Vila

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mértola, vista xeral da vila e do castelo.

Unha vila é un núcleo de poboación dun tamaño intermedio entre a aldea, ou poboación, e a cidade, trátase dunha poboación que recibiu ao longo da historia certos recoñecementos explícitos, como determinados privilexios (por exemplo, o de celebrar feiras) da autoridade recoñecida, pero que, por razóns diversas, tampouco lle foi concedida a categoría superior, a de cidade. Nalgúns casos existen documentos antigos, sobre todo medievais e da Idade Moderna, que a categorizan como vila; noutros casos é o mesmo uso, derivado do costume popular, que a denomina sempre como vila pola súa importancia dentro da súa contorna. Dotada dunha economía na que o sector terciario (comercio e servizos) ten unha importancia como mínimo razoábel.

Historia[editar | editar a fonte]

Época romana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vila romana.

En época romana unha vila era un asentamento rural formado por un edificio residencial principal e outra serie de edificios secundarios. A súa orixe é romana e entón constituía o centro desde o que se administraba unha explotación agrícola. Posteriormente perdeu as súas funcións agrícolas e reduciu a súa actividade á residencial.

Coa consolidación do latifundio durante o Imperio romano, a vila converteuse no centro das grandes explotacións agrícolas.

Creouse unha distinción:

  • Vilas rústicas, desde onde se dirixía a explotación, residían os traballadores escravos, gardábase o gando e almacenábase a produción.
  • Vilas urbanas, nas que residía o señor e que cada vez adoptaba as formas arquitectónicas e de embelecemento propias das mansións urbanas.

Cando a partir do século I a gran propiedade territorial se dividiu entre a área directamente explotada polo señor e a cedida a colonos arrendatarios, as vilas urbanas convertéronse nos centros do poder administrativo dos señores, aparecendo as formas de vasalaxe propias do feudalismo do Século IV.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, aínda que cada pobo estaba formado por diversas vilas, estas unidades de explotación rural pasaron a denominarse vicus ou locus, e recibiron o nome de vila as unidades de poboamento que, a diferenza dunha aldea ou un lugar, non dependían da poboación cabeza do municipio, polo que tamén eran coñecidas como vilas exentas, dispoñendo de xurisdición civil e criminal.

A vila, tiña unha serie de privilexios que a diferenciaba da aldea ou lugar. Un corpo de rexedores e xuíces gobernan a vila. Con aspiracións urbanas, dotadas dun castelo ou fortaleza e provista dunha muralla ou cercado en torno á poboación. A vila e o seu concello estendían a súa xurisdición sobre un extenso territorio.

Durante o Antigo Réxime a categoría de vila remite a un núcleo que grazas á obtención da Carta Poboa adquire o dereito a que por medio dos seus alcaldes exérzase nel, e nos lugares que se lle asignan, a xurisdición civil e criminal.

Presente[editar | editar a fonte]

A día de hoxe, o título de vila é xeralmente puramente honorífico. Ningunha das leis municipais vixentes concede nada en especial a ningún municipio polo feito de poder ostentar os títulos de vila ou de cidade (outra cousa son as vantaxes fiscais derivadas do número de habitantes e doutros conceptos cuantitativos). Unha excepción a consitúen as vilas de Biscaia, España, que se consideran territorio non aforado e xa que logo, nelas rexe o Foro Civil de Biscaia a diferenza do resto do territorio no que rexe o Código Civil español.

No ámbito da organización administrativa, unha vila é unha poboación cun tamaño intermedio entre unha aldea e unha cidade, dotado dunha economía na que o sector terciario comeza a ter certa importancia.

Vila en Portugal[editar | editar a fonte]

Tipicamente, as vilas en Portugal teñen entre 1.000 e 10.000 habitantes, pero motivos históricos e flutuacións de poboación crearon varias excepcións a esta regra. Actualmente, a creación de novas vilas (elevadas de niveis inferiores) está definida pola lei nº 11/82 do 2 de xuño que, salvo cando haxa "importantes razóns de natureza histórica, cultural e arquitectónica", establece que unha poboación só pode elevarse a vila se ten:

  • Máis de 3.000 electores, en poboación continua.
  • Polo menos, a metade dos seguintes equipamentos colectivos:
    • Posto de asistencia médica.
    • Farmacia.
    • Casa do Pobo, dos Pescadores, de espectáculos, centro cultural ou outras colectividades.
    • Transportes públicos colectivos.
    • Estación de Correos.
    • Establecementos comerciais e de hostalería.
    • Escola de ensino obrigatoria.
    • Axencia bancaria.

En heráldica as aglomeracións urbanas portuguesas reflicte a diferenza entre cidades, vilas e aldeas, co brasón de armas unha cidade representase cunha coroa de 5 torres, unha vila con 4 e unha aldea con 3.

Varias cidades e aldeas poden conter no seu topónimo a palabra "vila" e non ter ese estado, moitas veces ao herdar o nome das vilas rurais medievais, herdeiras das vilas romanas.

A vila mais populosa de Portugal é Algueirão-Mem Martins, con cerca de 100.000 habitantes. Outras vilas con máis de 25.000 habitantes son, Rio de Mouro, Corroios, Cascais, Oeiras, Águas Santas, Paço de Arcos e Sintra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]