Crío (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Crío (en grego antigo Κρεῖος ou Κρίος) era un dos Titáns, fillos de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra). Xunto ós seus irmáns foi derrotado na Titanomaquia, guerra na que non tivo ningunha intervención destacable, e foi desterrado con eles ó Tártaro, no máis profundo do inframundo.

Casou con Euribia, filla de Xea e Ponto (o Mar), coa que tivo tres fillos: Astreo, Palas (ou Palante) e Perses. Astreo uniuse con Eos (a Aurora) e tivo a Eósforo (o planeta Venus), as outras Estrelas e os catro Ventos (Céfiro, Bóreas, Euro e Noto) [1]; tamén se lle fai pai dos outros planetas coñecidos na Antigüidade: Phainón (Saturno, Phaethón (Xúpiter), Pyroeís (Marte) e Stilbón (Mercurio). Perses uniuse con Asteria, coa que tivo varios fillos, entre eles a deusa Hécate.

"Euribia, divina entre as deusas, uníndose amorosamente a Crío, deu a luz ó grande Astreo, a Palante e a Perses, que sobresaíu entre todos pola súa ciencia. Eos, con Astreo, uníndose amorosamente a deusa co deus, tivo os Ventos de impetuososo sopro... Despois destes, Erixenía enxendrou ó luceiro Eósforo, os brillantes astros e todo canto coroa o ceo".
(Hesíodo: Teogonía 375-382)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hesíodo só menciona tres: Céfiro, Bóreas e Noto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA