Movemento ecoloxista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cartel ecoloxista no Río Tambre.

O movemento ecoloxista (en ocasións chamado o movemento verde ou ambientalista) é un variado movemento político, social e global, que defende a protección do medio ambiente.

Unha defensa pura do ecoloxismo faise desde formulacións ecocéntricos, dando prioridade ós ecosistemas e ás especies sobre os individuos -sexan humanos ou doutras especies. Un representante desta formulación é Pentti Linkola.

Habitualmente, o ecoloxismo deféndese desde posicións antropocéntricas, é dicir, para satisfacer unha necesidade humana, incluíndo necesidades de saúde e sociais. Neses termos, os ecoloxistas fan unha crítica social máis ou menos implícita, propondo a necesidade de reformas legais e concienciación social tanto en gobernos, como en empresas e colectivos sociais. O movemento ecoloxista está unido cun compromiso para manter a saúde do ser humano en equilibrio cos ecosistemas naturais, considérase a Humanidade como unha parte da Natureza e non algo separada dela.

A existencia de organizacións ecoloxistas está estreitamente ligada ó desenvolvemento dos sistemas democráticos e ó progreso das liberdades civís. O movemento está representado por unha ampla e variada gama de organizacións non gobernamentais, desde o nivel global até a escala local. Algúns contan con decenios de historia e dispoñen de importantes infraestruturas a nivel internacional; aínda que a maioría fórmano organizacións locais de carácter máis ou menos espontáneo.

Está relacionado coa ecoloxía política. Enténdese que o ecoloxismo é unha postura que postula que é necesario facer modificacións significativas nas políticas ambientais de todos os estados do mundo. Hai quen propoñen un cambio radical no sistema de Estado e négase a necesidade de máis desenvolvemento no sentido convencional ou capitalista, mentres outros só propoñen un cambio na política ambiental, e outros un cambio profundo na forma das relacións sociais e ambientais de produción.

Posiblemente esta política nace no momento en que se fai patente a deterioración do medio ambiente por mor dos experimentos ou o descoñecemento da actividade humana. No informe Os límites do crecemento derivado do club de Roma dos Estados Unidos, nace a inquietude e xorden multitude de grupos políticos ambientalistas ou ecoloxistas nese país. A ecoloxía política e o ecoloxismo non sempre son partidarios do ecocentrismo absoluto, senón que, xeralmente, adoita partir de posicións antropocentristas.

Retrato de Rachel Carson, escritora do libro Silent Spring.
Imaxe da Terra vista desde o Apollo 17 en 1972.

Orixe do movemento ecoloxista[editar | editar a fonte]

O movemento ecoloxista ten tres raíces principais: conservación e rexeneración dos recursos naturais, preservación da vida silvestre e o movemento para reducir a contaminación e mellorar a vida urbana.

O 26° presidente dos Estados Unidos de América Theodore Roosevelt, prominente conservacionista, foi o primeiro en tratar o tema da Conservación ambiental na axenda política dos Estados Unidos, aínda que máis centrado en condicións de vida saudables que en cuestións ecolóxicas.

O movemento ecoloxista moderno expresouse de forma máis apaixonada na cúspide da era industrial: preto do terceiro cuarto do século XX. Os clásicos ecoloxistas modernos empezaron nese período co traballo de Rachel Carson que proveu o primeiro toque de atención científica sobre a morte do planeta debido á actividade humana.

Durante os anos 50, 60 e 70, ocorreron varios eventos que avivaron a conciencia ambiental do dano á contorna causada polo home. En 1954, os 23 membros da tripulación do buque pesqueiro Daigo Fukuryū Maru foron expostos a un escape radioactivo dunha proba de bomba de hidróxeno no atol Bikini. En 1969 houbo unha vertedura nunha escavación petrolífera no Canle de Santa Bárbara de California. Outros feitos importantes foron a protesta de Barry Commoner contra os ensaios nucleares, o libro Silent Spring (Primavera silenciosa) de Rachel Carson así como The Population Bomb (A bomba demográfica) de Paul R. Ehrlich. Estes libros aumentaron a inquietude e interese sobre o medio ambiente.

