Cacaforra da morte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cacaforra da morte
Amanita phalloides 1.JPG
Clasificación científica
Reino: Fungos
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Subclase: Agaricomycetidae
Orde: Agaricales
Familia: Amanitaceae
Xénero: Amanita
Nome científico
''Amanita phalloides
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos
Cogomelo mortal

A cacaforra da morte[1] Amanita phalloides Vaill. ex Fr. Link, tamén coñecida como pan da morte , pan do demo [2] ou co nome culto de amanita faloides é un fungo micorrizóxeno que accidentalmente ten sido introducido a novas rexións co cultivo de especies non nativas de carballo, castiñeiro e piñeiro. É moi común que se atope dende a beiramar até a montaña. Este tipo de cogomelo velenoso é moi semellante a algunhas especies que son comestíbeis, polo que se teñen dado casos de envelenamento accidental; de aí o seu nome vulgar galego: cacaforra da morte ou pan da morte. É común en Galiza[3], sendo unha das especies mortais.

O epíteto «phalloides» (do grego «phallos», «pene» e «eidos», «forma») significa «con forma de pene», por mor á forma do basidiocarpo nos primeiros estadios do seu desenvolvemento. É o cogomelo máis perigoso se é inxerido polo ser humano. É un fungo mortal que ten causado o falecemento de numerosas persoas xa que a síndrome faloidiana é unha síndrome de acción amodo, e ademais as toxinas actúan sobre o fígado e os riles, dando lugar o fallo hepático. Por esta razón, cómpre non confundilo con outros cogomelos comestíbeis. Entre as vítimas máis ilustres atópanse o emperador Claudio e o Arquiduque Carlos de Austria.

Nome e taxonomía[editar | editar a fonte]

A cacaforra da morte -Amanita phalloides- foi descrita por vez primeira polo botánico francés Sébastien Vaillant, que as describiu coma:Fungus phalloides, annulatus, sordide virescens, et patulus (Sébastien Vaillant). Malia significar o nome phalloides con forma de falo, non está claro se se nomeou así pola súa semellanza ao falo masculino ou pola súa semellanza cos cogomelos da orde Phallales (como o carallán). En 1821,Elias Magnus Fries describiuno como Agaricus phalloides, mais incluiu as amanitas brancas na descrición.[4] Finalmente en 1833, Johann Heinrich Friedrich Link, estableceu para o cogomelo o nome de Amanita phalloides.[5] Despois de que 30 anos antes, Persoon a chamara Amanita viridis.[6][7] Porén o uso do nome Amanita phalloides por parte de Louis Secretan precede ao de Link, foi rexeitado para fins de nomenclatura, porque os traballos de Secretan non usan a nomenclatura binomial consistentemente.[8][9] Amanita phalloides é a especie tipo da especie phalloideae, un grupo que contén todas as amanitas mortais. As máis notábeis especies do xénero son Amanita virosa, Amanita bisporiga, e Amanita verna.

En galego os seus nomes vulgares fan referencia á súa perigosidade: cacaforra (amanita) da morte, pan (cogomelo) da morte, pan do demo, pan de raposa[10] Suxestionouse que Amanita verna de cor branca é unha subespecie de Amanita phalloides. Max Britzelmayr chamouna Amanita phalloides f. alba, porque comparte case todas as súas características agás a cor e a época de desenvolvemento, xa que Amanita verna faino pola primavera. Outros autores afirman que se ben existen variedades abrancazadas, Amanita verna é unha especie allea, xa que o veleno da Amanita verna reacciona coa sosa e a potasa mentres que o da Amanita phalloides reacciona ante o ácido sulfúrico.[11]

Como a recoñecer[editar | editar a fonte]

Estados de maduración da cacaforra da morte ( Amanita phalloides):

Amanita phalloides ten un epixeo e esporocarpo (corpo de frutificación = cogomelo) grandes e impoñentes, con píleo (chapeu) de 5 a 15 cm. de largo, inicialmente arredondado e hemisférico, aplanándose a medida que vai madurecendo.[12]

