Malabo
Epónimo | Malabo Löpèlo Mëlaka (en) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Guinea Ecuatorial | ||||
Region of Equatorial Guinea (en) | Região Insular (pt) | ||||
Província da Guiné Equatorial (pt) | Bioko Norte | ||||
District of Equatorial Guinea (en) | District of Malabo (en) | ||||
Capital de | District of Malabo (en) Bioko Norte Região Insular (pt) Guinea Española (1926–1959) Guinea Ecuatorial (1968–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 297.000 (2018) (14.142,86 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua bubi lingua castelá | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 21 km² | ||||
Bañado por | golfo de Guinea | ||||
Altitude | 0 m | ||||
Creación | 1827 | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | ayuntamientodemalabo.com | ||||
Malabo é a capital de Guinea Ecuatorial e da provincia de Guinea Ecuatorial de Bioko Norte. Atópase na costa norte da illa de Bioko, illa coñecida antigamente polos bubis, os seus habitantes nativos, como Etulá e como Fernando Póo polos europeos e ten unha poboación aproximada de 250.302 habitantes.
As linguas oficiais da cidade, así como de todo o país, son o español (lingua principal e practicamente a única empregada), a francesa e o portugués.
Malabo é a cidade máis antiga de Guinea Ecuatorial. Por este motivo pódense ver un gran número de edificios con arquitectura colonial que ao mesmo tempo conviven con edificios modernos construídos na última e recente etapa, xa despois da independencia. As rúas do centro, cun deseño cadrado, revelan a antiga concepción dunha cidade moderna, con zonas peonís en todas elas. A cidade tamén ofrece numerosas zonas verdes e lecer. Este fenómeno provoca unha sensación de arquitectura de presión atenuada pola baixa altura dos edificios nunha combinación entre occidentalización arquitectónica e africanismo.
Na súa fundación chamouse 'Port Clarence', levada a cabo polos británicos, e despois pasou a denominarse Santa Isabel durante a etapa española.[1] En 1973, durante a presidencia de Francisco Macías Nguema e nos primeiros anos da independencia, recibiu o nome actual.
Nomes
[editar | editar a fonte]A cidade de Malabo tivo diversas denominacións ao longo do tempo :
- de 1827 a 1846 : Port Clarence ou Clarence City (nome inglés) ;
- de 1846 a 1973 : Santa Isabel (denominación española) ;
- desde 1973: Malabo (nome ecuato-guineano).
Poboación
[editar | editar a fonte]Residían 60.064 habitantes consonte o último censo de 1994, mais na actualidade cóidase que a poboación está preto dos 300.000.
Historia
[editar | editar a fonte]Conquista portuguesa da rexión
[editar | editar a fonte]En 1472, no seu intento de buscar unha nova ruta cara ás Indias, o navegante Portugués Fernando Poo descubriu a illa de Bioko, que chamou "Fermosa".[2] Máis tarde a illa bautizouse co nome do seu descubridor, Fernando Poo. A principios do século XVI, concretamente no ano 1507, o portugués Ramos de Esquivel fixo un primeiro intento de colonización europea na illa de Fernando Poo. Estableceu unha factoría en Concepción (agora Riaba) e desenvolveu as plantacións de cana de azucre, pero a hostilidade dos nativos bubis e as enfermidades puxeron fin a esta experiencia.
Cos tratados de San Ildefonso en 1777 e El Pardo en 1778, durante o reinado do rei español Carlos III os portugueses déronlles aos españois a illa de Fernando Poo, Annobón e o dereito a comerciar na parte continental, unha área de influencia de aproximadamente 800.000 km² en África, a cambio da Colonia del Sacramento en Río da Prata e Illa Santa Catalina fronte á costa Brasileñas (ocupadas polos españois). A área estendíase desde o Delta do Níxer ata a desembocadura do río Ogüé, no actual Gabón e incluía, ademais das illas de Fernando Poo e Annobón, os illotes de Corisco e Elobey.
Despois da expedición do conde de Arjelejos (o brigadier don Fernando Felipe de los Santos Toro) e o tenente coronel Primo de Rivera, que desembarcou na actual Luba o 24 de outubro de 1778 para tomar posesión en nome de Carlos III de España dos territorios do Golfo de Guinea, a bordo dos barcos "Santa Catalina", "Soledad" e o bergantín "Santiago" fracasaron os diferentes intentos de colonización por parte de España destas terras, quen non dedicou un particular interese na Guinea española, e que en 1827 autorizou que os británicos usasen a illa como base para a persecución do comercio de escravos.
