Dereito de autodeterminación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Autodeterminación")
O primeiro ministro escocés Alex Salmond e a viceprimeira ministra durante o anuncio do plan de referendo para Escocia, en 2007.

O dereito de autodeterminación é un principio fundamental dos dereitos humanos,[1] que defende o dereito individual e colectivo a "decidir libremente o status político, e a escoller libremente o desenvolvemento económico, social e cultural". O principio da autodeterminación atópase xeralmente relacionado co proceso de descolonización que tivo lugar despois da promulgación da Carta das Nacións Unidas en 1945. A obriga de respectar o principio de autodeterminación é unha das características da Carta, que aparece tanto no seu preámbulo como no artigo 1.

O dereito á autodeterminación é unha das normas de Ius cogens. Estas, representan o máis alto nivel de dereito internacional e polo tanto son de obrigado cumprimento.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Thomas Jefferson, principal redactor da Declaración de independencia dos Estados Unidos de América, foi un das figuras máis importantes do independentismo norteamericano.

Este principio foi formulado por primeira vez polo presidente dos Estados Unidos, Woodrow Wilson nos seus Catorce Puntos, tendo unha gran importancia no Tratado de Versalles, no que se deseñaron as fronteiras da Europa Oriental e xa apuntaban á descolonización. Non obstante, moitos dos conceptos básicos do dereito de autodeterminación atópanse xa en documentos anteriores como a propia Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América.

O dereito de autodeterminación ten sido reclamado en décadas recentes por pobos de todo o mundo. Na maior parte dos casos, este dereito é reclamado por: pobos de trazos culturais e lingüísticos propios, pobos ou países que perderon a súa independencia no pasado, minorías relixiosas, ou pobos e nacións que reúnen as anteriores premisas. Estas minorías ou culturas minorizadas perseguen co dereito de autodeterminación a independencia política, co fin de evitar a súa asimilación lingüística, cultural ou relixiosa, así como a súa discriminación ou mesmo persecución por parte do Estado ao que na actualidade pertence.

Moitos estados actuais defenden o dereito de autodeterminación, mais non aceptan a súa aplicación dentro do que consideran "territorio nacional". Outros estados, no entanto, contaron e contan na actualidade co recoñecemento de tal dereito. Así, estados como a Unión Soviética posuíron constitucións que recoñecían este dereito; no caso soviético o recoñecemento do dereito de autodeterminación para as repúblicas da antiga [[URSS] permitiu en 1990 que numerosos países, tales como Lituania, Letonia ou Ucraína, entre outros, acadaran a independencia tras a Perestroika.

Carta das Nacións Unidas[editar | editar a fonte]

Sede da ONU en Nova York.

Cando se ratificou a Carta das Nacións Unidas en 1951, os signatarios introduciron nela o dereito dos pobos á autodeterminación e nos termos da diplomacia internacional.

O obxectivo do cláusula de autodeterminación foi facer que as ex-colonias que existían antes da Segunda Guerra Mundial puidesen escoller libremente o seu futuro. Non obstante, despois da descolonización, o dereito de autodeterminación entendeuse que era aplicable só a Estados, e está limitado aos principios da integridade territorial e á non-inxerencia nos asuntos internos. Moitas ex-colonias que tiñan comezado o seu proceso de independencia encontráronse con movementos separatistas, e houbo consenso internacional en que a autodeterminación non é aplicable a estes movementos.

Declaración Universal dos Dereitos Humanos[editar | editar a fonte]

Na Declaración dos Dereitos Humanos da ONU en 1970, o dereito á autodeterminación foi confinada á doutrina do protocolo internacional. En suma, as persoas teñen dereito á autodeterminación para afrontar situacións de opresión ou falta de representación por un goberno en particular.

Isto produce unha tensión entre o concepto de autodeterminación e o de integridade territorial. Este conflito foi resolto, na práctica, a través da definición de que as persoas teñen dereito á autodeterminación dos pobos que viven nun estado-nación no que máis persoas comparten a mesma cultura ou lingua.

Pacto Internacional sobre Dereitos Civís e Políticos[editar | editar a fonte]

As Nacións Unidas proclamaron, o ano 1966, o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, que entrou en vigor o ano 1976 e foi ratificado polo Estado Español o 27 de xullo de 1977.[2]

O seu Artigo número 1 proclama:

  • Todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. E en virtude deste dereito poden determinar libremente o seu status político así como tamén o seu desenvolvemento, económico, social e cultural.
  • Todos os pobos poden, para os seus propios fins, dispor libremente das súas riquezas e dos seus recursos naturais sen prexudicar, pero, ningún das obrigacións que xorden da cooperación económica internacional baseada nun principio de beneficio recíproco, e tamén do dereito internacional. En ningún caso, un pobo pode ser privado dos seus medios de subsistencia.
  • Os estados que participan neste pacto, -incluíndo aqueles que teñen a responsabilidade de administrar territorios non autónomos, e territorios en fideicomiso- promoverán o exercicio do dereito de autodeterminación e respectarán este dereito de acordo coas disposicións da Carta das Nacións Unidas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

O dereito de autodeterminación nas constitucións

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Karen Parker Home Page For Humanitarian Law - Understanding Self-Determination: The Basics
  2. Status of ratifications