Presenta no chapeu unha coloración tipicamente verde oliva, brillante con tempo seco, lixeiramente viscosa con humidade. A súa tintura non é sempre uniforme, xeralmente é máis pálida nos bordos. A choiva tamén pode destinguir a tintura. Algunhas formas son moi pálidas, incluso brancas. Pódese pelar de xeito doado (unha característica problemática xa que se pode confundir con outras especies comestíbeis). O miolo é branco, mesto e tenro. Bota un lixeiro recendo a pétalos de rosas que se acentúa coa idade ou coa desecamento.

O veo himenial, un anel caído, semella unha faldra que arrodea o fungo, ten uns 1 ou 1.5 cm de diámetro, e está situado por baixo do chapeu. As lamelas, numerosas, están separadas. O ou esteo é branco con escamas verdosas diseminadas e ten unha lonxitue de entre 8 o 15 cm e unha largura de 1 a 2 cm, cunha volva protuberante, lañda, con forma de saco e de cor branca. Como a volva, que é un signo distintivo, pode estar agochada por un leito de follas, por iso é importante fochicar, para a atopar. Os espécimes novos emerxen do chan cuberto co veo universal semellando un ovo, que crebará para deixar a volva coma un remanente.

A impresión das esporas é branca (característica común das amanitas). As esporas son globulares ou ovoides, medindo entre 8–10 μm de lonxitude, tinguíndose de azul co iodo. As lamelas por outra banda tínguense de lila ou rosa coa reacción ao ácido sulfúrico.[13][14]

Onde e cando a atopar[editar | editar a fonte]

Exemplares de pan da morte.

É común en todas as rexións de clima temperado do hemisferio norte. A cacaforra da morte é nativa de Europa, onde está moi espallada.[15] Atópase nas rexións costeiras do sur de Escandinavia, no norte de Irlanda, nas rexións leste e oeste de Polonia, e no oeste de Rusia.[16] Tamén se atopa nas rexións meridionais, coma a península dos Balcáns, Italia, península Ibérica ou Marrocos, Alxeria e no norte de África en xeral.[17] Hai constancia de que se ten atopado máis ao leste , en Asia, mais os exemplares encontrados aínda non forono identificados como exemplares de A. phalloides.[18] Foi introducida accidentalmente en países como Australia ou Nova Zelandia. A finais do século XIX, Charles Horton Peck reportou exemplares de A. Phalloides en América do Norte.[19] Porén, en 1918, as mostras que se obtiveron no leste dos EUA, foron identificadas como Amanita brunnescens, unha especie diferente mais semellante a A. phalloides, por G. F. Atkinson da Cornell University.[20] Mais dende a década dos 70 do século XX hai evidencias de exemplares de A. phalloides nos Estados Unidos, introducidas probabelmente desde Europa cos castiñeiros, atopándose poboacións nas costas leste e oeste.[21][Benj. 1] A. phalloides estendeuse a países do hemisferio sur coa importación de madeiras. A introdución do carballo en Australia e América do Sur semella ter sido o factor de espallamento en ditos lugares. Reportáronse exemplares so carballos entre Melbourne e Canberra,[22][23] Así como no Uruguai.[24] Tamén se ollaron exemplares de A. phalloides sobre outras especies foráneas na Arxentina e Chile.[25][26] En Galiza é unha especie de cogomelo común[27].

Exemplar atopado no sur de Suecia.

