Batalla de Ponte Sampaio
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Batalla de Ponte Sampaio | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra da Independencia española | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
![]() |
![]() | ||||||||
Líderes | |||||||||
![]() |
![]() ![]() | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
10 800 soldados | 10 000 soldados e milicias | ||||||||
Baixas | |||||||||
660 mortos e feridos | 110 mortos e feridos |

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar á beira do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron coas tropas francesas, dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.
Antecedentes[editar | editar a fonte]

A vitoria do mariscal Soult na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809, sobre as tropas británicas de Moore, deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibe ordes de controlar o Norte do país e mais Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. Ao mesmo tempo, Soult pasa a Portugal, onde toma Porto no 29 de marzo.
Paseniñamente, vanse montando alarmas populares nas diversas comarcas galegas. En marzo de 1809, Ney tenta someter a costa occidental galega, sen conseguir acabar coas partidas de guerrilleiros que acosan os destacamentos franceses. No final de marzo dese ano foron recuperadas polos galegos as prazas de Vigo, Pontevedra e Tui, feitos que coutaban o enlace con Soult, en Portugal.
En maio, Ney tivo noticias de que o marqués de la Romana estaba en Asturias, polo que decidiu buscalo alí, porén foi unha manobra errada, pois o español retirárase para Galicia. O regreso de Soult desde Portugal ata Ourense foi dificultoso.
Reunidos Soult e Ney en Lugo, o 29 de maio, deciden unha nova estratexia. Soult buscou as tropas do marqués no Sur interior do país, mentres Ney partiu cara a Pontevedra e Vigo con intención de recobrar as cidades. Tal acción conxunta buscaría o dominio definitivo de Galicia.
A batalla[editar | editar a fonte]

Ney saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8 000 infantes e 1 200 xinetes, con 13 canóns. Porén era unha acción anunciada, pois fixera publicar bandos sobre as súas intencións. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño entre Pontevedra e Vigo.
Ás forzas de liña do conde uníronse diversos batallóns de milicias populares das comarcas próximas e, incluso, de lugares afastados, como Lemos. Foron defendidas dúas pontes, a de Caldelas, baixo o mando de Pablo Morillo, e a propia de Sampaio, polo mesmo conde de Noroña.
O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. Buscaron os franceses entón vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez. As tentativas sobre a ponte de Caldelas, mostraron a mesma determinación dos españois.
No día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de se retirar para Compostela.
Consecuencias[editar | editar a fonte]
A batalla impediu o dominio francés sobre o sueste galego. Mentres, o fracaso de Soult no interior meridional de Galicia, e novos acontecementos no centro da península, onde Wellesley ameaza entrar en Madrid, obrigan a saír a ambos os mariscais de Galicia. Ney faino por Pedrafita e o Bierzo, mentres Soult pasa por Valdeorras e a Terra do Bolo, en dirección a Seabra. No seu camiño foron atacados polas partidas guerrilleiras, pero as súas tropas provocaron un verdadeiro rastro de sangue e pillaxe. Cando por fin se xuntan ambos os dous mariscais, só fican 18 000 dos 53 000 ou 55 000 homes con que chegaran en xaneiro de 1809.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Estrada Catoyra, F. (1916). Historia de los ejércitos gallegos durante la Guerra de la Independencia. Santiago de Compostela: Tipografía de El Eco Franciscano.
- Portela Pazos, S. (1964). La guerra de independencia en Galicia. Santiago de Compostela: Tipografía del Seminario.
- Osuna Rey, J. M. (2006). Los franceses en Galicia: Historia militar de la Guerra de Independencia en Galicia, 1809. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.