Agolada
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Agolada | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.254 (2023) (15,25 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 147,85 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Luís Calvo Miguélez (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Agolada | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36520 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36020 | ||||
Páxina web | agolada.es |
Agolada é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca do Deza. Segundo o IGE en 2015 tiña 2 585 habitantes (3 875 en 2003).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é agoladés ou aqualatense.[1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]Agolada está situado no centro de Galicia, na punta nordeste da provincia de Pontevedra, entre o río Arnego, a serra do Farelo e o río Ulla. O concello limita cos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla (provincia de Lugo), Santiso (provincia da Coruña), Rodeiro, Lalín e Vila de Cruces.
O monte Farelo, con 952,6 metros[2], e situado na serra do Farelo, é o punto máis alto do concello. O río Ulla, que fai de límite norte do concello, é o principal curso fluvial. En Brocos úneselle o río Arnego antes do comezo do encoro de Portodemouros. O seu outro afluente principal é o río Deza.
Ten clima é oceánico interior, co inverno suave e o verán fresco. As precipitacións anuais son de 1 290 mm.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total 2015 | 2 585 |
---|---|
Menores de 15 anos | 171 (6,61 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1 428 (55.24 %) |
Maiores de 65 anos | 986 (38.14 %) |
Evolución da poboación de Agolada Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4 794 | 6 432 | 7 003 | 4 786 | 3 678 | 2 995 | 2 926 | ||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]Consérvanse importantes pegadas correspondentes ao Megalitismo pertencentes ao período do 3000 ao 1800 a. C. Estas terras están cubertas de mámoas das cales sobresae o Tesouro de Agolada atopado nunha mámoa do Campo do Xastre, na parroquia de Ferreiroa, e que na actualidade áchase no Museo Provincial de Pontevedra. Este tesouro está formado por dous brazaletes e un torque de ouro; unha louza con gravados en zig-zag, atopada en Coteimil; dúas mazás de pedra puída en Lamas (Trabancas).[3]
Os campos de túmulos máis salientábeis áchanse en Pereiro en Agra, Monte Luxilde en Artoño, Monte da Carballeira en Berredo, Campo da Mámoa en Brántega, e noutros lugares como Eidián, Esperante, Vidueiros, Ferreiroa, Gurgueiro etc.
Tamén hai abondosos castros neste concello. Sobresae o Castro Marcelín, situado na parroquia de Merlín, posuidor de mámoas, covas, tesouros e unha lenda sobre a raíña Marcela. A lenda di que nel habitou unha raíña chamada Marcela ou Marcelina, de aí o nome do lugar, e que agochou un tesouro tras dunha porta de pedra e das consabidas trabes de ouro, prata, piche etc. Outros son o Castro do Coto dos Mouros, en Trabancas; o Castro de Vilela, en Borraxeiros; o Castro de Buxel, en Artoño; o Castro de Brocos...
Neste concello atopouse unha machada con dúas argolas de bronce no Monte Farelo, en Trabancas, pertencente á Idade de Bronce.
Desde o século VI, Agolada pertenceu ao Condado do Deza e até o século XIV pertenceu aos Condes de Deza, cando pasou aos Suárez de Deza, máis coñecidos como os Churruchaos. Máis tarde, estas terras pasaron a mans do Conde de Lemos, Pedro Enríquez de Castro.
Constituíuse como concello trala caída do Antigo Réxime. A capital estivo situada na Guillerma (parroquia de Borraxeiros), até finais da II República Española, cando pasou ao lugar de Agolada, na parroquia de Ferreiroa.[4]
Cultura
[editar | editar a fonte]Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo Agolada procede do latín Āquam Lātam, combinando os lexemas aqua ("auga") e mais lata, participio do verbo fero ("levar"), referido a "auga levada", debido ás conducións hídricas que traían auga doutros lugares, posiblemente en relación con actividades mineiras.[5]
A errónea interpretación do topónimo como locución artigo + substantivo, supoñéndolle na etimoloxía popular un derivado de golada ou golete (unha indumentaria medieval), provocou a aférese do a inicial que deu pé ao topónimo *Golada ou á variante *La Golada, como resultado da oficialización dos topónimos en castelán no século XIX.[Cómpre referencia]
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Atópanse numerosos restos do Megalítico, como 17 mámoas no Trazos dos Montes[6], nas proximidades do Castro Marcelín descubertas por Manuel Galego Iglesias[7][8], ou o monte das Mámoas. Da idade de bronce é o tesouro de Agolada.
Hai dous castros notorios, o castro de Buxel e o castro de Marcelín. Conta a lenda, recollida por Manuel Galego, que neste último houbo unha raíña chamada Marcela[9] que de cando en vez baixaba ó val a cazar e recoller froita.
No Monte Farelo hai constancia da existencia noutro tempo dunha capela chamada de San Silvestre. Atópanse varias construcións notorias, aínda que en certo estado de ruína, como a fortaleza dos condes de Borraxeiros, do século XVI, a torre dos Vilar de Ferreirós, a casa de Quintela dos Arias Loureiro e a casa dos Traspenas.
