Alcmena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlcmena

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(el) Ἀλκμήνη Editar o valor em Wikidata
Biografía
Lugar de sepulturaTomb of Alkmene at Megara (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CelebraciónMitoloxía grega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeAnfitrión
Radamantis
ParellaZeus Editar o valor em Wikidata
FillosHeracles
 () Zeus
Laonome (en) Traducir
 () Anfitrión
Erythrus (en) Traducir
 () Radamantis
Ificles
 () Anfitrión
Hércules
 () Xúpiter
Gortys (en) Traducir
 () Tegeates (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiElectrión Editar o valor em Wikidata

Alcmena foi un personaxe mitolóxico, filla de Electrión, rei de Micenas, e esposa de Anfitrión. Seducida por Zeus, foi a nai de Heracles (ou Hércules)[1]; e como precursora dos Heráclidas foi adorada en Tebas e Atenas. Segundo Grimal, Alcmena foi a última muller mortal coa que se deitou Zeus.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Electrión casara con Anaxo, filla de Alceo,[2] e enxendrou dez fillos, entre eles Alcmena.[3] Un día presentáronse ante el os fillos de Pterelao e reclamaron o reino. Electrión negouse e houbo un enfrontamento no que morreron tanto os fillos de Electrión (agás Licimnio, fillo bastardo) como os fillos de Pterelao (agás Everes). O exército deste logrou fuxir co botín de guerra, que foi recuperado por Anfitrión pero cando este estaba arrecadando o gando roubado, unha vaca intentou escapar e Anfitrión tiroulle unha maza, coa mala sorte que rebotou nun corno e foi dar na cabeza de Electrión, matándoo. Anfitrión foi exiliado de Argos e marchou con Alcmena e Licimnio a Tebas. E como Alcmena fixera a promesa de casar a quen vingase a morte dos seus irmáns,[4] Anfitrión comprometeuse a facelo e organizou unha expedición contra aqueles. Finalmente, Pterelao morreu e Anfitrión logrou conquistar os seus territorios, regresando vitorioso a Tebas.

Nacemento de Heracles[editar | editar a fonte]

Miniatura do século XVI

Aproveitando que o seu home, Anfitrión, estaba na guerra, Zeus adoptou a figura del e, simulando ser Anfitrión, pois coñecía a virtude dela, xaceu con Alcmena. Para prolongar o momento, Zeus fixo que a noite durase como tres, prohibindo a Helios, o Sol, que saíse nese tempo. Cando realmente chegou Anfitrión, sorprendeuse ó ver que Alcmena non lle daba a debida benvida e preguntoulle a razón, e ela contestou que xa dormira con el a noite anterior e que lle contara os detalles da guerra e da vitoria. En todo caso, xaceu tamén co home e quedou embarazada dos dous, de xeito que nacerían os dous fillos cunha noite de intervalo.

Anfitrión nun principio pensou en castigala por infiel: ía queimala no lume pero Zeus mandou unha intensa chuvia. O adiviño Tiresias explicoulle que a unión fora feita con Zeus e el aceptouno como un honor.

"Pero antes de que Anfitrión regresase a Tebas, Zeus presentouse unha noite e, triplicando a súa duración, tras adoptar a figura de Anfitrión, xaceu con Alcmena e contoulle o ocorrido cos Teléboas"
(Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8)

Durante o embarazo, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles. Pero Hera, a celosa esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos e, polo tanto, das comadroas) que o detivese,[5] e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena (do palacio ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo, fillo de Esténelo e Nícipe. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Irritada polo engano, Ilitía converteu a Galantis en donicela e condenouna a parir pola boca, por ter unha boca mentireira. Pero mentres tanto, naceu Euristeo e recibiu o trono de Micenas.

"A Íole acolleuna Hilo, por orde de Hércules, no seu leito e no seu corazón, e encheulle o seu ventre de nobre semente, cando Alcmena lle dixo así: Que os deuses che axuden e abrevien o transo cando, a piques de parir, invoques a Ilitía, protectora das asustadas parturientes; esta, por compracer a Xuno [Hera] tornouse severa contra min. Pois, chegado o día de parir a este Hércules, sufridor de traballos, e gravitando o sol xa sobre o noveno signo do zodíaco, o peso distendíame o ventre e o que levaba era tan grande que se podería dicir que era Xúpiter o autor da oculta carga, e xa non podía eu soportar as dolores por máis tempo"
(Ovidio: Metamorfosis IX, 273-323)
Anfitrión e Alcmena ollan como Heracles esgana as serpes, mural de Pompeia

Infancia de Heracles[editar | editar a fonte]

Cando Heracles tiña oito meses,[6] Hera, que quería a morte do meniño, mandou ó berce dúas enormes serpes e, mentres Alcmena pedía axuda a Anfitrión, Heracles matounas esganándoas coas mans.[7] Segundo Ferécides, foi o propio Anfitrión quen as puxo, para comprobar cal dos dous era o seu fillo: ó ver que Heracles se enfrontaba con elas mentres Ificles fuxía, comprendeu que este segundo era o seu fillo e Heracles o fillo do deus.[8]

A partir de entón, Anfitrión educou a Heracles como fillo propio.

