Aníbal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aníbal
Nacemento247 a. C.
Lugar de nacementoCartago
Falecemento183 a. C.
Lugar de falecementoGebze
CausaIntoxicación
NacionalidadeCivilización cartaxinesa
Ocupaciónpolítico e líder militar
PaiAmílcar Barca
CónxuxeHimilce
FillosHaspar Barca
Irmánsthird daughter of Hamilcar Barca, Asdrúbal Barca, Magão Barca, eldest daughter of Hamilcar Barca e middle daughter of Hamilcar Barca
Premiosillustrious son
editar datos en Wikidata ]

Aníbal Barca, nado en Cartago no 247 a.C. e finado no Reino de Bitinia no 183 a.C., foi un xeneral cartaxinés, que destacou polas súas campañas contra os romanos.

Infancia[editar | editar a fonte]

En 237 a.C., trala fin da primeira guerra púnica, o seu pai Amílcar foi enviado polo consello cartaxinés a Iberia, acompañado polo seu xenro Asdrúbal o Belo. A lenda conta que Amílcar non era partidario de levarse ao seu fillo, de tan só nove anos, á ardua empresa da conquista de Iberia, aínda que consentiu finalmente en levar ao seu fillo a condición de que xurase inimizade eterna cara a Roma.

O obxectivo de Amílcar era someter as antigas factorías fenicias da costa, asegurando a súa lealdade a Cartago, e asentar o dominio púnico nas terras do interior, terras dominadas polas tribos ibéricas. Esta empresa tiña como finalidade garantir tanto a explotación directa das ricas minas de Serra Morena para o pago da indemnización de guerra, como a posesión directa dun territorio que podía fornecer a Cartago importantes recursos, tanto materiais como humanos, en vistas a unha nova confrontación con Roma.

Ascensión a xeneral e campañas en Iberia[editar | editar a fonte]

Á morte de Amílcar en 228 a.C., Asdrúbal o Belo quedou ao mando do exército cartaxinés en Iberia e, asasinado este en 221 a.C., o exército elixiu a Aníbal como estratego. Con todo, como sucedera con Asdrúbal, en Cartago o nomeamento foi mal recibido entre os aristócratas, denominados "Os Vellos", defensores do nomeamento de Hannón, xa que consideraban que era perigoso converter o mando do exército nun cargo hereditario e máis cando o ostentaban membros dunha familia demócrata, como era o caso dos Barca. Malia iso, o Consello púnico confirmou o nomeamento feito pola tropa.

Vistas as dificultades finalmente superadas do seu nomeamento, Aníbal decidiu lanzarse a realizar conquistas que demostrasen a súa pericia no mando e saciasen a sede de ouro dos avariciosos aristócratas que tanto desconfiaran da oportunidade do seu mando. Percorreu o interior da Península Ibérica durante dous anos atinxindo coa súa campaña renome militar, a confianza dos seus soldados e tesouros inmensos para Cartago, chegando deste xeito a unha situación na que si podería enfrontarse aos romanos. Para evitar unha inminente confrontación entre Roma e Cartago, Asdrúbal, xenro de Amílcar Barca e xeneral dos exércitos cartaxineses á morte deste, estableceu un tratado polo cal non se pode estender a influencia cartaxinesa máis aló do norte do río Ebro. A alianza entre Roma e Sagunt, asinada posteriormente ao tratado, vulneraba este tratado debido a estar a cidade na órbita de influencia cartaxinesa. Esa é a razón pola que Aníbal atacou Sagunt no ano 219 a.C., provocando o estalido da contenda.

Rota de Aníbal na súa invasión de Italia.

A oportunidade presentouse ás portas de Sagunt, naquel momento aliada de Roma, a mesma cidade que case vinte anos antes o seu pai respectara ao considerar que Cartago non se atopaba aínda preparada para a guerra. Enfrascada nun preito sobre os límites territoriais con Túrbula (a actual Teruel) atacaron territorios pertencentes a Cartago e Aníbal, coa autorización do Consello cartaxinés, respondeu ás agresións destruíndo por completo á cidade no ano 219 a.C., tras un sitio que se prolongou durante oito meses.

Aproveitando este feito como escusa, unha embaixada de Roma declarou a guerra contra Cartago, unha guerra que estaba formulada facía moito tempo, pero que fora postergada polo escaso apoio popular romano. Anibal confioulle a defensa de Iberia ao seu irmán Asdrúbal e partiu na primavera do 218 a.C. con 100.000 infantes, 12.000 cabalos e 50 elefantes á conquista de Roma. O seu exército estaba formado por libios (africanos) e mercenarios iberos que se foron unindo ao exército cartaxinés a medida que, primeiro o seu pai, logo Asdrúbal, e finalmente o propio Aníbal, conquistasen o territorio. Desta forma, Aníbal pretendía desviar o golpe mortal que recaería sobre a metrópole cartaxinesa mediante un ataque desesperado directo ao corazón da República Romana.