O movemento ecoloxista inicial centrábase fortemente na redución da contaminación e na protección das reservas de recursos naturais tales como auga e aire. As presións de desenvolvemento en rápida expansión tamén aburaron considerables esforzos para preservar territorios únicos e hábitats de vida silvestre, para protexer as especies en perigo de extinción antes de que desaparecesen. Nos Estados Unidos, durante a década de 1970 aprobáronse leis como o Clean Water Act, Clean Air Act, Endangered Species Act e National Environmental Policy Act (Decreto Lei de Auga Limpa, Decreto Lei de Aire Limpo, Decreto Lei de Especies en Perigo de Extinción, e Decreto Lei de Política Ambiental Nacional, respectivamente), as cales foron os cimentos para os estándares ambientais.

Grazas ó movemento ecoloxista, a conciencia pública e as ciencias do medioambiente melloraron nos últimos anos. As preocupacións ambientais ampliáronse, incluíndo conceptos como a sustentabilidade, o buraco na capa de ozono, o cambio climático, a choiva aceda, e a contaminación xenética.

A maioría dos ecoloxistas teñen obxectivos similares, aínda que poden non estar de acordo nos detalles como a énfase, as prioridades ou o comportamento individual. Os movementos ecoloxistas a miúdo interaccionan ou están ligados con outros movementos sociais con puntos de vista morais parecidos, como o movemento pacifista, os dereitos humanos ou os dereitos dos animais; contra as armas nucleares ou a enerxía nuclear, as enfermidades endémicas, a pobreza, a fame, etc.

Os ecoloxistas, desde os seus inicios, víronse atravesados polas diferentes ideoloxías que existían no ámbito das sociedades. Os movementos vinculados coa concepción tradicional liberal non facían fincapé na xestión do capitalismo na relación na distribución dos recursos. Os movementos socialistas seguían a ideoloxía do desenvolvemento económico vixente. Con todo, parte destes comezaron a ter en conta que os recursos son limitados. De aí, que nacese a converxencia entre o socialismo tradicional e o ecoloxismo, e dese lugar ó ecosocialismo. Este movemento trata a distribución dos recursos, que posibilidades de xestión hai destes a través do modelo que hoxe temos, os límites dos recursos e a distribución dos riscos.

Así ben, na década dos 70 ante a crise petrolífera acrecéntanse os problemas de contaminación ambiental, a masificación urbana e unha serie de catástrofes dan lugar á posta en marcha dun proceso de conciencia do ecoloxismo e nacemento de numerosas plataformas, organizacións e movementos de tipo ecoloxista en todo o mundo para tratar de atopar e fomentar un respecto polo medio ambiente. O eco do movemento ecoloxista comeza a alcanzar unha resonancia internacional, pasando os límites dos [àctivismo|grupos activistas]] para comezar a instalarse na conciencia da opinión pública, especialmente nos países industrialmente avanzados, onde a degradación do medio ambiente comeza a deteriorar os niveis de calidade de vida. Os primeiros grupos que aparecen son diversos e caracterízanse por presentar diferentes tendencias: conservacionistas, institucionais e radicais.

Nesta década destácase a aparición de organizacións de carácter institucional como as ONG ecoloxistas e os partidos políticos verdes, movementos de esquerdas interesados en resolver os problemas ambientais que xorden a partir dos anos 70 e 80. Obsérvanse dúas importantes agrupacións como Greenpeace, unha asociación que se forma de maneira espontánea por un grupo de activistas antinucleares canadenses en 1971. É unha organización non gobernamental, que non depende política nin economicamente do Estado, cuxo obxectivo é defender e protexer o medio ambiente realizando campañas de conciencia, protección ambiental ou actos directos de intento de boicot de empresas ou institucións que tratan de prexudicar ó medio ambiente. Outra organización que nace por entón é WWF/Adena, en 1968, como consecuencia dunha actuación militante a favor da protección dos espazos naturais. Unha organización de carácter radical foi Fronte de Liberación Animal (FLA), que xorde de maneira clandestina a principio dos 70 e caracterízase polo emprego da acción directa como método de loita.

