Sabela de Portugal
Sabela de Portugal,[1] ou Isabel de Aragón (Yzabel na grafía medieval portuguesa), nada en Zaragoza cara a 1270 e finada en Estremoz o 4 de xullo de 1336, foi unha infanta aragonesa e, de 1282 ata 1325, raíña consorte de Portugal, polo seu casamento con rei Dinís I de Portugal.
Pasou á historia coa fama de santa, tendo sido beatificada e posteriormente canonizada. Foi popularmente coñecida como Raíña Santa Sabela ou simplemente A Raíña Santa.
Orixes
[editar | editar a fonte]Sabela era a filla máis vella do rei Pedro III de Aragón con Constanza de Sicilia. Por vía materna, era descendente de Frederico II, Sacro Emperador Romano-Xermánico, pois o seu avó materno era Manfredo de Hohhenstauffen, rei de Sicilia, fillo de Frederico II.
Tivo cinco irmáns, entre os cales os reis aragoneses Afonso III e Xaime II, ademais doutro monarca reinante, Frederico II de Sicilia. Unha tía materna súa foi Sabela de Hungría, tamén considerada santa pola Igrexa Católica.
Casamento
[editar | editar a fonte]Dinís I de Portugal tiña 18 anos cando subiu ao trono e pensando en casamento convíñalle Sabela de Aragón. D. Dinís enviou por iso unha embaixada a Pedro de Aragón en 1280. Formábana João Velho, João Martins e Vasco Pires. Cando chegaron, estaban aínda á espera de resposta enviados dos reis de Francia e de Inglaterra, cada un desexoso de casar con Sabela un dos seus fillos. Aragón preferiu entre os pretendentes aquel que xa era rei.
A 11 de febreiro de 1282 con 12 anos, Sabela casou, entón, por poderes co soberano portugués D. Dinis en Barcelona, tendo celebrado a voda ao pasar a fronteira da Beira, en Trancoso, o 26 de xuño do mesmo ano. Por ese motivo, o rei acrecentou esa vila ao dote que habitualmente era entregue ás raíñas (a chamada Casa das Raíñas, conxunto de señoríos a partir dos cales as consortes dos reis portugueses collían as prendas destinadas á manutención da súa persoa.
En 1281 Sabela de Aragón recibiu como dote as vilas de Abrantes, Óbidos, Alenquer e Porto de Mós. Posteriormente recibiu tamén os castelos de Vila Viçosa, Monforte, Sintra, Ourém, Feira, Gaia, Lamoso, Nóbrega, Santo Estêvão de Chaves, Monforte de Rio Livre, Portel e Montalegre, ademais das rendas e das vilas de Leiria e Arruda (1300), Torres Novas (1304) e Atouguia da Baleia (1307). Eran aínda seus os reguengos de Gondomar, Rebordões, Codões, ademais dunha quinta en Torres Vedras e da leziria da Atalaia.
Do seu casamento co rei D. Dinis tivo dous fillos:
- Constanza (3 de xaneiro de 1290 - 18 de novembro de 1313), que casou en 1302 co rei Fernando IV de Castela.
- D. Afonso IV (8 de febreiro de 1291 - 28 de maio de 1357), sucesor do pai no trono de Portugal.
Raíña da paz
[editar | editar a fonte]Na década de 1320, o infante D. Afonso, herdeiro do trono, sentiu a súa posición ameazada polo favor que o rei D. Dinís demostraba para co seu fillo bastardo, Afonso Sanches. O futuro Afonso IV declarou abertamente a intención de batallar contra o seu pai, o que case se concretaría na chamada batalla de Alvalade. Porén, a intervención da raíña conseguiu serenar os ánimos e pola paz asinada en 1325 nesa mesma poboación dos arredores de Lisboa, foi evitado un conflito armado que tería desestabilizado o reino.
D. Dinís morreu en 1325 e, pouco despois da súa morte, Sabela peregrinou á catedral de Santiago de Compostela, no reino de Galiza, facéndoo montada nun burro, e a última etapa a pé, onde ofertou moitos dos seus bens persoais.
Recolleuse por fin no entón Convento de Santa Clara-a-Velha en Coímbra, vestindo o hábito da Orde das Clarisas mais non facendo votos, o que lle permitía manter a súa fortuna usada para a caridade. Só volvería saír del unha vez, pouco antes da morte, en 1336.
Nesa altura, Afonso declarou guerra ao seu sobriño, o rei D. Afonso XI de Castela, fillo da infanta Constanza de Portugal e por tanto neto materno de Sabela, polos malos tratos que este inflixía á súa esposa D.ª Maria, filla do rei portugués. Non obstante a súa idade avanzada e a súa doenza, a raíña Santa Sabela dirixiuse a Estremoz, cabalgando na súa mula por días e días, onde unha vez mais se colocou entre dous exércitos desavindos e evitou a guerra. Porén, a paz chegaría só catro anos máis tarde coa intervención da propia María de Portugal, por un tratado asinado en Sevilla en 1339.
Falecemento e legado
[editar | editar a fonte]Sabela faleceu, tocada pola peste, en Estremoz, a 4 de xullo de 1336, tendo deixado expreso no seu testamento o desexo de ser sepultada no Mosteiro de Santa Clara-a-Velha, onde en 1995 foi iniciada unha escavación arqueolóxica, após ter estado por 400 anos parcialmente somerxido polo río Mondego.
Segundo unha historia haxiográfica, sendo a viaxe demorada, había o receo de o cadáver entrara en descomposición acelerada polo calor que facía, e cóntase que a medio da viaxe debaixo dunha calor abrasadora o ataúde comezou a abrir fendas, polas cales escorría un líquido que todos supuxeran provir da descomposición cadavérica. Cal non foi, porén, a sorpresa cando notaron que en vez do mal cheiro esperado, saía un aroma suavísimo do ataúde. O seu esposo D. Dinís repousa no Mosteiro de São Dinis en Odivelas.
