Asociación Cultural Xermolos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación Cultural Xermolos
Tipoasociación cultural
Data de fundación1977
EnGuitiriz
PaísGalicia
43°10′52″N 7°53′45″O / 43.181023, -7.8958014
Na rede
https://www.xermolos.org/
Facebook: xermolos Twitter: ACXermolos Instagram: xermolos Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Asociación Cultural Xermolos é unha asociación nada en 1977 na comarca da Terra Chá (Guitiriz) co obxectivo de promover a cultura en numerosos ámbitos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacemento[editar | editar a fonte]

En 1976 un grupo de mozos e mozas interesados en facer algo pola mocidade de Guitiriz reúnense coa idea de facer un cineclub, organizan partidos de fútbol e fan varias xuntanzas. O derradeiro domingo de outubro dese mesmo ano, estes mozos reúnense nun bar con Alfonso Blanco Torrado, quen máis tarde será nomeado fundador da Asociación. A idea que xorde é a de formar unha asociación cultural que motive a creatividade da mocidade e do pobo en xeral.

En diversas xuntanzas compilan os seus obxectivos principais: promover a creatividade na vila e organizar actividades culturais, sen esquecer cada aldea e parroquia do concello. Porén outra asociación da vila, o CIT, comeza a poñer problemas e realízanse varias xuntanzas; non están a favor da existencia dunha nova asociación no lugar. Pese a estas disidencias, a Lei de Asociacións dálle a razón ao colectivo de Guitiriz, como se facían chamar.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

O 13 de febreiro de 1977 era legalizada, por fin, a asociación. A sociedade, que xa funcionaba desde había tempo, realiza no Nadal de 1976 o primeiro certame de poesías e contos con agasallos en libros e discos para os nenos participantes: Galicia canta ó neno. Mais é o 28 de marzo de 1977 cando é acollido por moita xente un dos actos máis significativos: unha conferencia de Antonio Fernández-Oca, o Axente de Extensión Agraria en Ribadeo, un home comprometido sempre con Galicia e cos labregos.

Estas conferencias e outras tantas xuntanzas serviron, a pesar das calumnias e ataques que continuamente recibían, para acoller así os problemas do Guitiriz rural. Realizaban deste modo un labor social e á vez social cultural en moitas das parroquias.

Pouco despois, o alcalde concédelles unha aula da antiga escola na que montan a primeira biblioteca da comarca, que se enche rapidamente de mozos e mozas de Guitiriz. Serve tamén como punto de encontro para moitos deles como lugar no que debater diferentes temas relevantes para a mocidade da época.

Segue o crecemento da asociación, que en 1980 crea o primeiro festival de música folk, cadrando coa Festa de Pardiñas, feira e festa da música e da arte. Ademais continúa funcionando a Escola Social Rural ou os Venres Culturais, con charlas e conferencias (cada vez máis concorridas) nas aldeas.

Xermolos[editar | editar a fonte]

Acuñan un novo nome para a asociación: Xermolos. Pese a este cambio, seguen en funcionamento dúas asociacións: a Asociación Cultural de Guitiriz: Xermolos, centrada nos maiores, e a Asociación Xuvenil Xermolos, para os máis novos. É entón cando ven necesario cambiar de local a un máis amplo e ben disposto, arranxado por eles mesmos. A necesidade de contar con locais propios para o resto de actividades fainos amañar tamén unha biblioteca, unha sala de música, unha sala de xogos, e máis lugares acomodados para as súas necesidades.

Continúan, ao mesmo tempo, os ataques por parte dos sectores máis arraigados pertencentes á represión do pasado, pero Xermolos responde a estes con máis actividade cultural: conferencias, cabalgatas etc.

A favor do labor social que levaban a cabo, poténcianse as festas patronais de varias parroquias aportando actividades culturais, e pouco a pouco vai medrando o número de socios. O Festival de Pardiñas, á súa vez, vaise convertendo na cita anual de moitas familias de Guitiriz, nomeándose a festa de todo o pobo.

