo isto, súmanse os sucesos da Noite de San Daniel o 10 de abril de 1865. Os universitarios de Madrid protestaban contra as medidas de Antonio Alcalá Galiano, que intentaba apartar das aulas o racionalismo e o krausismo, mantendo a vella doutrina da moral oficial da Igrexa católica, e contra a expulsión da súa cátedra de Historia a Emilio Castelar polos artigos escritos no rotativo La Democrácia. A dura resposta dos medios de seguridade causou a morte de 13 universitarios.

Esta crise fixo formar novo goberno o 21 de xuño a O'Donnell, Cánovas e Manuel Alonso Martínez, ademais doutras figuras destacadas. Así as cousas, Prim sublevouse en Villarejo de Salvanes nun xiro político que apostaba por tomar o poder mediante as armas, pero o golpe fracasou. A actitude hostil dos progresistas fixo que O'Donnell reforzara o seu goberno e provocou a sublevación do Cuartel de San Gil o 22 de xuño, outra vez organizada por Prim, que tamén foi un fracaso.

Coa retirada de O'Donnell do goberno, Narváez substituíuno, reforzando a censura e a orde pública. Coa morte de Narváez, sucedeuno o 23 de abril de 1868 o autoritario Luis González Bravo pero a revolución xa comezara e o fin da monarquía chegou o 19 de setembro con La Gloriosa ao grito: "¡Abajo los Borbones! ¡Viva España!", ao tempo que Isabel fuxía a Francia para dar paso ao Sexenio Democrático.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]