Asóciase ectomicorrizalmente con numerosas especies de árbores. En Europa, adoita medrar baixo as follosas, mais non resulta rara nos bosques de coníferas, aínda que é menos común. Aparece comunmente baixo carballeiras, aciñeirais, soutos, faiais], biudeirais, piñeirais e formacións de abeleiras, castiñeiros das bruxas, carpess, ou píceas.[28] Na beiramar de California, A. phalloides asóciase ao Quercus agrifolia, mais non a outra especies costeiras como o piñeiro insigne.[29] Nos ecosistemas onde foi introducida A. Phalloides, normalmente se asocia a ditas especies, consideradas exóticas en ditas contornas. Porén, hai evidencias de exemplares de A. Phalloides asociados a tsugas, con plantas da familia das mirtáceas, con eucaliptos e con piñeiros en Tanzania e Alxeria;[17][30] e con Leptoespermas, e Kunzeas en Nova Zelandia.[28][31] En Suráfrica atopáronse exemplares asociados a carballos e lamigueiros.[32] Estes fenómenos donfírenlle á especie un potencial invasivo.[18] [32]

En anos chuviosos aparece en grupos moi numerosos. Frutifica polo verán e especialmente polo outono, de xullo a novembro. No hemisferio sur faino de xaneiro a maio. Medra preferentemente en solos areentos.

Toxicidade[editar | editar a fonte]

Véxase infrmación adicional no artigo: Intoxicación por cogomelos velenosos .
Cartaz que advirte da presenza dos cogomelos tóxicos en Canberra, Australia.

Coma o nome “pan ou cacaforra da morte” suxestiona, é moi tóxico. De feito é o cogomelo máis perigoso, responsábel de máis do 90% dos envelenamentos mortais. 30 gramos deste cogomelo fresco ou medio chapeu son mortais para calquera adulto. Por exemplo, en 2006, unha familia de tres membros en Polonia fue envelenada pola inxestión de A. phalloides, morrendo un dos seus membros e sobrevivindo o resto, dos cales requiriron transplantes de fígado.[33] As autoridades recomendan encarecidamente non depositar exemplares sospeitosos de ser cacaforras da morte no mesmo queipo que outras especies de fungos destinados á alimentación, nin tocar ditos fungos.[Jordan 1][34] Ademais, a toxicidade non se reduce co cocemento, refrixeración ou secado.[35] O pan da morte é un dos cogomelos máis velenosos de entre os atopados en Galiza, xunto coas tamén amanitas: Amanita verna , e a Amanita virosa , ademais de cogomelos de xénero diferentes. O experto Carlos Álvarez Puga, engade que: "Unha das especies máis perigosas é o pan da morte, que abunda en Galiza, e que é mortal. Un exemplar pode ser de abondo para que se teña que facer un transplante de fígado"[36].

Bioquímica[editar | editar a fonte]

Sábese que A. phalloides ten dous grupos principais de toxinas, os compostos heteróciclicos (con forma anular) e os péptidos. Ditos grupos de toxinas atópanse esxtendidos por todo o micelio: a saber, as amatoxinas e mailas falotoxinas. Outra toxina é a falolisina, que amosou certa actividade hemolítica in vitro. Tamén se illou a antamanida, un composto illado.

Síntomas[editar | editar a fonte]

Segundo informes, o sabor do pan da morte é agradábel,[37] este feito en conxunción co carácter retardado dos síntomas,(o tempo de incubación do síndrome faloidano é de dous días e o seu desenvolvemento dura uns vinte días, durante os cales os órganos poden verse gravemente afectados, incluso de xeito irreparábel) fan de A. phalloides un dos cogomelos máis perigosos da Terra.[38] O síndrome faloidiano, de tipo retardado, maniféstase inicialmente por síntomas gastrointestinais con diarreas e vómitos que poden levar á deshidratación; dor abdominal de tipo cólico e suores frías, entre 6 e 48 horas despois da inxesta. En casos graves pode haber hipotensión, taquicardia, hipoglucemia, e acidose.[39][40] Na fase a seguir deteriórase o fígado producindo ictericia e aparecen a diarrea sanguinolenta, o delirio, as convulsións e o coma por mor a fallo hepático fulminante acompañado dunha encefalopatía hepática e coagulopatía.[41] As complicacións, que soen ser fatais, comprenden alteración da presión intracraneal, hemorraxia cerebral, sepse, pancreatite, insuficiencia renal aguda (causada como complicación da hepatite ou causada directamente por lesións no ril,[42][43] dando como signos visíbeis anuria ou oliguria.[38]) e paro cardíaco.[39][40] A morte acontece xeralmente entre o sexto e o 16º día.[44]