A primeira actividade de Xermolos é recoñecida por dúas importantes institucións, o Instituto Español do Libro e a Radio Nacional de España, con dous premios. Ao mesmo tempo, o labor social segue adiante, con focos de interese como a escolarización da mocidade e a problemática dos discapacitados.

O primeiro libro[editar | editar a fonte]

É no ano 1987 cando Xermolos publica o seu primeiro libro.

Un tempo despois, o 12 de decembro de 1987, a asociación realiza unha homenaxe a Xosé María Díaz Castro, un dos mellores poetas galegos da posguerra e de Guitiriz. Esta homenaxe consiste en varias "táboas redondas" sobre a significación do poeta e a súa traxectoria. Lévase a cabo tamén un xantar no que participan a meirande parte dos escritores galegos da época, máis vellos e máis novos. Finalmente unha doenza cardíaca de Xosé María Díaz Castro impide que estes actos se celebren. A pesar diso a asociación segue loitando, ao longo dos anos, polo recoñecemento social da obra deste autor.

En canto ao ámbito deportivo, sempre presente como elemento fundamental das actividades culturais da Asociación, celébranse nesta etapa actividades como o Maratón de Pardiñas, a Festa da Bicicleta, fanse equipos de baloncesto etc.

Neste momento os membros da Asociación decátanse de que o eido cultural non só debería estar presente na zona na que se moven, Guitiriz e a Terra Chá, así que estenden as súas actividades ao ámbito da bisbarra.

Artellamento interno da Asociación e actualidade[editar | editar a fonte]

O ano 1987 foi realmente conflitivo para Guitiriz e para Xermolos. Por un lado Sidegasa, unha siderurxia na que traballan varios membros da asociación, vese ameazada pola reconversión. Por outro, aparecen conflitos como o do intento de depositar os bidóns do Casón no Campamento de Santa Cruz de Parga. Xermolos funciona entón como principal interventor, realizando o labor social que os caracterizou desde os seus inicios.

Pese a estes problemas, en 1988 prodúcese unha articulación interna da Asociación. Lévase a cabo un reforzo das bases da asociación e a creación duns equipos de traballo máis fortes, así como o comezo de publicación das súas "Follas Informativas".

Actualmente, a asociación segue funcionando dividida en tres campos: a Asociación Cultural, a Asociación Xuvenil e a Asociación Deportiva, cos seus respectivos equipos coordinadores, sempre animando á mocidade a que participe para renovar a Asociación Xermolos para que o seu labor se beneficie dos ideais das novas xeracións.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Existe unha gran variedade de autores que publicaron numerosos escritos destinados a colaborar na Asociación Cultural Xermolos. A continuación amósase unha táboa cos autores máis destacados e algúns dos seus artigos ata 1989, último ano que se recolle no libro 12 Anos na Búsqueda da Nosa Identidade.

Autor Artigo
Xavier Alcalá Galicia: Doce anos de ciencia e tecnoloxía
Emilio Alonso Pimentel Doce anos de pop-rock en Galicia
L. Alonso Girgado

