Igrexa de Santa María de Sacos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

baquetCoordenadas: 42°30′50″N 08°29′38″O / 42.51389, -8.49389

Igrexa parroquial de Santa María de Sacos

A Igrexa de Santa María de Sacos é a igrexa parroquial de Santa María de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

Descrición[editar | editar a fonte]

Trátase dun templo dunha soa nave cunha ábsida rectangular, que conserva elementos do románico tardío ou protogótico. Os perpiaños, moi irregulares, distribúense en fiadas dando como resultado, pola contra, uns paramentos ben rematados.

Segundo Bango Torviso, o estilo do beiril da ábsida, principalmente, indica un estilo de orixe ourensán, da zona de Oseira ou Terra do Carballiño, de finais do último terzo do século XII.

Exterior[editar | editar a fonte]

No exterior, a fachada principal presenta un arco de medio punto cara ao exterior e tendencia cara ao apuntamento no interior, con dúas arquivoltas de mediacanas entre bordóns, que se apoian sobre columnas de fustes monolíticos, basas soterradas e capiteis cilíndricos tamén postizos. Posúe un tímpano recortado para adaptarse á forma apuntada, porén, Bango Torviso considera que se trataba dun arco en gola decorado con rosetas estreladas, como amosan os debuxos de Enrique Campo nos que aínda se pode ver o arco en gola e como a espadana estaba arruinada. Coróase cunha espadana de tres ocos.

A fachada setentrional enmárcase nos seus extremos cos muros da fachada e da cabeceira a xeito de contrafortes, e divídese en tres lenzos por dous contrafortes rectangulares. No pano central ábrese unha seteira e no máis pegado ao testeiro ábrese unha porta con arquivolta polilobulada cun lixeiro apuntamento. Os lóbulos de arco de ferradura recollidos por un groso baquetón.

Canzorros da fachada setentrional:Acróbata e home coas mans nos xenitais

Na actualidade o tímpano está recortado e presenta como decoración unha rosácea de trece pétalos no centro, outra de menor tamaño á esquerda e círculos concéntricos á dereita. Das columnas só se conservan os capiteis entregos decorados con motivos vexetais. O beirado con tellas cubertas en caveto e canzorros con formas de lóbulos, dentados, unha margarida, un acróbata e un home coas maus nos xenitais.

A fachada meridional é moi semellante a anterior. A porta de tímpano pentagonal está na actualidade cegada, así como unha seteira. Os canzorros presentan diversos temas: unha muller colléndose as pernas e ofrecendo os seus xenitais, unha posible ave cunha presa ou unha cabeza de lobo cunha galiña entre os dentes.

A ábsida únese directamente á nave, sobresaíndo o muro na unión a modo de contraforte. En ambos lados presenta un contraforte rectangular. Só é visible a cornixa do lado meridional xa que o outro está cuberto pola sancristía. A cornixa componse de seis arquiños de lixeira ferradura sostidos por canzorros en proa. No oco dos arquiños había decoracións de cabeciñas esculpidas e outros temas hoxe en día perdidas.

Esculturas do muro piñón:Carneiro e lobo sostendo a cruz

O muro testeiro da ábsida divídese en tres panos por dúas columnas entregas con basas soterradas, fustes de nove semitambores e capiteis dos que só se conserva unha cesta de follas planas con bolas no envés, e que non chegan ata a cornixa. No centro ábrese unha ventana con arquivolta á que lle faltan os capiteis e fustes das columnas. No muro piñón unha cabeza de bóvido, sobre ela un lobo mirando cara a oriente e por riba del un carneiro mirando a occidente. Sobre todos eles unha cruz potenzada.

Interior[editar | editar a fonte]

A nave cóbrese cunha bóveda moderna. Nos muros dous pares de columnas entregas, con basas áticas con garras, fustes de semitambores e capiteis con decoracións vexetais de longas e planas follas entrecruzadas. As ventás seteiras teñen derramo interno, e a que está por enriba do arco triunfal está cegada.

No interior tanto o arco triunfal como un secundario de acceso á capela son apuntados e apóianse en columnas acaroadas. O arco triunfal apuntado e dobrado, de bocel e media cana e un arco faixón de igual estilo. Apóianse en dous pares de columnas entregas, con basas áticas con garras, fuste de cinco semitambores e capiteis con decoracións vexetais moi xeometrizantes. A ábsida cóbrese cunha bóveda de canón apuntado.

Conserva tres linteis dun baldaquino de arcos conopiais do século XVI.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Páxs. 203 e 204. (Fundación Pedro Barrié de la Maza). ISBN 84-300-0847-0. 
  • Ponce Couce, Leandro; Sánchez García, Jesús A. (1998). Galicia, Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros: Vía Láctea Editorial. p. 323. ISBN 84-89444-50-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]