Cerrote

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cerrote
MacrolepiotaProcera.JPG
Clasificación científica
Reino: Fungos
División: Basidiomycota
Clase: Basidiomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Agaricaceae
Xénero: Macrolepiota
Nome científico
Macrolepiota procera
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O cerrote, zarrote, zarrota, choupín, cachote, cogordo, patamela ou monxo[1] (Macrolepiota procera (Scop. ex Fr.) Sing., antes Lepiota) é un cogomelo moi habitual en Galiza, comestible e moi apreciado.

En moitas zonas, o termo cerrote e as súas variantes empréganse como sinónimo do xenérico cogomelo.

Índice

Descrición [editar]

Vista lateral e inferior
Vista superior

Caracterízase fundamentalmente polo seu gran tamaño, chegando ós 20 cm de altura e 10-30 cm de diámetro.

O sombreiro é cerrado e globoso ó principio para irse abrindo co tempo ata adoptar unha forma basicamente chá cun mamelón central ben marcado. Está cuberto superiormente por unha cutícula grosa que se rompe en láminas ou escamas de cor marrón sobre un fondo branco, dispostas concentricamente e algo levantadas; co tempo, poden desprenderse na periferia pero nunca do mamelón central, que permanece marrón.

As láminas son brancas, numerosas e de cor branco cremoso, se ben van empardecendo co tempo. Son desiguais e separadas do pé. A esporada é branca [2].

O é esvelto e cilíndrico e sepárase doadamente do sombreiro; é oco. Presenta un bulbo patente na base, cuberto por un lanuxe branco, e un anel de cor branca por riba e parda por baixo, amplo, dobre, fibroso, que pode estar solto e desprazarse ó longo do pé. A superficie do pé é de cor branca con manchas irregulares marróns, dando un aspecto acebrado.

A carne é branca, non alterándose a cor ó ser cortada, cun aroma e sabor característicos e agradables.

É unha especie comestible, sobre todo antes de que se estenda o sombreiro; co paso do tempo vanse facendo máis indixestas. Non se recomenda come-lo pé por ser demasiado fibroso. Nos exemplares máis desenvolvidos pode ser aconsellable raspa-las escamas do sombreiro e retira-las laminiñas.

Unha das formas máis usuais de cociñar este cogomelo é simplemente á prancha. Tamén, rebozando o sombreiro en ovo e fariña e fritir na tixola.

Posibilidade de confusión [editar]

Macrolepiota rhacodes

Existe a posibilidade de confusión con outras especies próximas, como Macrolepiota rhacodes, de menor tamaño (alcanza 15 cm de altura e outros tantos de diámetro, como moito) e cunha carne que toma tons avermellados se se frota. Igualmente, o anel é groso e formado por varias capas. Non representa ningún perigo porque tamén é comestible aínda que menos apreciada.

Outras especies semellantes son:

  • M. acutesquamosa, coas escamas do sombreiro levantadas en punta.
  • M. clypeolaria, cos restos veludos.
  • M. excoriata, que carece do debuxo de manchas marróns no sombreiro.
  • M. laucina, co sombreiro liso.

Só podería confundirse cunha especie velenosa, a Lepiota helvella, que se recoñece pola cor rosada mate do sombreiro, o anel moi reducido e a carne que se torna vermella ó pouco de cortala. En calquera caso, o tamaño serve para evitar calquera confusión, xa que esta L. helvella non chega a supera-los 6 cm de diámetro.

Hábitat [editar]

Medra en bosques de piñeiros e árbores caducifolias pero resulta máis habitual en prados, zonas de monte baixo ou baixo as viñas. Pode atoparse xa a finais de verán e no outono, e resulta rara en primavera.

Observacións [editar]

En Vigo existe unha asociación micolóxica chamada A Zarrota .

Galería de imaxes [editar]

Notas [editar]

  1. É o cogomelo con máis nomes en galego, máis de cincuenta.
  2. Outras especies do mesmo xénero poden tela doutras cores: cremosa, agrisallada ou rosada.

Véxase tamén [editar]

Bibliografía [editar]

  • GARCÍA ROLLÁN, Mariano: Manual para buscar setas. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, 1986.
  • GRÜNERT, Helmut e Renate: Setas. Blume, Barcelona 1986.
  • MERINO, Alfredo (coord.): Guía de campo de las setas. Suplemento de Natura, novembro 1993.
  • SANTOS, Juan Carlos: Setas de Galicia. La Voz de Galicia (Edilesa), 2000.

Ligazóns externas [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: