Saltar ao contido

Heitor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHeitor

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Έκτορας Editar o valor en Wikidata
Biografía
MorteTroia, Turquía Editar o valor en Wikidata
Actividade
Carreira militar
ConflitoGuerra de Troia Editar o valor en Wikidata
CelebraciónRelixión da Grecia antiga Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeAndrómaca Editar o valor en Wikidata
FillosAstíanax, Laodamas, Oxynius, Amphineus Editar o valor en Wikidata
PaisPríamo Editar o valor en Wikidata  e Hécuba Editar o valor en Wikidata
IrmánsParis
Casandra
Polixena
Deífobo Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Editar o valor en Wikidata

Heitor[1] (do grego ῝Εκτωρ) foi un príncipe troiano encargado, na guerra de Troia, da defensa da cidade fronte as hostilidades dos aqueos, ata a súa morte a mans de Aquiles.

Heitor era fillo primoxénito do rei troiano Príamo e da raíña Hécuba, e irmán de Paris e Casandra, entre outros. Estaba casado con Andrómaca, filla do rei dos cilicios, coa que tivo un único fillo, Astianacte.

Actuación na guerra de Troia

[editar | editar a fonte]

Heitor é un dos personaxes principais no poema homérico da Ilíada. Como comandante das forzas da cidade, a súa contribución á resistencia fronte ó exército grego foi decisiva. Na obra, Heitor sitúase como o personaxe antagonista de Aquiles, non só no campo de batalla, senón tamén no carácter. Mentres que a Ilíada comeza facendo referencia a Aquiles, termina coa morte de Heitor:

Mais, así que se descubriu a filla da mañá, Eos de rosados dedos, congregouse o pobo en torno á pira do ilustre Heitor. E cando todos se reuniron, apagaron con negro viño a parte da pira que as lapas alcanzaran; e seguidamente os irmáns e os amigos, xemendo e corréndolles as bágoas polas meixelas, recolleron os brancos ósos e os colocaron nunha urna de ouro, envoltos en fino velo de púrpura. Depositaron a furna no burato, que cubriron con moitas e grandes pedras, amontoaron a terra e erixiron a mámoa. Puxeran sentinelas por todos lados, para vixiar se os aqueos, de fermosas grebas, os atacaban. Levantada a mámoa, volvéronse: e reunidos despois no pazo do rei Príamo, alumno de Zeus, celebraron o espléndido banquete fúnebre. Así celebraron as honras de Heitor, domador de cabalos.

Reticencias de Heitor ás hostilidades

[editar | editar a fonte]
Héctor, Andrómaca, Astianacte e o helmo.

Malia ser o guerreiro máis temido polos seus inimigos, Heitor non aprobou a guerra entre gregos e troianos. Ó observar como Paris evita combater con Menelao, repróchalle que rexeite o combate tras causar tantos problemas á patria. Polo tanto, Paris propón enfrontarse a Menelao en combate singular, quedándose o vencedor con Helena e poñendo así fin á guerra. Porén, durante o duelo Afrodita levouse a Paris do campo de batalla. Menelao reclama a vitoria, pero Pándaro feriuno cunha frecha desde as murallas, recomezando a guerra.

Os gregos atacaron e obrigaron ós troianos a retirarse, polo que Heitor debeu saír e encabezar o contraataque. Ó disporse a atravesar as portas da cidade, a súa esposa Andrómaca, con Astianacte nos brazos, detívoo e lle suplicou, no seu nome e no do seu fillo, que non saíse. Heitor sabía que Troia e a casa de Príamo estaban condenadas, e que os seus destinos serían a morte ou a escravitude nun país estranxeiro. El explicoulle que non pode rexeitar a loita, consolándoa coa idea de que ninguén o podería abater ata que chegase a súa hora. O brillo do helmo de bronce asustou a Astianacte, facéndoo chorar. Heitor quitoullo, abrazou á súa familia, e pediu a Zeus que o seu fillo puidese chegar a converterse en caudillo e obter máis gloria na batalla que el.

Heitor e Áiax

[editar | editar a fonte]
Heitor e Áiax intercambian regalos

Heitor e Paris atravesaron as portas e reagruparon ós troianos, provocando estragos entre os gregos. Ó comunicarlle o seu irmán Héleno (con dotes divinatorias) que non era o seu destino morrer aínda, Heitor desafiou a calquera dos gregos a un combate singular. Ó principio, os aqueos mostráronse reticentes, pero tras ser reprendidos por Néstor, nove gregos ofrecéronse e sortearon quen de entre eles se enfrontaría ó troiano. Áiax Telamón foi elixido e loitou con Heitor durante todo o día, sendo ámbolos dous incapaces de obter a vitoria. Ó terminar o duelo, cada rival expresou a súa admiración polo valor e a habilidade do contrincante. Heitor regalou a súa espada a Áiax (que acabaría usándoa para suicidarse) e este fixo o mesmo co seu cinto.

Ámbolos dous bandos pactaron unha tregua para enterrar ós mortos. Esta tregua foi aproveitada polos gregos para construír unha muralla e abrir un foxo arredor das naves.

Acoso ó campamento grego

[editar | editar a fonte]

Os troianos empurraron ós gregos dentro do seu campamento trala cerca, e estaban a piques de alcanzar as naves, pero Agamenón reagrupou o exército grego e repeleu o ataque. Á caída da noite Heitor decidiu atacar o campamento inimigo e queimar as naves ó día seguinte.

Tras unha resistencia inicial, as tropas troianas avanzaron cara ás naves. Diomedes e Odiseo obstaculizaron a Heitor e gañaron tempo para a retirada, mentres os troianos trataron de derribar a cerca. Heitor golpeou as portas cunha gran pedra, despexándoa, e ordenou ó seu exército escalar o muro.

