Na Lúa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Na Lúa
Orixe O Porriño, Galicia
Período 1980–presente
Xénero(s) Folk , pop e jazz
Membros Xosé Ramón Paz Antón
Antón Rodríguez
Ricardo Pereiro
Xabier Camba Abal
Cándido Lorenzo
Xabier Devesa

Na Lúa é un grupo musical galego que podemos situar no folk, con algúns elementos do pop e o jazz.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no 1980, co propósito de restabelecer a dignidade da música de Galicia. A crítica definiunos na súa primeira etapa coma "unha ponte harmónica entre a tradición e o futuro".

Tiñan como referente as raíces da música popular, recorrendo á divulgación do cancioneiro tradicional e tendo esa pegada arcaica como inspiración da nova música composta polo grupo. Ao mesmo tempo, buscábase o encontro desa música de tradición oral coa "aldea global", a sociedade dos medios de comunicación, o futuro, a contemporaneidade, e a contraposición.

Con estas claves o grupo navega durante case dúas décadas por centos de escenarios, platós de televisión e estudios de radio. Viaxaron a Bretaña e ó centro de Francia, Arxentina e Uruguai, Austria, Escocia, o norte de Italia, as Açores e o Portugal Continental. Galicia é o seu centro de operacións, pero é unha das bandas do noroeste con maior proxección a outras comunidades da península.

Ata o momento a súa obra musical gravouse en seis traballos discográficos básicos, nos que aparecen aqueles ingredientes característicos da súa obra: a tradición, a música de Portugal, o jazz no seu primeiro disco, o neotrobadorismo, o celtismo, certo coqueteo co pop, o africanismo, a poesía de Pondal ou a nova poesía que cantaba Uxía Senlle nos anos que permaneceu coa banda.

Cumpridos vinte anos, Na Lúa ten sido dende os seus comezos, un grupo adiantado ós tempos ó concibir a música tradicional e a música folk como elementos inherentes a unha música contemporánea local pero con vocación universal. Ó longo destes anos o grupo estivo presente nos máis significativos eventos musicais dentro e fóra das nosas fronteiras. Recibiron importantes premios e editaron un total de sete discos. O que fai o numero sete, intitulado Feitizo, publicado recentemente, é un traballo conceptual dedicado ó mundo do esotérico, das meigas e de todo aquilo que a cultura popular utilizou como guía e fonte de sabedoría ó longo dos tempo. Na Lúa, que sempre foi a cara máis moderna do folk en Galicia, sintetizan neste Feitizo en forma de bebedizo para escoitar aspectos ancestrais da cultura popular, que van dende o máxico e lendario ó real e o musical, co seu innato xeito de entender a música: Con raíces que dende a terra crecen para apuntar á Lúa que é, talvez, orixe destes artistas que sempre contemplaron a música dende un lugar próximo e distante, permanente e actual. Este traballo é o punto de referencia para o seu espectáculo do ano 2000.

Colaboracións[editar | editar a fonte]

A máis desta obra discográfica iniciada no 1985 e constantemente reeditada, Na Lúa participa noutros nove discos de carácter antolóxico ou recompilatorio a carón de artistas coma Capercaille, Alan Stivell, Youssou N'Dour, Clannad e Altan, entre outros.

Realizaron música para cinema, colaboraron con múltiples asociacións non gobernamentais, protagonizaron programas monográficos de televisión e apareceron nas revistas de maior divulgación: Trad Magazine (Francia), Folk Roots (Inglaterra), Rhythm Music Magazine (USA) ou Lira (Suecia).

Compoñentes[editar | editar a fonte]

  • Xosé Ramón Paz Antón: Guitarra e Percusión
  • Antón Rodríguez: Flautas, Saxo soprano e Gaita
  • Ricardo Pereiro: Baixo eléctrico
  • Xabier Camba Abal: Batería e Percusións
  • Cándido Lorenzo: Clarinete, Whistle e Gaita tradicional
  • Xabier Devesa: Acordeón, Voz e Percusións