Odontoloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Odontólogo traballando.

A odontoloxía[1] é unha rama da medicina que se encarga do diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades do aparello estomatognático, o cal inclúe os dentes, as enxivas, a lingua, o padal, a mucosa oral, as glándulas salivares e outras estruturas anatómicas implicadas, coma os beizos, as amígdalas, a orofarinxe e a articulación temporomandibular.

Historia da odontoloxía[editar | editar a fonte]

Administración de oxido nitroso como anestésico en 1894

As enfermidades afectaron a humanidade dende os seus mesmos inicios, en especial a aguda dor de dentes producida por unha carie profunda ou un absceso periapical. Moitos médicos ao longo da historia practicaron técnicas de curación e rehabilitación: o rexistro máis antigo que existe sobre unha práctica primitiva exipcia da odontoloxía data de hai 5000 anos. Hessie-Re é considerado o primeiro dentista coñecido da historia, unha inscrición exipcia en madeira móstrao como xefe de médicos da corte. Aristóteles (384 a. C.- 322 a. C.) tratou sobre algúns aspectos odontolóxicos, por exemplo procedementos de esterilización empregando un arame quente para tratar as enfermidades dos dentes e dos tecidos orais, tamén disertou sobre a extracción dental e o uso de arames para estabilizar fracturas maxilares e ligar dentes perdidos.

Durante a Idade Media, a profesión foi asumida polos barbeiros quen ademais doutros servizos, realizaban as sangrías e as extraccións dentais dos clientes con dor. O doutor francés Pierre Fauchard (1678-1761) é considerado o pai da odontoloxía moderna, polas súas achegas a esta ciencia, particularmente pola profesionalización da práctica dental e a publicación en 1728 da súa obra "Le chirugien dentiste; o, traité des dents” (o cirurxián dentista; ou tratado sobre os dentes). Pierre Faucharde foi dentista persoal de Luís XIV e ten un museo dedicado en París. En decembro de 1844, Horance Wells, dentista de Hartforde, Connecticut, utilizou por primeira vez o óxido nitroso, como anestésico para a extracción de pezas dentais.

Especialidades[editar | editar a fonte]

A odontoloxía ten establecidas varias especialidades:

  • Rehabilitación oral: é a parte da odontoloxía encargada da restauración, é dicir, recuperar a función fisiolóxica e estética mediante o emprego de próteses dentais e outras medidas.
  • Periodoncia ou periodontoloxía: rama da odontoloxía especializada no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades periodontais.[2]
  • Endodoncia: esta especialidade realiza o tratamento da endodoncia, é dicir, a actuación sobre a polpa dental e a súa substitución por un material inerte.
  • Odontopediatría: é a rama da odontoloxía encargada de tratar os nenos.
  • Ortodoncia: rama da odontoloxía especializada no tratamento e prevención das malas posicións das pezas dentais.
  • Saúde pública odontolóxica: especializada na odontoloxía comunitaria, preventiva e social.
  • Implantoloxía oral: é a especialidade odontolóxica que se dedica á reposición de unidades dentais perdidas por medio da colocación de implantes dentais de titanio inseridos nos maxilares.
  • Odontoloxía estética ou cosmética: é a rama da odontoloxía que soluciona problemas relacionados coa harmonía estética da boca no seu totalidade.
  • Odontoloxía preventiva: encárgase do estudo dos tratamentos preventivos bucodentais mediante técnicas non invasivas como poden ser selos de fosas e fisuras, limpezas dentais, cubetas de flúor tópico ou sistémico, puídos e outros procedementos máis complexos.
  • Odontoloxía forense: é a rama da odontoloxía que trata do manexo e o exame axeitado da evidencia dental e da valoración dos achados dentais que poidan ter interese para procesos xudiciais. O odontólogo forense encárgase establecer parámetros de identificación de persoas ou cadáveres, a valoración daqueles casos nos que o aparato buco-dento-maxilar se emprega como arma e a valoración de tratamentos posiblemente inadecuados.
  • Carioloxía: especializada na carie e o seu tratamento.
  • Odontoloxía perinatal: rama especializada nos coidados odontolóxicos á muller embarazada, ao neonato e ao neno até os tres anos de idade.
  • Gnatoloxía: rama especializada no estudo da función do aparato mastigador, anatomía, fisioloxía, alteracións patolóxicas do mesmo e o seu tratamento. Unha das afeccións tratadas pola gnatoloxía é o bruxismo ou renxer de dentes.
  • Odontoloxía ocupacional: é a rama da odontoloxía que se ocupa da saúde dental dos traballadores en relación co seu ambiente laboral.[3]
  • Odontoloxía deportiva: rama da odontoloxía que estuda a influencia de cada deporte na saúde bucodental.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para odontoloxía.
  2. Zerón Agustín: Visión profesional de las competencias en la Odontología del siglo XXI. Revista de la Asociación Dental Mexicana Rev. ADM marzo-abril 2011, 68 (2) 60-66.
  3. MOSBY: Diccionario de odontoloxía, VV.AA., S.A. Elsevier, España, 2009, ISBN 9788480864626

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]