Centro de Arte Fotográfica de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
C A F V I
Antigo Centro de Arte Fotográfica de Vigo, agora é sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
CoordenadasCoordenadas: 42°14′18″N 8°43′40″O / 42.23825556, -8.72769167
PaísGalicia
CidadeVigo
TipoExposición fotográfica
AdministradorConcello de Vigo
Inauguración7 de maio de 2015[1]
Visitantes3032
editar datos en Wikidata ]

O Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI) foi un espazo expositivo que abriu as súas portas en maio de 2015[2], e que pechou o 17 de agosto dese mesmo ano.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicialmente o proxecto chamouse Centro Galego de Fotografía.[3] Foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega, e estaba destinado a albergar as colección municipais (arquivo Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visión) e promover a fotografía contemporánea.[4]

A idea xurdiu da Concellaría de Cultura, a cargo entón do BNG, (cando, xunto ó PSdeG, formaba parte do goberno municipal bipartito). O investimento inicial, dun millón de euros, do Ministerio de Cultura de España, procedeu de fondos do Plan-E. Logo, o proxecto estivo detido durante case tres anos, ata que o Concello destinou 379.000 euros para equipamentos.[5] Finalmente o centro abriu o 7 de maio de 2015, dúas semanas antes das eleccións municipais dese mes.

"Vigo, a cidade retratada", de comisariado non divulgado,[4] foi a exposición inaugural, formada por unha pequenísima mostra de cincuenta fotografías, das cento corenta mil que compoñen o Arquivo Pacheco.[6] A primeira mostra do centro só estaba programada durante os seus tres primeiros meses de funcionamento, e ocupaba a planta baixa do inmoble (pois o resto non foi acondicionado).

Despois das eleccións, o PSdeG, que obtivo unha maioría absoluta no Concello, xa non dependía do BNG para constituír un goberno municipal, e a Concellería de Cultura volveu ás mans do PSdeG. A consecuencia disto, o centro pechou ao termo da exposición inaugural o 17 de agosto do mesmo ano de xeito provisional, á espera de que o Concello decida cal será o seu destino definitivo.[7]

Durante a súa apertura e nas semanas posteriores ao seu peche, a corporación municipal escusábase en que se estaba a redactar un plan director para fixar os seus usos e contidos estables (chegaron a dicir que antes de que rematase o 2016 produciríase a súa reapertura).

En xaneiro de 2020 trasladouse ao edificio a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]