Edificio Banco de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Edificio do Banco Pastor")

Coordenadas: 42°14′16.16″N 8°43′14.42″O / 42.2378222, -8.7206722

Edificio do Banco Pastor
Banco Pastor, Vigo.JPG
Edificio facendo chafrán nas rúas Policarpo Sanz e Colón
Edificio
Nome inicial Edificio do Banco de Vigo
Estilo Ecléctico con toques modernistas
Localización Rúa Policarpo Sanz con rúa Colón Vigo (Galiza)
Construción
Inicio 1919
Remate 1923
Dimensións
Plantas 4 + faio e soto
Equipo
Arquitecto(s) Manuel Gómez Román
Outros Canteiro: José Araujo Pérez

O Edificio do Banco de Vigo, hoxe Edificio do Banco Pastor é unha construción monumental de 1923 deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román nunha das esquinas máis céntricas da cidade de Vigo, facendo chafrán entre a rúa Policarpo Sanz e Colón. Hoxe é a sede do Banco Pastor e da Fundación Pedro Barrié de la Maza. É un dos edificios máis emblemáticos da cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio, a obra máis ambiciosa do soado arquitecto galego Manuel Gómez Román, comezou a construírse en 1919. As obras remataron en 1923. Na obra colaborou o mestre canteiro José Araujo Pérez, un dos fundadores do socialismo en Vigo e organizador da Sociedade de Canteiros, empregando perpiaño do mellor granito da canteira de Castrelos (granito groso e con moito cuarzo de difícil traballo), como moitos outros edificios senlleiros da cidade como o achegado Cine Fraga.

Primeiro foi a sede do desaparecido Banco de Vigo, despois acolleu as oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e despois a sede do Banco Pastor, que segue a ser hoxe en día.

Descrición e estilo[editar | editar a fonte]

De estilo ecléctico, as fachadas son de cantaría de granito e ordénanse verticalmente mediante un corpo base no andar baixo, pilastras no tramo superior e un último andar que actúa como entaboamento. Á súa vez, cada unha destas partes está enmarcada por unha moldura horizontal.

Nesta obra Gómez Román amósase máis academicista e ecléctico, mais con toques modernistas e secesionistas nalgúns elementos, coma as grilandas verticais e cubos con enfeites de follas de loureiro con froitos e fitas, fendas nas pedras, ornamentación floral, elevadas formas prismáticas que sobrepasan a liña da cornixa e se enfeitan con coroas etc. A planta baixa é clasicista e conta con grandes vans entre columnas con base, fuste con aneis, chapitel toscano e arquitrabe. As dúas entradas ao edificio fican en cadanseu corpo que sobresae da liña da cornixa, unha no chafrán (a actual entrada ao Banco Pastor), e a outra na rúa Policarpo Sanz (entrada á Fundación Pedro Barrié de la Maza). O edificio remata nun bico con cúpula no chafrán, que achega verticalidade, a voada molduración e a cornixa achegan horizontalidade á construción. A cabeza de Hermes, deus do comercio, aparece na falsa clave do arco de medio punto do gran van do chafrán. Na cumieira, enriba de cinco piares aparecen cinco figuras que representan os cinco continentes. Tamén salienta a integración do ferro como elemento decorativo nos enreixados das portas e fiestras do andar baixo e nos peitorís dos balcóns.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]