Ámbito do movemento[editar | editar a fonte]

  • O movemento de conservación que busca protexer a estética tradicional das áreas naturais, o uso para consumo (caza, pesca, captura) e o terreo filosófico.
  • O movemento ambiental ten un ámbito máis amplo, que inclúe todas as paisaxes.
  • O movemento de saúde ambiental que data polo menos das reformas urbanas que incluían ó abastecemento de auga limpa, un manexo máis eficiente mediante rede de sumidoiros da eliminación das augas residuais, e a redución de condicións de vida sanitariamente inhumanas. Hoxe en día a saúde ambiental está máis relacionada coa nutrición, a medicina preventiva, o envellecemento san e outras preocupacións específicas do benestar do corpo humano. Nestas, a contorna natural é de interese sobre todo como un medio de alerta sobre o que podería ocorrer ós humanos.
  • O movemento ecolóxico enfocado segundo a Hipótese Gaia, que valora a Terra e outras interrelaciones entre as ciencias humanas e as relacións humanas. A Ecoloxía Profunda, parecida á anterior, era máis espiritual aínda que alegaba ser ciencia.
  • A Xustiza Ambiental é un movemento que comezou en Estados Unidos nos anos 80 e busca o final do racismo ambiental. A miúdo, as comunidades minoritarias e aqueles con poucos ingresos viven situados preto de autoestradas, vertedoiros e fábricas, onde están expostos a unha maior contaminación e perigo ambiental que o resto da poboación. O movemento de Xustiza Ambiental busca unha ligazón social e ecolóxica para os problemas ambientais, ó mesmo tempo mantendo ós ecoloxistas conscientes da dinámica no seu propio movemento, por exemplo racismo, sexismo, homofobia, clasismo, e outros males da cultura dominante.

Fundamentos do movemento ecoloxista[editar | editar a fonte]

Un informe publicado en 1972 polo Club de Roma dos Estados Unidos, chamado The Limits to Growth (Os límites do crecemento) esbozou algunhas das preocupacións dos ecoloxistas. Outro informe do mesmo país, chamado The Global 2000 Report to the President (O Informe Global do 2000 ó Presidente), publicado máis tarde polo Consello de Calidade Ambiental, informaba achados similares pero foi amplamente ignorado. Máis recentemente o Millennium Ecosystem Assessment (Avaliación do Ecosistema do Milenio) achega vindicación ó movemento.

Dereitos Ambientais[editar | editar a fonte]

Moitos preitos ambientais propoñen a cuestión acerca de quen ten máis dereito: están as cuestións legais limitadas ós donos de propiedades, ou ten o público xeral o dereito a intervir? o ensaio de Christopher D. Stone "Should trees have standing?" (Deberían as árbores ter dereitos?) abordaba seriamente a cuestión sobre se os obxectos naturais en si mesmo deberían ter dereitos legais, incluíndo o dereito a participar nos preitos. Stone suxeriu que non había nada absurdo neste punto de vista, e recalcou que moitas entidades que agora teñen dereitos legais eran, no pasado, tomadas como "cousas" sen dereitos legais; por exemplo os estranxeiros, os fillos e as mulleres. O seu ensaio é ás veces tomado como unha falacia de personificación.

Principais organizacións ecoloxistas[editar | editar a fonte]

As grandes organizacións ecoloxistas que traballan polo medio ambiente ou por algún aspecto específico do mesmo no ámbito internacional comprenden fundamentalmente o Fondo Mundial para a Natureza (WWF), Amigos da Terra, Greenpeace, BirdLife Internacional (dedicada de modo concreto á protección das aves e os seus hábitats), así como o Movemento Mundial polos Bosques Tropicais (WRM) (centrado na conservación dos bosques e selvas tropicais), entre outras.

O rol da ciencia[editar | editar a fonte]

En gran parte debido a esta crítica política e confusión, unha preocupación crecente polos problemas de saúde ambiental causados polos pesticidas, algúns biólogos serios e ecoloxistas crearon un movemento ecolóxico científico que non confundise datos empíricos con visións dun mundo futuro mellor.

Na actualidade é a ciencia da ecoloxía, máis que os obxectivos estéticos, a que prové a base de unidade á maioría de ecoloxistas. Todos aceptarían certo nivel de contraste científico nas decisións acerca de biodiversidade ou uso forestal. A Bioloxía da conservación é un campo de importancia e en rápido desenvolvemento.

Unha maneira de evitar o estigma dun "ismo" foi evolucionar os grupos iniciais antinucleares cara a partidos verdes máis científicos, brotando ONGs como Greenpeace e Amigos da Terra, e grupos dedicados a protexer a biodiversidade global e previr o cambio climático. Pero no proceso, gran parte do aliciente emocional e dos fins estéticos perdéronse; estes grupos teñen puntos de vistas éticos e políticos ben definidos, apoiados por dura ciencia.