Na vila de Agolada consérvanse os pendellos da feira, que se celebra o día 12 de cada mes.
Inscrición na Ponte de Mourazos. A actual ponte de Mourazos cruza o Río Ulla entre os concellos de Agolada e Santiso, trátase dunha ponte de construción recente feita en formigón, que foi levantada no mesmo lugar no que en épocas anteriores existiron cando menos outras tres, que foron substituíndo unhas ás outras.
No lugar non se conserva nada do que puido ser a primitiva ponte levantada no século IX, que se trataría dunha ponte de pedra con arcadas. O que si se conserva na beira sur, correspondente ó Concello de Agolada, é unha inscrición gravada nunha pedra, que na actualidade se atopa caída na beira do río e coas letras boca abaixo (polo que se ven do revés).
Durante o inverno e primavera, debido o aumento do caudal do Río Ulla, a pedra permanece mergullada baixo as augas. Cando baixa o caudal é factible ver a inscrición, que fala da data da súa realización.
Está escrita en latín, con caligrafía moi ben executada. A súa transcrición sería: “Construíron esta ponte na era 900 e foi rematada o día dez das calendas de maio” (actualizado ó actual calendario, correspóndese coa data do 23 de abril do ano 862).
Literalmente pode lerse parte do texto incompleto:
“+ LABORABERV
ESTAPONTEIN ERA d CCCC -
ET FVIT PERFECTA. X KLS M”
É unha das poucas inscricións deste tipo que se conservan en Galicia. Coñécense outras dúas similares no concello de Vila de Cruces e outra no de Silleda. A súa presenza dá fe da existencia dos vellos camiños de tránsito en época medieval. [10]
Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]As Festas patronais de Agolada na parroquia de Ferreiroa, son o 29 de xuño, festividade de San Pedro. O día 12 de cada mes celébrase a feira, tanto de gando, coma de alimentación, téxtil, ferramentas etc. Amais, previa á feira do 12 de agosto, o 11 dese mes celébrase a romaría medieval, acompañada da mostra de artesanía. A derradeira fin de semana do mes de xullo celébrase a festa dos chofers.
- Feira
As primeiras pegadas de feiras no concello son as celebradas en Chaos de Aián, ao pé do Monte Farelo, pasando a Agolada por xestións realizadas polo entón escribán Ramón Barrio de Losada no ano 1788. Na actualidade presérvase un monólito de pedra adicado a Constitución da Vila, situado na Rúa da Constitución. O novo mercado, de rexistro comarcal, substitúe as funcións do vello Campo da Feira.
Economía
[editar | editar a fonte]A economía do concello é eminentemente agraria, sector no que se ocupa o 60% da poboación. As terras máis fértiles, que se dividen en parcelas de tamaño medio superior ao doutras zonas de Galicia, atópanse no fondo dos vales, onde a pendente é menor, a uns 300 m. de altitude. Ademais da agricultura de autoconsumo (millo, hortalizas, centeo e vide), comercialízanse noces, castañas, patacas e trigo.
Nas últimas décadas aumentou a cabana gandeira, especialmente vacas e porcos. Existe unha incipiente industria de transformación da madeira (serradoiros).
Agolada na cultura popular
[editar | editar a fonte]- As mociñas da Agolada/ non saben tascar o liño/ e andan porta por porta:/ ¡tásqueme este afuxaliño!
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Agolada.
-
Os Pendellos de Agolada
-
Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros
-
As vinte e catro parroquias que conforman o concello de Agolada.
Parroquias
[editar | editar a fonte]
Lugares de Agolada
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Agolada vexa: Lugares de Agolada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 42. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Cartografía 1:5000 Arquivado 13 de abril de 2008 en Wayback Machine. do Sistema de Información Territorial de Galicia, folla 122-46.
- ↑ Concello de Agolada. "Algo de historia". Arquivado dende o orixinal o 04/12/2020. Consultado o 12/9/2015.
- ↑ Méndez, Luz (2016). Toponimia de Agolada. A Coruña: Real Academia Galega. p. 65. ISBN 978-84-946005-4-8.
- ↑ Méndez, Luz (2016). Toponimia de Agolada. A Coruña: Real Academia Galega. p. 19-20. ISBN 978-84-946005-4-8.
- ↑ Mámoas da provincia de Pontevedra, artigo de Xabier Moure no blog O noso patrimonio, xullo de 2011.
- ↑ Fichas en Megalitos.Arqueoloxico.com
- ↑ "Denuncian ante Patrimonio destrozos en cuatro mámoas de ´Trazos dos Cotos´", Faro de Vigo, 22 de decembro de 2013 (en castelán).
- ↑ "Los Castros y la Reina Marcela", Faro de Vigo, 24 de setembro de 1963 (en castelán).
- ↑ "Inscrición na Ponte de Mourazos". 2011. Consultado o 26 de decembro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Agolada |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Toponimia de Agolada (documento PDF) Arquivado 14 de abril de 2018 en Wayback Machine., Luz Méndez, col. Terra Nomeada, Sección de Lingua / Seminario de Onomástica, Real Academia Galega, 2016.