Asdrúbal o Belo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Asdrúbal o Belo
AsdrubalBusto.jpg
Nacemento270 a. C.
 Cartago
Falecemento221 a. C. e 220 a. C.
 Cartaxena
Relixiónmitologia fenícia
Ocupaciónmilitar e político
editar datos en Wikidata ]

Asdrúbal, (en púnico:[1] 𐤏𐤆𐤓‬‬𐤁‬𐤏𐤋‬, ʿAzrubaʿal) coñecido como Asdrúbal o Belo, ou Asdrúbal o Vello, nado sobre o -270 e finado no -221, foi un político e xeneral cartaxinés, xenro de Amílcar Barca e, trala morte deste, gobernador de Iberia. En colaboración con Aníbal, estendeu o imperio cartaxinés na península fundando Qart Hadash, Cidade Nova, como a súa homóloga africana, a Carthago Nova romana, actual Cartaxena.

Foi asasinado no -221 e sucedeuno no mando Aníbal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Dende moi novo, foi un dos xefes do partido popular ou democrático e tivo actividade política durante as dúas primeiras guerras púnicas. Casou coa filla de Amílcar Barca e acompañou a este a Iberia no 238 a.C., despois da Primeira guerra púnica, desembarcando en Gadir[2] (a Gades romana, actual Cádiz) Despois, retornou a Cartago para toma-lo mando na guerrra contra os Númidas que se sublevaran contra Cartago e aos que derrotou polo que Numidia pasou a estar controlada polos Barca.[3][4][5][6]

Presenza en Iberia[editar | editar a fonte]

Aínda que non se sabe cando regresou a Iberia, posiblemente durante o 231-230 a. C, estaba presente no 229 a.C. na morte de Amílcar durante o asedio de Heliké.[7][8] Tras este suceso, reuniu as súas forzas en Akra Leuké[9] e, como os fillos de Amílcar eran moi novos (Aníbal, o máis vello, aínda non tiña dezanove anos), Cartago, outorgoulle o mando do exército e deulle o título de gobernador de Iberia. Asdrúbal prefiriu empregar a diplomacia antes que as armas para pacifica-las tribos iberas[10] e, como se acostumaba na época, esixiu a entrega de reféns por parte dos pobos iberos que estaban sometidos como sistema para asegura-la paz e tamén fomentou os casamentos mixtos; mesmo el casou cunha princesa ibera[2] e animou a Aníbal a casar con Imilce, outra princesa ibera.[11]

Aspiración monárquica[editar | editar a fonte]

Fundación de Qart Hadasht[editar | editar a fonte]

No 227 a. C., preto da antiga poboación ibérica de Mastia, fundou a importante cidade e base naval de Qart Hadasht, que os romanos chamarían posteriormente Carthago Nova, a actual Cartaxena. O lugar era un excelente porto natural situado preto das minas de prata e máis preto de Cartago que Gadir; a súa situación permitiu un mellor control dos movementos dos romanos, de xeito que o centro do poder cartaxinés na península foi trasladado de Gadir a Qart Hadash, onde construíu un palacio.

Hai autores que afirman que aspiraba a se converter nun monarca de tipo helenístico o que se xustificaría pola emisión de moedas nas que aparece retratado son símbolos reais. Tamén, que o propio feito da fundación da cidade, Qart-Hadašt, sería equiparable a un acto case divino[12] e, finalmente, que para dar máis relevancia ao seu poder, constuíu un magnífico palacio na nova cidade, no que se asentou a xeito de palacio nunha capital, no que viviu segundo o protocolo helenístico; feitos inauditos nos costumes e tradicións propiamente púnicas.[13]

Tratado do Ebro[editar | editar a fonte]

Tamén, unha idea que reforzaría a aspiración monárquica era que o seu goberno en Iberia foi bastante independente de Cartago o que se xustifica no Tratado do Ebro ou Tratado de Asdrúbal que foi asinado no seu nome e non no de Cartago no que as dúas potencias delimitan as áreas de control.

No 226 a. C. ante a continua expansión do poderío púnico en Iberia, dúas importantes cidades baixo a influencia grega, Empúries (Emporium) e Sagunto, acudiron a Roma. Esta tratou de delimitar a área de influencia púnica para limita-la súa expansión. O acordo, coñecido como o Tratado do Ebro ou Tratado de Asdrúbal, acotaba a zona de influencia cartaxinesa no sur do río Iber (Iberus para os romanos), hoxe Ebro. Asdrúbal aceptou o acordo, quizais porque o dominio púnico aínda non estaba totalmente consolidado e non pretendía un conflito contra Roma. Por outra banda, Roma tampouco quería que os cartaxineses apoiasen aos galos do norte de Italia cos que estaban en guerra.

Morte[editar | editar a fonte]

Cando aínda non pasaran sete anos dende a morte de Amílcar, Asdrúbal o Belo, foi asasinado no 221 a. C.,[2] a mans dun escravo ou dun mercenario do rei celta Tagus, que vingou, deste xeito, a morte previa do seu señor. O sucesor de Asdrúbal o Belo, foi o seu cuñado, e fillo de Amílcar, Aníbal Barca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Huss (1985), p. 566
  2. 2,0 2,1 2,2 "Hasdrubal the Fair". livius.org (en inglés). 5 de agosto de 2020. Consultado o 29 de outubro de 2020. 
  3. Polibio 3.7-16
  4. Tito Livio 21.22.1-4
  5. Tito Livio 23.26.2
  6. Diodoro, 25.2 (Asdrúbal, fillo de Amilcar, foi enviado polo seu sogro a Cartago contra os numidios, que se rebelaran contra os cartaxineses, matando oito mil en combate e facendo dous mil prisioneiros. O resto foron sometidos a homenaxe).
  7. Diodoro, 25. 2. (Amílcar, atraendo cara a el aos seus perseguidores, lanzouse ao outro lado dun río, cruzándoo co seu cabalo, que se ergueu e o lanzo á auga, onde afogou. Mais Aníbal e Asdrúbal, os seus fillos, que o acompañaron, chegaron con seguridade a Acra-Leuke).
  8. Hernández (1995), p. 31
  9. Gebhardt 81864), p. 64
  10. Tito Livio 21.2.7 (aumentou o dominio cartaxinés promovendo lazos de hospitalidade cos reis e atraendo novos pobos a través da amizade dos nobres e non a través da guerra e as armas).
  11. Brizzi (2000), p. 50
  12. Brizzi (2000), p. 49
  13. Brizzi (2016), p. 48

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes primarias[editar | editar a fonte]

  • Apiano: Historia Romana Biblioteca Clásica Gredos 84
  • Polibio: Historias Biblioteca Clásica Gredos 38 y 43
  • Tito Livio: Historia de Roma Libro de Bolsillo Alianza Editorial 1595 1-2

Fontes actuais[editar | editar a fonte]

  • Brizzi, Giovanni (2000). Annibale (en italiano). Roma: RAI-ERI. ISBN 978-8839711137. 
  • Hernández Sánchez-Barba, Mario (1995). España: historia de una nación (en castelán). Madrid: Editorial Complutense. ISBN 9788489365346. 
  • Gebhardt, Víctor (1864). Historia general de España y de sus Indias desde los tiempos más remoto (en castelán) I. Madrid: Impr. Librería Española. 
  • Huss, Werner (1985). Geschichte der Karthager (en alemán). Múnic: C.H. Beck. ISBN 9783406306549.