Batalla de Medina de Rioseco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A batalla de Medina de Rio Seco foi disputada durante a guerra da Independencia española o 14 de xullo de 1808 e provocou a derrota do único exército español capaz de defender os vellos reinos de Castela e León contra os franceses.

Situación no norte de España[editar | editar a fonte]

As recentes operacións efectuadas polos franceses na rexión estaban lonxe de espertar o interese de Napoleón. En xuño, unha columna destacada de Jean-Baptiste Bessières tentou marchar sobre Santander, a fin de asegurar as comunicacións francesas e gardar a costa cantábrica ante un posíbel desembarco británico. Abafado pola resistencia masiva na zona, Bessières veuse forzado a dar marcha atrás.

Napoleón empeñou entón máis tropas e formulou unha nova estratexia. En xullo ordenou a Bessières que renovase a ofensiva sobre o Leste. Fronte os franceses opúñase o xeneral Joaquín Blake y Joyes, que comparte mando nun difícil duunvirato co xeneral Cuesta, axuntando un exército heteroxéneo de recrutas, milicianos e máis soldados regulares que procedían de cuarteis illados. Ámbolos dous xenerais españois comandan unha forza de arredor de 24 000 homes. Esta forza tomou posicións sobre unha suave altura próxima á cidade de Medina de Rio Seco.

Desenvolvemento da batalla[editar | editar a fonte]

O 14 de xuño unidades das dúas divisións do exército de Bessières efectúan o asalto da crista. A maioría dos españois combaten con vontade indomábel, inflixindo aos franceses unhas perdas calculadas en máis de 1 000 homes, mais o fráxil exército de Blake foi finalmente quebrado polos asaltos determinantes do seus inimigos, sendo posto en fuga cara ao oeste. Se hai que facer algún reproche sobre esta derrota española, debe recaer sobre Cuesta, que por razóns nada claras, refusou despregar os seus 6 500 homes.

Consecuencias da batalla[editar | editar a fonte]

Como secuela da acción de Medina de Rio Seco, Bessières tomou doadamente León e Zamora. Os franceses efectuaron salvaxes represalias cos prisioneiros e contra as poboacións das localidades veciñas, que ironicamente foran das poucas que non se uniran ao levantamento popular xeral.

A vitoria de Bessières mellorou grandemente a posición estratéxica do exército francés no Norte de España. Encantado, Napoleón proclamou:

Se o mariscal Bessières foi quen de bater o Exército de Galiza con tan poucas perdas e pouco esforzo, o xeneral Dupont será capaz de darlle volta calquera cousa coa que se poida atopar

[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O sal da cita reside no feito de que catro días despois, o xeneral Dupont era vencido en Bailén polos españois e sometíase con 20 000 homes a unha capitulación humillante para os franceses. Ver batalla de Bailén. O mando francés veuse preso de pánico e ordenou unha retirada xeral até o Ebro, desfacendo a obra tan duramente lograda por Bessières.