Olimpíada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estadio na antiga Olimpia.

Unha olimpíada é o período de catro anos que media entre distintos Xogos Olímpicos. Na Grecia Antiga constituía unha unidade de medida do tempo, que servía para situar historicamente os feitos.

Porén moitas veces o termo Olimpíadas[1] faise sinónimo de Xogos Olímpicos, a celebración deportiva internacional que ten lugar cada catro anos nunha cidade distinta e na que participan deportistas, na súa maioría, non profesionais[2], esta definición é tamén empregada con frecuencia na linguaxe xornalística, porén fan referencia a conceptos distintos e, en certa medida, opostos, xa que de forma xeral a olimpíada é xusto o tempo que non é xogo olímpico. Existe, polo tanto, a nivel lingüístico, certa polémica e aínda que a denominación institucional aposta por definir olimpíada como período entre xogos, na práctica en portugués, castelán, francés, inglés ou galego, Olimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva[3].

En 2016 atopámonos na 31ª Olimpíada da era moderna, e os Xogos Olímpicos de 2016 de Río de Xaneiro son conseguintemente os Xogos Olímpicos da XXXI Olimpíada. A partir do momento da súa finalización comezará a trixésimo segunda olimpíada, cuxos Xogos Olímpicos terán lugar en Tokio (Xapón) no ano 2020. Porén, non houbo ata a data 30 Xogos Olímpicos de verán, senón unicamente 27. Os Xogos da sexta olimpíada (Berlín 1916), da [[Xogos Olímpicos de 1940|duodécima (Helsinqui 1940)]] e da décimo terceira (Londres 1944) non se chegaron a realizar por mor das guerras mundiais, pero o calendario de olimpíadas seguiu correndo.

O termo olimpíada vén do nome da cidade de Olimpia, en Grecia, onde por volta do ano 776 a.C., comezáronse a celebrar polo verán na honra de Zeus, un certame de xogos deportivos cada catro anos, até que o emperador romano Teodosio I decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. No século XIX o francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin, decide volver a organizar uns xogos semellantes aos da antigüidade, fundando o Comité Olímpico Internacional. O 6 de abril de 1896, celébrase en Atenas a primeira olimpíada da era moderna, que durou unicamente dous anos, e non catro, dende a fundación do Comité Olímpico Internacional en 1894 até os primeiros Xogos de 1896.

Polo tanto a cidade de Olimpia (Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada dos deuses–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que pasa ao latín como olympiadis) é o eixo vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a flama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho deica o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Olimpíadas, escrito normalmente en plural e letras maiúsculas.
  2. Definición no Dicionario da Real Academia Galega, A Coruña, RAG, 2012.
  3. Servizo de Normalización Lingüística da USC.
  4. Artigo sobre as Olimpíadas no Porta das Palabras

Véxase tamén[editar | editar a fonte]