Xavier Castro

Doce anos de poesía galega (1976-1988)
L. Álvarez Pousa Da cultura do cemento á cultura da comunicación
Enrique I. Alvarellos Doce anos de vida coral galega
Antón Baamonde Ensaísimo: pensando o futuro
Alfonso Barca Lorenzo Doce anos de busca da nosa identidade a través da psicoloxía (1977-1988)
X. R. Barreiro Fernández A cultura galega a exame: 1975-1990
Carmen Blanco García O ensaio feminista
Xan Bouzada Galicia: do voluntarismo culturalista á animación socio-cultural
Lino Braxe Un paseo pola radio galega
Manuel Caamaño Unha historia inacabada
Darío Xohán Cabana Pregón do VII Festival de Pardiñas
Rosa Cal Medio cento de revistas culturais galegas
Francisco Carballo Galicia, a historia destes anos
Xurxo Castro A xuventude galega e o CXG
Xulio Cobas Brenlla Os nenos fan literatura
Antón Costa Dez anos de educación en Galicia
Xosé Chao Rego A nosa identidade como pobo
F. Díaz Fierros Viqueira Presencia da ciencia en Galicia
Lois Diéguez Cultura e institucións públicas
M. A. Fernán Vello Pregón do IX Festival de Pardiñas
Xosé Luis Foxo A imaxe da gaita e mailo gaiteiro
X.. L. Franco Grande Doce anos despois
Víctor F. Freixanes Unha feliz sementeira
Manolo González Notas sobre a imaxe en Galicia nesta década (1977-1988)
Eduardo Gutiérrez Reflexión limiar a un balance de dez anos de cultura galega
Tereixa Ledo Regal A provincia de Lugo
Daniel López Muñoz Cambio e conflicto. Reorganiza-la utopía para os noventa
Xosé C. Lorenzo Identidades novas e vellas
Oscar Losada Doce anos de música folk en Galicia
Manuel Lourenzo Polos vieiros do teatro
Manuel María Pregón do VI Festival de Pardiñas
X. R. Mariño Ferro Antropoloxía
Xulio Méndez Menéndez A recuperación do noso folklore
Xosé Antón Miguélez Coplas da fala
Manuel Pampín 1977-1988: O deporte galego sen rumbo
Eduardo Pérez Baamonde Galicia: dez anos de artes plásticas
Victorino Pérez Mocidade galega e postmodernidade
Roxelio Pérez Moreira Despertar dunha conciencia ecolóxica
Xosé Pérez Vilariño A aparición dos xoves na cultura galega
Xesús Rábade Paredes A Terra Cha nalgúns dos seus intérpretes
Isidoro Rodríguez O concepto do folclore antes e agora
Claudio Rodríguez Fer O verdadeiro texto
Bieito Rubido Doce anos para vivi-lo crecemento dos medios de comunicación en Galicia
Xosé Rubal Apuntamentos para a historia da normalización lingüística 1977-1988
Antón Santamarina Pregón do X Festival de Pardiñas
Felipe Senén Pregón do VIII Festival de Pardiñas
Xabier Senín A lectura
Anxo Tarrío A narrativa galega desde 1975 ata hoxe
Xulio Xiz Pregón do V Festival de Pardiñas

Disciplinas[editar | editar a fonte]

A Asociación abarca un territorio moi amplo de disciplinas e temas a tratar nas súas publicacións. Algúns exemplos son:

Publicacións[editar | editar a fonte]

A asociación Xermolos publicou ao longo da súa traxectoria grande variedade de material: libros, revistas, cadernos e monografías.[1]

Libros[editar | editar a fonte]

A maioría dos libros publicados por Xermolos son ou ben autoría de escritores propios da Terra Chá, ou ben sobre a Terra Chá.

  • 12 Anos na Búsqueda da Nosa Identidade: recolle artículos de diferentes temas, todos eles escritos por colaboradores de Xermolos.
  • Panxoliñas (Manuel María, 1992): 15 composicións de Nadal: 14 panxoliñas e un romance.
  • Novena a Santa Isabel (Manuel María, 1995): explicación dos nove días nos que se celebra o culto á Gloriosa Santa Isabel na vila de Outeiro de Rei da Terra Chá.
  • Manuel María (VV. AA, 2001): numerosos colaboradores repasan a vida de Manuel María e a súa ampla obra desde a terra onde naceu ata pequenos relatos e anécdotas.
  • Homenaxe a Xosé María Díaz Catro (VV. AA, 1987): diversos escritores analizan minuciosamente as características da obra do poeta.
  • Elexías á Miña Vida Pequeniña (Manuel María, 2004): composto por 13 elexías e un prólogo de Álvaro Cunqueiro.
  • Datando Lembranzas (María Xosé Lamas, 2004): libro de poesía moi variado. Como dixo Marica Campos na presentación do libro, "é poesía sinxela, sincera e auténtica. Poesía musical como o vento da Terra Chá."[2]
  • Bibliografía de Manuel María (Camilo Gómez Torres, 2004): Explicación moi detallada da obra completa de Manuel María e incluso entrevistas.
  • As Catro Augas (Xoán Neira, 2004): Poesía.
  • A Terra Chá na Poesía de Manuel María (Camilo Gómez Torres, 2003): Analizan a natureza, a etnografía e a Terra Chá en relación coa obra do autor.
  • Pregoeiro da Luz (VV. AA, 1993): Homenaxe a Alfonso Blanco Torrado, fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos.

