Xosé Cerviño García
Xosé Cerviño García | |
---|---|
Nome completo | José Cerviño García |
Nacemento | 23 de maio de 1843 |
Lugar de nacemento | Aguasantas |
Falecemento | 4 de xaneiro de 1922 |
Lugar de falecemento | Aguasantas |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escultor e canteiro |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Xosé Cerviño García, tamén coñecido como o Mestre Cerviño ou, máis popularmente, como Pepe da Pena nado en Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) o 23 de maio de 1843 e finado no mesmo concello o 4 de xaneiro de 1922, foi un canteiro e escultor galego[1].
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Algúns especialistas considérano o escultor máis afamado da súa época e de toda a historia da cantaría galega.[2] De Xosé Cerviño opinou así Castelao[3]:
"Calviño foi xenial e revolucionario, capaz de trocar os sinxelos cruceiros en grandes calvarios, ao xeito dos que se erguen na Bretaña. Estaba posuido da súa xenialidade até o estremo de saír máis caro pol-o viño que bebía que pol-o diñeiro que cobraba".
Aínda que a súa escultura máis nomeada foi sempre o cruceiro do Hío, en Cangas, o conxunto da súa obra merece ser tamén recordado, ben sexa polas esculturas atribuídas a el directamente, ben sexa polas atribuídas á súa dirección.
- Restauración da escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
- A Santa Cea e O Cristo Morto, en Cangas, dúas imaxes das procesións da Semana Santa canguesa.
- Capela do Pazo de Montero Ríos e na igrexa de Santo André, en Lourizán (Pontevedra).
- Restauración da igrexa de Santa María de Augasantas (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra).
- Panteóns no cemiterio de Augasantas.
- Panteóns nos cemiterios de Antas (A Lama) (construído en 1873), Valongo (Cerdedo-Cotobade) (circa 1880), Lantaño (Portas) e Lois (Ribadumia). A autoría dos panteóns de Augasantas e Antas non ofrecen dúbida pero a dos outros non é tan segura aínda que a súa similitude permite atribuílos a Cerviño ou dirixidos por el.
- Panteón da Familia Candeira no cemiterio de Celeiros (Ponteareas), construído en 1871.
- Cantería das igrexas de Santa María de Beariz (Ourense) e Santiago de Viascón (Cerdedo-Cotobade).
- Un Sagrado Corazón para a igrexa de Santo André de Valongo (Cerdedo-Cotobade).
- Diferentes imaxes, retablos ou campanarios en varias igrexas do Morrazo.
Falecemento[editar | editar a fonte]
Xosé Cerviño faleceu no ano 1922, cego e na máis absoluta pobreza. Foi soterrado no cemiterio de Augasantas, panteón que el mesmo construíu, tal e como fixera coa súa propia casa. Neste panteón, pódese apreciar a súa firma cun banete de catro picos [4].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ A verdade é que a denominación de Mestre Cerviño pode dar lugar a erro porque na mesma época houbo outro escultor, chamado Ignacio Cerviño Quinteiro (nacido en 1839 e do que se ignora a data da súa morte, en todo caso posterior a 1901) e que traballou máis pola zona de Ponteareas. Os diferentes autores discuten a verdadeira autoría de distintos panteóns e outras obras entre os dous artistas.
- ↑ Julio Fernández Pintos, Trisquel. Archivos del patrimonio histórico gallego, nº 42, 2002).
- ↑ As cruces de pedra na Galiza, reedición facsimilar Galaxia 1984, 128. Nótese que Castelao o nomeaba erroneamente como Calviño.
- ↑ "Cruceiro de Hío". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 06/08/2020.