Sabela terá sido unha raíña moi piadosa, pasando gran parte do seu tempo en oración e axuda aos pobres. Por iso mesmo, aínda en vida comezou a gozar da reputación de santa, tendo esta fama aumentado tras a súa morte. Foi beatificada polo papa León X en 1516, vindo a ser canonizada, por especial pedido da dinastía filipina, que mostrou grande empeño na súa santificación, polo papa Urbano VIII en 1625. É reverenciada o 4 de xullo, data do seu falecemento.
Coa invasión progresiva do convento de Santa Clara-a-Velha de Coímbra polas augas do rícoo Mondego, houbo necesidade de construír o novo convento de Santa-Clara-a-Nova no século XVII, para onde se procedeu á translación do corpo da Raíña Santa. O seu corpo encóntrase incorrupto no túmulo de prata e cristal, mandado facer despois da translación para Santa Clara-a-Nova.
No século XVII, a raíña D. Luísa de Gusmão, rexente en nome de seu fillo D. Afonso VI, transformou en capela o cuarto en que a raíña Santa Sabela falecera no castelo de Estremoz.
Actualmente, innumerables escolas e igrexas ostentan o seu nome na súa homenaxe. É aínda padroeira da cidade de Coímbra, cuxo festivo municipal coincide co día da súa memoria (4 de xullo). Alfredo Marceneiro dedicoulle o fado Rainha Santa, con letra de Henrique Rego.
O seu túmulo así como o Mosteiro Novo de Santa Clara (Santa Clara-a-Nova) está confiado á garda da Confraría da Raíña Santa Sabela.
A lenda do milagre das rosas
[editar | editar a fonte]A historia mais popular da Raíña Santa Sabela é sen dúbida a do milagre das rosas. Porén, este milagre foi orixinalmente atribuído á súa tía avoa Sabela de Hungría. Probabelmente por corrupción da lenda orixinal e polo feito de as dúas raíñas posuíren o mesmo nome e fama de santas, a historia pasou tamén a ser atribuída a Sabela de Aragón.
Segundo a lenda portuguesa, a raíña saíu do Castelo do Sabugal nunha mañá de inverno para distribuír pans aos máis desfavorecidos. Sorprendida polo soberano, que lle inquiriu a onde ía e o que levaba no regazo, a raíña tería exclamado: São rosas, Senhor!. Desconfiado, D. Dinis inquiriu: Rosas, no inverno?. Sabela expuxo entón o contido do regazo do seu vestido e nel había rosas, en vez dos pans que ocultara.
A época exacta do aparecimento desta lenda na tradición portuguesa non está determinada. Non consta dunha biografía anónima sobre a raíña escrita no século XIV, mais circularía oralmente polo país nas últimas décadas dese século. O máis antigo rexisto coñecido é un retablo catrocentista conservado no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
... levaba unha vez a Raíña santa moedas no regazo para dar aos pobres(...) Encontrando a el-Rei preguntoulle o que levana,(...) ela dixo, levo aqui rosas. E rosas viu el-Rei non sendo tempo delas.Crónica dos Frades Menores, Frei Marcos de Lisboa, 1562
O primeiro rexisto escrito do milagre das rosas encóntrase na Crónica dos Frades Menores. Porén, a tradición popular xerou numerosas variantes: moedas de ouro que se transforman en rosas ou rosas que se transforman en ouro; e a actualmente mais coñecida, do pan en flores.
En mediados do século XVI a lenda xa fora amplamente difundida e foi ilustrada por unha pintura anónima, coñecida por Raíña Santa Sabela, no Museu Machado de Castro de Coímbra, e por unha miniatura da Xenealogia dos Reis de Portugal de Simão Bening sobre deseño de António de Holanda. No século XVII xorden dous traballos anónimos retratando a raíña, a pintura ó óleo no atrio do Instituto de Odivelas e o retablo do Mosteiro do Lorvão.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]A primeira biografía de Sabela de Aragón foi escrita por alguén próximo á raíña, talvez o seu confesor Frei Salvado Martins, bispo de Lamego, ou unha das aias de Santa Clara. É xeralmente coñecida por Lenda ou Relación, mais a pesar de se ter perdido o orixinal, o Museu Machado de Castro conserva unha copia manuscrita e iluminada, co título: Livro que fala da boa vida que fez a Raiña de Portugal, Dona Sabela, e seus bons feitos e milagres en súua vida, e despois da morte.
Esta obra, de natureza haxiográfica, serviu de base ás biografías e crónicas posteriores, incluíndo a Crónica de 1419 e as Crónicas de D. Dinis e de D. Afonso IV, de Rui de Pina. Foi publicada no século XVII por Frei Francisco Brandão, na parte VI da Monarquia Lusitana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-09-19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sabela de Portugal |
- Confraria da Rainha Santa Isabel
- Ascendência e Descendência da Rainha Santa em GeneAll.net
- Isabel de Aragão, Rainha Santa: da História ao Mito, M. Lourdes Cidraes
- A Rainha Isabel nas estratégias políticas da Península Ibérica: 1280-1336, José Carlos Gimenez, Fátima Regina Fernandes Frighetto, Universidade Federal do Paraná, Setor de Ciencias Humanas, Letras e Artes - Programa de Pós-Graduaçăo em História
- Monarquia Lusitana, Frei Bernardo de Brito et al., Lisboa, Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1973-1988 (8 volumes)
Predecesor: |
Raíña de Portugal 1282 — 1325 |
Sucesor: |