Dirixíndose cara ao norte, chegou a vadear o Ebro, fronteira co territorio romano, sen achar resistencia entre os pobos que atopou ao seu paso. Neste punto confiou a Hannón 11.000 homes para manter as comunicacións entre o Ebro e os Pireneos, lugar ata o que continuou, atravesándoo e avanzando logo ata o río Ródano. Malia soster algúns combates cos galos que atopou ao seu paso, conseguiu asinar pactos con algúns deles, ofrecéndolles as riquezas que atopasen máis aló das montañas.

Cara a Roma[editar | editar a fonte]

Aníbal cruzando os Alpes

A medida que avanzaban cara a Roma, a infantaría de Aníbal reduciuse á metade, maioritariamente pola deserción dalgunhas tropas novatas ibéricas que se uniron a último momento motivadas pola fama adquirida polo estratego logo das súas vitorias. Cando Aníbal estaba preparando ás súas tropas para cruzar o Ródano, un gran continxente de volcos, que habitaban nas proximidades do río, situouse na outra beira coa intención de evitar que os cartaxineses cruzasen o río. Consciente de que pola forza non podería cruzar o río, Aníbal enviou a Hannón cun destacamento de mercenarios iberos río arriba, co fin de que cruzasen o río sen ser vistos e sorprendesen pola retagarda aos volcos.

Así, remontaron o río ata un lugar onde era menos profundo e ao día seguinte, estas tropas baixaron ata o campamento inimigo, caendo sobre el e facendo fuxir os celtas, á vez que Aníbal cruzaba o Ródano.

A finais de outubro Aníbal chegou ao nacemento do río Isère, ao pé dos Alpes, emprendendo sen demora a ascensión aos altos e nevados cumes. Desde un deles (quizabes o monte Xenebra, o Col de Argentière ou seica o monte Cenis) o xeneral mostrou aos seus a chaira do Po e as campiñas romanas; ninguén ata o de entón cruzara por tales lugares cun exército. Vinte séculos despois, Napoleón conseguiría repetir tal fazaña.

Malia a oposición dos nativos (galos cisalpinos) e da dureza do descenso, logrou cruzar os Alpes pisando por fin chan romano, dando ao traste cos intentos dos romanos de manter o seu territorio á marxe da guerra. Pero as baixas foran terribles; non quedándolle máis que 20.000 infantes, 6.000 cabalos e 37 elefantes para facer fronte a un pobo que podía opoñerlle un exército de 800.000 soldados.

Tras un pequeno descanso para reparar o seu exhausto exército, enfrontouse aos taurinos (de Taurini, a actual Turín), derrotándoos e proseguindo o seu avance ao longo do río Po obrigando aos romanos a evacuar a Lombardía pola superioridade da súa cabalaría. A maior parte dos galos cisalpinos (celtas), que conservaban a xenreira da recente derrota sufrida a mans dos romanos, incorporáronse ao exército de Aníbal, sobre todo trala súa vitoria na batalla do Trebia, río afluente do Po, en decembro de 219 a.C. nas proximidades de Piacenza, primeira batalla formal entre Aníbal e os romanos da Segunda guerra púnica.

Trala vitoria e asegurada a súa posición, Aníbal decidiu acuartelar as súas tropas para invernar, pero sospeitando a deserción dos galos, determinou atravesar os Apeninos buscando ao sur unha base de operacións máis segura. Marchou na primavera de 217 a.C. sobre Arezzo, axiña que como llo permitiu a estación, seguindo os camiños pantanosos ao longo dos ríos Arno e Clani que se atopaban naquela época do ano case intransitables. A causa do frío e da falta de descanso perdeu un ollo e durante un tempo foi levado en padiola.

Atravesados os Apeninos e logo de derrotar no lago Trasimeno ao cónsul Flaminio, que pereceu na batalla, avanzou cara Roma, onde Quinto Fabio Máximo fora nomeado ditador. No seu avance derrotou a Marco Minucio Rufo e logo, na Cannas, en agosto de 216 a.C., derrotou aos cónsuis Caio Terencio Varrón e Paulo Emilio recentemente nomeados e ao seu poderoso exército de 80.000 lexionarios, cun exército de tan só 30.000. Ese mesmo ano, tras un longo sitio conquistou Capua, a segunda cidade máis grande da Península Itálica, converténdoa na súa nova base.

Malia as súas vitorias non puido aínda marchar sobre Roma, que podía resistir un longo sitio grazas ás súas murallas e o seu constante aprovisionamento por mar. Tampouco era viable o asedio da cidade, porque Aníbal carecía de material de asedio e homes suficientes. De modo que enviou ao seu irmán Magón a solicitar reforzos a Cartago. A resposta, por boca de Hannón o Grande, non puido ser máis desalentadora: Se Aníbal é vencedor, non os necesita; se é vencido, non é digno deles. Sen axuda exterior, a súa posición no sur de Italia foise dificultando, á vez que o seu obxectivo de conquistar Roma se tornou cada vez máis remoto. Por outra banda, resultáballe cada vez máis difícil defender os pobos que estiveran baixo o xugo romano e que agora se aliaban con Aníbal porque vían nel ao seu libertador dada a falta de efectivos. Nos anos seguintes ocupou as cidades de Tarentum en 211 a.C. e Samnium en 210 a.C., aínda que tamén sufriu algúns reveses, como a perda de Capua.

