Rebentabois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O rebentabois (Amanita muscaria [1]), tamén chamado brincabois ou amanita pinta[2], é un cogomelo tóxico, pertencente á orde Agaricales, frecuente en Galicia e en toda Europa, e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer: Fungo pintarraxado, atola as moscas e mais o gado [3].

Coñécese en castelán como falsa oronja [4] ou matamoscas; en catalán: reig bord, reig de fageda, reig tinyós ou reig vermell; en vasco: kuleto paltsoa ou kuleto falsoa. En Francia chámase fause oronge.

O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufri-los insectos que pousan sobre este cogomelo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ó nacer, a amanita ten a forma dunha pequena bóla branca e carnosa, que termina rompendo ó desenvolverse o sombreiro. Este é practicamente hemiesférico pero pouco a pouco vai estendéndose e tomando a clásica forma de paraugas, aplanado e co bordo lixeiramente estriado. A cor propia é vermella e vai clareando ó madurecer, ata cores laranxas ou amareladas. O veo branco que pechaba ese ovo inicial queda fragmentado sobre a superficie do sombreiro formando esas pintas brancas, que van desprendéndose co paso do tempo, sobre todo baixo chuvias importantes, que as arrastran. Estes restos de veo poden arrancarse facilmente.

O sombreiro é carnoso e húmido ou algo viscoso. Pode alcanzar un tamaño de 12–15 cm de altura e un diámetro de 8 a 20 cm.

Exemplar adulto xunto a outro xuvenil

Na parte inferior do sombreiro están as láminas, sempre brancas, moi mestas e co bordo interno libre [5]; a esporada [6] é tamén branca. O pé ou talo, esvelto e de ata 3 cm de sección, tamén é branco, coa base engrosada e presenta un anel [7] branco, membranoso, lobulado e colgante, ás veces coa marxe amarelenta e estriada. Cando o exemplar alcanza a madurez, o pé pode mostrar unha canle oca no seu interior. Como tódalas especies deste xénero, na base do pé atópase unha volva [8] que, neste caso, adopta a forma dunha serie de rodas de vultos ou engrosamentos, tamén brancos, a modo de espullas.

A carne é insípida ou lixeiramente doce, e sen olor propio, cunha suave coloración alaranxada baixo a cutícula e branca no resto. As esporas son brancas e miden 9,5-12 por 6-8 micrómetros, lisas e non amiloides.

Diferenciación[editar | editar a fonte]

A forma, cores e, sobre todo, a presenza das pintas brancas fai que sexa fácil de recoñecer. Podería confundirse coa Amanita caesarea (comestible e moi apreciada) se chegan a desaparecer tódalas manchas brancas, da que se diferenza porque nesta última especie o pé e as láminas son de cor amarela dourada e a volva está ben desenvolvida e carnosa.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Adoita medrar en medios húmidos e sombrizos, baixo coníferas ou frondosas (faias, bidueiros etc.), pero non é estraño atopala en espazos máis despexados. Crece en zonas baixas ata a media montaña. É frecuente o seu crecemento en grupos.

É unha especie tipicamente outonal, que aparece xa a finais de verán.

Toxicidade[editar | editar a fonte]

Considérase unha especie velenosa, con efectos tóxicos sobre o fígado e o intestino que poden chegar a ser graves pero raramente mortais. Produce tamén efectos alucinóxenos, razón pola que se consumiu desde antigo en diferentes partes do mundo.

Os efectos psíquicos que provoca débense ó seu contido en derivados isoxazólicos (como o ácido iboténico ou o muscimol) e outros, como a butofenina e a muscarina (responsable da visión deformada de formas e distancias). Entre 30 minutos e 1 hora despois de inxerilo aparecen trastornos gastrointestinais (dores cólicas e vómitos) e inmediatamente despois comezan os efectos alucinóxenos, con delirios, alucinacións e visións coloreadas e puntos de luz, nun estado semellante á embriaguez, para rematar cun forte sono ó cabo de varias horas. A concentración dos principios activos é variable dentro dun mesmo exemplar (a cutícula é máis rica có resto da carne) e segundo o hábitat onde se recolle (a máis altura, maior concentración). Tamén se dá o feito de que unhas substancias se transforman noutras ó madurar ou tras desecamento: o ácido iboténico degrádase rapidamente en muscimol, 5-10 veces máis potente e capaz de permanecer activo en exemplares desecados de varios anos.

Alicia no país das marabillas

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sinónimo: Agaricus muscarius.
  2. VV. AA. (2012) Vocabulario forestal. Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo
  3. "Amanita muscaria", coñecida no Norte de Portugal e Sur de Galicia co nome de "brincabois" ou "reventabois" debido a que segundo conta a voz popular se unha vaca come un destes cogumelos por accidente alporízase como se estivese en cío (CASTRO CERCEDA e outros:2).
  4. Por oposición á oronja (Amanita caesarea), coa que se pode confundir, sobre todo cando o sombreiro está moi lavado. Outros nomes comúns son oronja pintada e agárico pintado
  5. Láminas libres: aquelas que presentan o bordo interno das láminas claramente separado do pé.
  6. Esporada: conxunto das esporas desprendidas dun cogomelo. Serve para recoñece-la especie, ben pola sús cor (por exemplo, branca nas amanitas, moura no champiñón) como pola súa forma e tamaño, apreciables ó microscopio.
  7. Anel: resto do veo que cubría o sombreiro e que nalgunhas especies permanece unido á parte alta do pé ó despregarse o sombreiro. Segundo a especie pode ser ben patente ou desaparecer.
  8. Volva: vaíña en forma de cáliz no pé dalgunhas especies de cogomelos. Pode adoptar diferentes formas ou, nalgún caso, faltar por completo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CASTRO CERCEDA, M. L. e outros: Historia da macromicoloxía de Galicia", Sociedade Galega de Historia Natural, sen data.
  • GARCÍA ROLLÁN, Mariano (1985): Setas venenosas. Hojas divulgativas nº 1/71 HD, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Madrid.
  • GARCÍA ROLLÁN, Mariano (1986): Manual para buscar setas. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Madrid.
  • RUIZ LEIVAS, Cristovo (2003): "Fraseoloxía e terminoloxía dos cogomelos", en Cadernos de Fraseoloxía galega, 4, 371-387.
  • VV. AA. (1986): Setas. Editorial Blume S. A., Barcelona.
  • VV. AA. (1993): Guía de campo de las setas. Suplemento da revista Natura, nº 128, novembro 1993.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]