Ciclo troiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O ciclo troiano é un conxunto de poemas datados na época da Grecia arcaica que narraban a sucesión dos acontecementos da lenda da guerra de Troia. Entre eles atópanse dous que chegaron até os nosos días, a Ilíada e a Odisea, atribuídos ambos a Homero, e outros, hoxe perdidos e que só se coñecen por fragmentos ou resumos realizados por autores antigos. Existen resumos sobre o contido destes poemas perdidos na Crestomatía, obra de Proclo, do cal se discute se se debe identificar co gramático Eutiquio Proclo, do século II ou co filósofo neoplatónico Proclo, do século V. Ás veces considérase que o ciclo troiano era parte doutro grupo de poemas máis numerosos denominado ciclo épico. Outras veces, con todo, identifícanse ambos os termos como sinónimos. Os poetas gregos aos que se atribuíu a composición destes poemas cíclicos son: Estasino de Chipre, Arctino de Mileto, Eumelo de Corinto, Lesques de Lesbos, Axias de Trezén, Pisandro de Camiro, Eugamón de Cirene, etcétera.

Datación[editar | editar a fonte]

A maioría dos estudosos inclínase por aceptar os datos cronolóxicos achegados por autores da Antigüidade acerca da composición destes poemas, que inclúe datas temperás como son os séculos -VIII e -VII. Con todo, hai algúns que prefiren datar estas obras a fins do século -VI ou mesmo en datas posteriores, malia admitiren que a tradición oral que orixinou estes poemas debeu ser moi anterior.

Obras[editar | editar a fonte]

Ciprias[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ciprias.
O Xuízo de Paris representado nunha ánfora etrusca de figuras negras. Cara ao -530. Staatliche Antikensammlungen, Múnic.

As Ciprias ou Cantos Ciprios comprendían once libros en hexámetros dáctilos. É posíbel que o título deste poema aluda ao lugar de procedencia do seu autor, nese caso sería composto por un autor de Chipre, pero tamén se suxeriu que podería estar relacionado con Afrodita, deusa que, segundo a tradición, nacera en Chipre e que tería un importante protagonismo no poema.

Adoita considerarse que foi composto na primeira metade do século -VII, a malia haber autores que prefiren situalo a fins do século -VIII e outros a fins do século -VI.

A tradición di que Homero llo deu ao seu xenro Estasino de Chipre como parte do dote da súa filla (hai unha alusión a isto nun fragmento dun poema de Píndaro). Outros mencionan como compilador a Hexesias de Salamina.

Argumento

Narraba as orixes do conflito troiano e os nove primeiros anos de guerra.

Empezaba cunha deliberación entre Zeus e Temis acerca da guerra de Troia. Continuaba coa aparición inesperada de Eris na voda da nereida Tetis co mortal Peleo e o consecuente xuízo de Paris acerca da beleza de Atenea, Hera e Afrodita.

Afrodita gaña este xuízo de beleza tras prometer a Paris que conseguiría a Helena de Esparta. Paris, acompañado de Eneas, viaxa a Lacedemonia, onde Afrodita provoca que Paris e Helena se unan. Despois embarcan xunto con gran cantidade de riquezas. A nave, sacudida por unha tempestade enviada por Hera, chega primeiro a Sidón, e Paris apodérase da cidade. Desde alí volven emprender a navegación e chegan a Troia, onde se celebra a voda de Paris e Helena.

Tamén se relataba o enfrontamento de Cástor e Pólux contra Idas e Linceo, tras o cal Zeus concede a Cástor e Pólux a inmortalidade en días alternos.

Menelao, rei de Esparta e marido de Helena, delibera co seu irmán Agamenón de Micenas e posteriormente con Néstor de Pilos acerca da necesidade de reunir un exército. Percorren Grecia e reúnen aos caudillos. Odiseo, rei de Ítaca, trata de evitar ser recrutado e fínxese tolo, pero Palamedes descobre a trampa e Odiseo únese ao resto da expedición.

A frota grega reúnese no porto de Áulide. O adiviño Calcante interpreta agoiros e logo parten, arribando por erro a Teutrania, onde feren ao seu rei Télefo, que posteriormente será curado polo mesmo que o feriu, Aquiles.