Regreso a Cartago[editar | editar a fonte]

Coa perda de Tarentum en 209 a.C. e a gradual reconquista romana, a súa posición no sur de Italia estaba perdida. En 207 a.C., Aníbal volveu sobre Apulia, onde quería concentrar as súas forzas en espera da chegada do seu irmán Asdrúbal para lanzarse sobre Roma. Pero o seu irmán, aínda que logrou entrar en Italia, foi derrotado, falecendo no combate. Decatado, Aníbal repregouse nas montañas a esperar reforzos; con todo, o resultado da guerra, estendida xa por España e Sicilia, foise tornando favorable aos romanos. O novo cónsul Publio Cornelio Escipión, que conseguiu someter Sicilia e posteriormente Hispania, decidiu trasladar a guerra a África para afastar aos cartaxineses de Roma. Cartago, véndose en perigo chamou a Aníbal que acudiu, non sen antes saquear polo camiño o tesouro público de moitas cidades, dando así renda solta á súa ira por ter que abandonar a loita que durante 16 anos mantivera en terra allea sen lograr o seu propósito.

Unha vez en Cartago, consciente do perigo que axexaba a cidade, refugou do enfrontamento malia as críticas do Consello e reuniuse co xeneral Escipión na cidade de Zama, 160 km ao sur de Cartago, para negociar a paz, pero ante a falta de acordo, os xenerais retiráronse aos seus campamentos. Pouco despois, no campo de batalla próximo á citada cidade, o exército cartaxinés caeu derrotado pola gran superioridade da cabalaría romana no 202 a.C.. Trala derrota, o Consello, por iniciativa de Aníbal, enviou embaixadores para que aceptasen o convenio de paz ofrecido por Roma, co que finalizaba a Segunda guerra púnica.

De regreso a Cartago, Aníbal fíxose nomear sufete, equivalente ao cónsul romano, cargo desde o cal mostrou os seus dotes de estadista levando a cabo algunhas reformas polo ben da república, por exemplo, poñer coto aos abusivos tributos esixidos por Roma para a sinatura da paz, de forma que puidesen satisfacerse a prazos sen necesidade de impoñer ao pobo impostos adicionais extraordinarios. Sete anos logo da derrota de Zama, os romanos, receosos da nova prosperidade de Cartago, enviaron embaixadores á cidade; intuíndo Aníbal que pretendían que se lles entregase a súa persoa, embarcou en segredo para refuxiarse na corte de Antíoco III, en Siria.

Captado o afecto do rei, pensou en coligalo con Filipo V de Macedonia e os cartaxineses para invadir Italia por segunda vez. Co propósito de informar aos seus amigos do plan, enviou un home a Cartago. Con todo, o plan foi descuberto e o seu emisario obrigado a fuxir mentres a República renovou as súas promesas de lealdade a Roma. Cornelio Nepote acredita que tres anos logo da súa fuxida de Cartago, Aníbal achegouse con cinco barcos ás costas de Cirene para inducir aos cartaxineses á guerra contra Roma, pero que fracasado o seu proxecto, volveu a Siria. En 190 a.C., Antíoco foi derrotado nunha batalla da desembocadura do río Eurymedon.

Trala derrota de Antíoco en Sipilo, Roma impuxo a entrega de Aníbal como condición para a firma da paz. Avisado por Antíoco, Aníbal fuxiu a Bitinia para poñerse baixo a protección de Prusias. Con todo, Roma conseguiu descubrir o destino do seu mortal inimigo, enviando unha embaixada da que formou parte Tito Quinctio Flaminino, para solicitar de Prusias a entrega de Aníbal.

Medorento da reacción que puidese causar en Roma unha negativa, pero sen querer faltar ao deber da hospitalidade, Prusias accedeu pero dicíndolles aos embaixadores que procedesen eles mesmos á súa captura, xa que non lles sería difícil atopar a súa morada. Atopárona e rodearon con soldados todas as saídas do castelo. Aníbal, decatándose de que non había escapatoria, tomou un veleno que sempre levaba no seu anel e pronunciou, en Libysa (Bitania), as súas derradeiras e soadas palabras que cita Tito Livio: Libremos a Roma dunha gran preocupación, pois cre ter esperado demasiado tempo en consumar a morte dun ancián.[1] Ese mesmo ano, 186 a.C en Italia falecería tamén Escipión.

(1)O nome púnico de cidade nova, non se sabe se foi en recordo da antiga cidade ibérica: Mastia ou de Carthago, co mesmo nome e idéntico significado; os gregos traducírono en Kaine Polis, tamén Karthagedon (Karchedon), ás veces Karthagedon Nea; os romanos o romanizaron en Carthago Nova; o nome de Cartaxena vén a través do acusativo Chartaginem.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barceló (2012), p. 78

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]