Piñeiro insigne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piñeiro insigne
Exemplar nun xardín
Exemplar nun xardín
Estado de conservación
Risco baixo (NT)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Pinus
Especie: P. radiata
Nome binomial
Pinus radiata
D.Don

O piñeiro insigne, piñeiro de Monterey ou piñeiro americano[1] (Pinus radiata D. Don.), ás veces chamado piñeiro de repoboación (por ser usado con este fin en Galiza), é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne orixinaria de Monterey, California. A súa característica distintiva principal é que as súas follas se presentan en grupos de tres acículas, no canto de dúas como ocorre na maioría dos piñeiros. As piñas son máis cativas que as do piñeiro bravo.


Características[editar | editar a fonte]

É unha árbore de talle medio a elevado, de aproximadamente 30 metros de altura. A vantaxe é que é unha especie de crecemento rápido xa que alcanza un diámetro de toro de más de 50 centímetros en 25 ou 35 anos. Posúa unha copa aplanada ou abovedada na súa madureza, coas pólas inferiores extendidas. Ten o tronco recto con ritidoma groso de cor pardo-avermellada. As follas, tipo arume, son duns 15 cm de lonxitude agrupadas en tres acículas. Estróbilos ovoides de 7-14 cm de lonxitude agrupados en parellas ou verticilos de 3-5 coas escamas externas moi prominentes. As piñas son máis cativas que as do piñeiro bravo, non superando os 12 cm de lonxitude e son ovoideas e moi asimétricas. Os piñóns miden entre 5 e 8 mm.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O piñeiro insigne é orixinario de California. Desenvólvese mellor en solos silíceos e moi profundos. Prefire climas temperados ou cálidos, xa que non atura nin as temperaturas moi baixas nin as xeadas; necesita de bastante humidade, aínda que tolera a seca estival.

Introduciuse en Europa, Nova Zelandia, sueste de Australia, Chile, Brasil e Suráfrica. As maiores plantacións son en Chile e Nova Zelandia, onde exceden o 80 % da superficie total de plantación.

Con frecuencia utilízase como pantalla contra o vento.

Sensíbel ao frío e ás xeadas, só se atopa en Galiza plantado en zonas próximas ao mar.

Usos[editar | editar a fonte]

É unha especie de grande interese para a industria pola calidade da súa madeira e por medrar axiña, que fai que o seu cultivo comece a dar beneficios en poucos anos.

A madeira é feble mais ten a vantaxe de ser pouco resinosa. Aprovéitase para diferentes fins, entre os que salientan a pasta de papel e a fabricación de taboleiros de partículas.

Cultívase en moitos países para facer reforestacións, principalmente pola rapidez do seu crecemento.

Na Península Ibérica introduciuse sobre todo na zona norte para a fabricación de pasta de papel. Atópase en zonas de baixa altitude de Asturias, Cantabria, Castela e León e País Vasco; e excepcionalmente nalgunhas rexións de Andalucía como Málaga, Cádiz e Sierra Morena. En Galiza introduciuse arredor do ano 1850, medrando ben na zona da costa e obtendo bos crecementos polo clima e por ser unha especie que medra axiña en solos acedos.

En Chile introduciuse no ano 1888 por Arturo Junge Sahr na cidade de Concepción, a partir de sementes encargadas ao viveiro alemán G. Porzel en Erfurt. Polo seu crecemento rápido logo se popularizou.


Taxonomía[editar | editar a fonte]

Pinus radiata foi descrita por David Don e publicado en Transactions of the Linnean Society of London 17: 442. 1836.[2]

Etimología

Pinus: nome xenérico dado en latín ao piñeiro.[3]

radiata: epíteto latino que significa "radial, con raios".[4]

Sinonimia
  • Pinus adunca Bosc. ex Poir.
  • Pinus californica Loisel.
  • Pinus insignis Douglas ex Loudon
  • Pinus insignis var. laevigata Lemmon
  • Pinus insignis var. macrocarpa Hartw. ex Carrière
  • Pinus montereyensis Rauch. ex Gordon
  • Pinus rigida Hook. & Arn.
  • Pinus sinclairii Hook. & Arn.
  • Pinus tuberculata D.Don[5][6]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. En Termos Esenciais de Botánica da Comisión de Normalización Ligüística da Escola politécnica Superior de Lugo-Universidade de Santiago de Compostela - 2002, dáse preferencia ao termo piñeiro insigne, aceptando tamén os nomes de piñeiro americano e piñeiro de Monterrey
  2. "Piñeiro insigne". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. http://www.tropicos.org/Name/24900210. Consultado o 7 de abril de 2013. 
  3. En Nombres Botánicos
  4. En Epítetos Botánicos
  5. "Piñeiro insigne". World Checklist of Selected Plant Families. http://apps.kew.org/wcsp/namedetail.do?name_id=380297. 
  6. Piñeiro insigne en PlantList

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • VV.AA. (2006). Árbores de Galiza, Edicións A Nosa Terra.
  • García, Xosé Ramón (2008). Guía das plantas de Galicia, Edicións Xerais de Galicia.