Reunida novamente a expedición en Áulide, non poden partir por mor das tempestades. Calcante comina a Agamenón a sacrificar á súa filla Ifixenia para tranquilizar á deusa da caza, Ártemis. Esta ofendeuse porque Agamenón matara unha cerva consagrada dicindo que el era mellor porteiro que a deusa. Finalmente, Ártemis impide o sacrificio e é a unha corza á que sacrifican no seu lugar.

Por fin parten cara a Troia, pero Filoctetes é abandonado en Lemnos tras ser mordido por unha serpe. Tras chegar e desembarcar en Troia, Héctor mata a Protesilao e Aquiles mata a Cicno. Os aqueos esixen a devolución de Helena e o seu dote pero os troianos néganse.

Os aqueos saquean toda a rexión. Do botín obtido, Aquiles toma como escrava a Briseida e Agamenón a Criseida. Palamedes morre a mans de Odiseo e Diomedes. Segundo o resumo da Crestomatía a parte final do poema relataba o designio de Zeus de apartar a Aquiles da contenda e o catálogo dos que combateron contra os troianos.

Ilíada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ilíada.
Crises ofrece a Agamenón un rescate pola súa filla Criseida, representado nunha cratera de figuras vermellas, cara a -360/-350. Museo do Louvre, París.

A Ilíada é o poema máis antigo que se conservou escrito da literatura europea[1]. Atribúese tradicionalmente a Homero. Composta en hexámetros dactílicos, consta de 15.693 versos (divididos polos editores, xa na antigüidade, en 24 cantos ou rapsodias). Narra os acontecementos ocorridos durante 51 días no décimo e último ano da guerra de Troia. O título da obra deriva do nome grego de Troia, Ιlión.

Etiópida[editar | editar a fonte]

Eos sostén ao seu fillo Memnón morto, representado nunha copa ática de figuras vermellas, cara a -490/-480. Museo do Louvre, París.

A Etiópida comprendía cinco libros en hexámetros dactílicos. A data tradicional en que se considerou que foi composta é a fins do século -VIII.

Atribúese a súa compilación a Arctino de Mileto, pero referencias a un dos seus máis importantes personaxes (Pentesilea, raíña das amazonas) datan do -600, suxerindo unha data máis tardía.

Argumento

Empezaba narrando acontecementos sucedidos pouco despois da morte de Héctor, coa chegada da raíña Pentesilea, filla de Ares, á fronte das amazonas en axuda aos troianos. Ten momentos de gloria na batalla pero Aquiles mátaa.

O guerreiro aqueo Tersites búrlase logo de Aquiles acusándoo de que se namorou dela tras tela matado, e Aquiles mata a Tersites. Logo ha de purificarse ritualmente en Lesbos por este crime.

Máis tarde chega outro aliado de Troia: Memnón o etíope, fillo de Eos, liderando as tropas de Etiopía e levando unha armadura feita polo deus Hefesto.

Memnón mata en batalla a Antíloco, fillo de Néstor e amigo de Aquiles. Aquiles mata a Memnón e Zeus faino inmortal a petición da súa nai Eos.

Aquiles, rabioso, persegue aos troianos até as mesmas portas da cidade, e ante a porta Escea é morto por Paris e Apolo. Áiax e Odiseo rescatan o seu corpo.

Faise un funeral para Antíloco e outro para Aquiles, ao que asiste a súa nai, a ninfa mariña Tetis, acompañada polas musas. Celébranse xogos funerarios por Aquiles, nos que se ofrece como premio as súas armas. Dispútanllas Áiax e Odiseo.

É dubidoso se o xuízo polas armas de Aquiles e o suicidio de Áiax se relataban neste poema ou na Pequena Ilíada, ou en ambos.

Pequena Ilíada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pequena Ilíada.
Suicidio de Áiax, representado nunha cratera de figuras vermellas, cara a -400/-350., Museo británico, Londres.