Tratamento[editar | editar a fonte]

O síndrome faloidano é unha urxencia médica, que cómpre de hospitalización inmediata. Hai catro categorías principais de coidados médicos, a saber: coidados médicos preliminares, medidas de apoio, tratamentos específicos, e transplante de fígado. Algúns autores indicaron que a penicilina intravenosa podería actuar como antídoto específico contra a toxicidade das amanitas. A toxicidade de certos fungos ou cogomelos tería dúas fases, unha inmediata que non sempre aparece, de molestias gastrointestinais diversas: náuseas, dores, cambras, diarrea; e outra pasado o primeiro día trala inxesta, no que a toxicidade que sería mortal.[45]

Os coidados médicos inmediatos tras ter comido o cogomelo consisten en lavaxe gástrica con carbón activado.[46] Porén, debido á tardanza entre a inxesta e os primeiros síntomas, é corrente que os pacientes cheguen co síndrome bastante avanzado reducindo a eficacia de ditas intervencións.

A cacaforra da morte na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • Cacaforra comida, nin herba nin manciña.
  • Unha cacaforra no cesto fai perder o resto.
  • Quen erra coas cacaforras pronto lle chega a hora[47].

Posíbeis confusións[editar | editar a fonte]

Amanita lanei. Óllese a súa semellanza con A.phalloides.

Os últimos casos de intoxicacións remarcan a semellanza de A. phalloides co cogomelo comestíbel Volvariella volvacea (fungo típico da cociña chinesa), a cacaforra da morte foi a culpábel de gran número de envelenamentos entre as comunidades asiáticas de Australia e da costa oeste dos EUA. Nos Estados Unidos este erro é a principal causa de envelenamentos por A. phalloides.

Os non iniciados tamén poden confundir A. phalloides con exemplares novos das especies comestíbeis de Gasteromycete basidioma,[48] ou doutras amanitas como Amanita lanei;[49] Amanita ovoidea (a amanita branca),[50] (aínda que Amanita ovoidea é de maior tamaño e non presenta anel persistente);[51] A. subjunquillea, que se pode encontrar no extremo oriente e A. arocheae, que se pode encontrar en América Central.

Pódese confundir coas Russulaceae.

Pódese confundir coas plantas verdes da familia Russulaceae como Russula heterophylla, R. aeruginea, e R. virescens, que se poden distinguir, ademais, polas súas lamelas crebadizas; ou Tricholomas de chapeu verde-amarelo, aínda que nin as russulas nin as Tricholomas, en especial Tricholomas flavovirens (vistas, na actualidade con desconfianza por mor a intoxicacións en restaurantes de Francia) posúen nin anel nin volva. As variedades brancas tamén se confunden co Agaricus silvicola (de lamelas rosadas).[52] Especialmente hai que ter coidado cos exemplares novos nos que o chapeu aínda non se estendeu, oculta as lamelas ( de cor branca en exemplares novos).[53]

Vítimas célebres[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia varias personalidades históricas sufriron envelenamentos por pan da morte, vítimas de envelenamentos accidentais ou ien como resultado dun complot. Casos como os do emperador Claudio, o papa Clemente VII, a tsarina Natalia Naryshkina, e o Arquiduque Carlos de Austria son ilustrativos.[54]

Robert Gordon Wasson relata os detalles da morte de Clemente VII. Non é probábel que morrera por envelenamento de A. phalloides, xa que estivo enfermo durante cinco meses antes de morrer, o que non concorda co tempo de actuación da amatoxina. Respecto de Natalia Kirillovna Naryshkina, dise que consumiu gran cantidade de fungos antes da súa morte. Mais tamén poderíase deber a unha intoxicación alimentaria.