Revistas[editar | editar a fonte]

  • Follas Informativas, que animan a unirse á Asociación e a colaborar con ela.
  • Revista A Carón: Cinco publicacións en 1995.
  • Xermolos I Etapa (1977-1982).
  • Xermolos II Etapa (1982-1992).
  • Xermolos III Etapa (1992-2006)
  • Xermolos IV Etapa (2007-2010).

As últimas catro con varias publicacións sobre temas moi numerosos.

Cadernos[editar | editar a fonte]

Sobre a Terra Chá.

  • As Nosas Raíces I Etapa.
  • As Nosas Raíces II Etapa.
  • Certame Terra Chá I Etapa 1992-2006.
  • Certame Terra Chá II Etapa 2077-2011.
  • Os Nosos Artesáns.
  • Outras Actividades: camiño francés en bicicleta, volta a España a pé ou unha marcha cicloturista.
  • Reseñas Históricas: sobre a historia de Xermolos.

Monográficos[editar | editar a fonte]

Outras actividades[editar | editar a fonte]

Instauraron actividades semanais como talleres de teatro, de imaxe, de deportes, de literatura, de Arqueoloxía, de Ecoloxía e de Artes e de grupos e equipos como o equipo de baloncesto, o club ciclista de Xermolos, a coral ou o grupo de gaitas, algúns deles aínda activos. Tamén crearon unha escola de Música e unha biblioteca aberta ao público.

Organizaron actividades extraordinarias como realizar o camiño francés en bicicleta, a volta a España a pé ou unha marcha cicloturista e tamén numerosas actividades culturais como homenaxes a escritores, celebracións de entroido, presentacións de libros etc.

Certames e premios[editar | editar a fonte]

Certames
  • Certame "Terra Chá" de Literatura e Debuxo Infantil (33 edicións). Dirixido a estudantes de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Dividiranse os traballos por categorías (contos, debuxo e poesía), por curso e tamén por lugar de procedencia: un grupo para os traballos pertencentes á Terra Chá e outro para os pertencentes a outras escolas e institutos de Galiza.
  • Certame Terra Chá de Narrativa Curta. O obxectivo principal é fomentar a creación literaria e a participación cultural na comarca.
  • Certame Terra Chá Adultos (2 edicións).
Premios
  • Premio Chairego de Honra

Festival de Pardiñas[editar | editar a fonte]

O Festival de Pardiñas, feira e festa da música e da arte, foi promovido por Alfonso Blanco Torrado. A primeira edición tivo lugar o 3 de agosto de 1980, e desde entón vense celebrando a primeira fin de semana de agosto até o presente.[3]

O festival conta cun pregón a cargo dun escritor ou escritora, actuacións musicais e presentacións de arte. Ademais dos recitais de música, tamén hai mostras de artesanía e na “Casa das Artes” hai exposicións de: Pintura, Escultura, Fotografía, Cerámica... Pardiñas foi pioneira en Galiza nestes eidos, principalmente na artesanía.

