Casa de Traba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Conde de Traba")

A Casa de Traba (ou de Trava) foi unha familia nobre do Reino de Galiza, probabelmente orixinaria de Traba, Laxe, que tivo gran poder económico e político en todo o norte da Península Ibérica durante os séculos XI e XII. Cóntanse entre os seus descendentes numerosos monarcas doutros países europeos.

Orixes[editar | editar a fonte]

Un dos varios brasóns da liñaxe de Traba

O primeiro membro ben documentado da liñaxe de Traba foi Froila Vermúdez (Bermúdez ou Veremúndez). Adquire renome ao redor do ano 1060, cando intervén en litixios xudiciais do Mosteiro de San Martiño de Xubia [1] (concello de Narón), onde os monxes considerábano dominus noster. Fixo espléndidas doazóns ao mosteiro e cando faleceu no ano 1091, foi enterrado alí en solemne cerimonia á que asistiron dous bispos.

Algúns dos seus descendentes e moitos xenealoxistas posteriores buscaron para Froila entroncamentos reais ou nobres. Fíxoselle neto do Conde Menendo González, rexente durante a minoría de idade de quen sería o rei Afonso V de Galiza e León. Frei Crespo de Pozo, por exemplo, fíxoo descender da poderosa casa galega dos Menéndez. Os documentos arquivados no Mosteiro de Sobrado dos Monxes fonte principal de información sobre os Traba, non avalan ningunha destas dúas hipóteses. Un entroncamento máis ambicioso fíxoo tataraneto de Ramón, Román, Raimundo ou Raymond, suposto fillo, lexítimo ou bastardo, do rei Froila I de Asturias. Segundo Barrau-Dihigo (p. 246) tal fillo nunca existiu.

Territorios[editar | editar a fonte]

Os dominios de Froila Vermúdez abarcaban boa parte da actual provincia da Coruña, excluídas as propiedades eclesiásticas de Santiago e Sobrado. Incluían as terras situadas ao norte do río Tambre, antigamente chamado Támaris ou Támara, rexión por iso denominada Tras-Támara, da que foi Señor. Os seus descendentes ampliaron estes dominios para constituír o Condado medieval de Traba (ou Trava), que abarcaba desde Fisterra ao Suroeste, ata Ortigueira ao Leste, incluíndo as comarcas do val de Vimianzo, Bergantiños, Soneira e outras.

Froila combateu aos sarracenos e (aínda que seguramente vasalo dos reis de León, de quen dependía Galiza naquela época) non hai constancia de que exercera ningún cargo real. Esta situación cambiaría drasticamente cos seus fillos e netos.

Restos do Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo de Carnota, que pertenceu aos Traba.

A liñaxe de Traba[editar | editar a fonte]

O primeiro Conde de Traba, así mencionado nun documento do 28 de marzo de 1098, foi Pedro Froilaz (fillo de Froila Vermúdez), quen foi antes Conde de Ferreira (Ferraria, no latín da época, localidade do distrito de Bergantiños) (e despois o primeiro Conde de Galiza até a súa morte en 1128). O seu fillo, Fernando Pérez de Traba, tivo enorme influencia no Condado Portucalense.

Fontes[editar | editar a fonte]

  • Barrau-Dihigo, L.; Historia política del reino Asturiano (718-910); Silverio Cañada; Xixón; 1989. ISBN 978-84-7286-273-9
  • Cawley, Charles; Medieval Lands; Foundation for Medieval Genealogy; 2006. (tabela nobiliar en inglés.)
  • Crespo Pozo, José Santiago; Brasóns e liñaxes de Galicia, tomo 4; Edicións Boreal; Santiago de Compostela (Galicia, España); 1997; pp. 437-442. ISBN 84-86410-28-2
  • Fletcher, R. A.; Saint James catapult: the life and times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (A catapulta de Santiago: vida e época de Diego Xelmírez de Santiago de Compostela); Oxford University Press; Oxford (Inglaterra, Reino Unido); 1984; capítulo 2. (Texto electrónico en inglés.)
  • Torres Sevilla-Quiñones de León, M.; Linajes nobiliarios de León y Castilla (siglos IX-XIII); Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Castela e León; Valladolid (Castela e León, España); 1999.