Skalariak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Skalariak
Skalariak.jpg
OrixeNavarra Bandera de Navarra.svg
Período1994-
Xénero(s)Ska
Selo(s) discográfico(s)Gor, Boa
MembrosJuantxo Skalari, Peio Skalari, Javier Etxeberria, Luisillo Kalandraka, Mario Memola
Antigos membrosHiart Leitza, Zara (Cristina Zariategi), Naiara Krutxaga, Marco Bellizzi, David Orduña
Páxina webwww.skalariak.com

Skalariak é unha banda de ska fundada en 1994 en Navarra. As súas letras son en castelán e éuscaro, e no seu traballo pódese atopar tamén sons punk, reggae e outros ritmos.

Historia[editar | editar a fonte]

Skalariak naceu en Pamplona, da man dos irmáns Juantxo (voz) e Peio Skalari (batería). Grandes afeccionados ao ska e ao reggae, editaron un fanzine e fixeron intervencións en radios como DJs. Por fin, deciden poñer en marcha un proxecto musical ao que chaman Skalariak. Conseguen establecer a primeira formación da banda, composta por Javier Etxeberria (guitarra), Mario Memola (saxofón), Zara (teclados), Naiara Krutxaga (baixo), Marco Bellizzi (trombón) e David Orduña (trompeta).

Xusto cando empezan a tocar en directo entran en contacto coa discográfica pamplonica Gor, que lles ofrece gravar un disco. Ademais, esta toma de contacto permite á banda introducir o tema "Txapeldunak" no recompilatorio Latin Ska Vol. II (1996), que editou o prestixioso selo de ska Moon Ska Records.

En 1997 entran nos "Estudios XXI", dos irmáns Javier e Juan Antonio San Martín (técnicos de son), para gravar o que sería o seu primeiro disco: Skalariak (Gor), producido por Mario Goñi. O disco inclúe "Txapeldunak" e "Ou neure herri", que tamén será o primeiro sinxelo do grupo. Os dous temas, xunto a "Agur euskal herriari", están cantados en éuscaro, pero o resto dos temas do disco son en castelán. Juantxo e Peio toman as rendas do grupo, compoñendo todos os temas, excepto as letras dos temas en éuscaro.

Comezan a tocar por diversas cidades de España, e comezan a tocar por Europa nunha mini-xira de dez días que lles leva a tocar nos estados francés e italiano. Durante estas xiras estabelécese a actual formación, entrando Hiart Leitza no posto de Zara e Luisillo Kalandraka no de Naiara. Na sección de ventos o único membro orixinal que queda é Mario Memola, pero en todos os seus concertos a partir de agora utilizarán en directo a diferentes músicos á trompeta e o trombón.

En 1999 aparece o seu segundo traballo, Klub Ska (Gor), que será o primeiro dunha triloxía de álbums conceptuais: En la Kalle (Gor, 2000) e Radio Ghetto (BoaCor, 2003). Neste caso a banda (xa coa súa aliñación actual) invéntase un "Klub Ska" multicultural e multirracial, en que os "rude boys" pamplonicas únense para falar de política e fútbol e para escoitar os seus temas xamaicanos preferidos. O son do grupo presenta unha lóxica evolución, debido sobre todo á experiencia que como banda acumularon en case dous anos de viras. No disco aparece un dos seus temas máis coñecidos, "Sólo vivir", que tamén foi o single de presentación. Repiten para gravar nos "Estudos XXI" cos irmáns San Martín e Mario Goñi. Aparecen, como en todos os seus discos, temas en éuscaro, os únicos que non compón a parella Juantxo/Peio.

Entre os anos 1999 e 2000 a banda inicia a presentación do disco. Viran por Madrid, Barcelona, Galiza e todo o País Vasco. Inician unha segunda xira internacional pasando de novo por Francia e Italia, así como por Suíza e México, país que percorren tocando durante tres semanas.

En 2001 aparece o seu terceiro traballo En la Kalle, segundo dos discos conceptuais no que a banda rompe o cerco do Klub Ska e achega a súa proposta á rúa. Para esta ocasión optan por gravar nos "Estudios Garate" da man de Kaki Arkarazo á produción. O son é moi similar ao conseguido no seu anterior traballo, o que o propio grupo define como "son Skalariak".

Facendo realidade o título do disco e a súa proposta conceptual, o grupo dá os seus primeiros concertos de presentación en actuacións espontáneas nas rúas de Pamplona (tocaron polas rúas en Sanfermines), Barcelona ou Bilbao. Volven virar por España, Francia e Suíza (onde tocaron nos actos preparados para protestar polo cumio do G8) e Italia. Aparecen edicións europeas de Klub Ska (que se edita en Alemaña por Mad Butcher Records) e En la Kalle (editado no mercado italiano por Gridalo Forte Records, a discográfica da Banda Bassotti). As actuacións espontáneas e diferentes reportaxes, entrevistas e tomas en directo aparecerán recollidas no vídeo Skalariak: Street's Ska (Gor, 2002).