A Pequena Ilíada estaba composta por catro libros en hexámetros dactílicos. Atribúese a súa compilación a Lesques de Pirra ou de Mitilene, a pesar de que na Antigüidade tamén había quen o atribuía a Cinetón de Esparta, Diodoro Eritreo ou Homero. Tradicionalmente dátase a fins do século -VIII debido sobre todo a un testemuño de Clemente de Alexandría que data na Olimpíada XVIII (-708) unha competición entre Lesques e Arctino de Mileto.

Argumento

Empezaba co xuízo tras os xogos funerarios por Aquiles, para dirimir quen debe posuír as armas de Aquiles. Gáñaos Odiseo e Áiax tolea e suicídase.

Seguía co asedio a Troia. Héleno, adiviño troiano que é capturado por Odiseo, profetiza acerca da toma de Troia. Entre estes vaticinios figura que a toma da cidade só será posíbel con axuda de Filoctetes (o cal fora abandonado na illa de Lemnos). Diomedes, probabelmente acompañado por algún outro heroe, vai a Lemnos e trae a Filoctetes, o cal é curado por Macaón.Tras iso, Filoctetes loita con Paris en combate singular e mátao. Tras iso, Helena casa co seu cuñado Deífobo.

Odiseo vai a Esciros, de onde trae ao fillo de Aquiles, Neoptólemo, e dálle a armadura do seu pai. Neoptólemo mata a Eurípilo, fillo de Télefo, que acudira en auxilio dos troianos.

Odiseo disfrázase de esmoleiro e entra en Troia para espiar. Helena veo e recoñéceo, pero non o delata e mesmo planean xuntos a captura da cidade. Logo Odiseo volve con Diomedes a Troia para roubar o Paladio.

Epeo constrúe, por indicación de Atenea, o cabalo de madeira e métense no seu interior os mellores guerreiros gregos. Queiman o campamento e repregan a súa frota na illa de Ténedos. Crendo que os seus inimigos se retiraron, os troianos rompen parte das súas murallas para poder meter dentro o cabalo e celebrar a vitoria.

O desenlace e posterior queima e saqueo de Troia relatábanse na Iliupersis. Con todo, varios fragmentos indican que estes acontecementos tamén figuraban na Pequena Ilíada: prodúcese unha batalla nocturna entre gregos e troianos, Neoptólemo mata a Príamo, a Astianacte e a Axenor e toma como prisioneiros a Andrómaca e a Eneas, Diomedes mata a Corebo, Odiseo salva a Helicaón por mor dos vínculos de hospitalidade que adquirira co seu pai Antenor e Menelao reencóntrase con Helena.

Iliupersis[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Iliupersis.

A Iliupersis atribúese a Arctino de Mileto. Eran dous libros en hexámetros dactílicos. O seu nome significa saqueo de Ilión.

Outro autor grego do período arcaico, Estesícoro, tamén escribiu un poema sobre o saqueo de Troia e por iso algúns autores apuntaron a posibilidade de que o resumo que a Crestomatía ofrece podería ser do poema de Estesícoro.

Posto que se atribúe ao mesmo autor que a Etiópida, a data tradicional en que se considerou que foi composto é a fins do século -VIII.

Os acontecementos que se narraban neste poema están moi relacionados con parte do libro II da Eneida (Virxilio), que conta a historia desde o punto de vista troiano con diferenzas en detalles (a fuxida de Eneas ou a identidade do asasino do bebé Astianacte).

O cabalo de Troia, representado no chamado Vaso de Mikonos, cara a -670. Museo arqueolóxico de Miconos.
Argumento

Empezaba narrando a discusión dos troianos sobre que facer co cabalo de madeira. Casandra e Laocoonte, adiviños troianos, manifestan a súa sospeita de que sexa unha trampa e que conteña soldados no seu interior, pero outros troianos din que é unha reliquia sacra e que debía ser ofrecida a Atenea. Finalmente esta última opinión é a que prevalece e celébrase a aparente vitoria pola crenza de que os gregos abandonaron o asedio.

Con todo, aparecen dúas serpes que matan a Laocoonte e a un dos seus fillos. Vendo isto, só Eneas e os seus homes ven claro o desenlace e deixan a cidade.

Pola noite, os gregos saen do cabalo e abren as portas da cidade para que os demais gregos, que volveron de Ténedos, entren. Os troianos son masacrados e quéimase toda a cidade.

