Antón Costa Rico
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 28 de setembro de 1952 Castellar de la Frontera |
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Educación | Universidade de Salamanca Universidade Pontificia de Salamanca |
| Actividade | |
| Ocupación | pedagogo, investigador |
| Empregador | Universidade de Santiago de Compostela (1985–2020) |
| Premios | |

Antón Costa Rico, nado en Castellar de la Frontera (provincia de Cádiz) o 28 de setembro de 1952, é un pedagogo galego de orixe andaluza.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dunha familia modesta, con catro meses de idade, os seus pais trasladáronse a Galicia, á Mariña de Lugo. É nesta provincia onde comezou os seus estudos no Seminario de Mondoñedo. Posterioermente, decidiu estudar o Grao de Pedagoxía na Universidade Pontificia de Salamanca.
Doutorouse en Ciencias da Educación pola Universidade de Salamanca en 1982, cunha tese sobre a historia da escola primaria en Galicia entre 1900 e 1936. Foi un dos fundadores do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega en 1983. É membro do Seminario de Estudos Galegos, ao que representa no Consello Escolar de Galicia. Foi un dos promotores das revistas pedagóxicas As Roladas (1980) e Revista Galega de Educación (1986).[2]
De 1985 a 2010 foi profesor na Facultade de Filosofía e CC. da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. En 2010, exerceu como Catedrático de Historia da Educación na mesma Facultade, ata a súa xubilación en 2020. Foi Director do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e Decano da súa Facultade de Ciencias da Educación.
É presidente da Sociedad Española de Historia da Educación. Pertence, entre outras, a Asociación Amis de Freinet e tivo presenza académica en Europa (Francia, Portugal, Suíza e Italia) e Iberoamérica (Brasil, Arxentina).[3]
Foi correspondente de Cuadernos de Pedagogía en Galicia, impulsor e membro dos Consellos de redacción de As Roladas-2, Revista Galega de Educación e Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación. Ten colaborado na Gran Enciclopedia Gallega e Enciclopedia Galega Universal.[4] Ten colaborado en Praza.gal[5]
En 2022 e 2023 foi comisario de dúas exposicións relacionadas coa historia da educación en Santiago de Compostela: sobre o movemento internacional da Nueva Educación e sobre a educación das mulleres.[6] En 2023: xunto con Lucía Iglesias da Cunha, organiza a exposición 'A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)' co obxectivo de pór en valor o movemento pedagóxico internacional da Nova Educación.[7]
Estivo vinculado ao movemento estudantil democrático, ao grupo galego de Salamanca e á directiva salmantina da Junta Democrática de España. En Galicia, desde 1976, vinculouse coas correntes progresistas do nacionalismo político e cultural e pertenceu á ANPG e ao POG, e á súa transformación posterior en PSG-EG e UG.[8]
Obra
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]- O ensino en Galicia. Problemática e perspectivas (1980). Edicións do Cerne.
- Escolas e Mestres (1989). Xunta de Galicia.
- A educación en Galicia da Restauración á II República (1989)
- A Colonia escolar compostelana de 1893: primeiro centenario (1994). Consorcio de Santiago.
- A Reforma da educación (1906-1936): X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia (1996). Ediciós do Castro.
- Historia do ensino no Reino de Galiza : (anos 414-1483) (1995). Tórculo. 2ª edición: Universidade de Vigo, 2000.
- Sarmiento. Vida e obra (2002). Xerais.
- Historia da Educación e da Cultura en Galicia (Séculos IV-XX) (2004). Xerais.
- A construción do coñecemento pedagóxico: antecedentes e desenvolvementos no século XX (2009). Universidade de Santiago de Compostela.
- Johán Vicente Viqueira López. Un esclarecido e singular humanista humano (2025). Centro Ramón Piñeiro.[9]
- O inspector de educación Manuel Díaz Rozas 1894-1984 (2026). Vigo: Galaxia. 230 páxs. ISBN 978-84-1176-620-3.
Edicións
[editar | editar a fonte]- Viaje por las escuelas de Galicia, de Luis Bello (2011). Nigra Trea.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- 12 anos na búsqueda da nosa identidade (1990). Asociación Cultural Xermolos.
- Informe sobre a situación e estado do sistema educativo en Galicia (1995). Dir. de Informe.
- Seminario de Mondoñedo (1565-2013). Centro de formación e promoción cultural (2015).
- Arredor das Irmandades da Fala (2016). Vigo: Xerais.
Obra en castelán
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]- Ramón de la Sagra. Un protosocialista hispano ante el desarrollo educativo. Lecturas y precisiones, en Hispania. Revista Española de Historia, vol. LXVIII, núm. 228 (xaneiro-abril 2008), páx. 193-210 (en castelán).
- D'abord les enfants: Freinet y la educación en España (1926-1975) (2010). Universidade de Santiago de Compostela.
- Luís Bello: Viaje por las escuelas de Galicia (2010). (ed. e estudio crítico)
Premios
[editar | editar a fonte]- Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do 2004, no 2005, por Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IV-XX).
- Premio Losada Diéguez no 2005, por Historia da Educación e da Cultura en Galicia (Séculos IV-XX).
- Premio de Investigación da Crítica de Galicia no 2005, por Historia da Educación e da Cultura en Galicia (Séculos IV-XX).
- Premio Ánxel Casal ao libro do ano no 2005, por Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IV-XX).
- Premio Internacional 2014 do Centro Italiano per la Ricerca Storico Educativa (Italia).[10]
- Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC en 2020.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Antón Costa Rico Premios da Crítica Galicia Web dos Premios da Crítica de Galicia". Consultado o 2026-02-06.
- ↑ "ANTONIO COSTA RICO - Universidade de Santiago de Compostela". investigacion.usc.gal. Consultado o 2026-02-06. [Ligazón morta]
- ↑ "Antón Costa Rico – SEPA-interea". Consultado o 2026-02-06. [Ligazón morta]
- ↑ "Antón Costa Rico - Edicións Xerais". xerais.gal. Consultado o 2026-02-06.
- ↑ "O xornal da Galicia que vén". Praza Pública. 2025-12-13. Consultado o 2026-02-06.
- ↑ "Seminario de especialización de Antón Costa Rico (Universidade de Santiago de Compostela)". /iegps.csic.es. Consultado o 6 de febreiro de 2026.
- ↑ Veiga, Laura (2023-10-25). "Antón Costa: "Os obxectivos da Nova Educación continúan a ser retos académicos na actualidade"". Nós Diario. Consultado o 2026-02-06.
- ↑ "Costa Rico, Antón". egu.xunta. Consultado o 6 de xaneiro de 2026.
- ↑ Casal, Sergio (2026-02-06). "Antón Costa Rico, escritor: "O importante para Viqueira é a formación do carácter e a personalidade do alumnado"". Nós Diario. Consultado o 2026-02-06.
- ↑ "Antón Costa Rico, premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC Universidade de Santiago de Compostela". www.usc.gal. 2020-07-01. Consultado o 2026-02-06.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Costa Rico |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Costa Rico, Antón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 330.
- "Costa Rico, Antón". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. ISBN 84-8064-113-4.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 99. ISBN 84-7492-465-0.