Por outra banda, o arquiduque Carlos de Austria experimentou unha indixestión despois de comer un prato de cogomelos da que había morrer 10 días despois, o que indica claramente un envelenamento por A. phalloides. Posto que a morte do arquiduque sen descendencia masculina foi o pretexto que deu orixe á guerra de sucesión austriaca, Voltaire ben puido dicir anos despois:

Este prato de cogomelos cambiou o sino de Europa (Voltaire, Mémoires (1759))

O caso do envelenamento do emperador Claudio é máis complexo. Sábese que o emperador Claudio sentía aprecio polas "amanitas do César ou raíñas". Suetonio afirma que Agripinila trazou un plan para matar ao emperador Claudio que consistía en cambiar as raíñas por pan da morte. Mentres, Tácito e Dion Casio din que o veleno se verteu nunha fonte e fungos. Wasson especula sobre esta posibilidade alegando que a substancia que envelenou ao emperador Claudio era unha substancia extraída de A. phalloides e unha dose de coloquíntida que lle tería sido administrada durante a súa doenza, xa que Tácito afirma que Jenofonte, médico de Claudio, compinchado con Agripinila, «inseriulle pola gorxa una pluma untada do mortal veleno».[55]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar en galego preferido en varias fontes: VV. AA. (2012) Vocabulario forestal Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo
  2. Eligio Rivas Quintas (1988): Frampas, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo
  3. http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2010/11/07/reinas-monte-gallego/436443.html
  4. Fries, Elias Magnus (1821). Systema Mycologicum I. Gryphiswaldiae. OCLC 10717479.
  5. Link JHF (1833) Grundriss der Kraeuterkunde IV. Haude und Spenerschen Buchhandlung (S.J. Joseephy), Berlin
  6. Persoon, Christian Hendrik (1797). Tentamen Dispositionis Methodicae Fungorum. Lipsiae. OCLC 19300194.
  7. Persoon, Christian Hendrik (1801). Synopsis Methodica Fungorum. GÖttingen. OCLC 28329773.
  8. "On Secretan's Fungus Names". Taxon 11 (5): 170–173. xuño 1962. http://links.jstor.org/sici?sici=0040-0262%28196206%2911%3A5%3C170%3AOSFN%3E2.0.CO%3B2-I.
  9. "Invalidity of Names Published in Secretan's Mycographie Suisse and Some Remarks on the Problem of Publication by Reference". Taxon 23 (5/6): 836–843. novembro 1974. http://links.jstor.org/sici?sici=0040-0262%28197411%2923%3A5%2F6%3C836%3AIONPIS%3E2.0.CO%3B2-T.
  10. VV. AA. (2012) Vocabulario forestal Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo
  11. De Diego Calonge, F. 'Setas (hongos) Guía Ilustrada, Ediciones Mundi-Prensa, Madrid, 1990, p.202
  12. Bresinsky A, Besl H. (1990). A Colour Atlas of Poisonous Fungi. pp. 26-9. ISBN 0-7234-1576-5.
  13. The Encyclopedia of Fungi of Britain and Europe. 1995. pp. 198. ISBN 0-7153-0129-2.
  14. "California Fungi: Amanita phalloides". http://www.mykoweb.com/CAF/species/Amanita_phalloides.html.
  15. "The distribution of macromycetes in Europe". Dansk Botanisk Arkiv 30: 5–105. 1974. ISSN 0011-6211.
  16. Neville, Pierre; Serge Poumarat (2004). Amaniteae: Amanita, Limacella and Torrendia. Fungi Europaei (9). Alassio. ISBN 88-901057-3-9.
  17. 17,0 17,1 Flore des Champignons Supérieurs du Maroc I. Travaux de l'Institut scientifique chérifien et de la Faculté des sciences. Série botanique et biologie végétale (32). Rabat. 1970. OCLC 915096.