En marzo de 2003 inician a gravación do que será o seu cuarto traballo, Radio Ghetto, co que se pecha a triloxía composta por Klub Ska e En la Kalle. Pero esta vez o traballo vén da man da discográfica-distribuidora madrileña BOA. Repiten nos Estudios Garate e con Kaki Arkarazo. Esta vez os temas en éuscaro tamén son obra de Juantxo e Peio, como o resto de temas do álbum. Neste caso o disco xira en torno a Radio Ghetto, desde a que os "rude boys" expoñen as súas inquietudes. Esta vez o radio de acción da música se expande todo o posible: empezou no Klub Ska, sacaron a súa proposta En la kalle e agora toca expandirla a todos os lugares do mundo desde a Radio Ghetto, a radio da xente e do pobo. O propio grupo pon en marcha unha nova experiencia comunicativa: nace Radio Guetto, desde a que o grupo pretende levar a todas partes as culturas vasca e xamaicana, tendo cada membro do grupo un programa particular. Chegaron a emitir varios concertos de Skalariak e programas en directo. Logo de ano e medio de emisións, debido a diferentes problemas legais tiveron que parar, pero o grupo está poñendo o proxecto de novo en marcha.

A banda presenta o novo disco por toda España, pasando por Madrid, Barcelona, Bilbao, Vigo, Zaragoza ou Alacant. Asentan definitivamente a súa presenza en Europa, en países onde xa tocaron como Suíza (tocan ante 30.000 persoas no "Open Air St. Gallen Festival"), en Francia e outros como a República Checa ou Alemaña (onde tocan no "Gurten Festival" ante 10.000 persoas). Así mesmo, volven a México, onde realizan unha vira na que atraen máis público que na anterior. De feito, desde México é de onde se reciben máis visitas a Radio Ghetto e á súa páxina web.

Unha vez finalizada a triloxía, e con motivo de pechar a etapa protagonizada por esta, a banda pon en marcha en 2005 o "Klub Street Ghetto Tour", unha xira na que presentan unicamente material da súa trilogía. Tocan entre marzo e agosto, momento no que empezan a preparar o seu seguinte traballo.

Con Luz Rebelde (BoaCor, 2005), o grupo abre unha nova etapa. Así aparecen novos sons cos que Skalariak amplía o seu paleta estilística, desde ritmos celtas ("Luz Rebelde"), soul e funk ("Hartu") a ritmos caribeños ("Segapotoen lurraldea" ou "Ale"), pero sen renunciar ao pouso xamaicano que sempre lles acompañou. Por primeira vez aparece unha versión: "Rude control" (de "Total control" de The Clash) e Hiartz canta como solista no tema "Hartu" por primeira vez.

As xiras de presentación lévanos a circuítos xa consolidados como o alemán ou o suízo, pero tamén amplían horizontes tocando en Chile por primeira vez. Tocan no estadio "Víctor Jara" con bandas latinoamericanas nun acto organizado pola ONG chilena "CIASPO".

En agosto de 2006 Hiart comunicou que abandonaba o grupo. O 15 de outubro dese ano celebrouse o Nafarroa Oinez, para o cal Skalariak por primeira vez compuxo o tema principal.

Membros[editar | editar a fonte]

  • Juantxo Skalari: vocalista.
  • Peio Skalari: batería.
  • Javier Etxeberria: guitarra.
  • Luisillo Kalandraka: baixo.
  • Mario Memola: saxofón.

Membros anteriores

  • Hiart Leitza: teclados.
  • Zara (Cristina Zariategi): baixo.
  • Naiara Krutxaga: teclados.
  • Marco Bellizzi: trombón.
  • David Orduña: trompeta.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums

  • Skalariak (Gor, 1997). CD.
  • Klub Ska (Gor, 1999). CD.
  • En la kalle (Gor, 2001). CD.
  • Radio Ghetto (BoaCor, 2003). CD.
  • Luz rebelde (BOA Cor, 2005). CD.
  • Ska Republik Concert (Maldito Records, 2008). 2CD + DVD

Sinxelos

  • Ou neure herri (Gor, 1997). CD-sinxelo.
  • Sólo vivir (Gor, 1998). CD-sinxelo.
  • Skalari Rude Klub (Gor, 2001). CD-sinxelo.
  • Vodka Revolución (Gor, 2001). CD-sinxelo.
  • Baietz Oraingoan! (2006). Sinxelo.

Vídeos

  • Skalariak: Street's Ska (Gor, 2002). VHS e DVD.

Participacións en recompilatorios

  • "Txapeldunak" en Latin Ska Vol. II (Moon Ska, 1996). CD.
  • "Ou neure herri" en Skankin' the Scum Away (Mad Butcher, 1998). CD. Recompilatorio alemán de bandas de ska europeas.
  • "Só vivir" en UniverSonoro Vol. 5 (BOA, 1999). CD.
  • "Unídevos" en Wir Haben Eine Weltz Zu Gewinnen (Mad Butcher, 2000). CD. Recompilatorio alemán de bandas de ska europeas.
  • Latin Ska Jazz (Sock It, 2000). CD.
  • "Arazoak arazo" en Nafarroa Hitza Dantzan (Nafarroako Bertsozale Elkartea/Gor, 2001). CD no que grupos navarros interpretan poemas de diferentes bertsolaris navarros.
  • Dance Ska La. 2001 (Banana Juice, 2001). CD.