Fundación da cidade británica como Port Clarence
[editar | editar a fonte]En 1821, o capitán británico Nelly desembarcou na illa de Fernando Poo. Atopouna abandonada e fundou o establecemento de Baía de Melville (Riaba). Algúns anos despois outro capitán británico, William Fitzwilliam Owen, decidiu colonizar a illa e establecer no norte da mesma, o sitio da actual Malabo, unha base para os barcos británicos que perseguían a traficantes europeos de escravos. Así xorde, o 25 de decembro de 1827 Port Clarence, sobre as ruínas dun asentamento portugués anterior. O nome foi elixido na honra do duque de Clarence, que se convertería máis tarde en Guillerme IV do Reino Unido. Os nativos bubis da illa chamárona "Ripoto " (lugar dos estranxeiros). A poboación da capital incrementouse coa chegada dos escravos liberados dos barcos capturados pola armada británica que decidiron quedar e vivir na illa. En 1829, a localidade contaba cuns 700 habitantes, do cales un centenar eran europeos. O asentamento dos liberados en Port Clarence foi previo á formación de Serra Leoa como unha colonia de escravos liberados. Os descendentes destas persoas escravizadas e liberadas aínda permanecen na illa. A eles sumaríanse outros migrantes que chegaron como traballadores libres dos actuais países de Liberia, Serra Leoa, Ghana, Costa do Marfil, Benín, Nixeria e o Camerún, que constitúen o grupo de poboación coñecido como "crioulos" ou fernandinos, e que teñen como lingua propia un pidgin bantu-inglés como idioma propio con elementos de español.
Durante o período de presenza británica, os cónsules británicos convertéronse automaticamente en gobernadores da colonia. Entre eles, destacou o gobernador John Beecroft, un mariñeiro mulato británico que modernizou a capital, cuxa obra foi posteriormente recoñecida por España que erguíu un monumento situado en Punta Fernanda.
Control definitivo español e novo capital como Santa Isabel
[editar | editar a fonte]En 1844, cando a raíña Isabel II de España xa gobernaba despois da rexencia da súa nai María Cristina e de Baldomero Espartero, no intento de modernizar España e rescatar o seu patrimonio, a Coroa española informou ao Reino Unido do seu desexo de recuperar o control da colonia e, polo tanto, da illa. Tardou outra década en levar a cabo este control directo. A capital xa tiña máis dinamismo e as misións relixiosas protestantes tiveron moito éxito. Os dous elementos contribuíron a cambiar a actitude de España, ademais das razóns internas xa mencionadas.
Os españois recuperaron a illa en 1855 e a capital 'Port Clarence' foi renomeada como 'Santa Isabel', en honra a Sabela de Portugal. A capital da illa de Fernando Poo converteuse na capital da Guinea Española.
O seu nome actual deuselle en 1973 como parte da campaña do presidente Francisco Macías Nguema para substituír os topónimos de orixe europea por nomes propios africanos, na honra a Malabo Lopelo Melaka (e cuxa existencia real debe ser tomada con precaución), último rei bubi. Malabo, fillo do rei Moka, entregouse aos españois, mentres que o seu tío Sas Ebuera, xefe dos guerreiros bubi, reivindicou a lexitimidade do trono bubi e opúxose aos españois. Despois da súa morte nunha escaramuza cos españois, Malabo converteuse en rei sen oposición, pero sen atribucións. Os clanes bubi e as localidades tardaron en aceptar a soberanía española sobre a illa, e ata 1912 non se logrou coa pacificación total da illa.
Reinado do terror
[editar | editar a fonte]Un ano despois da independencia, en 1969, a cidade pasou a ser a capital do país, no canto de Bata, antiga capital colonial e sita no territorio continental. Despois da independencia de Guinea Ecuatorial, durante o chamado "reinado do terror"' de Macías Nguema, o ditador reprimiu a boa parte dos intelectuais do país e a etnia bubi, iniciando o proceso de acaparamento dos postos da administración pública mesmo desprazando unha parte da poboación da súa propia etnia, os fang, para Malabo, a fin de tornar os bubis minoritarios. Moitos dos habitantes da cidade tiveron que deixala. Nos últimos anos do seu mandato, practicamente unha quinta parte da poboación do país fuxiu ou foi eliminada. Mesmo Malabo (nome que adquiriu en 1973, no marco dos cambios de topónimos en Guinea Ecuatorial) trata de curar as súas feridas dese período, aínda que o sucesor na xefatura do Estado, Teodoro Obiang Nguema, presidente desde 1979 a través dun golpe de estado que depuxo a Macías, non fixo ningunha mellora.
