Pedra das Ferraduras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°31′33″N 08°31′02″O / 42.52583, -8.51722

Círculos concéntricos na Pedra das Ferraduras

A Pedra das Ferraduras é un complexo conxunto de petróglifos ao ar libre, nos que atopamos gravuras datadas no calcolítico e os inicios da Idade de Bronce, arredor do 2.000 a.C., situada no concello de Cerdedo-Cotobade.

Situación[editar | editar a fonte]

A pedra sobre a que se realizaron os gravados sitúase na ladeira dun monte, no lugar de Fentáns, parroquia de San Xurxo de Sacos, concello de Cerdedo-Cotobade. Atópase na zona de Galicia, e unha das áreas do mundo, de maior concentración de representacións deste tipo, no val do río Lérez, desde onde semella terse estendido este fenómeno cultural, a través sempre dos vales dos ríos.

Descrición[editar | editar a fonte]

A pedra é de regulares dimensións. A rocha é de gran tamaño e presenta forma alombada concentrándose as numerosas insculturas na parte superior, plana, e a cara orientada cara ao sur, de forte pendente.

Na parte superior amósase unha combinación de círculos concéntricos con trazos encostados ao anel externo, numerosas pegadas de cérvidos ou bóvidos e dúas combinacións circulares atípicas.

Na cara sur represéntanse sete figuras zoomórficas (un deles con gran cornamenta), tres deseños idoliformes (probablemente ídolos cilindro) e cinco figuras antropomórficas moi simples que, posiblemente armados, rodean os animais. A figura antropomorfa no centro da parte superior e central empuña na man dereita unha enorme espada moi desproporcionada en relación á figura humana, e sostén co outro brazo un escudo circular, entendéndose como unha posible representación xerárquica. Xunto a espada represéntase un puñal de menor tamaño.

Varios dos animais presentan dardos ou frechas cravadas no seu lombo, polo que nesta parte sur poderíamos estar a contemplar a representación dunha escena de caza.

Pese a dificultade dunha datación segura para este tipo de elementos, as representacións de ídolos cilíndricos póñense en relación coas pezas chamadas ídolos cilíndricos que teñen aparecido nalgúns megálitos de cronoloxía máis avanzada.

Trátase dun conxunto rupestre que presenta boa cantidade de recursos artísticos e de cuxa utilización só existen diversas teorías relacionadas coa relixión, ritos iniciáticos, marca delimitadora dun territorio... de moi difícil demostración.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]