Edición Data Actuacións
I 3 de agosto do 1980 Saraibas, Xoán Rubia, María Manuela, Xosé Ramón Eiriz e o grupo de Gaitas e Danzas Agarimo de Ferrol.
II 2 de agosto do 1981 Amancio Prada, Pablo Quintana, Taranis e os grupos de Gaitas e Danzas de As Pontes
III 8 de agosto do 1982 Milladoiro, A Roda, Xorima, Danzas Gremiales de Betanzos, Río Anllóns de Ponteceso e Os Molladiños de Teixeiro.
IV 4 de agosto do 1983 Fuxan os Ventos, Doa, de Wotan e do grupo de gaitas Os Rueiriños de Nós.
V 5 de agosto do 1984 Xorima, Saraibas, Brath, Limiar e o grupo de Gaitas e Danzas de Penas das Rodas.
VI 4 de agosto do 1985 Jei Noguerol, Taranis, Marea Baixa e Brétema, a Coral Xan Vilas da Coruña e os grupos folclóricos Liliana e Xuvenil das Pontes.
VII 3 de agosto do 1986 Os Resentidos, Na Lúa, Tebra, A Roda e o grupo de Gaitas e Danzas de Outeiro de Rei.
VIII 2 de agosto do 1987 Milladoiro, A Quenlla, Gris Merengue, Radio Océano e os grupos de Gaitas e Danzas de Sestao e Muimenta.
IX 7 de agosto do 1988 Na Lúa, Alecrín, Miro de Escocia, La Chiapa Rusa dende Italia, os Molladiños de Teixeiro e o grupo de gaitas Monte Blanco de Ponteceso.
X 8 de agosto do 1989 Oskorri, Saraibas, Xorima e o grupo de gaitas e danzas de Moaña.
XI 5 de agosto do 1990 Ganbara de Euskadi, Os Resentidos, Belida, Kevin de Inmaculate Fools e os grupos de gaitas e danzas Arco da Vella, Foliada e Friolense.
XII 2 de agosto do 1991. Los Berrones, A Roda, Os Diplomáticos, The Tannahill Weavers, chegados dende Escocia e os grupos de gaitas e danzas Reviravolta e Beira do Adro.
XIII 5 de agosto do 1992 Matto Congrio, Alecrín, Leilía, Wolfstone e Cantares do Miño.
XIV 8 de agosto do 1993 Na Lúa, Xarín, Aloia, Yellow Pixoliñas, Os Rosales, Kepa Junquera, os ingleses The Singing Loins e o grupo de gaitas e danzas Donas e Galáns.
XV 6-7 de agosto do 1994 Fía na Roca, Os Diplomáticos,Treixadura, Albenda, María Castaña, o grupo ruso Kalinka e o escocés The Battlefield.
XVI 5-6 de agosto do 1995 Bren de Folk, Chouteira, Txanbela, Aitzindari, os cubanos Chekeré e a Brigada Victor Jara.
XVII 4-5 de agosto do 1996 Desde os Estados Unidos chegaron Front Range. Xunto a eles estiveron Sons do Muíño, O Caimán do Río Tea, Oskorri, Durindaina, Sugán e o grupo de danzas Alsasua.
XVIII 2-3 de agosto do 1997 As voces finesas de Värttina, os cubanos Dile, Realejo, Llan de Cubel, na Lúa, Arauca e Xistra de Coruxo.
XIX 1-2 de agosto do 1998 Paloma Suances, Fendetestas, Airiños de Fene, A Quadrilla, Britonia e os irlandeses Solas.
XX 7-8 de agosto do 1999 Xosé Manuel Budiño, Mercedes Peón, os irlandeses Dervish e Shebeen, Mendi Alde, A Quenlla, Os Redullos, ITH e Caldaloba.
XXI 5-6 de agosto do 2000 Desde os Balcanes chegou Aksak. Ademais oíuse o son de Kepa Junquera, de Os Stompers, de Pablo Carpintero, de Os Carunchos, de Beladona, de Cachimonia e dos bombos portugueses da Casa de Alves.