Detrás do cuartel preto do Palacio do Gobernador, xunto a unha praia negra onde desauga o río cónsul, está a ignominiosa e famosa prisión de Praia Negra onde numerosas persoas foron encarceradas desde a independencia en 1968. Entre os encarcerados e torturados hai moitos líderes políticos como Rafael Upiñalo, Fabián Nsue, Felipe Ondo Obiang, Martín Puye do Movimiento para la Autodeterminación de la Isla de Bioko (MAIB) o Plácido Micó da formación socialdemócrata Convergencia para la Democracia Social (CPDS).
Urbanismo
[editar | editar a fonte]As edificacións notábeis de Malabo son a catedral e a sede do tribunal (Corte).
A cidade posúe un aeroporto internacional.
Clima
[editar | editar a fonte]A pesar da súa situación próxima ao ecuador, Malabo ten un clima húmido e tropical. A cidade ten unha media de 1800 mm de choiva ao ano.
Malabo ten unha tempada seca pequena e curta entre decembro e febreiro e unha longa época de choivas que abarca os nove meses restantes. As temperaturas durante todo o ano na cidade son relativamente constantes, cunha media de 25 °C.
Datos climáticos para Malabo | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | 34,2 | 35,3 | 34,5 | 36,5 | 34,0 | 32,5 | 31,5 | 32,0 | 32,5 | 32,5 | 32,5 | 33,5 | 36,5 |
Media máxima en °C | 31,1 | 31,8 | 31,3 | 31,3 | 30,5 | 29,5 | 28,4 | 28,0 | 28,1 | 28,8 | 29,8 | 30,8 | 30,0 |
Media diaria en °C | 26,9 | 27,7 | 27,6 | 27,2 | 26,7 | 25,9 | 25,3 | 25,0 | 25,1 | 25,5 | 26,1 | 26,6 | 26,3 |
Media mínima en °C | 23,0 | 23,9 | 24,1 | 23,8 | 23,5 | 23,3 | 23,2 | 23,1 | 22,8 | 22,9 | 23,0 | 22,7 | 23,3 |
Temperatura mínima en °C | 17,0 | 16,5 | 15,5 | 16,5 | 15,0 | 18,0 | 17,1 | 15,0 | 18,5 | 17,6 | 19,0 | 17,5 | 15,0 |
Chuvia media mm | 28,9 | 70,6 | 102,7 | 155,7 | 227,1 | 260,8 | 202,0 | 177,1 | 250,1 | 254,3 | 100,3 | 39,6 | 1 869,1 |
Media de días con chuvia (≥ 1.0 mm) | 3,5 | 4,6 | 9,8 | 12,0 | 17,2 | 19,0 | 17,5 | 14,8 | 20,6 | 19,5 | 10,3 | 4,0 | 152,7 |
Humidade relativa media (%) | 83 | 83 | 84 | 84 | 87 | 89 | 90 | 89 | 91 | 90 | 88 | 84 | 87 |
Media de horas de sol mensuais | 120,9 | 121,5 | 108,5 | 114,0 | 99,2 | 66,0 | 43,4 | 52,7 | 48,0 | 71,3 | 87,0 | 117,8 | 1 050,3 |
Media de horas de sol diarias | 3,9 | 4,3 | 3,5 | 3,8 | 3,2 | 2,2 | 1,4 | 1,7 | 1,6 | 2,3 | 2,9 | 3,8 | 2,9 |
Fonte: Deutscher Wetterdienst[3] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nistal Rosique, Gloria. "El caso del español en Guinea Ecuatorial" (PDF). Instituto Cervantes. Consultado o 4 de xaneiro de 2016.
- ↑ Roman Adrian Cybriwsky, Capital Cities around the World: An Encyclopedia of Geography, History, and Culture, ABC-CLIO, USA, 2013, p. 174
- ↑ "Klimatafel von Malabo (Santa Isabel) / Insel Bioko (Fernando Póo) / Äquatorial-Guinea" (PDF). Baseline climate means (1961–1990) from stations all over the world (en German). Deutscher Wetterdienst. Consultado o 19 de decembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Malabo |