Casa de Benigno e Camilo Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio de Benigno e Camilo Fernández
Edificio
Estilomodernista
Localizaciónr/ Urzáiz, Vigo, Galiza
Coordenadas42°14′06″N 8°43′07″O / 42.235137, -8.718488Coordenadas: 42°14′06″N 8°43′07″O / 42.235137, -8.718488
Construción
Inicio1913
Equipo
Arquitecto(s)Jenaro de la Fuente Domínguez
editar datos en Wikidata ]

A Casa de Benigno e Camilo Fernández é un edificio que se atopa no nº 28 da rúa Urzáiz, no centro da cidade de Vigo, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez.

Historia[editar | editar a fonte]

Este edificio foi construído polos irmáns Camilo e Benigno Fernández. Membros dunha familia podente e de sona da burguesía viguesa da época, os irmáns Fernández proxectaron construír un edificio monumental en pedra, imitando así a outros membros da puxante clase social[1] que daquela estaba convertendo a Vigo nun polo industrial de primeira orde, vinculado ao seu porto. Para tal fin, contrataron a un dos grandes arquitectos do momento, Jenaro de la Fuente Domínguez, que deseñaría un edificio en estilo modernista, moi semellante ao edificio Pardo Labarta edificado dous anos antes, e que era do gusto da sociedade urbana da época. O resultado foi un notábel edificio que hoxe en día é unha das xoias arquitectónicas de Vigo.

Construción e estilo[editar | editar a fonte]

Jenaro de la Fuente era un arquitecto ecléctico, enchoupado do modernismo e a art noveau do momento, que se reflicte no deseño do edificio, que ten unha fantástica fachada, cunha ornamentación moi coidada, que combina arcos elípticos, arcos rampantes, pináculos, e unha decoración vexetal e xeométrica moi rica, con rosetóns, emparrados ou enfeites florais. A calidade dos acabados é unha mostra da excelente cantaría en pedra de gra da época, presente en moitos outros edificios históricos de Vigo. Así mesmo salientan os balcóns con varandas en ferro fundido, con motivos tipicamente modernistas e da art déco.

O resultado é un edificio monumental de catro andares e planta baixa, cunha entrada principal magnífica na súa amplitude e decoración, e tres galerías graníticas que percorren verticalmente o centro e os extremos da fachada. Ambos elementos, característicos do modernismo,[1] resaltan e dan un ar monumental e de rica arquitectura ao conxunto. Posteriormente, realizóuselle un engadido, que creba o deseño do conxunto creando un quinto andar en formas cadradas e macizas, que substitúe o deseño orixinal da cumieira do edificio, baseado en varias cúpulas de estilo modernista. En calquera caso, unha recente restauración permite contemplar a beleza de liñas e decorativa deste magnífico edificio, mostra senlleira do modernismo vigués.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Garrido Rodríguez, Jaime: A Arquitectura da Pedra en Vigo, Vigo, Construcciones Conde, pp. 243.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]