A batalla trasladouse ó interior do campamento grego. Heitor foi alcanzado por unha pedra guindada por Áiax, pero Apolo infundiulle forzas. Finalmente, Heitor chegou ata a nave de Protesilao e ordenou incendiala, pero Áiax fixo fracasar tódolos intentos.

Heitor e Patroclo

[editar | editar a fonte]

Ante a perigosa ofensiva troiana, as esperanzas gregas reducíronse a que Aquiles retornase á loita. Porén, o heroe grego mantívose renitente malia as súplicas dos seus aliados, polo que o seu amigo Patroclo decidiu vestirse coa armadura de Aquiles e pórse ó mando dos mirmidóns. Durante a loita, Patroclo foi ferido por Euforbo e morto por Heitor.

Heitor tomou a armadura de Aquiles e ordenou a retirada do combate, evitando combater contra Áiax polo corpo de Patroclo. Ó saber da morte de Patroclo, Aquiles clamou vinganza e aceptou volver á loita.

Derrota e morte

[editar | editar a fonte]
Aquiles arrastra o cadáver de Heitor

Durante a noite, os troianos reuníronse en xunta. Polidamante, amigo e lugartenente de Heitor, aconsellou volver á cidade para protexerse da ira e o ataque de Aquiles. Porén, Heitor desoíu o consello, ordenou manterse no campamento e se mostrou decidido a enfrontarse a Aquiles:

Mañá, ó apuntar a aurora, vestiremos a armadura e suscitaremos un disputado combate xunto as cóncavas naves. E se verdadeiramente o divino Aquileo se propón saír do campamento, pesaralle tanto máis, canto máis se arrisque, porque me propoño non fuxir del, senón afrontalo na batalla horrísona; e alcanzará unha gran vitoria, ou serei eu quen a consiga. Que Ares é a todos común e adoita causar a morte do que matar desexaba.

Ó día seguinte, Aquiles e os gregos avanzaron empuxando ós troianos cara a cidade. Heitor asustouse e mesturouse entre as tropas por consello do deus Apolo. Pero tras dar morte Aquiles a Polidoro, irmán de Heitor, este deixou de esconderse e acudiu ó enfrontamento. Novamente, Apolo axudou a Héctor, retirándoo do combate.

Na retirada á cidade das tropas troianas, Heitor quedou fóra das portas e foi perseguido por Aquiles. Deron tres voltas ás murallas ata que Atenea, na forma de Deífobo, incitou a Heitor a plantar cara a Aquiles.

Heitor pediu a Aquiles que se honrase o cadáver do perdedor, pero o grego refugou calquera trato. Finalmente Aquiles matou a Heitor, cravándolle a lanza na base do pescozo, o único lugar desprotexido pola súa armadura.

O cadáver de Heitor

[editar | editar a fonte]
Regreso do corpo de Heitor a Troia. Baixorrelevo en mármore de sarcófago romano

Unha vez morto, o corpo de Heitor foi lacerado polos aqueos, e posteriormente atado polos nocellos ó carro de Aquiles, que o arrastrou extramuros. Durante varios días, o corpo permaneceu exposto ó sol e os animais, pero, finalmente, o rei Príamo aventurouse ata a tenda de Aquiles e suplicoulle a devolución do corpo do seu fillo. Aquiles apiadouse e, a cambio dun rescate, entregou o cadáver de Heitor ó seu pai, que xa en Troia realizou os funerais.

Segundo Pausanias, que viviu no século II, a cidade de Tebas mandou unha delegación a Troia para recuperar os ósos de Heitor, que desde entón está enterrado en Tebas. Fixérono seguindo un oráculo que dicía que:

"Tebanos que habitades na cidade de Cadmo[2], se queredes vivir na vosa patria con irreprochable riqueza, traede os ósos de Heitor Priámida a casa, desde Asia, e honrádeo como a un heroe por consello de Zeus"
Pausanias IX, 18.5

Pero tamén se di que isto aconteceu tras unha peste que asolou Grecia. Para librar da peste, Apolo ordenou que se desenterrasen os ósos de Heitor e se volvesen a soterrar nunha cidade que non tivera intervención na guerra de Troia[3].

Referencias históricas

[editar | editar a fonte]

Non hai evidencias directas da existencia dos heroes homéricos, así que as teorías acerca deles se apoian noutras evidencias, que non son o suficientemente sólidas para considerarse concluíntes.

Unha das case evidencias máis suxerintes constitúena os nomes dos heroes troianos nas táboas escritas en Lineal B. Alí atopáronse moitos dos nomes homéricos masculinos, entre eles e-ko-to (Heitor).[4]

Etimoloxía do nome

[editar | editar a fonte]

Hai diferentes versións acerca da orixe do nome. A forma grega, Héktor interprétase tradicionalmente como "rexedor (do pobo)"; pode vir do verbo ἔχειν (ékhein) "rexer", "ter", ou de "esculpir", formar", "educar" [5]. Por outro lado, podería ter unha orixe non grega, xa que aínda se descoñece a filiación lingüística do pobo troiano.

Influencia posterior

[editar | editar a fonte]
  1. Xunta de Galicia (ed.). "Ímoslle chamar..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2017. 
  2. Cadmo, fundador da cidade de Tebas.
  3. Graves, px. 728.
  4. John Chadick, 2nd Edition of Ventris & Chadwick, Documents in Mycenaean Greek, Cambridge, 1973, Page 104.
  5. Héctor en Online Etymological Dictionary

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]