No poema tamén se debía facer referencia ao roubo do Paladio. A diferenza do que se narraba na Pequena Ilíada, na Iliupersis dicíase que os gregos non roubaran o Paladio orixinal senón que os troianos colocaran o orixinal nun lugar seguro e que o que roubaran era unha copia.

Durante o saqueo, Neoptólemo mata o rei Príamo, que se escondeu no altar de Zeus; Menelao mata a Deífobo e recupera á súa esposa Helena; Áiax Oileo arrastra pola forza a Casandra, a cal se agarra á estatua de Atenea e os deuses consideran castigalo, pero refúxiase no altar de Atenea; Odiseo mata o bebé de Héctor (Astianacte); Andrómaca é tomada como escrava por Neoptólemo; Demofonte e Acamante liberan á súa avoa Etra. Finalmente, antes de partir, os aqueos fan un sacrificio humano coa filla de Príamo, Políxena, na tumba de Aquiles.

Regresos (Nostoi)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Nostoi.

Nostoi, cuxo significado é Regresos, era un poema atribuído a Axias ou Auxías de Trecén, ou a Eumolpo. Segundo unha pasaxe de Clemente de Alexandría, Auxías copiouno doutra obra do mesmo tema realizada por Antímaco de Teos. Por outra banda, hai testemuños da existencia dunha obra titulada O regreso dos Atridas do que se discute se era outro poema diferente ou unha variante do título.

Eran cinco libros de hexámetros dactílicos.

A data de composición é dubidosa pero en todo caso tivo que ser posterior ao -650 debido á mención da cidade de Maronea, que foi fundada na primeira metade do século -VII.

Morte de Existo por Orestes e Pílades. Enócoe de figuras vermellas, cara a -430/-400. Museo do Louvre, París.
Argumento

Empezaba relatando os preparativos dos aqueos para partir das costas troianas, momento en que xorde unha disputa entre Menelao e Agamenón sobre se deben partir de regreso ás súas casas de inmediato ou non. Atenea está furiosa co comportamento dos aqueos no saqueo. Agamenón queda atrás para facer un ritual para tranquilizala.

Diomedes e Néstor parten os primeiros e chegan ás súas casas a salvo. Menelao parte e chega a Exipto con cinco naves tras perder o resto dos seus barcos. Outros van por terra cara a Colofón, onde o adiviño Calcante morre e é enterrado.

Cando Agamenón parte de regreso, aparéceselle a pantasma de Aquiles e predille que será asasinado.

Despois de desencadearse unha tempestade Áiax Oileo morre nas rocas Caférides (extremo sur de illa de Eubea).

Neoptólemo segue o consello da súa avoa Tetis e regresa por terra. En Tracia ve a Odiseo en Maronea, que chegou por mar. Neoptólemo chega a casa (o vello Fénix morre no camiño) e alí recoñéceo o seu avó Peleo.

Agamenón chega a Micenas e é asasinado pola súa muller Clitemnestra e o amante desta, Existo (primo de Agamenón). O fillo de Agamenón, Orestes, axudado por Pílades, víngase deste asasinato.

Tras pasar algúns anos, Menelao chega á súa casa desde Exipto. O único grego vivo que aínda non regresou é Odiseo.

Odisea[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Odisea.
Odiseo e as sereas, nun estamno ático de figuras vermellas, cara a -480/-470. Museo Británico, Londres.

A Odisea é atribuída a Homero. Crese que foi escrita no século -VIII. Segundo outros autores, a Odisea complétase no século -VII a partir de poemas que só describían partes da obra actual. Foi orixinalmente escrita no que se chamou dialecto homérico. A obra consta de 24 cantos.