  18. 18,0 18,1 "Last chance to know? Using literature to explore the biogeography of and invasion biology of the death cap mushroom Amanita phalloides (Vaill. Ex Fr. :Fr) Link". Biological Invasions 8 (5): 1131–1144. July 2006. DOI:10.1007/s10530-005-3804-2.
  19. Peck, Charles H. (1897). Annual report of the state botanist. Albany. OCLC 1185748.
  20. "The most poisonous mushrooms". Scientific American 232 (3): 90–101. March 1975. PMID 1114308.
  21. Litten.p75
  22. "A monograph of the Australian species of Amanita Pers. ex Hook (Fungi)". Australian Journal of Botany Supplementary Series 8: 1–96. 1980.
  23. "Amanita phalloides in Victoria". Medical Journal of Australia 158 (12): 849–850. xuño 1993. PMID 8326898.
  24. "La aparición del hongo venenoso Amanita phalloides en Sudamérica.". Revista Sudamericana de Botánica 1: 111–119. 1934.
  25. "Amanita phalloides en las Sierras de Córdoba". Kurtziana 16: 157–160. 1983. ISSN 0075-7314.
  26. "Amanita phalloides en bosques de Pinus radiata de la IX Region de Chile: taxonomia, toxinas, métodos de dedection, intoxicacion faloidiana". Boletín Micológico 7: 17–21. 1992. ISSN 0716-114X.
  27. http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2010/11/07/reinas-monte-gallego/436443.html
  28. 28,0 28,1 "(Fr.:Fr.) Link". Amanita Studies site. xuño 2006. http://web.archive.org/web/http://pluto.njcc.com/~ret/amanita/species/phalloid.html.
  29. Arora, David (1986). Mushrooms demystified : a comprehensive guide to the fleshy fungi. Berkeley, California. ISBN 0-89815-170-8.
  30. Pegler, D.N. (1977). A preliminary agaric flora of East Africa. Kew Bulletin Additional Series (6). ISBN 0-11-241101-0.
  31. "The New Zealand Species of Amanita (Fungi: Agaricales)". Australian Systematic Botany 4 (2): 325–354. 1991. DOI:10.1071/SB9910325.
  32. 32,0 32,1 "South African fungi: the genus Amanita". Mycological Research 95 (1): 80–95. 1991. ISSN 0953-7562.
  33. "(Amanita phalloides poisoning as an indication for liver transplantation in three family members.)". Wiadomości Lekarskie 59 (1–2): 131-4. PMID 16646310.
  34. Carluccio A (2003). The Complete Mushroom Book. London. pp. 224. ISBN 1-84400-040-0.
  35. ver recomendacións no artigo Intoxicación por cogomelos velenosos
  36. Artigo en La Opinión de A Coruña - http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2010/11/07/reinas-monte-gallego/436443.html
  37. Cleland, John Burton (1976). Toadstools and mushrooms and other larger fungi of South Australia. OCLC 15150059.
  38. 38,0 38,1 Bielli, Ettore (1997). Funghi, Conoscere, roconoscere e ricercare tutte le specie.
  39. 39,0 39,1 Pinson CW, Daya MR, Benner KG, Norton RL, Deveney KE, Ascher NL, Roberts JP, Lake JR, Kurkchubasche AG, Ragsdale JW (maio 1990). "Liver transplantation for severe Amanita phalloides mushroom poisoning". American Journal of Surgery 159 (5): 493–9. DOI:10.1016/S0002-9610(05)81254-1. PMID 2334013.
  40. 40,0 40,1 Klein AS, Hart J, Brems JJ, Goldstein L, Lewin K, Busuttil RW (febreiro 1989). "Amanita poisoning: treatment and the role of liver transplantation". American Journal of Medicine 86 (2): 187–93. DOI:10.1016/0002-9343(89)90267-2. PMID 2643869.
