Lamatumbá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lamatumbá
Lamatumbá en concerto
OrixeMoreiras, Ourense, Galiza
Período1998–2012
Xénero(s)Folk, cumbia, ska, pasodoble, reggae, pop, rock, alterlatino
Selo(s) discográfico(s)PAI-música
MembrosSergio, Iván, Benja, Anxo, Puntxa, Txitxas, Pedro Feijoo, Rafa e Tonhito
Na rede
http://www.lamatumba.com/

Lamatumbá é un grupo musical galego creado en marzo de 1998 que combina multitude de estilos na súa música, pero sempre coa premisa fundamental da festa e da verbena. Dun tempo foron un dos maiores expoñentes da música galega [1] ata a súa separación temporal en 2012.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira formación (1998 - 2007)[editar | editar a fonte]

En marzo de 1998, en San Pedro de Moreiras, Ourense, un grupo de amigos funda Lamatumbá. Axiña comezaron a tocar por diferentes lugares de Galicia levando consigo unha mescolanza de estilos e músicas. O seu estilo abarcaba estilos como a cumbia, o reggae, o ska ou o pasodoble, mais sempre imbuídos do espírito da festa e da verbena[2].

En 2001 editan o seu primeiro disco titulado Pachangüílanuí coa etiqueta Xingreira, e comezan a compartir escenario con artistas coma Manu Chao, Mau Mau, Barón Rojo ou Hechos contra el Decoro, e mesmo colaboran na banda sonora da serie da TVG Terra de Miranda.

Cunha formación xa estable tras varios cambios, comezan a tocar fóra de Galicia, incluíndo, entre outros, o concerto de Nunca Máis en Madrid, e unha xira coma abreconcertos da banda arxentina Bersuit que os leva polas mellores salas de todo o estado como a Razzmatazz ou a Sala Capitol[3].

O seu seguinte traballo é Lume (para que saia o sol) gravado nos estudos Gárate (Biscaia), que viu a luz no 2005 baixo o selo Falcatruada. O disco inclúe dúas cancións en portugués ("Desertor" e "Despedida") e como bonus track a cantiga popular "Se vas ao San Benitiño". Con este traballo consolídanse coma un dos nomes de referencia no panorama musical galego e comezan a tocar con grupos do calibre de Guezos, Ruxe Ruxe, Galegoz, O Jarbanzo Negro, Os Cempés, Skárnio, Betagarri, Rosendo, Asian Dub Foundation, US3 ou Rinoçerose. Tamén participaron nalgúns dos festivais máis importantes de Galicia e gravaron un videoclip para o programa da TVG Xabarín Club.

Segunda formación (2007 - 2012)[editar | editar a fonte]

A comezos de 2007 prodúcense novos cambios coa escisión da formación e a entrada na banda de novos músicos: Sergio (voz), Rafita (guitarra eléctrica) e Nico (trompeta), que se unen a Txitxas (batería), Puntxa (percusión), Pedro (baixo), Tonhito (guitarra), Iván (saxo) e Anxo (saxo e clarinete). Mentres que unha parte continúa a se chamar Lamatumbá, a outra pasa a ser O sonoro maxín. A pesar desta escisión, o grupo mantén a súa calidade musical e os seus fans e participa en festivais coma o Senglarock, con bandas coma The Toasters, Fermin Muguruza, Sepultura ou Sidonie. Mais o evento máis importante do ano é a participación na feira de música máis importante de Europa, o Popkomm, en Berlín[4].

En 2008 volven ós estudos de gravación, con Segundo Grandío na Casa de Tolos, para lanzar o seu úlitmo proxecto, Paraugas Universal, baixo o selo PAI-Música. O nome do álbum provén do Pirandárgallo, o invento de Xan da Coba consistente nun paraugas universal que "bastaba poñelo aberto no curuto do Polo Norte para que as pingueiras da chuvia nin sequera chiscasen a panza do Ecuador da Esfera Terráquea"[5]. No ano 2008 Benja entra a formar pare do grupo en substitución de Nico (trompeta). En xaneiro de 2012 a banda comunica a través da súa páxina web a súa separación temporal, "un descansiño para facer outras cousas"[6].

O disco Ao Vivo (2003) inclúe "Como te quiero yo" (en castelán) e unha versión en galego de "No Woman No Cry" de Bob Marley, co título "Non chores máis".

Características[editar | editar a fonte]

O son de Lamatumbá caracterízase pola mestura de diferentes sons e diferentes estilos, abarcando a cumbia, o reggae, o ska, o pasodoble, o rock e o folk, entre outros. Nas súas cancións pálpase a ledicia e as ganas de troula, propias das verbenas máis enxebres do país. As súas letras van acompañadas, na maioría das ocasións, dunha forte crítica social ou dun enaltecemento da tradición galega, como se pode comprobar no xa himno popular "Licor café". Froito dos seus ritmos pegadizos[7], é moi normal ver á xente bailando entre a masa dos seus concertos, ataviados con sombreiros ou mesmo complementos propios do entroido.[8] Nos seus concertos adoitan tocar versións doutros grupos e mesmo mesturar anacos nas súas propias.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

* Pachangüílanuí (2001) - Xingreira
* Lume (para que saia o sol) (2005) - Falcatruada
* Paraugas Universal (2008) - PAI-música
* A Órbita da Banda Hipnótica (2010) - Discmedi

Álbums en directo[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Membros da segunda formación[editar | editar a fonte]

Membros antigos[editar | editar a fonte]

  • Ico
  • Samuel
  • Cristina Asenjo
  • Abraham o neno
  • Manolo Potón
  • Tonillo
  • Manoliño
  • Jaime Mateo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O grupo converteuse nun referente das celebracións na comunidade", artigo en La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2007.
  2. Ficha do grupo en www.unaplauso.com (en castelán)-
  3. "Lamatumbá presenta o xoves en Compostela Lume o seu último traballo", artigo en www.culturagalega.org, 30 de marzo de 2005.
  4. "Catpeople, Deluxe, Lamatumbá, Faltriqueira e Berrogüeto danse cita no PopKomm", artigo en La Voz de Galicia, 18 de agosto de 2007.
  5. "Xan da Cova", artigo no blog Piringallo, 7 de xaneiro de 2008.
  6. "Lamatumbá se toma un respiro", artigo en La Voz de Galicia, 25 de xaneiro de 2012.
  7. "Los ourensanos de ‘Lamatumbá’, plato fuerte de la primera jornada de conciertos del ‘FAX 08’", artigo de Imanol Hernández en La Región, 28 de xuño de 2008 (en castelán).
  8. "Crónica: Concierto de Lamatumbá en Malandar". Revista ¡Wego! (en castelán). 2009-02-16. Consultado o 2020-03-30. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]