Comeza in medias res, o cal significa que empeza en metade da historia, contando os feitos anteriores a base de recordos ou narracións do propio Odiseo. O poema está dividido en tres partes. Na Telemaquia (cantos do I ao IV) descríbese a situación de Ítaca coa ausencia do seu rei, o sufrimento de Telémaco e Penélope debido aos pretendentes, e como o mozo emprende unha viaxe en busca do seu pai. No regreso de Odiseo (cantos do V ao XII) Odiseo chega á corte do rei Alcínoo e narra todas as súas aventuras desde que saíu de Troia. Finalmente, na vinganza de Odiseo (cantos do XIII ao XXIV), descríbese o regreso á illa, o recoñecemento por algún dos seus escravos e o seu fillo, e como Odiseo se vinga dos pretendentes matándoos a todos. Tras aquilo, Odiseo é recoñecido pola súa esposa Penélope e recupera o seu reino. Por último, asínase a paz entre todos os itacenses.

Telegonía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Telegonía.

A Telegonía atribúese a Eugamón de Cirene. Clemente de Alexandría consideraba que se trataba dun plaxio realizado por este dun poema de Museo. Crese que en realidade o que fixo o autor da Telegonía foi reelaborar os temas tratados noutro poema distinto denominado Tesprócida (deste poema consérvase unicamente un fragmento citado por Pausanias). Tamén se atribuía unha Telegonía a Cinetón de Esparta, pero considérase que esa atribución era un erro por outro poema que tiña de título Genealogía. A Telegonía resumida por Proclo comprendía dous libros de hexámetros dactílicos.

A data da súa composición é incerta. Cirene, cidade de Eugamón, foi fundada en -631, pero o poema oral pode existir antes. Tamén Homero puido coñecer este poema épico: o episodio de Tesprocia e o da lanza de Telégono parecen estar baseados no relato da profecía de Tiresias do libro XI da Odisea, pero tamén é posíbel que Homero usase a historia de Telégono como base para esa parte da Odisea. Por outra banda, Eusebio de Cesarea sitúao na Olimpíada 53ª, o que situaría a súa composición a mediados do século -VI.

Son dous episodios distintos: viaxe de Odiseo a Tesprocia e historia de Telégono. Probabelmente cada un dos dous libros relataba ambos os episodios.

Argumento

Empezaba relatando feitos ocorridos tras a matanza dos pretendentes de Penélope, esposa de Odiseo. Os cadáveres son enterrados e Odiseo fai sacrificios ás Ninfas, en cuxa cova escondeu o tesouro que trouxo de Troia a Ítaca (Odisea, XIII). A continuación viaxa a Élide a visitar a un tal Políxeno, que lle dá unha cunca que ten pintada as historias de Trofonio, Agamedes e Auxías.

Volve a Ítaca e vai a Tesprocia facer sacrificios por consello de Tiresias (Odisea, XI). Alí despósase coa raíña Calídica, que terá logo un fillo, Polipetes. Logo prodúcese unha guerra entre os tesprotos contra os veciños brigos. Entre os deuses, Ares combate a favor dos brigos e faille fronte Atenea ata que Apolo sepáraos. Nesa guerra morre a raíña Calídica e Odiseo volve a Ítaca posto que a sucesión no trono correspondía a Polípetes.

Mentres, Circe tivera un fillo de Odiseo, chamado Telégono (nado lonxe); ambos vivían na súa illa Eea. Por consello de Atenea, Circe dille o nome do seu pai, dálle unha lanza cuxa punta é o aguillón dunha manta-raia venenosa que fixera Hefesto, e mándao na procura de Odiseo.

Unha tormenta lévao a Ítaca, sen saber el onde está. Comete pirataría e rouba gando de Odiseo. Este veo e acode. Loitan e Telégono mata a Odiseo coa súa lanza envelenada, cumprindo así a profecía de Tiresias na Odisea de que a morte lle chegaría do mar. Mentres morre recoñécense mutuamente e Telégono lamenta o seu erro. Máis tarde leva o cadáver do seu pai, xunto ao seu medio irmán Telémaco e á súa madrastra Penélope, ao seu fogar na illa Eea. Alí enterran a Odiseo e Circe fai aos demais inmortais. Telégono casa con Penélope e Telémaco con Circe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Homero, Ilíada. Introducción de Emilio Crespo Güemes, p.VII, Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1446-2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Signes Codoñer, Juan (2004). Escritura y literatura en la Grecia arcaica. Madrid: Akal. pp. 193–196. 84-460-1748-2. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]