A Quenlla é un grupo galego fundado no ano 1984 por varios músicos, entre os que se atopaban Mini e Mero, ex-compoñentes históricos do grupo Fuxan os Ventos. O proxecto da Quenlla naceu coa intención de elaborar un estilo próximo ao folk e á música tradicional galega, pero sen abandonar a temática social e reivindicativa, un aspecto que Fuxan os ventos viñera descoidando. Á formación inicial, de só tres persoas, fóronse sumando distintos músicos, até acadar a decena.
As letras da Quenlla baséanse en dúas fontes: a música tradicional e os escritores galegos, sendo moi numerosas na súa discografía as adaptacións de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Darío Xohán Cabana ou Xosé Luís Méndez Ferrín, así como a inclusión nos discos de textos recitados.
Outra característica do grupo é unha certa tendencia a facer discos temáticos, como xeito de incidir nunha determinada mensaxe. Así Európolis '88 é unha crítica feroz á Unión Europea; A casa que nunca tivemos, unha reflexión metafórica sobre Galiza e o amor á terra; e Namórate da vida, un canto contra os perigos da droga (este disco foi feito en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente).