Cornizó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cornizó
Rogge moederkoren Claviceps purpurea on Secale cereale.jpg
Clasificación científica
Reino: Fungos
División: Ascomyceta
Clase: Ascomycetes
Orde: Hypocreales
Familia: Clavicipitaceae
Xénero: Claviceps
Nome científico
Claviceps purpurea
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O cornizó (Claviceps purpurea) é un fungo do grupo dos ascomicetos que parasita a diversos cereais, especialmente ao centeo. Aparece adherido ás espigas coa forma dunha excrecencia alongada de 1 a 5 cm e de cor negra ou púrpura, unha ou dúas por espiga infectada. Tamén recibe os nomes de caruncho, dentón, cornello, cornizolo, corgo, dente de can ou gran de corvo.

O fungo segrega por moi diversas substancias bioquímicas, das que caben destacar o ácido lisérxico e os seus alcaloides derivados: ergotamina, ergocristina, ergocriptina e ergometrina, de acción farmacolóxica diversa e combinada (vasoconstritora, psicoactiva, etc.).

Distribución[editar | editar a fonte]

O cornizó é de distribución ubicua, pero, no caso de España, parece ser especialmente abundante en Galicia (tamén en Asturias e norte de Portugal). O farmacéutico catalán Pío Font Quer fíxoo notar sen lugar a dúbidas:

De mi puedo decir también que sin haberlo observado en mis ya largas peregrinaciones por España, no hice sino asomarme a Galicia por Piedrafita y en el primer centeal del propio puerto lo vi copiosísimo (Font Quer:25).
En Galicia el cornezuelo se vendía libremente; yo mismo lo vi en manos de las aldeanas, colocado en saquitos abiertos, en el mercado de Sarria, en 1935 (idem, 25).

De feito, ata mediados do século pasado era habitual recollelo nos campos de pan para vendelo nas feiras ou gardalo na casa entre outros remedios caseiros; hoxe é moi escaso porque tamén o é o propio centeo.

Neira Vilas cóntao asi, cando describe as actividades de Balbino:

No tempo da sega adicámonos a xuntar cornello. Andivémolo agro todo. Con tal de non tripar o centeo, ós donos non lles importaba que sacásemos o grao de corvo. Dempois de mollalo chegamos ás tres libras. Tamén fixemos angazos de pau, para vendelos no Sanmartiño, e algunhas ravelas. Lelo gardaba os cartos que iamos gañando, nunha caixiña con pecho.[1]

Uso medicinal[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente usouse o cornizó polas súas propiedades oxitócicas e vasoconstritoras, por exemplo para acelerar os partos lentos ou para coutar as hemorraxias posparto; mesmo, noutras ocasións, como abortivo; en calquera caso, o seu uso en mans inexpertas é moi perigoso. Noutra liña terapéutica, tamén se usou como fonte de LSD, droga alucinóxena.

Intoxicación[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ergotismo.

Desde a Idade Media coñécese a intoxicación por consumo de pan elaborado co cereal contaminado con cornello. Esta intoxicación, que cursaba de forma epidémica, coñécese hoxe como ergotismo e, na antigüidade, como lume sagrado ou lume de santo Antonio. Precisamente, na illa de San Antón (A Coruña) houbo ata o século XVI un lazareto para acoller estes enfermos, do que só queda a capela:

"Parece ser que a capela facía parte dun pequeno lazareto onde se mantiñan illados os doentes de "ergotismo gangrenoso", unha doenza provocada pola inxestión de alimentos contaminados que afectou especialmente os mariñeiros"

A intoxicación cursaba dunha forma gangrenosa (con forte proído e queimazón nas extremidades, que chegaba á necrose e perda de dedos, mans ou pés) ou de forma convulsiva (con violentas e dolorosas convulsións musculares e alteracións psíquicas).

A relación entre esta intoxicación e o cornello do centeo foi establecida por vez primeira polo médico francés Thuillier, en 1670, ao descartar unha orixe infecciosa xa que afectaba principalmente aos campesiños máis pobres (que comían máis pan centeo e aproveitaban absolutamente todo o gran, san ou enfermo) e non resultaba contaxiosa: unha persoa podía morrer intoxicada e os seus familiares, que convivían con el, non mostrar síntoma ningún. Finalmente, comprobou que aqueles anos nos que os campos estaban especialmente infestados, a epidemia era moito máis virulenta, así como que os labregos coas leiras máis inzadas, enfermaban sempre con máis intensidade.

Séculos despois, o experto en fungos Louis-René Tulasne, tamén francés, demostrou que a orixe do cornizó era un fungo que medraba no cereal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Memorias dun neno labrego, 106. Xosé Neira Vilas. Ediciós do Castro, Sada, 1972.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cornizó

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FONT QUER, Pío: Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Labor, Barcelona, 1978.
  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, Antonio e outros: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, 1996.