Vellez e morte[editar | editar a fonte]

Trala morte de Anfitrión, Alcmena intentou volver á súa terra, Tirinto, con Heracles (que xa rematara os seus doce traballos), Ificles e Iolao, pero Euristeo non o permitiu. Incluso, despois de morrer Heracles, Alcmena e os seus descendentes foron expulsados de Corinto e de Traquis e houberon de fuxir a Atenas. Euristeo esixiu que a botasen da cidade e os atenienses negáronse, polo que lles declarou a guerra, pero Euristeo morreu e entregaron a súa cabeza a Alcmena, que lle sacou os ollos. Eurípides recolleu este episodio como argumento da súa traxedia Os Heráclidas, onde introduce a variante de que Euristeo é capturado vivo e entregado a Alcmena, que decide que o maten.

Alcmena sobreviviu a Heracles e estableceuse en Tebas, cos seus descendentes. Cando morreu, xa a idade avanzada, e foron enterrala, Zeus mandou a Hermes que roubara o corpo e o transportara corpo á Illa dos Benaventurados, deixando unha pedra no seu sitio. Pausanias escribiu que os tebanos afirmaban que se converteu en pedra[9] pero noutra pasaxe di que a súa tumba está en Mégara.[10], pois se afirma que morreu de camiño a Tebas e o oráculo de Delfos aconsellou darlle terra alí mesmo en lugar de regresar a Argos ou continuar ata Tebas[11].

"Hai tamén [en Tebas] ruínas da casa de Lico e o sepulcro de Sémele, pero non o de Alcmena. Din que, cando morreu, converteuse en pedra, e non concordan cos de Mégara no relativo a ela"
Pausanias IX, 16.7

Unha vez na Illa dos Benaventurados, Alcmena foi remozada e casou con Radamantis (xuíz no Hades e fillo de Zeus e Europa)[12]. Cóntase que os que levaban o ataúde notaron que era demasiado pesado, polo que o abriron e descubriron que contiña unha pedra. Entón, deixaron a pedra nun bosque sagrado de Tebas, onde é adorada como deusa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Alcmena, en unión amorosa con Zeus, deu a luz ó forte Heracles" (Teogonía 943-944).
  2. Alceo, xa que logo, é o avó de Heracles, e de aí o sobrenome de Alcides que tiña este. Foi en Delfos, onde fora consultar o oráculo tras asasinar ós fillos, onde a pitia bautizoulle como Heracles (Pseudo-Apolodoro, II, 4, 12).
  3. Eurípides (Heraclidas) di que Alcmena foi filla de Lisícide ou Eurídice, filla de Pélope.
  4. Tamén se di que Alcmena, aínda que xa fora entregada a Anfitrión, xurara non xacer con el ata que os seus irmáns fosen vingados.
  5. Hera xa utilizara anteriormente á filla co mesmo fin: chegado o momento do parto de Leto, outra amante de Zeus, preñada de Apolo e Artemisa, Hera impediu que Ilitía a atendese (para algúns, retívoa na terra dos hiperbóreos) e persiguiu a Leto para que ningunha terra a acollese. Leto refuxiuse na illa flotante de Ortiguia, hoxe Delos, e estivo de parto sete días. Os deuses, conmovidos, mandaron a Iris, mensaxeira dos deuses, para buscala e, en canto puxo o pé na illa, naceu Artemisa e, logo, Apolo (Terceiro himno homérico a Apolo).
  6. Segundo Píndaro (Nemeas I, 35), Heracles acababa de nacer; segundo Teócrito (XXIV, 1), tiña dez meses; e segundo Ferécides, un ano.
  7. Tamén empregou Hera este método para intentar librarse dos fillos bastardos de Zeus con Leto: mandou a serpe Pitón para que devorase a Apolo meniño, pero este matouna coas súas frechas.
  8. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8.
  9. Pausanias, Descrición de Grecia, Libro IX, 16. 7.
  10. Pausanias, Descrición de Grecia, Libro I, 41, 1.
  11. Graves, px. 619.
  12. Outros mitógrafos, como Pseudo-Apolodoro, din que casaron antes de morrer ("Con Alcmena, despois da morte de Anfitrión, desposouse Radamantis, fillo de Zeus, e viviu exiliado en Ocáleas de Beocia" (II, 4, 11); "Radamantis ... tras exiliarse de nuevo a Beocia desposou a Alcmena" (III, 1, 2).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940.  (en castelán)
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)
  • Hesíodo (2013 (3ª ed)). Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen. Alianza Editorial. ISBN 9788420678825.  (en castelán)
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • Ovidio: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Pausanias (2002). Descripción de Grecia (libros VII-X). Gredos. ISBN 8424926595.  (en castelán)
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].