  41. North, Pamela Mildred (1967). Poisonous plants and fungi in colour. Londres. OCLC 955264.
  42. "Toxins of Amanita phalloides". Toxicon 36 (1): 13–24. January 1998. DOI:10.1016/S0041-0101(97)00074-3. PMID 9604278.
  43. Nicholls DW, Hyne BE, Buchanan P (1995). "Death cap mushroom poisoning". The New Zealand Medical Journal 108 (1001): 234. PMID 7603660.
  44. Fineschi V, Di Paolo M, Centini F (1996). "Histological criteria for diagnosis of amanita phalloides poisoning". J. Forensic Sci. 41 (3): 429-32. PMID 8656182.
  45. Enjalbert F, Rapior S, Nouguier-Soulé J, Guillon S, Amouroux N, Cabot C (2002). "Treatment of amatoxin poisoning: 20-year retrospective analysis". Journal of Toxicology - Clinical Toxicology 40 (6): 715-57. PMID 12475187.
  46. Vesconi S, Langer M, Iapichino G, Costantino D, Busi C, Fiume L (1985). "Therapy of cytotoxic mushroom intoxication". Critical care medicine 13 (5): 402-6. PMID 3987318.
  47. na Web de Galicia Encantada - http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=767&n=[ditos_e_refr%E1ns_dos_cogomelos]_cacaforra_comida,_nin_herba_nin_manci%F1a
  48. Hall IR, Stephenson SE, Buchanan PK, Yn W, Cole AL. (2003). Edible and poisonous mushrooms of the world. pp. 131-3. ISBN 0-478-10835-4.
  49. Phillips, Roger (2005). Mushrooms and Other Fungi of North America. Buffalo. pp. 14. ISBN 1-55407-115-1.
  50. Istituto Geografico de Agostini. 'Funghi. Conoscere, riconoscere e ricercare tutte le specie di funghi più diffuse', Novara, 1997, p.55
  51. De Diego Calonge, F. 'Setas (hongos) Guía Ilustrada, Ediciones Mundi-Prensa, Madrid, 1990, p.191
  52. Istituto Geografico de Agostini. 'Funghi. Conoscere, riconoscere e ricercare tutte le specie di funghi più diffuse', Novara, 1997, p.184
  53. "Deathcap Mushroom: Amanita phalloides". 9 de outubro de 2006. http://www.anbg.gov.au/fungi/deathcap.html. Consultado o 12-06-2007.
  54. "The death of Claudius, or mushrooms for murderers". Botanical Museum Leaflets, Harvard University 23 (3): 101–128. 1972. ISSN 0006-8098.
  55. Graves, Robert (1934). Claudio, el dios, y su esposa Mesalina. Tres relatos de la muerte de Claudio. ISBN 0-394-72537-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cacaforra da morte

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Benjamin, Denis R. (1995). Mushrooms: poisons and panaceas — a handbook for naturalists, mycologists and physicians. New York: WH Freeman and Company. ISBN 0-7167-2600-9.
  • Jordan Peter, Wheeler Steven. (2001). The Ultimate Mushroom Book. London: Hermes House. ISBN 1-85967-092-X.
  • Zeitlmayr, Linus (1976). Wild Mushrooms: An Illustrated Handbook. Hertfordshire: Garden City Press. ISBN 0-584-10324-7.
  • Jean-Louis Lamaison y Jean-Marie Polese, (traducción al español: Belén R. Maribona). Atlas ilustrado de las setas. ISBN 84-305-4721-5.
  • Edmun Garnweidner. Setas. ISBN 84-241-2660-2.
  • Jordi Boada y otros. (2000). Guía de setas de España. ISBN 84-345-0476-6.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "Benj.", pero non se atopou a etiqueta <references group="Benj."/> correspondente ou falta unha etiqueta </ref> de peche
Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "Jordan", pero non se atopou a etiqueta <references group="Jordan"/> correspondente ou falta unha etiqueta </ref> de peche