XXII 4-5 de agosto do 2001 La Bruja Gata, O Jarbanzo Negro, Joglars e Seglars, Hotel Rif, Camálics, Inllar e Miki Nervio and The Bluesmakers.
XXIII 3-4 de agosto do 2002 Alberto MBundi e a Turma Angolo/Galega, Quempallou,Tinta Femia, Liñaceira, Briganthya, Berrogüeto, Rodopis, Kevin de Inmaculatte Fools.
XXIV 4-5 de agosto do 2003 Battlefield Band, Piccola Bottega Baltazar, Os Diplomáticos, Terra Bieita, Os Cempés, Clann an Drumma, Compañía do Ruido.
XXV 7-8 de agosto do 2004 Susana Seivane, Macfeck, Gwenlann, Grallers de Sa,Skalariak, Quempallou, Veria, Nómada Linho do Cuco, Trumfos Sons Oros.
XXVI 6-7 de agosto do 2005 Dixebra, Les Batinses, Lamatumbá, Mistura, Nus, Felpeyu, Os Diplomáticos, Alann Bique, Xavier Blanco, A Gaita do Sarandon do Ulla.
XXVII 5-6 de agosto do 2006 Basidou, Ialma,ITH, Korrontzy, Leilia, N´Faly Kouyate e Donyakan, Ruxe Ruxe, Trópico de grelos,Uxu Kalhus, Os campantes da Baña, regueifas de Luis Caruncho e Benito lavarinhas.
XXVIII 4-5 de agosto do 2007 Ghaita depedra, Cempés, Korrontzi, Os tres trebóns, Dazkarieh, Xuaco Amieva e Elzef.
XXIX 2-3 de agosto do 2008 Tiruleque, Manecas Costa, Sherpah, Clan Maragato, Marenostrum, Zënzar e Les Trompettes de Mozanbique.
XXX 1-2 de agosto do 2009
XXXI 7-8 de agosto do 2010 BellónMaceiras Quinteto, Al Jalawa, Canteca de macao, Galegoz, Cé Orquestra Pantasma, Pelepau, Pablo Seoane, X. Manuel Budiño.
XXXII 6-7 de agosto do 2011 Bloquinho de Xermolos, Salta no Cribom, Ruaille- Buaille, Terrakota, No Reply, Cé Orquestra Pantasma, Carapaus Riobó, Xtramonio e Ulträqäns.
XXXIII 4-5 de agosto do 2012 Bloquinho de Xermolos, Milesios, Coetus & Eliseu Parra, Kepa Junkera, Quempallou, Cuchufellos, Tamborrada Chotokoeu, Zurrumalla, Beltaine e Chotocoeu.
XXXIV 3-4 de agosto do 2013 Bloquinho de Xermolos, Coanhandeira, Harmonica Creams, Tara, Dios ke te crew, Takicardia, Peter Punk, Susana Seivane, Skarallaos, Mr. Fishman aka dr. Think
XXXV 2-3 de agosto do 2014 Bloquinho de Xermolos, Radio Cos, Yacine & The Orientall Groove, Eléctric Gozarela, Trapallada, A Quenlla, Niamh ni Charra, Gauchos e Diplomáticos de Montealto.
XXXVI 1-2 de agosto do 2015 Bloquinho de Xermolos, Habelas Hainas, The Dogrose, Oquestrada, NAO, Segunda Quimbamba, Os d'abaixo, Sés e O Sonoro Maxín.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rodríguez Iglesias, F. (ed.): Galicia. Literatura. A Coruña, Hércules de Ediciones, 2000- (6 vols.)
  • Vilavedra, D. (coord.): Diccionario da Literatura Galega, Vigo, Galaxia, 1995-2000 (3 vols.)
  • Un Canto e unha luz na noite: asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) : [exposición] / coordinador, Ricardo Gurriarán. Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2012.
  • Asociación Cultural Xermolos: Doce anos na búsqueda da nosa identidade, 1995

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]