Enfoque renovado cara á acción local[editar | editar a fonte]

Non obstante, o movemento ambiental actualmente persiste en moitos grupos locais pequenos, frecuentemente dentro de ecorrexións, promovendo os valores estéticos e espirituais que Thoreau ou aqueles que reescribiron a resposta do Xefe Seattle recoñecerían. Algúns se asemellan ó antigo movemento de conservación estadounidense - cuxa expresión moderna a forman Nature Conservancy, National Audubon Society e National Geographic Society - organizacións estadounidenses de influencia mundial.

Estes grupos politicamente neutrais tenden a evitar conflitos globais e ver o acordo dun conflito entre humanos separado do que respecta á natureza - en contradición directa co movemento da Ecoloxía e o movemento pola Paz que teñen un número crecente de estreitas ligazóns: Mentres que partidos verdes, a Sea Shepherd Conservation Society, Greenpeace, e grupos como The Activist Magazine por exemplo, ven a ecoloxía e a biodiversidade e un final das extincións como algo absolutamente básico para a paz, algúns grupos locais poida que non, e poden ver un alto nivel de competición global e conflito como xustificable se lles permite preservar a súa propia identidade local. Isto resúltalles egoísta a algúns. No entanto, eses grupos non tenden a queimarse senón a sosterse por longos períodos, mesmo xeracións, protexendo tesouros locais. A Water Keepers Alliance é un bo exemplo deste tipo de grupos que se aferran ás cuestións locais.

As visións e confusións, con todo, persisten. A nova visión tribalista da sociedade, por exemplo, faise eco das preocupacións dos primeiros ecoloxista en certo grao. E un número en aumento de grupos locais atopan o beneficio da colaboración, como con métodos de decisións por consenso ou políticas simultáneas, ou confiando en recursos legais comúns, ou mesmo un glosario común. A pesar disto, as diferenzas entre os distintos grupos que compoñen o movemento ambiental moderno tenden a ter máis peso que esas similitudes, e raramente cooperan directamente excepto nas cuestións globais máis importantes.

Grupos como The Bioregional Revolution están a facer unha chamada sobre a necesidade de tender unha ponte entre estas diferenzas, pois afirman que os problemas que converxen no século XXI obrígannos a tomar unha acción decisiva. Promoven o biorrexionalismo, a permacultura, e as economías locais como solución a estes problemas, a sobrepoboación, o cambio climático, as epidemias globais, e a escaseza de auga pero máis notablemente á Teoría do pico de Hubbert -- a predición de que é probable de que cheguemos a un máximo na produción global de petróleo que podería significar cambios drásticos en moitos aspectos da nosa vida diaria.

Cinema e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Ó longo dos anos, a problemática da contaminación e destrución do medio ambiente tentouse expor desde múltiples perspectivas e soportes, buscando sempre causar un efecto modificador da conduta que realmente nos leve a unha definitiva concienciación sobre a necesidade de conservar a nosa contorna. Con todo, aínda que certamente conseguíronse algúns progresos, aínda queda moito camiño por andar.

Un dos medios que máis se están empregando nos últimos tempos para facer chegar ó público ideas ambientais é o cinema. A linguaxe cinematográfica ten moito de emocional, e tal vez esta vía sexa máis indicada que a racional á hora de falar directamente á conciencia humana.

Tal e como asegura o profesor Enrique Martínez-Salanova na súa páxina web Cinema e Educación,[1] "o cinema non soamente puxo en contacto ó home coa natureza, as paisaxes exóticas e o documental de natureza, senón que ademais foi, e segue sendo en ocasións, militante activo na loita pola defensa do medio ambiente". Ademais, o cinema foi, desde o seu nacemento, o máis poderoso vehículo de transmisión de coñecementos e de culturas, achegando ós seus espectadores infinitas posibilidades de encontro con paisaxes, natureza, lugares e costumes.

Películas tan antigas como Tarzán (1918) ou King Kong (1933), xa baseaban o seu argumento na intromisión do home branco nas selvas virxes. O compromiso xa estaba, por tanto, presente desde as orixes do cinema, aínda que cos anos foise facendo máis manifesto.


Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Movemento ecoloxista

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]