Xavier Blanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xosé Xavier Blanco Nogueira, nado en Moaña o 20 de febreiro do 1966, é mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional do concello de Moaña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xabier Blanco naceu no seo dunha familia de fonda tradición musical, onde adquiriu a técnica da gaita, un amplo repertorio en música tradicional galega e o interese polos fundamentos da música galega actual.

Empezou a tocar a gaita aos oito anos. Aos dezaseis anos funda a Banda de gaitas "Semente Nova", da que saen gaiteiros coma Xosé Manuel Budiño, Iván Costa Blanco e Anxo Lorenzo. En 1985 conseguiu a praza de mestre de gaita do concello de Moaña, converténdose nun dos primeiros mestres de gaita en nómina no cadro de persoal dun organismo institucional de Galicia.

Docencia[editar | editar a fonte]

Xabier Blanco dirixe a Escola Obradoiro de Música Tradicional do concello, repartindo a súa dedicación profesional ó ensino, á investigación, á recolleita e catalogación, tanto de instrumentos coma de pezas musicais. Chegou a atender unha escola formada por máis de 300 alumnos, entre as distintas parroquias. Desenvolveu tamén tarefas de asesoramento as distintas asociacións do concello.

Investigación[editar | editar a fonte]

No seu labor coma investigador Xabier Blanco ten creadas as dúas aulas de catalogación de instrumentos tradicionais e de etnografía do concello, que reúnen unha colección de máis de 2.000 pezas, entre as que destacan os máis de 800 instrumentos en perigo de ser esquecidos na tradición. Froito deste labor é o seu arquivo, con máis de 50.000 documentos nos que se atopan dende pezas e xéneros perdidos, bailes como a "Cana Verde", "O Trasté", "O Canizo" e técnicas referidas á artesanía dos instrumentos, coma un verniz ecolóxico feito a partir da codia dunha árbore, ata sistemas tapa poros por medio dos mariñados para a conservación da pel.

O recoñecemento ó seu traballo como investigador débese á recuperación de dous instrumentos que levaban máis de cen anos sen escoitarse por terras de Moaña, como son a gaita de cana e a zanfona diatónica. Para iso contrastou a información recollida dos máis vellos do lugar coa documentación existente sobre instrumentos que gardaban certa similitude. A gaita de cana de Moaña representa os orixes da gaita moderna, e aínda que existen noutros lugares instrumentos parecidos, a de Moaña garda algunhas peculiaridades diferenciadoras que identificou Xabier Blanco.

Traballos publicados[editar | editar a fonte]

Algúns dos seus estudos aparecen publicados en "Toques, Asubíos e Cantores", "Os traballos da pel secada" e "A gaita de Moaña", entre outros.

Ten publicados os seguintes traballos discográficos: "A Gaita de Cana de Moaña", "Instrumentos Pobres" e "Gaitas Troncais".

Como músico, Xabier Blanco participou en festivais e encontros de música tradicional por todo o estado e pola maioría de países europeos. Entre eles o prestixioso festival de Lorient, o Encontro de Gaiteiros Ibéricos de Tarragona ou o Congreso de Ensinantes da Asociación de Gaiteiros Galegos de Santiago de Compostela. Colaborou en discos de Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Xistra, Os Carunchos, Os estalotes, a Banda de Gaitas Arestora etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]